Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 5 de agosto a segunda proba do Campionato Galego de Quadcross

A PARTIRES DAS 15.30 HORAS ADESTRAMENTOS E CARREIRAS

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 5 de agosto a segunda proba do Campionato Galego de Quadcross

Mércores 1 de agosto do 2012

Un total de 17 pilotos compiten o domingo 5 de agosto na segunda proba do Campionato Galego de Quadcross que se celebra no Circuíto de Motor de Bértoa. Daniel Remuiñán e Alejandro Barca, dous pilotos da escudaría organizadora, Norte Motor, conforman a participación local nunha cita na que o primeiro é o favorito para a victoria, xa que, aos seus 16 anos, está clasificado en primeiro lugar tanto no Campionato Galego como no Campionato de España. A cita conta con dúas categorías Q1 e Q2, ademais de iniciación, e comeza ás 11.30 horas coas verificacións técnicas. Porén, até as 15.30 horas non principian os adestramentos cronometrados, aos que seguirán as carreiras. A entrega de premios está prevista para as 18.00 horas. Luís Remuiñán, de Norte Motor, quixo invitar a todos os veciños e veciñas a que asistan á proba, xa que, como chanceaba, non está previsto que faga demasiado sol durante a fin de semana, co cal o Quadcross pode ser unha alternativa perfecta para a praia. Tamén quixo subliñar o feito de que a organización, para favorecer a asistencia, ten previsto permitir a entrada gratuíta para nenos e nenas menores de 12 anos. A entrada para o público en xeral ten un custe de 5 euros e na cita colabora o Concello a través de Carballo Deporte.

A mesa de contratación propón á empresa Urbaser para asumir a concesión do servizo de recollida de lixo do Concello

O IMPORTE ANUALE É DE 740.000 EUROS CON IVE

A mesa de contratación propón á empresa Urbaser para asumir a concesión do servizo de recollida de lixo do Concello

Martes 31 de xullo do 2012

A mesa de contratación que rexe o Concurso para a Concesión do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo mantivo unha xuntanza o luns 30 de xullo trala que se propón á empresa Urbaser para asumir a xestión do servizo durante os próximos 16 anos. Unha vez coñecida a resolución da mesa de contratación, despois de varias horas de xuntanza e unha vez comprobada toda a documentación, será o pleno da corporación o que ratifique a adxudicación, que tería un importe anual de 740.746,57 euros, IVE incluído, o que supón unha baixa de 31.000 euros sobre o prezo de licitación, de 771.992,36 euros. Entre as melloras ofertadas por Urbaser, hai que subliñar o aumento do horario do Punto Limpo e a Canceira Municipal; a creación de accesos para minusválidos en determinados colectores; un incremento no número de colectores obrigatorios que esixe o prego de condicións; o incremento nos tempos de recollida de envases, papel e vidro na zona rural; e unha mellora tecnolóxica coa presenza dun camión bicompartimentado, que permite recoller á vez envases e papel na zona rural. O proceso para a adxudicación do servizo de recollida de lixo principiou en xaneiro de 2012 con varias reunións dos voceiros municipais cos técnicos para analizar as principais claves da documentación, que conta con máis de 230 páxinas. O contrato foi aprobado nun pleno en marzo deste ano.

Felicitación aos dous axentes da Policía Local que colaboraron nas detencións por un intento de roubo na Horta do Casino

SUBLÍÑANSE OS SEUS DOTES PROFESIONAIS E POLICIAIS

Felicitación aos dous axentes da Policía Local que colaboraron nas detencións por un intento de roubo na Horta do Casino

Martes 31 de xullo do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir unha comunicación do Ministerio do Interior, a través da Comandancia da Coruña da Dirección Xeral da Garda Civil e asinada polo Tenente Coronel Xefe Accidental, Jorge González Veiga, na que se felicita aos dous axentes da Policía Local que colaboraron nas investigacións e na detención de tres dos presuntos autores dunha tentativa de roubo dun vehículo e agresión no aparcadoiro público da Horta do Casino da capital municipal o pasado mes de marzo. As persoas detidas foron acusadas dun presunto delicto de roubo con violencia en grado de tentativa, dun suposto delicto de atentado a un axente e doutro de resistencia grave a axentes. Segundo a misiva, os dous axentes prestaron durante as investigacións realizadas nos días seguintes ao suceso "unha activa e valiosa colaboración", poñendo de manifesto os seus "dotes policiais e alto espírito profesional". Así, a Garda Civil desexa facer chegar a estes axentes a súa felicitación, "pola encomiable dedicación e espírito de cooperación demostrados, virtudes que contribuíron ao éxito do servizo, prestixiando, ao mesmo tempo, á Unidade á que pertencen". O Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, xa ten remitido aos interesados esta felicitación oficial da Dirección Xeral da Garda Civil.

Unanimidade do pleno para dúas mocións: unha suprime a paga extra dos concelleiros con dedicación e outra apoia aos gandeiros

LUZ VERDE AO CONTRATO DO ENSINO DE VIOLÍN PARA O CONSERVATORIO

Unanimidade do pleno para dúas mocións: unha suprime a paga extra dos concelleiros con dedicación e outra apoia aos gandeiros

Martes 31 de xullo do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo celebrada o luns 30 supuxo a aprobación por unanimidade do pleno da corporación da supresión da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 aos cargos electos do Concello de Carballo que contan con retribución pola súa dedicación exclusiva, que son o Alcalde, Evencio Ferrero, a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo. A medida supón unha redución dun 7,14 por cento nos ingresos anuais para estes catro membros da corporación. Tamén por unanimidade aprobouse unha moción presentada en nome dos sindicatos agrarios (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores) para reivindicar ante a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura un prezo do leite igual ao do resto das comunidades autónomas, xa que en Galicia é o máis baixo de todo o Estado e incluso da Unión Europea. Así, en abril de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,9 euros por cada 100 litros, que está un 5,68 por cento por baixo do prezo medio estatal e un 15,06 por cento por baixo do que perciben os produtores andaluces.

Carballo rexistra en 2011 máis de 1.200 doazóns de sangue, cun incremento dun 10 por cento respecto do ano anterior

CAMPAÑA NA PRAZA DO CONCELLO ENTRE O 2 E O 4 DE AGOSTO

Carballo rexistra en 2011 máis de 1.200 doazóns de sangue, cun incremento dun 10 por cento respecto do ano anterior

Luns 30 de xullo do 2012

O Concello de Carballo rexistrou durante o ano 2011 un total de 1.242 doazóns de sangue, o que supuxo acadar unha taxa de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). O incremento respecto a 2010 foi dun dez por cento, crebándose así a tendencia no conxunto de Galicia, en que as doazóns descenderon nun 1 por cento. Son datos expostos pola representante do Centro de Transfusión de Galicia, Ángeles Pazos, que quixo agradecer o labor do Concello nas tarefas de chamamento cidadá que se realizan cada ano e que se intensifican especialmente no verán. Así, baixo o lema "Este verán salva vidas. O teu sangue é vida. Compártea", o xoves 2, venres 3 e sábado 4 de agosto unha Unidade Móbil do CTG estará situada na Praza do Concello para contribuír a manter o número de doazóns en 2012. Esta presenza verase complementada por unha campaña coordinada polo Concello, Protección Civil e socorristas pola que se repartirán 500 tarxetóns informativos, ademais de que se usarán as megafonías das praias do municipio para informar do desenvolvemento desta iniciativa e que a veciñanza poidan contribuír a que moitos enfermos recuperen a súa saúde. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou a súa satisfacción por "comprobar que Carballo é un concello solidario".

Máis de 65 carballeses e carballesas maiores de 60 anos participan en actividades lúdicas na Universidade do Minho

ENTRE O 30 DE XULLO DE 0 31 DE AGOSTO

Máis de 65 carballeses e carballesas maiores de 60 anos participan en actividades lúdicas na Universidade do Minho

Sábado 28 de xullo do 2012

O Concello de Carballo a través do departamento de Servizos Sociais, informa de que un total de 67 veciños e veciñas maiores de 60 anos participan en Portugal durante o mes de agosto nunhas sesións lúdicas e charlas informativas transfronteirizas sobre hábitos de vida saudables. A actividade enmárcase no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal a través da iniciativa "Envellecemento + Activo" e está financiada con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) da Unión Europea. Neste programa, os Servizos Sociais da Universidade do Minho levarán a cabo a organización de programas semanais para grupos de 100 persoas durante o mes de agosto de 2012. O programa de traballo consiste en: "Mañás activas" con conferencias sobre a "vida activa", "a saúde e a actividade física" e "a saúde e a nutrición"; "Tardes culturais" con visitas guiadas a diferentes lugares das cidades de Braga, Guimarães e Esposende; e "Noites libres", con paseos curtos, actividades de socialización e de ocio. Cada grupo componse de 50 persoas maiores de 60 anos da rexión de Galicia e técnicos acompañantes e 50 do norte de Portugal, que foron seleccionados de entre os concellos asociados involucrados no programa "Envellecemento + Activo", selección realizada en Carballo coa axuda do departamento de Servizos Sociais.

O pleno da corporación aborda a supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012 para os cargos electos con retribución

DEBATERASE UNHA MOCIÓN SOBRE OS RECORTES NO RÉXIME LOCAL

O pleno da corporación aborda a supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012 para os cargos electos con retribución

Venres 27 de xullo do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo, que se celebra o luns 30, conta entre os asuntos da orde do día coa supresión da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 aos cargos electos do Concello de Carballo que contan con retribución pola súa dedicación exclusiva, que son o Alcalde, Evencio Ferrero, a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo. Aínda que a supresión da paga aos traballadores da administración corre a cargo do Estado, dado que as retribucións dos concelleiros reciben a súa aprobación no pleno da corporación, debe ser o mesmo organismo o que dea luz verde á resolución sobre a paga extraordinaria. A medida supón unha redución dun 7,14 por cento nos ingresos anuais para os catro membros da corporación con dedicación exclusiva. Outro dos puntos da orde do día supón a modificación dos integrantes da Mesa Local de Comercio para adaptar a súa composición ás novas directrices establecidas pola Xunta. Así, a representación municipal recollía a presenza de dous membros do grupo de goberno e un do grupo maioritario da oposición. A partir de agora haberá un de cada grupo: o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, polo BNG; e o concelleiro Miguel Ángel Ferreiro, polo PP.

O Fórum estrea a súa oferta formativa desenvolvendo dous cursos de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados

ESTÁN INCLUÍDOS NO PLAN AFD DA XUNTA DE GALICIA

O Fórum estrea a súa oferta formativa desenvolvendo dous cursos de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados

Xoves 26 de xullo do 2012

O Concello de Carballo vén de recibir a notificación da Consellería de Traballo e Benestar pola que se aproba o desenvolvemento de dous cursos de formación ocupacional incluídos no Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia. Trátase de dous accións formativas de Soldador de Estruturas Metálixas Lixeiras de 653 e 458 horas de duración que se desenvolverán no Fórum Carballo a partires do mes de agosto. Así, a administración local axilizará os cursos o máximo posible xa que deben estar rematados no mes de decembro. Entre o orzamento de formación e o módulo de axudas as actividades teñen unha subvención de 168.461,65 euros. Hai que lembrar que na programación do Fórum xa se tiña concretado a celebración o luns 6 de agosto dun Curso de formación inicial en prevención de riscos laborais do sector da construción, do metal e do vidro, cunha duración de 8 horas presenciais e nun horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Organizado polo Concello carballés, en colaboración coa empresa Bergantiños Solucións Laborais SL, o curso está dirixido a persoas desempregadas ou ben traballadores en activo, principalmente nestes sectores, que desexen tramitar, unha vez finalizada a formación, a tarxeta profesional da construción (TPC).

The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide compoñen na Praza do Concello a "banda sonora" do Verán Cultural

VENRES 27 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide compoñen na Praza do Concello a "banda sonora" do Verán Cultural

Martes 24 de xullo do 2012

A programación do Verán Cultural no mes de xullo remata co concerto da Orquestra Sinfónica de Melide e o grupo de rock carballés The Cerne que presentan "Bandas Sonoras", unha proposta na que o público gozará das melodías máis célebres do cine. Apoiados polo Ballet Atlántico e os solistas Susana de Lorenzo, Alberto Cunha, Irene Ruiz e Belén Rey e dirixidos por Fernando V. Arias poñerán en escena un entretido programa para todos os públicos. Con esta atractiva proposta musical, que combina a música clásica co rock e coa danza, o Concello de Carballo contribúe á celebración dos 25 anos da creación da edición en Carballo de La Voz de Galicia, que colabora coa organización deste concerto. The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide xa visitaron o ano pasado o Pazo da Cultura coa súa "Gala Americana", que tivo grande éxito entre o público asistente debido á animada combinación entre gospel, rock e unha selección de cancións e temas de musicais moi coñecidos. Neste caso, o concerto trasládase á Praza do Concello e ten lugar o venres 27 de xullo ás 22.30 horas. A cita é de balde, como todas as incluídas do Verán Cultural 2012, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Xunta de Galicia, ademais do Concello carballés e La Voz de Carballo.

Veciños e veciñas de Carballo acollen a cinco nenos e nenas saharauis durante o verán a través do programa "Vacacións en paz"

RECEPCIÓN DO ALCALDE NA CASA DO CONCELLO

Veciños e veciñas de Carballo acollen a cinco nenos e nenas saharauis durante o verán a través do programa "Vacacións en paz"

Venres 20 de xullo do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu na Casa do Concello a un grupo de cinco nenos e nenas saharauis que a través do programa "Vacacións en paz" están pasando os meses de xullo e agosto con familias de acollida do municipio. A iniciativa desenvólvese a través dun convenio entre a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e o Concello de Carballo. Mediante este acordo, a administración local selecciona as casas de acollida entre quen o solicite a través do departamento de Servizos Sociais e abona o billete de ida e volta dende Tindouf (Alxeria) a Santiago de Compostela, así como o traslado dende o aeroporto e o seguro de responsabilidade civil, colectivo e de repatriación de tres dos cativos e cativas. O convenio establece que de haber máis beneficiarios -como neste caso, con dous máis- é a ONG quen asume os seus gastos. O programa "Vacacións en paz" preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estadía agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauis. Trátase, xa que logo, de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos ás súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento co Pobo Saharaui.

O VIII Curso de Verán "Traballando en lingua" conclúe que cómpre consolidar a normalización lingüística como causa xusta

UN DOS OBXECTIVOS SERÁ APOSTAR POLAS INICIATIVAS LOCAIS

O VIII Curso de Verán "Traballando en lingua" conclúe que cómpre consolidar a normalización lingüística como causa xusta

Venres 20 de xullo do 2012

O Fórum Carballo vén de acoller o peche do VIII Curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que este ano, no que visita Carballo por quinta vez, centrouse na Xustiza social e a normalización do galego. Durante a última xornada expuxéronse algunhas das conclusións que se tiraron non só durante os relatorios do curso, senón tamén nas mesas redondas e grupos de traballo levados a cabo entre o mércores 18 e o venres 20 de xullo. Entre as ideas, entresacáronse algunhas fundamentais, como o feito de que cómpre consolidar a normalización lingüística como unha causa xusta, ou a necesidade de coidar aos falantes de galego existentes, e non só desenvolver campañas para captar falantes novos. Así, os asistentes subliñan que é necesario crear un discurso positivo de defensa da lingua se renunciar a defender a súa igualdade e afondaron en temas como as novas tecnoloxías, xa que hai que loitar para que o uso de programas informáticos e software en galego non supoña un sobre esforzo para o usuario. Así mesmo, Goretti Sanmartín, directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC e coordinadora do curso, subliñou a necesidade de "apostar polas pequenas, moitas e moi diversas iniciativas locais" a prol do galego para intentar tecer "unha rede".

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

NA EXPLANADA: SÁBADO 21 E DOMINGO 22 DE XULLO

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

Xoves 19 de xullo do 2012

A explanada da praia de Razo acolle o sábado 21 e o domingo 22 de xullo o Campionato Galego absoluto de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando que reunirá en Carballo a máis de 130 deportistas de oito clubes de toda Galicia. Deles, 80 están inscritos en categoría masculina e 50 en categoría feminina, sendo o club que máis competidores achega o SAPO de Pontevedra e con arredor de 30 participantes procedentes dos clubs de Carballo: o SAL e o SYSCA. Precisamente SYSCA (Salvamento e Socorrismo Carballo) é a entidade encargada da organización coa colaboración do Concello. A proba desenvólvese o sábado e o domingo a partires das 9.00 horas, alternando o sábado probas masculinas e femininas e deixando para a segunda xornada unha das probas máis espectaculares, o taplin, na que se realizan relevos de nado, táboa, ski e unha carreira final para entrar na meta. A entrega de premios está prevista para o domingo ao mediodía. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou a confluencia na mesma fin de semana de espectáculos como o Festival Sereas e Piratas ou de deportes como o volei-praia, o surf e o salvamento. Quixo pedir desculpas por adiantado polas posibles molestias para os usuarios/as do areal.

Compartir: