Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A conta ordinaria de recadación supón 8,5 millóns de euros para as arcas municipais cunha media de cobro de 625 recibos diarios

MOCIÓNS SOBRE A UNIVERSIDADE, AS PREFERENTES E O GRUMIR

A conta ordinaria de recadación supón 8,5 millóns de euros para as arcas municipais cunha media de cobro de 625 recibos diarios

Venres 22 de febreiro do 2013

A corporación municipal celebra o luns 25 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que entre os asuntos da orde do día consta a aprobación da Conta de recadación do exercicio 2012. Segundo os datos achegados polo Alcalde, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, o "control rigoroso do gasto" por parte do goberno, así como "o grande esforzo recadatorio" fan posible a incorporación ás arcas municipais de 8.534.517,80 euros, cunha media porcentual de recadación dun 91,3 por cento. Polo miúdo, a porcentaxe de cobro en cada apartado para o período de 2012 é dun 93 por cento (94 en 2011) para o Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana; tamén dun 93 por cento, ao igual que en 2011, para o IBI de natureza rústica; dun 100 por cen para o Imposto sobre bens inmobles de características especiais; dun 90 por cen para a Taxa de lixo para vivendas (91 en 2011); dun 94 por cento pola Taxa de vaos permanentes (fronte ao 93 por cento en 2011); dun 90 por cen para a Taxa por venta na feira da Milagrosa (79 por cen en 2011); cun cobro dun 86 por cento para o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (87 en 2011); e dun 83 por cento na Taxa de lixo comercial (93 por cen en 2011). Nestes dous últimos casos o Alcalde subliña a repercusión da crise, que afecta especialmente ao sector comercial.

O Concello ofrécelle o Fórum á Consellería de Traballo para desenvolver accións formativas e favorecer a creación de emprego

MALESTAR POLA NON CONCESIÓN DO OBRADOIRO DE HOSTALERÍA

O Concello ofrécelle o Fórum á Consellería de Traballo para desenvolver accións formativas e favorecer a creación de emprego

Xoves 21 de febreiro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, así como do responsable do Centro Municipal de Formacion, Juan Lorenzo, vén de manter unha entrevista con Ana María Díaz, Directora Xeral de Emprego, na que lle expuxo as posibilidades do complexo Fórum Carballo como centro formativo de referencia. Así, trátase da única instalación con estas características en toda a comarca, equipada con talleres de soldadura e pintura, módulos de electricidade, taller de automoción, de carpintaría de madeira e metálica, de cantería ademais dun módulo de hostalería, aulas e servizos asociados e unha aula de informática, tendo espazo dispoñible, así mesmo, para celebrar congresos e exposicións. Neste complexo, a Xunta -que vai trasladar alí en breve as dependencias na vila da Oficina de Emprego dependentes da Consellería de Traballo e Benestar e das consellerías de Medio Rural e Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- podería ofertar multitude de actividades relacionadas coa formación e a inserción laboral e dotar o complexo de contido para contribuír a reducir as elevadas taxas de desemprego do municipio (con preto de 4.500 parados segundo datos da Consellería do mes de xaneiro) e da comarca.

A V Feira das Oportunidades congrega a máis de 30 establecementos comerciais da vila no Parque do San Mariño

SÁBADO 9 E DOMINGO 10 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A V Feira das Oportunidades congrega a máis de 30 establecementos comerciais da vila no Parque do San Mariño

Mércores 20 de febreiro do 2013

O Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración do Concello de Carballo e da Dirección Xeral de Comercio organiza a V Feira das Oportunidades, unha cita que ten como obxectivo dinamizar o comercio local e que ten lugar a primeira fin de semana de feira de marzo, o sábado 9 e domingo 10, en horario continuo de 10.00 a 21.00 horas. Un total de 33 establecementos comerciais do municipio poñen á venda nunha carpa no Parque do San Martiño excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Este ano hai tres comercios máis que na edición anterior, e os stands son un total de 36 para máis de 500 metros cadrados, xa que tamén asiste La Voz de Galicia e está habilitada unha área de descanso e un stand para o CCA. María del Carmen Freire, xerente do CCA, subliña a variedade de sectores que concorren a esta cita, xa que ademais de moda e complementos, os veciños e veciñas poderán mercar mobles, tecnoloxía e equipamentos ou entrar en espazos de masaxe e fontanería.

A Mesa Local de Comercio ultima a organización da Feira das Oportunidades e realiza un balance do exercicio 2012

O FÓRUM POTENCIARÁ A PROMOCIÓN DO SECTOR

A Mesa Local de Comercio ultima a organización da Feira das Oportunidades e realiza un balance do exercicio 2012

Martes 19 de febreiro do 2013

A Casa do Concello acolleu ás 12.00 horas unha xuntanza da Mesa Local de Comercio na que, entre os asuntos da orde do día, figuraba ultimar os detalles da Feira das Oportunidades 2013, que terá lugar a fin de semana do 9 e 10 de marzo nunha carpa situada no Parque do San Martiño. Así mesmo, realizouse un balance sobre a situación do sector durante o exercicio de 2012 que acaba de rematar. No caso da Feira das Oportunidades, os comerciantes ven nesta cita unha boa ocasión para conseguir colocar os stocks que non se venderon nas rebaixas, que, segundo se comentou durante a reunión, foron bastante frouxas. Así, María del Carmen Freire, xerente do CCA (Centro Comercial Aberto Carballo) expresou a inquedanza do sector ante os malos resultados rexistrados no último trimestre do ano 2012, que foi especialmente negativo en comparación con meses e anos anteriores. Nese sentido, tense detectado a apertura constante de novos negocios, mais a maioría non conseguen facerse un oco e superar os primeiros meses de vida, non só a causa da difícil situación económica, senón tamén a causa da apresurada planificación inicial.

A liquidación do orzamento de 2012 reflicte un remanente de tesourería para gastos xerais de máis de 5 millóns de euros

A PREVISIÓN DAS CONTAS PARA 2013 ROLDA OS 21 MILLÓNS

A liquidación do orzamento de 2012 reflicte un remanente de tesourería para gastos xerais de máis de 5 millóns de euros

Venres 15 de febreiro do 2013

O avance da liquidación do orzamento de Carballo do exercicio de 2012, xunto cos números do remanente de tesourería derivados dese período ofrecen un resultado orzamentario de 3.698.658,01 euros, así como un remanente de tesourería positivo para gastos xerais de 5.069.501,70 euros, o máis alto da historia do Concello. Así o explican a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que subliñan que estes datos "amosan a boa situación económica" do municipio, en verbas de Lendoiro, e que os axustes do ano 2012 foron algo "conxuntural", a causa da liquidación do orzamento de 2011, que contou cun remanente de tesourería negativo de 1.801.326,55 euros debido a que os fondos europeos FEDER non ingresaran os 2.798.717,77 euros polas obras do Fórum Carballo, pagamento que finalmente se formalizou o 31 de decembro de 2012. Segundo Lendoiro, as directrices tomadas polo goberno en 2012, insistindo na "prudencia" e no "control rigoroso" do gasto son a causa desta boa situación, na que a carga financeira -tamén a 31 de decembro- reflicte unha débeda de 3.667.616 euros. O Alcalde non quixo facer "manifestacións triunfalistas" polos cinco millóns do remanente, mais salientou a "transparencia" das contas e que "Carballo ten diante un horizonte diáfano", xa que "se todas as administracións do Estado presentasen os mesmos datos, o panorama sería ben distinto".

Os voceiros municipais acordan os textos para dúas mocións: unha en defensa do Grumir e outra a prol dos afectados polas preferentes

ABORDARON UN POSIBLE CAMBIO NA ORDENANZA DE DEPURACIÓN

Os voceiros municipais acordan os textos para dúas mocións: unha en defensa do Grumir e outra a prol dos afectados polas preferentes

Mércores 13 de febreiro do 2013

Os voceiros de todos os grupos políticos con representación na corporación veñen de manter unha xuntanza na que abordaron varios asuntos relacionados coa actualizade municipal. Estiveron na reunión o Alcalde, Evencio Ferrero, polo BNG; Alberto Sueiro, polo PP; Manuel Andrade, en representación de TEGA; e José Antonio Viña, polo PSOE. Entre os acordos acadados, hai que subliñar o de elaborar unha moción conxunta en defensa da permanencia da base do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida) de Carballo. Así, segundo a nova reordenación dos servizos de emerxencias prevista pola Xunta, desaparecerían os actuais Grumir existentes na Costa da Morte en Carballo, Vimianzo e Cee para crearse unha única base en Ponteceso. Este novo servizo único cubriría todo o territorio, unha distribución que algúns dos implicados consideran insuficiente para atender as necesidades da poboación da comarca. Así mesmo, acordouse o texto definitivo dunha moción a prol dos afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas. Así, a Plataforma de afectados compareceu no último pleno da corporación para expoñer a súa situación e naquel momento todos os grupos estiveron dacordo en explicitar o seu apoio a través dunha moción que será aprobada no próximo pleno.

Preto de 600 persoas participaron no Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas que gañou "Xara e sedal"

O EXÉRCITO DE "DANZATEKA" ACADOU O SEGUNDO PREMIO

Preto de 600 persoas participaron no Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas que gañou "Xara e sedal"

Luns 11 de febreiro do 2013

Preto de 600 persoas participaron o domingo 10 de xaneiro no Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas do Antroido 2013, que debido ás condicións meteorolóxicas adversas -con vento, saraiba e choiva durante toda a tarde- tivo lugar no Pavillón polideportivo Carballo Calero da Zona Bergantiños. Pitufos, piratas, pitiños, elefantes, vampiros, revolucionarios e ata a mesmísima Raíña Isabel de Inglaterra encheron o recinto que se quedou pequeno para acoller ao elevado número de público que quixo acceder ás bancadas. Como cada ano, resultou difícil determinar os gañadores en cada categoría, especialmente na de carrozas, xa que os participantes tiveron que deixalas fóra do pavillón debido ás súas grandes dimensións. Porén, finalmente o gañador foi un grupo de Sofán con "Xara e sedal. Casa en Botswana" (1º premio con 450 €, na imaxe), unha proposta coa que representaron con moita retranca e humor a accidentada viaxe da súa maxestade o Rei Don Juan Carlos ao país africano, con perdón incluído. O 2º premio (295 €) foi para "Danzateka" de Vimianzo, que contaba con máis de 100 membros dos exércitos de terra, mar e aire. Ademais, o xurado concedeu un accesit a "Os British da raíña", un grupo "moi inglés" chegado da Coruña.

Carballo incentiva a reflexión sobre a lingua coa novena edición do seu premio a artigos xornalísticos normalizadores

OUTÓRGASE UN GALARDÓN DE 1.000 EUROS

Carballo incentiva a reflexión sobre a lingua coa novena edición do seu premio a artigos xornalísticos normalizadores

Luns 11 de febreiro do 2013

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración cunha ducia de medios de comunicación, convoca o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos. O prazo de admisión está aberto ata o 11 de abril de 2013. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos doce medios colaboradores coa iniciativa.

Aprobado o expediente de contratación para a "Limpeza de Colexios Públicos de Ensino Infantil e Primaria do Concello"

O CONCELLO FOMENTA UN SERVIZO DE RECOLLIDA DE ROUPA USADA

Aprobado o expediente de contratación para a "Limpeza de Colexios Públicos de Ensino Infantil e Primaria do Concello"

Luns 11 de febreiro do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para a "Limpeza de Colexios Públicos de Ensino Infantil e Primaria do Concello de Carballo". A proposta conta cun orzamento de adxudicación por contrata de 299.999,99 euros (IVE engadido) por un período inicial de 4 anos sendo o custo anual previsto de 75.000 euros coa posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha. Os criterios de adxudicación previstos son a proposta técnica e organizativa recollida na memoria e as melloras sobre a proposta dos pregos, así como a oferta económica, o número de horas de atención para o servizo de limpeza e o mellor prezo por hora. Tamén no apartado de contratación, e fóra da orde do día, a sesión supuxo a aprobación do Contrato privado de arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado de Carballo, que xa ten sido adxudicado á única oferta presentada. A Xunta de Goberno aprobou, así mesmo, un Convenio de colaboración entre o Concello e Humana Fundación Pueblo para Pueblo para o fomento da reciclaxe e o comportamento sostible. O obxectivo do acordo é o de poñer en marcha un servizo de recollida selectiva de roupa usada poñendo a disposición dos veciños e veciñas colectores específicamente destinados a este fin.

Carballo prepárase para vivir o tradicional Concurso e desfile de Antroido para o que xa hai anotadas nove carrozas

DOMINGO 10 DE FEBREIRO A PARTIR DAS 18.00 HORAS

Carballo prepárase para vivir o tradicional Concurso e desfile de Antroido para o que xa hai anotadas nove carrozas

Venres 8 de febreiro do 2013

O domingo 10 de febreiro ás 18.00 horas ten lugar unha das actividades máis importantes e esperadas do Antroido en Carballo, o tradicional Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas, unha cita que cada ano congrega a numeroso público que segue as evolucións dos participantes polo centro da vila. En caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan, o percorrido transcorrerá polas rúas Coruña, Desiderio Varela, Gran Vía, Rúa do Lagarto, Valle Inclán e Colón, rematando no palco da Praza do Concello. Porén, e dado que este ano as prediccións avanzan choiva para o domingo pola tarde, a organización quere lembrar que ten a facultade de suspender ou trasladar o desfile ao Pavillón Polideportivo Bergantiños. No caso de traslado, poderanse ver afectadas para o acceso a este recinto as carrozas que sobrepasen as dimensións de 2,65 x 2,65 metros. Unha vez rematado o venres 8 o primeiro prazo de inscrición, o total de anotados para participar na edición deste ano ascende a 9 carrozas, 9 comparsas da categoría infantil e 5 comparsas de adultos. Con todo, hai que lembrar que estes datos non son definitivos, xa que para a maioría das modalidades o prazo para anotarse remata o mesmo día do desfile ás 17.00 horas, que é, por exemplo, cando se formalizan a maioría das inscricións para grupos e individual.

O Concello expón ante a Xefatura Territorial de Educación as deficiencias da cobertura de Internet nos colexios do rural

AS MELLORAS NO CEIP GÁNDARA-SOFÁN REALIZARANSE EN SEMANA SANTA

O Concello expón ante a Xefatura Territorial de Educación as deficiencias da cobertura de Internet nos colexios do rural

Xoves 7 de febreiro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do director do CEIP Gándara-Sofán, Mariano Dopico, e de dúas representantes da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do centro (na imaxe) vén de manter unha entrevista co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, na que se lle expuxeron varias demandas para o colexio de Sofán, pero tamén para outros centros do municipio. Así, o rexedor relatou as deficiencias na cobertura de Internet nos CEIP do medio rural, non só no Gándara-Sofán, senón tamén noutros colexios carballeses, que ven limitada a súa conexión. A Xefatura Territorial comprometeuse a estudar estas deficiencias. No que respecta ao centro de Sofán, Cabana Leira confirmou que durante as vacacións de Semana Santa, a finais do mes de marzo, desenvolveranse as obras de mellora no colexio, que consistirán na creación dunha nova aula de Educación Infantil na planta baixa trasladando o despacho de dirección e a conserxería. Estas melloras acordáronse durante unha visita do Xefe Territorial realizada no mes de novembro, na que a Consellería de Educación se comprometeu a encargarse destas obras. O Concello, en cambio, asumiu nesa cita a creación de novos aseos adaptados na planta baixa, traballos rematados dende antes de Nadal.

O PXOM rexistra máis de 2.600 visitas na web municipal e unhas 1.100 persoas asistiron ás xuntanzas informativas nas parroquias

PRESENTADAS UN TOTAL DE 42 ALEGACIÓNS AO PLANEAMENTO

O PXOM rexistra máis de 2.600 visitas na web municipal e unhas 1.100 persoas asistiron ás xuntanzas informativas nas parroquias

Xoves 7 de febreiro do 2013

Dende que o documento para aprobación inicial do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) de Carballo está exposto na páxina web municipal téñense rexistrado un total de 2.629 visitas de 1.359 usuarios e usuarias distintos, o que supón unha media aproximada de 69 visitantes diarios xerándose un tráfico de 360 gigabytes nos 20 días que leva a disposición dos veciños e veciñas a través de Internet. Así, durante o mes de xaneiro contabilizáronse un total de 2.144 visitas, mentres que en febreiro xa son 485. O tomo do planeamento máis demandado é o VII.b. que contén os planos de ordenación para os núcleos rurais, ademais do V., o referido aos planos de información urbanística. O interese espertado polo planeamento tamén se reflicte na procedencia das consultas realizadas, xa que ademais de España -dende lugares como Vitigudino, Xaén, Madrid, Barcelona, Lepe ou Cambrils- constan visitas dende países como EE.UU, Kuwait, China, Xapón, Francia ou Suiza. Respecto da rolda de 13 xuntanzas realizadas en distintos puntos das parroquias para estender a información do PXOM a todo o municipio, arredor de 1.100 persoas asistiron a estas reunións cos técnicos e representantes do goberno local. A Concelleira de Urbanismo, Milagros Lantes, realiza un balance positivo destas citas, "nas que a xente participou e puido expresar a súa opinión".

Compartir: