Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A exposición "Ondas de Irmandade II" conmemora no Pazo da Cultura o centenario do asociacionismo mariñeiro

NA SALA DO ANDAR -1: DE 18.00 A 21.00 HORAS

A exposición "Ondas de Irmandade II" conmemora no Pazo da Cultura o centenario do asociacionismo mariñeiro

Sábado 24 de novembro do 2012

A mostra "Ondas de Irmandade II", organizada pola Deputación da Coruña, chega a Carballo para estar na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura até o 10 de decembro. A exposición consta de diversa documentación histórica, maquetas, fotografías, videos, esculturas, cancións e material audiovisual co que se pretende conmemorar o centenario do asociacionismo mariñeiro, rendendo unha particular homenaxe aos pescos e pescas de Galicia, unha xente que estivo toda a súa vida ligada ao mar. O acto de inauguración, o venres 23 de novembro, contou coas explicacións do comisario da mostra, Xabier Brisset Martin, que desvelou as claves de boa parte desta historia mariñeira, caracterizada pola reivindicación e a loita dun grupo de homes e mulleres que apostaron pola pesca tradicional e que conseguiron levar a revolución tecnolóxica ao mar, impulsando a pesca galega para achegala á era industrial. A inauguración, na que estiveron a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e numerosos membros da corporación, tamén estivo acompañada pola actuación das cantareiras Faltriqueira e de Fol de Veneno. Ademais, o xoves 29 ás 20.00 horas está programada unha visita guiada e a proxección dun documental, unha cita que está aberta de balde a todos os públicos. A exposición pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas.

O pleno aborda a adaptación dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas ao IPC e a aprobación do POS 2013

APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA DA TAXA DE LIXO

O pleno aborda a adaptación dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas ao IPC e a aprobación do POS 2013

Venres 23 de novembro do 2012

A corporación carballesa celebra o luns 26 de novembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos asuntos recollidos na orde do día refírese á modificación da Ordenanza fiscal nº 22, reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais para 2013. Así, adáptanse as cotas á suba do IPC, estimada nun 3,8 por cento, polo que os ingresos previstos polo Padroado Deportivo Municipal para 2013 serían de 683.703,80 euros, o que supón o 61 por cento do orzamento do organismo, achegando o Concello a cantidade restante. O anteproxecto do orzamento previsto para 2013, xa estudado polo Consello Reitor do Padroado, reflicte un importe de 1.120.203,80 euros. Así mesmo, para o ano 2013 o organismo asume o gasto de gas do Campo Municipal de As Eiroas, estimado nuns 10.000 euros. Os prezos públicos para 2013 serían os seguintes, xa aplicada a suba do IPC: cota de matrícula, 20,00 € (permanece invariable); abono individual (de 18 a 59 anos): 16,31 €/mes; abono individual xove (ata 18 anos): 13,04 €/mes; abono familiar: 21,74 €/mes; abono a partir de 60 anos: 13,04 €/mes; abono para colectivos desfavorecidos: 9,78 €/mes; e abono de mañá: 14,13 €/mes. Tendo en conta os datos actualizados a 14 de novembro de 2012, o número de aboados das instalacións deportivas municipais ascende a 4.443.

A corporación apoia de forma unánime a creación dunha comisión de coordinación social para atender aos máis necesitados

INAUGURADO O ALBERGUE DE TRANSEÚNTES SAN XOÁN BAUTISTA

A corporación apoia de forma unánime a creación dunha comisión de coordinación social para atender aos máis necesitados

Xoves 22 de novembro do 2012

Os voceiros de todos os grupos políticos da corporación carballesa prestaron onte o seu apoio unánime para a creación dunha comisión de coordinación social cuxo obxectivo será o de dar resposta a situacións de emerxencia social que poidan afectar a familias do municipio, especialmente en casos de desafiuzamento, non pagamento de alugueres ou vales de alimentos. O obxectivo fundamental desta comisión será o de coordinar as actuacións que se leven a cabo en materia social, contando coa colaboración do departamento de Servizos Sociais do Concello, pero tamén pedindo o apoio de Cáritas e Cruz Vermella, dúas das entidades que máis están traballando cos colectivos afectados. Así, a comisión poderá mediar entre inquilinos e persoas en aluguer que non poden asumir o pago da renda, ou incluso coas entidades financeiras no caso dos desafiuzamentos, para tentar paliar no posible estas situacións. Tamén coordinará o reparto xusto dos vales de alimentos entre os máis necesitados. Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar informan de que levan atendido xa a máis de setenta persoas que se teñen quedado sen vivenda, ademais de que o Concello xa duplicou no que vai de 2012 os recursos que destina a vales de alimentos respecto do ano pasado. O acordo para a creación desta nova comisión coincidiu hoxe coa inauguración dun Centro de día de inclusión social e Albergue para transeúntes do Centro Social San Xoán Bautista.

Carballo conmemora o 25 de novembro coa tradicional Feira das Asociacións, contacontos e obradoiros contra a violencia de xénero

ACTOS ENTRE O 5 E O 30 DE NOVEMBRO

Carballo conmemora o 25 de novembro coa tradicional Feira das Asociacións, contacontos e obradoiros contra a violencia de xénero

Mércores 21 de novembro do 2012

Un 25 de novembro máis, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar, o Concello de Carballo manifesta a súa repulsa contra a violencia de xénero cun programa de actos no que se inclúen obradoiros, exposicións, contacontos e a Feira das Asociacións que, como cada ano dende 2004, conta coa presenza de distintas entidades que traballan en Carballo con e a prol das mulleres e da igualdade. Esta cita serve no só para rexeitar a violencia, senón tamén para dar a coñecer o traballo que as asociacións participantes desenvolven nesta loita, e para ofrecer información ás mulleres que así o desexen. O acto oficial de apertura da Feira, que permanecerá no segundo andar do Mercado Municipal durante toda a mañá do domingo 25 de novembro, está previsto para as 13.00 horas. Durante o acto procederase á lectura da Declaración Institucional do Concello de Carballo con motivo do 25 de novembro, aprobada por unanimidade na sesión plenaria da corporación celebrada no mes de outubro. Estarán presentes na cita autoridades de distintas institucións, incluído o goberno municipal, os corpos e forzas de seguridade e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno en A Coruña. Así mesmo, hai que lembrar que o Concello presentou este ano o III Plan de Igualdade de Oportunidades, un documento que loita pola eliminación dos roles de xénero e pola erradicación da violencia como a mostra máis brutal das desigualdades.

O Novembro con Música supera o seu ecuador cun concerto folk, corais e un espectáculo dirixido aos máis cativos e cativas

VENRES 23, SÁBADO 24 E DOMINGO 25 DE NOVEMBRO

O Novembro con Música supera o seu ecuador cun concerto folk, corais e un espectáculo dirixido aos máis cativos e cativas

Mércores 21 de novembro do 2012

O Novembro con Música (NCM) 2012, o programa elaborado pola Concellaría de Cultura coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña, prepárase para unha intensa fin de semana con moitas e variadas opcións de ocio relacionado coa música. As citas comezan o venres 23 de novembro con música folk. Logo da inauguración da exposición "Ondas de Irmandade", o auditorio do Pazo da Cultura acolle a partir das 21.00 horas un concerto no que actúan o grupo Faltriqueira e os carballeses Fol de Veneno (na imaxe). Este último é un grupo de música tradicional galega formado por sete compoñentes da Costa da Morte. O seu traballo baséase na información sobre diversas pezas recollida nos pobos da zona. Logo entre todos arranxan esas composicións para crear actuacións cun toque divertido e festeiro. Faltriqueira, pola súa banda, son un grupo de cantareiras de Pontedeume que se caracterizan pola heteroxeneidade das súas propostas. O sábado 24, tamén ás 21.00 horas no Pazo, é a quenda da Coral Polifónica de Bergantiños, encargada de festexar o día dos músicos e da música co tradicional concerto na honra de Santa Cecilia. Están convidadas á cita, ademais da agrupación anfitriona, o Orfeón Herculino da Coruña e a Coral Polifónica de Santa Cruz de Montaos de Ordes.

O Alcalde despide á delegación italiana que pasou tres semanas en Carballo grazas ao programa Senior BoT

BANCO EUROPEO DE TEMPO DE VOLUNTARIOS SÉNIOR

O Alcalde despide á delegación italiana que pasou tres semanas en Carballo grazas ao programa Senior BoT

Luns 19 de novembro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da responsable do Centro de Información á Muller (CIM), Nieves Castañón, despediu na Alcaldía ao grupo de tres persoas procedentes de Italia que estivo durante as tres últimas semanas na vila para coñecer a cultura, a historia, as tradicións e a realidade galega e carballesa a través da realización de actividades de voluntariado relacionadas con servizos da vida cotiá grazas ao programa Senior BoT, Banco Europeo de Tempo de Voluntarios Sénior. A delegación que acaba de deixar Galicia pertence á Asociación Sud-Est Donne, xestora do proxecto en Italia, e procede da rexión de Puglia (Apulia), situada xeograficamente no "tacón" da "bota" italiana. Durante a súa estadía levaron a cabo intercambios coas persoas e entidades que colaboran co Banco de Tempo carballés, apoiando a cooperación informal para o desenvolvemento de diversas actividades e obradoiros. Así, tiveron a oportunidade de visitar o mercado carballés e puntos de interese do municipio como o Pazo de Vilardefrancos ou a Férveda de Entrecruces; visitaron a Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, así como Verdes, Razo-Baldaio, Fisterra, Buño, o Dolmen de Dombate ou o Castro de Borneiro; e participaron en obradoiros de cociña, de escritura ou de masaxe facial. Durante a despedida, agasallaron tanto ao Alcalde como á directora do CIM con libros de recordo e falaron da súa experiencia nos últimos días.

Aprobado o expediente do Contrato privado de arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado de Carballo

PRÓRROGA PARA OS TRABALLOS DA BIBLIOTECA

Aprobado o expediente do Contrato privado de arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado de Carballo

Luns 19 de novembro do 2012

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente de contratación para o arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado Municipal de Carballo, situado na planta baixa do edificio e que ten unha superficie útil de 95 metros cadrados. A renda que como tipo de licitación se fixa é de mil euros (1.000 €) mensuais (IVE engadido), sendo o prezo total do contrato, tendo en conta a súa duración inicial, de dez anos, de 120.000 euros. O contrato poderá prorrogarse, por acordo mutuo de ambas partes, nas condicións iniciais en períodos de dous anos, cun máximo de dúas prórrogas. En todo caso, as eventuais prórrogas que poidan ter lugar deberán ter carácter expreso e formalizarse convenientemente mediante unha addenda ao contrato inicial. Para a execución do investimento preciso para a dotación do equipamento completo que resulte necesario para a posta en funcionamento da instalación, establécese un prazo máximo dun mes, a contar dende o día seguinte á data da sinatura do contrato. Para a valoración das propostas dos licitantes teranse en conta a maior renda mensual ofertada (o criterio máis valorado); os medios materiais destinados ao servizo; a garantía de calidade, variedade e prezo dos menús; a prestación de produtos preparados; e o mantemento, limpeza e conservación das instalacións, maquinaria e enxoval.

O Concello acondiciona preto de 200 novas prazas de estacionamento libre de vehículos na contorna da rúa Perú

A VILA CONTA CON CASE 3.500 APARCAMENTOS GRATUÍTOS

O Concello acondiciona preto de 200 novas prazas de estacionamento libre de vehículos na contorna da rúa Perú

Venres 16 de novembro do 2012

O Concello de Carballo acondicionará unha nova área de estacionamento no centro da capital municipal nuns terreos que suman unha superficie de arredor de 3.600 metros cadrados. Os futuros aparcadoiros están situados en dúas parcelas a ambas marxes da rúa Perú: a primeira na confluencia coa rúa Pontevedra e a segunda no cruce coa rúa Chile. Os solares permitirán a creación, unha vez acondicionados, de preto de 200 novas prazas de estacionamento libre, sen límite de tempo. Ao longo desta semana os operarios municipais estiveron realizando labores de aplanamento do terreo e está previsto que nos próximos días se coloque a sinalización e as ramplas de acceso para abrir o aparcadoiro ao público. Esta nova área vén a complementar os aparcadoiros xa existentes na mesma Rúa Perú e en Rego da Balsa e súmase aos espazos que xa están dispoñibles noutros puntos da capital municipal, como a Horta do Casino, o parque do San Martiño, o Pazo da Cultura, a Vila de Negreira, a confluencia das rúas Río e Xirona, a contorna do CEIP A Cristina ou a contorna do IES Alfredo Brañas. Os terreos foron cedidos temporalmente a través dun convenio de colaboración cos propietarios e con esta nova incorporación, a capital municipal conta xa con preto de 3.000 prazas de estacionamento libre en solares privados, ás que hai que sumar as máis de 550 prazas de zona azul, que tamén son gratuítas aínda que conten con regulación horaria.

Carballo colabora na posta en marcha dun Club de Debate para alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos formativos

O OBXECTIVO É FAVORECER O EMPREGO DO GALEGO

Carballo colabora na posta en marcha dun Club de Debate para alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos formativos

Venres 16 de novembro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar no Concello de Santiago de Compostela -no Pazo de Raxoi-, acompañado do Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, un protocolo de colaboración xunto con outros nove concellos galegos para a posta en marcha dun Club de Debate no que poden participar equipos dos centros de ensino do municipio. Os concellos que colaboran nesta iniciativa son, ademais de Carballo, Ames, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo. O Club de Debate é unha actividade organizada desde os servizos de normalización lingüística dos diversos concellos participantes, e leva desenvolvéndose varios anos. Carballo xa colaborou coa difusión da actividade na edición anterior, mais sen a participación de ningún equipo. Este ano súmase á organización e acollerá tamén unha fase no propio municipio. No certame poderán participar todos os centros de Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos, dirixíndose ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) de Carballo (981 704 304), situado no primeiro andar do Pazo da Cultura. A actividade está dirixida a alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de Ciclos Formativos e nunca para maiores de 18 anos. Os equipos, que deberán ser mixtos, estarán formados por un mínimo de catro rapaces/rapazas e un máximo de dez.

O Concello incorpora catro peóns á Brigada de Medio Ambiente a través do Programa de Emprego Xunta-Deputación 2012

REALIZARÁN LABORES DE MANTEMENTO E LIMPEZA

O Concello incorpora catro peóns á Brigada de Medio Ambiente a través do Programa de Emprego Xunta-Deputación 2012

Venres 16 de novembro do 2012

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Formación e Emprego que dirixe Marcos Trigo, informa de que a administración local se beneficiará do Programa de Emprego Xunta-Deputación Provincial da Coruña 2012, mediante a contratación de catro peóns para a Brigada de Medio Ambiente durante un prazo de tres meses. Os catro seleccionados son persoas desempregadas que asinaron o seu contrato co organismo provincial o pasado xoves día 15 de novembro. A selección foi realizada pola propia Deputación mediante os datos facilitados polo Servizo Público de Emprego de Galicia. A vindeira semana os traballadores comezan un Curso de prevención de riscos laborais de 33 horas de duración que se impartirá nas instalacións do Fórum Carballo, como entidade sede seleccionada polo organismo provincial, e que finalizará o martes 27 de novembro. Acudirán ao curso os traballadores contratados para o municipio carballés e os dos municipios veciños. Unha vez finalizada a súa formación en prevención de riscos laborais, comezarán a desempeñar en cada concello os programas solicitados no seu momento á Deputación da Coruña. No caso do Concello de Carballo, colaborarán coa Brigada de Medio Ambiente (na imaxe, a Brigada traballando) en labores de mantemento e limpeza de rúas e xardíns, parques, zonas recreativas e zonas públicas en xeral.

As agrupacións corais carballesas centran o programa de actividades do Novembro con Música durante a fin de semana

SÁBADO 17 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS

As agrupacións corais carballesas centran o programa de actividades do Novembro con Música durante a fin de semana

Xoves 15 de novembro do 2012

Despois de que o Novembro con Música (NCM) 2012 -o programa musical elaborado pola Concellaría de Cultura do Concello, coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña- arrincara con rock e música tradicional, a segunda fin de semana céntrase na música coral. Así, A partir das 21.00 horas do sábado 17 de novembro o Pazo da Cultura acolle o Festival de Corais, unha das citas anuais con este tipo de música, en concreto e nesta ocasión, con dúas das agrupacións máis importantes de Carballo e da comarca de Bergantiños: o Coro Aires de Bergantiños (na imaxe) e a Coral Polifónica de Bergantiños. O Coro Aires de Bergantiños ten un carácter marcadamente tradicional e conta con máis de 25 anos de historia recuperando e divulgando a música tradicional e o patrimonio cultural no máis amplo sentido da palabra. Tanto no eido material, co vestiario ou cos instrumentos cos que interpretan parte do seu repertorio; como no inmaterial, composto por todas a melodías que se van devolvendo á vida para volver a escoitalas e dese xeito, preservar a música e os cantos tradicionais. A Coral Polifónica de Bergantiños é unha veterana e recoñecida agrupación musical, todo un referente en Galicia e un exemplo a seguir para moitas outras do seu estilo alén da comarca de Bergantiños, onde é de sobra coñecida. A entrada é de balde.

Trinta persoas de catorce nacionalidades diferentes inician un obradoiro para coñecer a lingua e cultura galegas

NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO ATÉ O 20 DE DECEMBRO

Trinta persoas de catorce nacionalidades diferentes inician un obradoiro para coñecer a lingua e cultura galegas

Xoves 15 de novembro do 2012

Chegan a Carballo desde Brasil, Chile, Colombia, Cuba, México, Nixeria, Paraguai, República Checa, República Dominicana, Romanía, Senegal, Uruguai, Venezuela e de diversos puntos do estado español e queren aprender galego. Un total de 30 persoas de todas esas nacionalidades comezan o xoves 15 de novembro un Obradoiro de integración lingüística e cultural. Xente que non naceu en Galicia, mais á que lle apetece coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, o Antroido ou a choiva. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Neste obradoiro práctico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, que ten lugar entre o 15 de novembro e o 20 de decembro de 2012, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. As sesións terán lugar os luns, mércores e xoves de 19.30 a 21.30 horas. O xoves 15 de novembro, ás 19.30 horas na aula 4 do segundo andar do Pazo da Cultura acolle o inicio das clases. Ao comezo está previsto que interveña, a modo de benvida e presentación, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira.

Compartir: