Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os rapaces e rapazas do Sysca festexan co Alcalde os seus éxitos deportivos, contando cunha dobre Campioa de España

VALERIA GÓMEZ GAÑOU DOUS OUROS EN CATEGORÍA CADETE

Os rapaces e rapazas do Sysca festexan co Alcalde os seus éxitos deportivos, contando cunha dobre Campioa de España

Venres 28 de setembro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, recibiu na Casa do Concello a representantes do Club Sysca polos bos resultados deportivos acadados nos últimos tempos polas Escolas da entidade. Así, Valeria Gómez Anido vén de proclamarse Campioa de España cadete nas categorías sprint praia e bandeiras e Adrián Martínez Cotelo, medalla de bronce tamén como cadete, aínda que o seu rendemento puido ser aínda maior ao sufrires unha rotura de fibras durante os últimos lances da competición. Os dous o fixeron no certame celebrado recentemente en Villajollosa (Alicante). Ademais, Valeria foi convocada a Madrid pola Federación Española de Socorrismo para realizar algúns adestramentos, e dende a entidade confían en que sexa chamada a participar nalgún campionato. Os responsables do Club queren subliñar o traballo de todos os membros do equipo porque, "moi poucos pasan o corte para poder asistir ao Campionato de España", en verbas do presidente do Sysca, Pedro Lantes. Así mesmo, Óscar Vázquez Abelenda, adestrador das Escolas xunto coa súa irmá, Noelia Vázquez Abelenda, quixo resaltar "o bo rollo" existente entre todos os integrantes do equipo e o apoio que recibiron Valeria e Adrián dos seus compañeiros despois dos seus éxitos. Ferrero quixo felicitar a todos os rapaces e rapazas das Escolas do Sysca porque "están moi ben os éxitos individuais, pero tamén é moi importante o espírito de equipo e de solidariedade".

O Centro de Formación informa da convocatoria para as probas de acceso á formación profesional para o emprego de nivel 2

INSCRICIÓNS ATÉ O MÉRCORES 10 DE OUTUBRO

O Centro de Formación informa da convocatoria para as probas de acceso á formación profesional para o emprego de nivel 2

Mércores 26 de setembro do 2012

O Centro Municipal de Formación do Concello de Carballo informa de que a Dirección Xeral de Formación e Colocación convoca as probas de avaliación en competencias clave para acceder ás accións formativas dos novos Certificados de Profesionalidade de nivel 2 de cualificación dentro da Formación Profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (publicado no DOG núm. 181 do venres 21 de setembro de 2012). Estas probas están dirixidas a traballadores e traballadoras desempregados e /ou ocupados que desexen optar nun futuro a Cursos de Formación Profesional para o emprego de Nivel 2, é dicir aquela formación onde se requira para poder participar a titulación mínima da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). As persoas interesadas deben entregar perfectamente cuberto o Anexo I, recollido na orde e tamén descargable nesta mesma nova, até o mércores 10 de outubro, e acudir o sábado 24 de novembro aos correspondentes exames que poden ser de lingua galega, lingua castelán, matemáticas, dixital, tecnoloxía, inglés e ciencia. Está previsto que os exames teñan lugar no Recinto Feiral de Silleda. Para máis información, os interesados e interesadas poden chamar ao Servizo de Orientación Laboral situado no Fórum Carballo (Rúa Xílgaros, s/n en Carballo) ou ben chamar ao 981 755 211 / 981 709 011 e preguntar por Milagros Antelo ou Mª Dolores Serrano.

A Comisión de Urbanismo estudou as propostas dos diferentes grupos para realizar modificacións no tramado urbano do PXOM

A PRÓXIMA XUNTANZA ESTÁ PREVISTA PARA O 11 DE OUTUBRO

A Comisión de Urbanismo estudou as propostas dos diferentes grupos para realizar modificacións no tramado urbano do PXOM

Mércores 26 de setembro do 2012

A Comisión de Urbanismo vén de manter unha nova xuntanza de traballo na que os asistentes centráronse en examinar as propostas presentadas polos diferentes grupos políticos para realizar achegas ou modificacións no tramado do núcleo urbano carballés incluído na documentación para a aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Segundo explica a Concelleira de Urbanismo e Planificación Urbana, Milagros Lantes, o grupo de goberno coincidiu na gran maioría das apreciacións reflectidas no informe elaborado polo arquitecto municipal, a meirande parte relacionadas con cuestións técnicas. Así mesmo, o resto dos grupos expuxeron algunhas das súas propostas, aínda que outros lles farán chegar outras novas ao equipo redactor nos próximos días. O debate sobre a supresión dalgunhas vías ou a creación doutras novas centrou parte da xuntanza. Acordouse a celebración dunha nova comisión o xoves 11 de outubro, cando o equipo redactor expoñerá se as recomendacións dos distintos grupos poderán ser incluídas no planeamento. Así mesmo, nesa xuntanza principiarase coa análise do medio rural. A cita estivo presidida polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e contou coa presenza, ademais de Lantes, do arquitecto municipal e de membros do equipo redactor, do Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; dos concelleiros Alberto Sueiro e Juan Carlos Castro polo PP; de Manuel Andrade por TEGA; e de José Antonio Viña polo PSOE.

O Concello e o Museo do Carnaval de Montevideo subscriben un protocolo para intercambiar información e compartir actividades

O ALCALDE RECIBIU A GRACIELA MICHELINI, XERENTE DO ORGANISMO

O Concello e o Museo do Carnaval de Montevideo subscriben un protocolo para intercambiar información e compartir actividades

Martes 25 de setembro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir na Casa do Concello a Graciela Michelini, coordinadora xeral do Museo do Carnaval de Montevideo, que visita Galicia por primeira vez para divulgar o labor desta institución que conserva, exhibe, difunde e valora os obxectos e tradicións que forman parte da máxima festa popular do Uruguai. Despois dun intercambio de agasallos, a maioría libros, Ferrero e Michelini asinaron un protocolo de colaboración entre o Concello e o Museo para desenvolver no futuro actividades conxuntas e realizar intercambios de información entre as dúas institucións. Michelini explicoulle ao rexedor as claves do labor no Museo, xestionado a través dun fideicomiso, e que conta cun total de nove traballadores sendo Michelini a responsable da xerencia. Para describir a importancia do Carnaval uruguaio, Michelini subliña que "reúne máis xente en 45 días que o fútbol en todo o ano". O Museo pretende fortalecer aínda máis a participación social na festa. Desa forma sae á rúa para relacionarse coa cidadanía e traballar nos barrios máis desfavorecidos, mantendo o Carnaval como algo vivo e contribuíndo a xerar a idea de que "a cultura tamén é unha parte importante para o desenvolvemento". O Alcalde interesouse por aspectos concretos do traballo no Museo, un labor eminentemente práctico xa que os datos recompilados logo atopan aplicación na realización de obradoiros e actividades, aproximando os achados á cidadanía.

Esgotados nunha hora os 160 bonos para as funcións de sala do Festival Internacional Outono de Teatro 2012

O 1 DE OUTUBRO PRINCIPIA A VENDA DE MINIBONOS E ENTRADAS

Esgotados nunha hora os 160 bonos para as funcións de sala do Festival Internacional Outono de Teatro 2012

Martes 25 de setembro do 2012

En menos dunha hora, desde que ás 9.00 se abriu a venda a través da plataforma servinova.es, e tamén no teléfono 902 504 500, esgotáronse a totalidade dos 160 bonos para asistir ás nove representacións de sala do XXI Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Esta é a primeira edición na que os organizadores do Festival habilitan a televenda para mercar os bonos, minibonos e entradas soltas o que, á vista dos resultados, se confirma como unha canle de acceso universal e equitativa para os usuarios que, desde a súa propia casa ou desde o lugar onde estean, poden iniciar o proceso de compra en calquera momento do día. Dos 160 bonos postos á venda, o 66,25 por cento deles adquiríronse por Internet e o resto, o 33,75 por cen, a través do teléfono. A recollida dos bonos pode facerse na entidade de NovaGalicia Banco que o usuario elixira durante o proceso de compra ou na taquilla do Pazo da Cultura os días de función. No caso das entradas soltas, a aplicación permitirá a impresión do billete no mesmo momento. As entradas soltas e do Ciclo OTNI e os minibonos do Programa de sala tamén estarán dispoñibles a través de <www.servinova.es> ou no 902 504 500 desde o luns 1 de outubro ás 9.00 horas. Os minibonos tipo A, poderanse comprar entre o 1 e o 5 de outubro e os tipo B, ata o 17 de outubro.

Luz verde no pleno para a aprobación inicial dunha modificación da taxa de lixo e para o contrato de xestión do servizo

SAEN ADIANTE UNHA OPERACIÓN DE PRÉSTAMO E O PLAN DTC 94

Luz verde no pleno para a aprobación inicial dunha modificación da taxa de lixo e para o contrato de xestión do servizo

Martes 25 de setembro do 2012

O pleno da corporación vén de dar luz verde na sesión ordinaria do mes de setembro á aprobación inicial dunha modificación da Ordenanza fiscal número 6 da taxa de lixo para 2012. O cambio supón unha suba dun 2,5 por cento na taxa para vivendas, un incremento inferior ao do IPC, estimado xa nun 2,7 por cento para este período. No que respecta ao lixo de establecementos comerciais, o líder do PSOE, José Antonio Viña, foi o encargado de elaborar un baremo e de crear novas fórmulas que permitan a aplicación de taxas que o goberno considera máis progresivas. Coas modificacións, sube o importe que abonan os bancos por metro cadrado, ou o dos grandes autoservizos como Froiz, Día, Gadis, etc. e establecementos que xeran un elevado nivel de residuos, como os almacenistas de alimentación. Porén, baixan outras taxas como as das perruquerías, froitarías, carnizarías ou panadarías. A modificación saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e do PSOE. No que respecta á xestión do lixo, aprobouse por unanimidade o contrato de xestión do "Servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e Canceira do Concello de Carballo". A proposta da mesa de contratación é a adxudicación do servizo por un prazo de 16 anos e por un importe de 740.746,57 euros cada anualidade á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Urbaser e Servicios Gallegos de Lacería SL.

Carballo busca fondos europeos para participar no proxecto LIFE + 2012 xunto coa USC e os concellos de Allariz e Ribadeo

O OBXECTIVO DA INICIATIVA É SENSIBILIZAR SOBRE O MEDIO AMBIENTE

Carballo busca fondos europeos para participar no proxecto LIFE + 2012 xunto coa USC e os concellos de Allariz e Ribadeo

Luns 24 de setembro do 2012

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar unha solicitude para participar no proxecto da Unión Europea LIFE + 2012, unha iniciativa na que a administración local participaría xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os concellos de Allariz (Ourense) e Ribadeo (Lugo). Entre os obxectivos específicos da convocatoria está o de Información e Comunicación LIFE +, que ten como cometido o de divulgar información e fomentar a sensibilización acerca de temas medioambientais, con especial atención á prevención de incendios forestais, ademais de de apoiar medidas como a difusión de información e de actividades, o desenvolvemento de campañas de comunicación ou a celebración de conferencias e actividades formativas, incluída a formación en prevención de incendios forestais. A Xunta de Goberno acordou presentar diante da Comisión Europea unha proposta para participar neste proxecto, no que se levarían a cabo actividades concretas como a de crear un folleto sobre biodiversidade, realizar visitas de intercambio entre os tres concellos participantes, realizar obradoiros sobre técnicas gandeiras e biodiversidade, celebrar un congreso sobre esta temática, executar un estudo ambiental, realizar enquisas de seguimento, realizar un documental ou desenvolver unha páxina web. A convocatoria recolle que a data na que podería principiar o proxecto sería o 1 de xullo de 2013, sendo a duración do programa ata 2016.

Catro estreas, tres delas en Galicia, e dous Premios do público nun FIOT crítico e centrado nos problemas do século XXI

NOVO SISTEMA DE VENDA DE ENTRADAS: A TRAVÉS DE SERVINOVA.ES

Catro estreas, tres delas en Galicia, e dous Premios do público nun FIOT crítico e centrado nos problemas do século XXI

Sábado 22 de setembro do 2012

"Unha proposta artística irrefutable" e "impresionante". Así resume Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do festival xunto co Concello de Carballo, o programa do FIOT 2012. Máis de 30 espectáculos teatrais repartidos entre a Rúa dos Contos, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), as funcións de sala e a animación de rúa, que se verán apoiados por numerosas actividades paralelas. Segundo Sueiro, os criterios para a selección de propostas son a "calidade dos espectáculos" e o "apoio incondicional ao teatro galego", este ano de novo cunha coprodución, desta volta con Talía Teatro. Nomes como Els Joglars, Carmen Machi, Alberto San Juan, Guillermo Toledo ou Tantakka encherán o auditorio do Pazo da Cultura. Todos arredor dun fío conductor, os cambios que acompañan ao século XXI, no que o FIOT tamén cumpre 21 anos, propoñendo unha reflexión sobre as mudas sociais, económicas, políticas e culturais ás que asistimos. Ademais, a maior novidade desta edición na que o FIOT acada unha segunda maioría de idade, é o cambio no sistema de venda de entradas. O motivo, "eliminar os problemas de anos anteriores" e "facilitar que o público adquira as localidades da mellor maneira posible". Así, a partir que agora xestionarase todo unicamente a través da televenda por Internet en <www.servinova.es>; e tamén no teléfono 902 504 500.

O pleno aborda a aprobación dunha operación de préstamo por 900.000 euros e a adxudicación do servizo de recollida de lixo

O PLAN PROVINCIAL SUPORÁ MELLORAS EN CAMIÑOS E NO SANEAMENTO

O pleno aborda a aprobación dunha operación de préstamo por 900.000 euros e a adxudicación do servizo de recollida de lixo

Venres 21 de setembro do 2012

A corporación carballesa celebra o luns 24 de setembro una sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día e a aprobación dunha operación de préstamo en 2012 por un importe de 900.000 euros. O motivo da realización desta operación é a liquidación do orzamento de 2011, que contou cun remanente de tesourería negativo de 1.801.326,55 euros, xa que a lei esixe que se tomen medidas para corrixir esa situación. Hai que lembrar que ese remanente vén dado por unha situación conxuntural, segundo explica un informe emitido por Intervención e Tesourería, xa que o Concello está pendente de recibir 2.798.717,77 euros, así como 401.378,74 euros de fondos FEDER (Fondeo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes con dúas certificacións polas obras do Fórum Carballo. A pesares de que o Concello ten recibido unha notificación por parte do Goberno de España de que os fondos para abonar esta cantidade será liberados por Bruxelas de xeito inmediato e poderían chegar ás arcas municipais antes dun mes, o préstamo debe formalizarse igualmente por motivos de equilibrio orzamentario. Xa que a cantidade que se debe equilibrar é de 1.801.326,55, ademais do préstamo por 900.000 euros, o Concello deberá sufragar os outros 901.326,55 a través de superávit no orzamento de 2013. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que, a pesares desta operación de crédito, a carga financeira do Concello é de tan só dun 6,32 por cento, moi lonxe do tope legal do 25 por cento.

A Fundación Luís Calvo Sanz aposta pola cultura co apoio á XXI edición do Festival Outono de Teatro de Carballo

ESTRÉASE COMO PATROCINADORA DO FIOT

A Fundación Luís Calvo Sanz aposta pola cultura co apoio á XXI edición do Festival Outono de Teatro de Carballo

Xoves 20 de setembro do 2012

A Fundación Luís Calvo Sanz será unha das entidades patrocinadoras da XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro. A entidade carballesa que promove a familia da multinacional Conservas Calvo mostra así o seu apoio a un dos eventos teatrais máis salientables do noroeste peninsular, sendo ademais unha das súas primeiras accións de mecenado dende a súa recente constitución. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, considera que a elección do Outono de Teatro coma o primeiro proxecto cultural no que inviste a Fundación Calvo é "unha aposta decidida e un compromiso de futuro coa cultura, cun festival consolidado coma o FIOT e coas inquedanzas da xente de Carballo e de toda a Costa da Morte". A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, entidades organizadoras do FIOT, manifestan o seu agradecemento á Fundación Luís Calvo Sanz e danlle a benvida para integrarse de pleno na promoción dun dos eventos teatrais máis importantes actualmente na nosa comunidade. Nestes tempos difíciles de crise económica, tamén é de resaltar, máis que nunca, o forte compromiso das administracións que mantiveron os seus apoios ao Festival Outono de Teatro, así como o de patrocinadores privados, empresas e comerciantes carballeses.

Carballo celebra unha nova edición da Oktoberfest con cervexa, comida típica bávara e actuacións musicais durante catro días

ENTRE O 27 E O 30 DE SETEMBRO NA CONTORNA DA RÚA PERÚ

Carballo celebra unha nova edición da Oktoberfest con cervexa, comida típica bávara e actuacións musicais durante catro días

Xoves 20 de setembro do 2012

A festa máis coñecida e internacional da cervexa, a Oktoberfest, cumpre en Carballo a súa terceira edición neste ano 2012. Comida típica bávara, cervexa e música para amenizar a festa durante toda a tarde e a noite. Este ano a cita celébrase os días 27, 28, 29 e 30 de setembro na explanada da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses. Dentro da carpa climatizada están programadas cada día actuacións musicais en directo, concertos e sesións de dj, ademais da degustación de produtos típicos alemáns xunto coa cervexa Paulaner. Así mesmo, está previsto habilitar unha zona infantil para o entretemento dos máis cativos e cativas. Os principais pratos e produtos que se poden encontrar na Oktoberfest van dende salchichas ata patacas fritidas ou albóndegas. Así, está o hot dog xigante, con salchicha alemá de 50 centímetros de longo que se complementa con diversas salsas, leituga, cebola, etc.; hot dog alemán, un combinado de salchichas alemás de diversos tipos e acompañadas de puré entre diversas gornicións; e cocktail de salchichas, patacas fritas, albóndegas de atún, etc. Está por confirmar a dispoñibilidade de racións de callos. A carpa estará aberta cada día a partires das 18.00 horas e ata ben entrada a noite, excepto o día da apertura, o xoves 27, en que será a partires das 20.00 horas.

Els Joglars pecha a XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro coa montaxe "El Nacional"

É A PRIMEIRA VISITA AO FESTIVAL DA COMPAÑÍA CATALANA

Els Joglars pecha a XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro coa montaxe "El Nacional"

Mércores 19 de setembro do 2012

Els Joglars, a compañía privada máis estable e lonxeva de Europa, trae ao XXI Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) a montaxe "El Nacional". Segundo se fixo público a semana pasada, este será o último espectáculo que dirixirá o dramaturgo Albert Boadellla quen, xunto con Carlota Soldevila e Antón Font, constituíu o grupo teatral en 1962 en Cataluña, hai agora 50 anos. Esta é a primeira vez que Els Joglars visita o Outono de Teatro. Para a organización do festival é todo un orgullo acoller a unha das compañías máis emblemáticas de España que desde a súa fundación segue mantendo a súa relevancia. Neste medio século, o grupo destacou pola súa constante actitude crítica directamente relacionada coa realidade máis inmediata e por combinar a investigación e a vangarda coa popularidade, xa que os seus espectáculos sempre tiveron o recoñecemento de público e de crítica. "El Nacional" é unha sátira demoledora sobre a cultura elitista, a crise nos teatros e o malgasto da clase política estreada en 1993, xusto durante outra crise. Esta montaxe pecha o programa de sala do FIOT 2012 o mércores 31 de outubro.

Compartir: