Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Oficina de Emprego, así como as dependencias de Medio Rural e de Medio Ambiente da Xunta en Carballo trasladaranse ao Fórum

O ALUGUER SERÁ GRATUÍTO E POR UN PRAZO DE 20 ANOS

A Oficina de Emprego, así como as dependencias de Medio Rural e de Medio Ambiente da Xunta en Carballo trasladaranse ao Fórum

Mércores 6 de febreiro do 2013

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, acaba de informar de que acepta a oferta presentada polo Concello de Carballo de trasladar as dependencias na vila da Oficina de Emprego (da Consellería de Traballo e Benestar) e das consellerías de Medio Rural e Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (neste último caso con seis persoas do distrito ambiental II do Servizo de Conservación da Natureza) ao complexo Fórum Carballo. Nun escrito con rexistro de entrada do 6 de febreiro, Patrimonio explica que as tres consellerías implicadas informaron favorablemente a realización dos distintos trámites para adquirir un dereito de uso sobre os espazos do edificio (na planta baixa e andar 1 da nave 2 do Fórum) onde xa están situadas as oficinas do Centro Municipal de Formación e do servizo de Orientación Laboral do Concello. A Xunta solicita formalmente a cesión de uso, ou no seu caso, concesión por un período mínimo de 20 anos -prorrogables- para poder desenvolver as actividades administrativas relativas aos departamentos citados no Fórum. A pesar de que, segundo a oferta, o aluguer sería gratuíto durante ese período, tamén se solicita información sobre os gastos ordinarios de auga, luz, calefacción e similares derivados da ocupación do edificio, que son os que deberá asumir a Xunta.

Un total de 20 persoas están inscritas nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores do Fórum Carballo

ENTREVISTAS PERSOAIS: VENRES 8 DE FEBREIRO

Un total de 20 persoas están inscritas nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores do Fórum Carballo

Mércores 6 de febreiro do 2013

Un total de 20 persoas, das que 16 son de Carballo e outras 4 de concellos veciños da comarca de Bergantiños como Coristanco, A Laracha e Malpica, están inscritas para participar nalgún dos catro módulos do Plan de Formación integral do Fórum Carballo organizado pola Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira. Á hora de admitir ás persoas interesadas terán prioridade aquelas que estean empadroadas do municipio, aínda que o máis probable é que as persoas de fóra de Carballo poidan beneficiarse da formación ofrecida nos módulos como oíntes. Así mesmo, os inscritos deben superar unha entrevista persoal prevista para o venres 8 de febreiro no Fórum Carballo e na que se valorará e estudará o proxecto proposto polo solicitante, xa que as accións formativas están dirixidos a emprendedores en situación de desemprego que conten cunha idea de negocio empresarial ou comercial que queiran poñer en marcha. Os módulos, de carácter gratuíto, supoñen un total de 140 horas de formación para empresarios e emprendedores co obxectivo de formar aos interesados e interesadas para que poidan facer o seu proxecto realidade e que conten con ferramentas para que a súa idea teña posibilidades de perdurar.

Aspaber e Urbaser, responsable da recollida de lixo, estenden o servizo de limpeza viaria ás beirarrúas do casco urbano

PODE CONTACTARSE CO SERVIZO NO TWITTER @CarballoLimpo

Aspaber e Urbaser, responsable da recollida de lixo, estenden o servizo de limpeza viaria ás beirarrúas do casco urbano

Martes 5 de febreiro do 2013

Nas últimas semanas vense de poñer en marcha un novo plan de limpeza por parte do programa Carballo Limpo dentro do cal están a intervir tanto a concesionaria da limpeza viaria Aspaber -UTE como a da recollida do lixo Urbaser UTE Carballo. Este traballo, que está sendo coordinado desde ás áreas de Servizos e Medio Ambiente do Concello que dirixen Luís Lamas e Marcos Trigo, está a complementar os labores habituais das concesionarias. Por parte de Aspaber, estanse a realizar lavados a presión das beirarrúas do casco urbano nas que hai acumulación de mofo e suciedade, téndose xa realizado accións no barrio da Milagrosa, rúa Montevideo, Vázquez de Parga, fonte da rúa do Sol e rúa Cervantes, labor que se alongará nos vindeiros días. Estes labores realízanse nas beirarrúas do rural cunha frecuencia dunhas tres veces ao ano, pero detectouse que algunhas das rúas da vila tamén o precisaban e por eso se decidiu realizar estas limpezas nesta época así mesmo na capital municipal. Polo seu lado, Urbaser ven de iniciar a primeira limpeza de colectores desde que iniciou a prestación do servizo de recollida de lixo, cometido que realizará tamén periodicamente ao longo do ano co obxectivo de evitar os malos olores.

Sanidade informa de que a clasificación final da auga de todas as zonas de baño do municipio carballés é "excelente"

INCLÚE A RAZO, BALDAIO, PEDRA DO SAL E AS SAÍÑAS

Sanidade informa de que a clasificación final da auga de todas as zonas de baño do municipio carballés é "excelente"

Luns 4 de febreiro do 2013

A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia informa de que a clasificación final da auga de todas as zonas de baño do Concello de Carballo para a tempada 2012 é "excelente". Esta clasificación, baseada nos datos microbiolóxicos recollidos ao longo de todo o ano 2012, inclúe os areais de Baldaio, Pedra do Sal, As Saíñas e Razo e pode consultarse a través do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño ou Náyade na páxina web da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, ou a través dun documento en pdf, premendo aquí. A través do Náyade analízase a presenza na auga de dous tipos de bacterias: escherichia coli e estreptococos fecais. No primeiro caso, para acadar a excelencia, de 10 análises realizadas, 8 deben estar por debaixo de 100 unidades formadoras de colonia por cada 100 mililitros. No segundo, de 10 análises, 9 deben estar por debaixo deses parámetros. Despois das mostras tomadas ao longo do ano pasado, todas as zonas de baño do Concello superan estes controis. Ademais, hai que lembrar que os areais das Saíñas e Pedra do Sal acadaron nos últimos anos a concesión da Banceira Azul, un distintivo que outorga a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e que recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles.

As instalacións deportivas municipais rexistraron máis de 360.000 usos por parte de veciños e veciñas durante o ano 2012

CARBALLO DEPORTE CONTA CON MÁIS DE 4.300 ABONADOS

As instalacións deportivas municipais rexistraron máis de 360.000 usos por parte de veciños e veciñas durante o ano 2012

Venres 1 de febreiro do 2013

A Memoria Anual de 2012 do Padroado Deportivo Municipal recolle que as instalacións deportivas municipais (pavillóns, piscinas, campos de fútbol, salas fitness e sala de actividades) rexistraron durante o anterior exercicio máis de 360.000 usos por parte dos veciños e veciñas, ben de forma individual, ben a través dunha entidade deportiva ou club. As piscinas Vila de Noia e Carballo Calero son as instalacións máis empregadas, xa que copan o 55 por cento dos usos cun total de 199.887. A 1 de xaneiro de 2013 o número de abonos activos ascende a 2.251, cunhas cifras xa estabilizadas, mentres que o número de abonados que se beneficia dos abonos (que co abono familiar pode incluír a varios membros) é de 4.338 persoas, cun incremento dun 2 por cento respecto do exercicio anterior. Así, despois duns anos de crecemento notable e continuado -pasándose de 1.037 abonados en 2005 a 4.260 a finais de 2011-, agora estabilízanse as cifras de usuarios. Hai que mencionar, así mesmo, que ao longo de 2012 un total de 3.421 persoas participaron nas actividades organizadas polo Padroado entre cursos de natación, ximnasia e salas fitness. Neste último caso, sublíñase o espectacular incremento dos accesos, que pasaron de 5.698 en 2011 a 27.608 en 2012, en parte pola apertura dunha segunda sala fitness no Complexo Deportivo Vila de Noia.

O Campionato Galego de Natación Master de Inverno congrega en Carballo a 232 competidores de entre 20 e 80 anos

DOMINGO 3 DE FEBREIRO NA PISCINA CARBALLO CALERO

O Campionato Galego de Natación Master de Inverno congrega en Carballo a 232 competidores de entre 20 e 80 anos

Venres 1 de febreiro do 2013

A Piscina Carballo Calero situada na Zona Bergantiños da capital municipal acolle o domingo 3 de febreiro o Campionato Galego Open de Natación Master de Inverno organizado pola Agrupación Deportiva Fogar Natación Carballo coa Federación Galega e a colaboración do Concello. Un total de 232 competidores de 17 clubs de entre 20 e 81 anos -a idade dunha veterana de Mos- que participan en 25 probas a partir das 10.00 horas e durante toda a xornada. Alberto Tomé, delegado master de Fogar Natación, subliña que veñen nadadores de toda España, e incluso de Portugal, incluído el mesmo, un dos 28 competidores (21 homes e 7 mulleres) que achega o seu club. A Agrupación Fogar é o segundo club de Galicia que entre todos os membros do seu equipo suman máis de 240 anos, unha cifra difícil de acadar. Ramón Mosquera, secretario da Federación Galega de Natación, quixo agradecer a colaboración tanto do Fogar como do Concello, que achega unhas moi boas instalacións. Así mesmo, subliñou o elevado nivel do Campionato, que contará con ex campións de España que adoitan participar en competicións a nivel europeo e mundial, sumándolle á categoría master un carácter competitivo, ademais do lúdico e de beneficio para a saúde que xa ten.

O Barómetro municipal reflicte os efectos da crise sobre os movementos poboacionais e o volume dos trámites administrativos

CARBALLO REMATOU 2012 CON 130 HABITANTES MÁIS QUE EN 2011

O Barómetro municipal reflicte os efectos da crise sobre os movementos poboacionais e o volume dos trámites administrativos

Xoves 31 de xaneiro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, veñen de presentar os datos do Barómetro municipal, un documento que compila as principais estatísticas do ano 2012 recollidas polos servizos informáticos do Concello referentes ao Padrón Municipal ou aos documentos computados nos Rexistros de Entrada e Saída. Estes datos reflicten a situación actual de crise, tanto no caso dos movementos poboacionais como dos trámites administrativos. Así, no primeiro caso, o saldo de 2012 é o máis baixo dende 1997, cun incremento de tan só 130 habitantes respecto do ano anterior, facendo un total de 31.466 veciños e veciñas a 31 de decembro de 2012. Porén, Carballo segue a gañar habitantes procedentes doutros municipios, con 806 chegados en 2012, aínda que diminúen as altas procedentes do estranxeiro, con tan só 68, a máis baixa dende 1996, en que se rexistraron 90 altas doutros países. En 2011 tíñanse rexistrado 111. No que respecta aos trámites administrativos, o descenso respecto de 2011 é dun 11,55 por cento, con 22.6154 trámites realizados a través do Rexistro fronte aos 25.568 do ano anterior, volvéndose a niveis de 2004. En cambio, o descenso respecto do Portelo Único da Xunta e moi reducido, dun 0,63 por cento. O trámite máis realizado é o de presentación de facturas, con 4.536, aínda que son 578 menos que en 2011.

O Concello convoca a XV edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís' con premios de 1.850 euros

O PRAZO DE PRESENTACIÓN REMATA O 26 DE FEBREIRO

O Concello convoca a XV edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís' con premios de 1.850 euros

Mércores 30 de xaneiro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que está aberto o prazo para participar nunha nova edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que xa cumpre quince anos. Con este concurso o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Así mesmo esta iniciativa pretende perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións. As obras presentaranse en branco e negro ou cor, e nun formato comprendido entre 25x35 como mínimo e 40x50 como máximo, debendo ir montadas sobre cartón pluma ou soporte similar. O importe total dos premios e de 1.850 euros, establecéndose un primeiro premio de 700 euros e diploma, un segundo de 450 euros e diploma, e o Premio Especial Carballo dotado con 450 euros e diploma á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo e en calquera dos seus aspectos e así o indique, ademais o xurado poderá conceder accesits por importe de 250 euros. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras, aínda que cada imaxe non poderá obter máis dun premio. As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor e o tema é libre.

Rapaces e rapazas de sete centros de ensino participaron na Carreira da fase local de Campo a través

CORRERON MÁIS DE 500 ALUMNOS E ALUMNAS

Rapaces e rapazas de sete centros de ensino participaron na Carreira da fase local de Campo a través

Mércores 30 de xaneiro do 2013

Os rapaces e rapazas dos centros de ensino Colexio Artai e CEIP A Cristina coparon a maioría dos primeiros postos -con nove e cinco podios, respectivamente- da carreira da fase zonal de Campo a Través do programa XOGADE que vén de celebrarse no Parque Empresarial de Bértoa e que está organizada polo Padroado Deportivo Municipal, o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. Houbo carreiras nas categorías de benxamín masculino e feminino, alevín masculino a feminino, infantil masculino e feminino e cadete masculino e feminino, coa participación dun total de 526 atletas representantes das seguintes entidades e colexios: AD Fogar de Carballo, CEIP Bergantiños de Carballo, CEIP San Luís Romero de Carballo, CEIP Gandara-Sofán de Carballo, CEIP A Cristina de Carballo, Colexio Artai, CEIP Fogar de Carballo e CEIP Nétoma-Razo de Carballo. O percorrido trasladouse, debido ao mal estado do circuíto do Parque Empresarial de Bértoa deteriorado polas recorrentes choivas dos últimos días, ao Campo Municipal de Fútbol de As Eiroas, no que os participantes tiveron que dar voltas arredor dun circuíto de 600 metros.

Arrinca o prazo para anotarse nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores do Fórum Carballo

INSCRICIÓNS: ENTRE O 30 DE XANEIRO E O 6 DE FEBREIRO

Arrinca o prazo para anotarse nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores do Fórum Carballo

Martes 29 de xaneiro do 2013

A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira abre dende o mércores 30 de xaneiro e até o 6 de febreiro o prazo para anotarse nos catro módulos dun Plan de Formación integral do Fórum Carballo dirixido a emprendedores en situación de desemprego que conten cunha idea de negocio empresarial ou comercial que queiran poñer en marcha. O Módulo 1 conta con 20 horas de duración e aborda a Motivación e iniciativa para o proxecto a través do Coaching para o desafío profesional e desenvólvese entre o 13 e o 28 de febreiro; o Módulo 2, tamén de 20 horas, titúlase Reflexión estratéxica e plan de viabilidade e ten lugar entre o 4 e o 19 de marzo; o Módulo 3 conta con 40 horas e aborda os Coñecementos básicos en Administración de Finanzas a través da Xestión económico-financeira (20 horas), a Negociación coa banca (10 horas) e a Xestión laboral (10 horas), desenvolvéndose entre o 1 de abril e o 13 de maio; por último, o Módulo 4 de Requisitos legais para a apertura dun establecemento, ten 60 horas de duración entre o 14 e o 30 de maio e céntrase nun Curso básico de Prevención de Riscos Laborais no sector. Trátase dun total de 140 horas de formación gratuíta para emprendedores que terá lugar no Fórum.

O pleno modifica o abono familiar dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas para incluír aos menores de 25 anos

PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN PARA ARRENDAR O BAR DO MERCADO

O pleno modifica o abono familiar dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas para incluír aos menores de 25 anos

Martes 29 de xaneiro do 2013

A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria ordinaria de menos dunha hora de duración na que foron aprobados por unanimidade todos os asuntos da orde do día, excepto o referido a unha serie de pequenas modificacións no Expediente de contratación da xestión do servizo público da recollida de lixo, que contou coa abstención do PP. Así recibiu o apoio de todos os grupos a modificación da Ordenanza nº 22 de prezos públicos pola utilización das instalacións deportivas para ampliar o abono familiar. A partir de agora o abono, ademais de incluír aos proxenitores e a todos os fillos e fillas menores de 18 anos por 21,74 euros, permitirá a inclusión doutros tramos de idade achegando pequenos importes. No caso dos menores de 22 anos, a familia pagará a cota de 21,74 € máis 6,5 € polo primeiro fillo ou filla menor de 22, e 3,25 polos seguintes incluídos neste tramo de idade; no caso dos fillos de 22 a 25 anos, o primeiro pagaría 9 € e se houbese máis comprendidos neste tramo de idade pagarían 4,5 €. Estes prezos aplícanse de forma universal, co único requisito de que os fillos ou fillas estean empadroados no domicilio familiar. Dentro dos asuntos relacionados co Padroado Deportivo Municipal, tamén se recoñeceu o dereito do persoal deste organismo a solicitar o anticipo da paga extra de xuño de 2013, ao igual que o resto dos traballadores e traballadoras do Concello.

O Antroido enche Carballo de máscaras, de festa e de transgresións entre o 8 e o 16 de febreiro

REPARTIRANSE PRETO DE 7.000 EUROS ENTRE PREMIOS E SUBVENCIÓNS

O Antroido enche Carballo de máscaras, de festa e de transgresións entre o 8 e o 16 de febreiro

Luns 28 de xaneiro do 2013

O Antroido é "tempo de transgresións", de "superar os momentos de dificultades económicas" para desfutar "na mesa e na rúa" cos familiares e amigos. Así resume o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o espírito dunhas festas que encherán a vila de máscaras e disfraces entre o 8 e o 16 de febreiro e que pretende "ofrecer actividades para todos os públicos", segundo a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e crear un ambiente animado e de lecer. O programa mantén practicamente o mesmo número de actividades que en anos anteriores e a mesma contía nas subvencións e premios a pesar dos axustes marcados pola crise. A Concellaría quere agradecer a colaboración das entidades e asociacións do municipio, así como da Policía Local e Protección Civil, sen quen o programa non sería posible. Respecto das actividades, repítense as tradicionais citas que contan cun gran poder de convocatoria, como son o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas do domingo 10 de febreiro; e o tradicional Enterro da Sardiña, o Martes de Antroido (día 12), unha actividade que vai gañando seguidores convocatoria tras convocatoria e que na última edición contou cun cortexo fúnebre no que participaron arredor de 200 veciños e veciñas.

Compartir: