Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Brigada de Medio Ambiente acondiciona a Ruta das Férvedas e continúa cos labores para retirar a maleza das pistas forestais

VÉN DE REMATAR O DESBROCE DAS VÍAS ASFALTADAS

A Brigada de Medio Ambiente acondiciona a Ruta das Férvedas e continúa cos labores para retirar a maleza das pistas forestais

Martes 16 de outubro do 2012

O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Medio Ambiente e Servizos, informa de que a Brigada de Medio Ambiente está realizando estes días labores de desbroce e de retirada de maleza na Ruta das Férvedas (PR-G 142), que transcorre entre A Brea e San Paio de Entrecruces e que conta con preto de 19 quilómetros de lonxitude, incluíndo dous saltos de auga: a Férveda de Rus (no rego da Férveda) e a Férveda de Entrecruces. Os tractores xa teñen despexado máis de 12 quilómetros e está previsto que os traballos estean rematados a próxima semana. O Club Ciclista Carballo ten previsto realizar un Circuíto BTT (Bicicleta Todo Terreo) pola Ruta das Férvedas a primeiros de novembro, cando a zona estará en perfectas condicións para o percorrido. Así mesmo, os operarios da Brigada teñen principiado o desbroce das pistas forestais do Concello. Nestes momentos as máquinas están traballando na parroquia de Cances e faltan as de Sísamo, Ardaña, Rus e a metade da parroquia de Sofán, dentro dos labores periódicos que a Brigada de Medio Ambiente realiza anualmente para manter en perfectas condicións a rede viaria do municipio. Por último, o Concello informa de que xa remataron os traballos de desbroce das vías asfaltadas e a limpeza de beirarrúas do municipio despois dunha ruta que incluíu todas as parroquias de Carballo e que comezou en xuño.

O FIOT afronta a súa terceira semana coas entradas esgotadas para Animalario, Teatro do Morcego e Carmen Machi

FUNCIÓNS: VENRES 19, SÁBADO 20 E DOMINGO 21 DE OUTUBRO

O FIOT afronta a súa terceira semana coas entradas esgotadas para Animalario, Teatro do Morcego e Carmen Machi

Luns 15 de outubro do 2012

Xa non hai entradas para as tres funcións que o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) ofrece a fin de semana do 19 ao 21 de outubro. Se ben as primeiras en venderse foron as de "Juicio a una zorra", de Kamikaze Producciones -prevista para o domingo 21 de outubro e unha das representacións máis esperadas do FIOT-, e as de "El Montaplatos", de Animalario -venres 19 de outubro-, nestes momentos xa está colgado tamén o cartel de "non hai billetes" para "A función do tequila", de Teatro do Morcego -sábado 20 de outubro-. Continúa pois o éxito de público despois dunha fin de semana que desfrutou co bo facer de Talía Teatro en dúas funcións consecutivas na súa estrea de "O método Gronhölm" e coa sorprendente versión de La Machina Teatro de "En alta mar" do polaco Slawomir Mrozek nun auditorio practicamente cheo. Esgotáronse tamén as entradas para ver a Cándido Pazo abrindo o ciclo OTNI (Obxecto Teatral non Identificado) con "Decamerón, historias para tempos ruíns", unha sucesión de divertidos e críticos contos baseados na célebre obra de Bocaccio nun espectáculo de Abracadabra Creacións Escénicas. O público non escatimou en aplausos e gargalladas para premiar o seu bo facer no escenario. E, por último, a segunda fin de semana do FIOT tamén foi testemuña do remate da XIV edición da Rúa dos Contos (na imaxe a actuación de Mentalini no pub O'Patacón), que un ano máis congregou aos seus seguidores máis fieis nos principais locais hostaleiros da vila.

La Machina Teatro estrea en Galicia "En alta mar" e Cándido Pazó abre o ciclo OTNI na segunda fin de semana do FIOT

TALÍA TEATRO RECIBIU O PREMIO DO PÚBLICO POR "VOLPONE"

La Machina Teatro estrea en Galicia "En alta mar" e Cándido Pazó abre o ciclo OTNI na segunda fin de semana do FIOT

Venres 12 de outubro do 2012

A segunda fin de semana do FIOT caracterízase pola grande cantidade de propostas para o espectador, ademais da estrea da segunda coprodución do FIOT, "O método Gronhölm", a cargo de Talía Teatro, a programación complétase con sete novos espectáculos da Rúa dos Contos, co terceiro espectáculo de sala a cargo da compañía cántabra La Machina Teatro e coa apertura do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) por parte de Cándido Pazó. O sábado 13, ao escenario do Pazo sube un premio Max ao espectáculo revelación deste mesmo ano 2012. La Machina Teatro estrea en Galicia "En alta mar", do texto do dramaturgo Slawomir Mrozek, un dos nomes máis universais das letras polacas. A obra, dunha hora de duración, aborda con ironía e baixo un singular prisma humorístico e absurdo unha crítica do mundo contemporáneo desde a perspectiva de tres náufragos que teñen que tomar decisión "políticas" para sobrevivir. Unha temática que enlaza co fío argumental do FIOT 2012, o convulso século XXI. Aínda hai entradas para asistir a este espectáculo na plataforma <www.servinova.es> e no 902 504 500 ata o día antes da función. Logo, se non se esgotaron, é posible adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día da obra de 19.30 a 21.00 horas. Ademais, o Pazo da Cultura acolle a partir das 19.30 horas unha nova cita de "Café con…" para compartir uns momentos coa compañía.

O FIOT homenaxea ao artista Alberto Gende e o premia co Xograr de Outono 2012 a título póstumo

O PAZO ACOLLE A MOSTRA "DEZANOVE ANOS DE PERCORRIDO XUNTOS"

O FIOT homenaxea ao artista Alberto Gende e o premia co Xograr de Outono 2012 a título póstumo

Xoves 11 de outubro do 2012

O FIOT 2012 vén de acordar distinguir ao recentemente falecido artista carballés Alberto Gende co premio Xograr de Outono, un nomeamento honorífico entregado pola organización do festival a unha persoa ou entidade que destaque pola súa promoción do teatro en Galicia. En anteriores edicións do FIOT foron merecedores deste premio Artur Trillo, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó ou Kukas, entre outros. Artistas que tamén forman parte do xurado que decidiu distinguir a unha persoa moi vinculada ao Outono de Teatro e que pasou a metade da súa vida creando os carteis promocionais do FIOT. O anuncio da concesión do Xograr fíxose un día antes do que tería sido o seu 40 cumpreanos, durante a inauguración da mostra "Alberto Gende: dezanove anos de percorrido xuntos", na que precisamente se recolle unha selección dos traballos que o gran creativo, pintor e recoñecido deseñador gráfico realizou para o FIOT ata o seu falecemento hai só uns meses, contribuíndo a transmitir unha imaxe do festival "impactante, moderna, moi actual", en verbas do presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Juan Gende, irmán de Alberto, amosou a súa sorpresa e agradecemento ao coñecer a concesión do galardón e desexou que o público "desfrute cunha exposición que reúne todas as creacións de Alberto realizadas durante tanto tempo".

Carballo acolle o IV Campionato Galego Absoluto de Pádel nas instalacións do Club 3D3 no Polígono de Bértoa

DO 20 AO 28 DE OUTUBRO

Carballo acolle o IV Campionato Galego Absoluto de Pádel nas instalacións do Club 3D3 no Polígono de Bértoa

Xoves 11 de outubro do 2012

Carballo acolle do sábado 20 ao domingo 28 de outubro o IV Campionato Galego Absoluto de Pádel para categorías masculina e feminina convocado pola Federación Galega. O Club Padel 3D3 -que botou a andar o pasado mes de agosto e que ten as súas instalacións na rúa Cobre do parque empresarial de Bértoa- é o encargado de acoller a proba "máis importante" do calendario, en verbas do presidente da Federación, Manuel Fernández Prado, e que concede o número máximo de puntos aos xogadores para o ranking galego. Fernández Prado subliña que as instalacións carballesas "son das mellores, con pistas adaptadas para xogar por ambos lados", o que aumenta a espectacularidade dos encontros. Engade que está prevista a presenza de entre 300 e 400 xogadores entre os que se atopan os Top 20 de Galicia, así como un gran número de participantes que por primeira vez se inscriben nunha proba federada. Tamén se espera a presenza de campións galegos de edicións anteriores como Borja Yribarren, Ignacio Otero, Carmen León e Vanesa Alonso. A inscrición custa 15 euros por xogador e está previsto que os partidos se celebren de luns a venres a partires das 19.00 horas e sábados e domingos ininterrompidamente de 9.00 a 22.00 horas. O presidente da Federación subliña o interese de escoller a 3D3 como anfitrións da proba para darlle pulo a un club recén creado, con modernas instalacións e cunha grande predisposición a organizar a cita.

O Torneo Festas do Pilar de Baloncesto cumpre oito anos reunindo a oito clubs e a preto de 300 xogadores

VENRES 12 DE OUTUBRO NOS PAVILLÓNS MUNICIPAIS

O Torneo Festas do Pilar de Baloncesto cumpre oito anos reunindo a oito clubs e a preto de 300 xogadores

Mércores 10 de outubro do 2012

Carballo acolle o venres 12 de outubro a celebración do VIII Torneo Festas do Pilar de Baloncesto, todo un clásico e un dos torneos de básket máis antigos, non só de Carballo, senón de Galicia. Esta oitava edición chega con importantes novidades, sendo a primeira delas a do número de clubs participantes, que chega ata oito. Nas dúas pistas municipais carballesas dos Pavillóns Vila de Noia (Zona Escolar) e Carballo Calero (Zona Bergantiños) estarán xogadores dos dous clubes da vila, Carballo Básket e CB Artai, así como do ACB Costa da Morte, do Maristas da Coruña, do Básquet Coruña, do CB Laracha, do Obradoiro de Santiago e das Escolas Deportivas Municipais da Laracha. Joaquín Moreira, presidente do Artai, explica que a demanda de clubs que quixeron participar no torneo foi especialmente elevada este ano debido ao retraso no comezo da competición a nivel galego, o que fai que os equipos teñan moitos desexos de asistir. De feito, dous clubs tiveron que quedarse fóra. Outra das novidades deste ano é que no Pavillón Vila de Noia a competición desenvolverase de forma ininterrompida de 10.00 a 20.00 horas. Está previsto que se disputen 26 encontros cunha participación aproximada de entre 250 e 300 xogadores.

Talía Teatro afronta no FIOT o reto de adaptar "O método Gronhölm", a coñecida obra do dramaturgo Jordi Galcerán

XOVES 11 E VENRES 12 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Talía Teatro afronta no FIOT o reto de adaptar "O método Gronhölm", a coñecida obra do dramaturgo Jordi Galcerán

Martes 9 de outubro do 2012

Unha proposta "con visos de comedia pero que fala de algo bastante serio, como é o mercado laboral". Así resume Artur Trillo, director de Talía Teatro e un dos protagonistas do espectáculo, unha das claves de "O método Gronhölm", o texto que a compañía de Cee estrea no FIOT 2012 cunha dobre función: xoves 11 e venres 12 de outubro ás 21.00 horas. A obra do coñecido dramaturgo Jordi Galcerán "deixa ver as entrañas das grandes empresas" e reflexiona sobre as normas da sociedade "explicando ata onde podemos chegar para obter un posto de traballo", un tema de plena actualidade. Trillo lembra que Talía xa ten adaptado dous textos de Galcerán, "Dakota" e "Palabras encadeadas" -que no seu momento visitaron Carballo- e recoñece que son "uns adictos" ao seu traballo. Enfrontan os textos deste autor catalán "coma un xogo", ao igual que "o espectador ten que interpretar moitas veces o texto e entrar nese mesmo xogo". "O método Gronhölm" é a segunda coprodución teatral do FIOT, despois de "Un cranio furado" en 2010, e o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, asegura que "conta con todos os ingredientes para ser un éxito". "Nós así o esperamos", engade, "e desexamos que cheguen polo menos a 90 ou 95 funcións e que consigan moitos premios". Trillo e Sueiro presentaron a nova coprodución do FIOT nunha rolda de prensa na que estiveron o resto dos protagonistas de "O método Gronhölm", Toño Casais, Dani Trillo e María Ordóñez, así como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Adxudicada en Xunta de Goberno a transformación da rede unitaria do polígono de Bértoa en separativa de fecais e pluviais

O IMPORTE ROLDA OS 90.000 EUROS

Adxudicada en Xunta de Goberno a transformación da rede unitaria do polígono de Bértoa en separativa de fecais e pluviais

Luns 8 de outubro do 2012

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria e fóra dos asuntos recollidos na orde do día, vén de aprobar a adxudicación da Transformación da rede unitaria do polígono industrial de Bértoa en separativa de fecais e pluviais, unha actuación que afecta á primeira fase xa desenvolvida do parque empresarial e que está financiada na súa maioría por fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). O prezo de adxudicación, que recaeu en Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, é de 89.873 euros, cunha baixa de máis de 35.000 euros sobre o prezo de licitación (de 125.644,80 €, sen IVE). Con esta actuación, a segunda deste tipo que se realiza na zona xa construída e en marcha do polígono industrial, ofrécese servizo ao 80 por cento desta primeira fase, quedando tan só un 20 por cento para unha futura actuación. No apartado de contratación, tamén recibiu o visto e prace o expediente para o contrato de subministro por renting (arrendamento sen opción de compra e na modalidade de pago por páxina) para a "Implantación dun servizo integral de impresión no Concello de Carballo". O prezo sería de 77.000 euros con IVE (o valor estimado do contrato por mes sería de 1.604,17 euros con IVE) por unha duración de catro anos, con pagos divididos en 48 mensualidades. O procedemento será aberto con varios criterios de adxudicación.

A compañía vasca Tantakka Teatroa sube o pano das funcións de sala do FIOT 2012 con "Contra el viento del norte"

DOMINGO 7 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

A compañía vasca Tantakka Teatroa sube o pano das funcións de sala do FIOT 2012 con "Contra el viento del norte"

Mércores 3 de outubro do 2012

A compañía vasca Tantakka Teatroa regresa ao Festival Internacional Outono de Teatro seis anos despois do éxito acadado con "El Florido Pensil", que en 2006 lle valeu o Premio do Público en recoñecemento á calidade do seu traballo. O galardón seralle entregado o domingo 7 de outubro, aproveitando a súa estadía en Carballo, xusto antes do comezo da función de "Contra el viento del norte" (21.00 horas). "Contra el viento del norte" é unha adaptación da exitosa novela do austríaco Daniel Glattauer, traducida xa a 37 idiomas, que na súa versión teatral aborda o impacto das novas tecnoloxías nas relacións persoais con boas doses de humor e de ironía sen esquecer a inmediatez que ofrece Internet. Durante hora e media, os protagonistas Itziar Atienza (Emmi Rothner, unha muller casada que busca renovar a súa paixón), Joseba Apaolaza (Leo Leike, un lingüista solitario, pero con especial sentido do humor) e Pablo Viña (Bernhard Rothner, o marido que intenta recuperar á súa muller) forman un triángulo amoroso "virtual" recreando en clave contemporánea unha relación romántica epistolar que comeza de maneira fortuíta a causa dun correo electrónico enviado a un destinatario erróneo. Aínda hai entradas para asistir a este espectáculo na plataforma www.servinova.es e no 902 504 500 ata o día antes da función. Logo, se non se esgotaron, é posible adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día da obra de 19.30 a 21.00 horas.

Redrum abre a XIV edición da Rúa dos Contos que ofrece 14 espectáculos durante dúas fins de semana

ENTRE O XOVES 4 E O SÁBADO 13 DE OUTUBRO

Redrum abre a XIV edición da Rúa dos Contos que ofrece 14 espectáculos durante dúas fins de semana

Martes 2 de outubro do 2012

14 espectáculos en 14 espazos non teatrais para 14 anos. A Rúa dos Contos, xa un festival con vida propia dentro do Outono de Teatro (FIOT), é unha das actividades máis queridas polo público do Festival. Un ano máis, congrega a artistas coñecidos e tamén novos valores nun popular programa que, xunto a contos, historias e monólogos, ofrece espectáculos de pequeno formato, clown, música, maxia, performances musicais, novo circo e ata un chisco de cabaret. Tres dos artistas incluso escolleron o FIOT para a súa estrea, como é o caso de RedRum Producciones que abre a programación preestreando na Vinoteca La de Bur "Curriculum Vitae" o xoves 4 de outubro ás 21.00 horas. Tamén aproveitan o marco da Rúa dos Contos para presentar o seu espectáculo Antón Coucheiro, que o sábado 6 ofrece ás 22.00 horas no Bodegón O'Pescador "Hola, veño do futuro"; ou Produccións Teatrais Excéntricas, con Evaristo Calvo e Piti Sanz en "Aprende a ser feliz", en Cafetería A Bombonera o xoves 11 ás 23.30 horas. Entre as historias non faltan as máis propias do "convulso século XXI": retratos de situacións tan actuais como as entrevistas laborais, visións apocalípticas da nosa decadencia, "remedios" máxicos para ser feliz en calquera momento, filosofía en estado puro para os novos tempos, inovadoras técnicas de supervivencia como o control mental... Todo entre o xoves 4 e o sábado 13 de outubro.

Esgotados os Minibonos A e B para as funcións de sala do FIOT, así como as entradas para ver a Els Joglars e a Carmen Machi

DISPOÑIBLES TICKETS PARA O RESTO DAS OBRAS DO AUDITORIO E OTNI

Esgotados os Minibonos A e B para as funcións de sala do FIOT, así como as entradas para ver a Els Joglars e a Carmen Machi

Luns 1 de outubro do 2012

De novo, como ocorrera cos bonos para a XXI edición do FIOT 2012 (Festival Internacional Outono de Teatro), esgotáronse rapidamente os Minibonos A e B que se puxeron á venda (a través da plataforma <www.servinova.es>, e tamén no teléfono 902 504 500) a partir das 9.00 horas do luns 1 de outubro para asistir aos espectáculos de sala do auditorio do Pazo da Cultura. O Minibono A da dereito a acceder ás citas do 7 -"Contra el viento del Norte", Tantakka Teatroa-, 12 -"O método Gronhölm", Talía Teatro-, 13 -"En alta mar", La Machina Teatro- e 19 de outubro -"El Montaplatos", Animalario Teatro-. O Minibono B correspóndese coas citas do 20 -"A función do tequila", Teatro do Morcego-, 21 -"Juicio a una zorra", Kamikace Producciones-, 26 -"Acto cultural", Grupo Actoral 80-, 27 -"Viaxe a ningunha parte", Sarabela Teatro- e 31 de outubro -"El Nacional", de Els Joglars. No que respecta ás entradas soltas, xa están tamén esgotados os tickets para ver a Els Joglars, así como para desfrutar da actuación de Carmen Machi en "Juicio a una zorra". Porén, todavía hai entradas soltas dispoñibles para o resto dos espectáculos do festival, así como para as tres propostas do ciclo OTNI, que teñen lugar o 14, 25 e 28 de outubro. Seguen á venda na plataforma www.servinova.es e no 902 504 500 ata que se esgoten ou ata o día antes da función. Logo, é posible adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día da obra de 19.30 a 21.00 horas.

A Oktoberfest enche Carballo de música, cervexa e comida alemá durante toda a fin de semana

ENTRE O 27 E O 30 DE SETEMBRO NA CONTORNA DA RÚA PERÚ

A Oktoberfest enche Carballo de música, cervexa e comida alemá durante toda a fin de semana

Venres 28 de setembro do 2012

A terceira edición da Oktoberfest abriu onte as súas portas ofrecendo as primeiras doses de cervexa, comida bávara e actuacións musicais. Á inauguración oficial asistiron, ademais do Alcalde, Evencio Ferrero, numerosos membros da corporación, así como veciños e veciñas que dende as 19.30 horas do xoves desfrutaron dunha cita que tamén está o venres 28, o sábado 29 e o domingo 30 de setembro nunha carpa climatizada na explanada da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses. Para beber as primeiras cervexas, acompañaron ao Alcalde o Concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, ou os concelleiros Marga Varela, Aurelio Núñez ou Juan Carlos Castro. Durante a inauguración a música correu a cargo de Os Revenidos e un dj, pero as actuacións seguen con Stoner Hill, o grupo carballés Versión Imposible, a banda coruñesa de pop-rock Los Mecánicos, os laxenses O tren da unha, The Gentleman Band e Djs Bogaboga para pechar as noites do venres e do sábado. Respecto da cervexa, cuxa presenza na cita é fundamental, hai Paulaner con e sen alcohol, así como refrescos de todo tipo e augas. Hai que mencionar que, dende os seus comezos, a marca de cervexa Paulaner ten estado ligada á celebración deste festival. Ademais, os asistentes poderán levar á casa ou alugar unha orixinal xerra de Paulaner por tres euros.

Compartir: