O OBXECTIVO É ACADAR A DINAMIZACIÓN ECONÓMICA
Venres 15 de xuño do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela Bardanca, veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, fomento da emprendeduría e consolidación de empresas no municipio. A finalidade do acordo é a de establecer un marco de colaboración entre as entidades para o desenvolvemento da cultura emprendedora; de accións comunicativas conxuntas; de accións de asesoramento, formación, información, organización e promoción; de dinamización da actividade asociativa, coa colaboración e cooperación empresarial así como de coordinación institucional e empresarial; e para a celebración de eventos dinamizadores. A vixencia do convenio é até o 31 de decembro de 2012, e entre as actividades concretas especificadas que se desenvolverán entre as dúas partes destaca a celebración das Xornadas de Enerxías Renovables, a organización de eventos dinamizadores e publicitarios ou a elaboración de guías, webs, sinalizacion e catálogos xunto co Concello, ata un máximo de 10.000 euros. O acordo implica, así mesmo, a creación dunha Comisión de seguimento que estará formada polo presidente e o vicepresidente de Axober, polo Concelleiro delegado de Promoción Económica e polo Alcalde de Carballo
AS OBRAS COMEZARON A PRIMEIROS DE 2012
Venres 15 de xuño do 2012
O Concello de Carballo informa de que están rematados os traballos para crear unha praza pública en Sofán e ampliar o espazo do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. Tan só resta a eliminación dun poste do tendido eléctrico por parte de Unión Fenosa -xa que, despois da obra, o servizo estará soterrado- así como a retirada da caseta de obra. O novo espazo conta con máis de 900 metros cadrados e as obras comezaron a principios de 2012 da man da empresa adxudicataria, Decoraciones J. Bello, que asumiu o proxecto por un importe de 160.219 euros. Os traballos sufriron un lixero atraso no mes de abril debido ás abundantes choivas, pero os veciños e veciñas xa desfrutan dende hai uns días de actividades neste espazo, como durante a celebración das festas do Corpus coa procesión e a elaboración da alfombra floral. En todo caso, a praza estará en perfectas condicións para a celebración das festas de San Salvador a primeiros de agosto. Tamén hai que lembrar que este proxecto está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación da Coruña (POS) de 2011, do que xa están rematadas todas as actuacións, un total de catro.
NA SALA DA BAIXOCUBERTA DO 3º ANDAR
Venres 15 de xuño do 2012
A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 30 de xullo a exposición "Obras por descubrir", unha mostra colectiva de artistas vinculados con Carballo, incluída no programa das festas de San Xoán, coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. Este grupo aglutina a autores de traxectorias moi distintas e de modalidades artísticas que van dende a pintura á escultura pasando pola fotografía ou o gravado. Esta exposición cumpre cinco anos e xa "é unha cita obrigada no programa das festas", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Este ano, a mostra está dedicada ao artista recentemente falecido Alberto Gende, un deseñador gráfico que deixou un legado artístico inesquecible en Carballo producindo a imaxe de campañas comerciais e eventos culturais de diversas entidades, entre elas, do Concello de Carballo, como o Antroido, Venres Culturais, Primavera enDanza, e especialmente o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), para o que traballou realizando os carteis durante 20 anos. O irmán do falecido, Juan Félix Gende, quixo agradecer en nome da familia a lembranza que o Concello e os artistas renden a Alberto, especialmente recordando a súa exposición "Pinturas ocultas", "pola que fixo un esforzo moi grande que ao final pagou a pena". "Obras por descubrir" pode visitarse no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.
DOMINGO 17 DE XUÑO A PARTIRES DAS 10.00 HORAS
Xoves 14 de xuño do 2012
A II Carreira Popular Concello de Carballo que se celebra o domingo 17 de xuño conta cun total de 1.164 persoas inscritas, das que 971 pertencen á categoría absoluta. Así, 75 dos anotados son alevíns, 62 están en categoría infantil, 36 en cadete e 20 en xuvenil, mentres que os 971 restantes compiten con chip no percorrido completo de 10 quilómetros. Estes datos cumpren as expectativas da organización e superan amplamente as cifras da primeira edición celebrada o ano pasado, na que se contou con arredor de 750 corredores. Durante a cita, que principia ás 10.00 horas, está previsto entregar un total de 58 trofeos, entre os que destacan un premio para os primeiros clasificados de Carballo, tanto masculino como feminino; un galardón para o atleta de maior idade ou un para quen acade o récord da proba, que o ano pasado estableceu Manuel Oliver, 'Manute', gañador da carreira e protagonista do cartel deste ano. O Concello de Carballo pide a colaboración expresa do público para facilitar o labor dos 60 voluntarios que coordinan a proba, así como da Policía Local, xa que a cita conta con moitos corredores. Así mesmo, prégase aos participantes que retiren os dorsais con 45 minutos de adianto sobre o horario da carreira para evitar aglomeracións. Os corredores que o desexen, poden consultar o seu número de dorsal premendo aquí.
SÁBADO 16 DE XUÑO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS
Mércores 13 de xuño do 2012
O Circuíto de Motor de Bértoa é o escenario no que se celebra o sábado 16 de xuño o IV Autocross Bergantiños, unha cita organizada por Escudaría Bergantiños Motor coa colaboración da Federación Galega de Automobilismo, o Concello de Carballo a través de Carballo Deporte e a Fundación Deporte Galego da Xunta. Cúmprense catro anos dende a recuperación do circuíto para a competición e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña a satisfacción de que "cada primavera comecen a ruxir o motores en Bértoa". Francisco Rojo, de Bergantiños Motor, informa de que están inscritos xa máis de 50 pilotos nesta proba puntuable para o Campionato Galego, aínda que a organización espera unha participación duns 80 corredores, xa que continúa aberto o prazoaté o 14 de xuño. Unha das novidades desta edición é a presenza da categoría SuperCrossCar, con vehículos de moitos cabalos e grande envergadura. Rojo subliña que hai posibilidade de que pilotos carballeses poidan subir ao podio en todas as categorías (-1600, +1600, CarCross e SuperCrossCar) xa que hai un total de 19 participantes locais que incluso teñen opcións de gañar. Engade que por primeira vez a proba conta con presenza internacional, coa participación de cinco pilotos portugueses. Por último, Rojo resalta que a única "preocupación" da organización é que o tempo acompañe, xa que a pista está nun estado "inmellorable".
SÁBADO 16 E DOMINGO 17 DE XUÑO NO PAZO DA CULTURA
Luns 11 de xuño do 2012
Dentro do programa de actividades das festas de San Xoán 2012, os dous grupos da Aula Municipal de Teatro de Carballo propoñen dúas representacións ben diferentes para animar a fin de semana do 16 e 17 de xuño. Baixo a batuta de Artur Trillo, coñecido director e actor da compañía ceense Talía Teatro, os veciños e veciñas que se acheguen ao auditorio do Pazo da Cultura poderán desfrutar o sábado con "A herdanza", do grupo de segundo ano; e o domingo con "Pequeno retablo de verdades e mentiras", do grupo de terceiro ano (na imaxe). Estas dúas pezas teatrais son unha oportunidade para entreterse e divertirse con textos con plantexamentos totalmente opostos, xa que "A herdanza" conta unha historia actual sobre as dificultades e situacións cómicas que se producen nunha familia a raíz do legado dun testamento; mentres que "Pequeno retablo de verdades e mentiras" é un espectáculo construído con tres entremeses ambientados no Século de Ouro nos que se xoga coa confusión, os enganos, as sorpresas e o humor. O costumbrismo da época reflicte en situacións inesperadas, nas que os personaxes deben afrontar conflitos e tentar saír con ben de toda clase de leas. Ámbalas dúas citas son ás 21.00 horas e a entrada é de balde con invitación ata completar o aforo.
ACTIVIDADES ENTRE O VENRES 15 DE XUÑO E O DOMINGO 1 DE XULLO
Venres 8 de xuño do 2012
Un ano máis o San Xoán chega a Carballo para conmemorar o solsticio de verán e honrar ao patrón da parroquia, unha tradición que se remonta ao século XVII. Segundo explica a Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, trátase dunha cita "moi necesaria para manter a ilusión nestes difíciles momentos". Desta volta o programa inclúe citas habituais dende hai moitos anos, como o Concurso de Cachelas e o Descenso do Anllóns; tradicións recuperadas que cada vez teñen máis peso, como a Festa do Bosque; concertos que regresan tras un pequeno paréntese coma o Rockin; e numerosas citas culturais e deportivas. A presentación principiou coa entrega do premio do Concurso do Cartel de San Xoán 2012. Trátase dunha proposta chea de cor e de animación que representa o máis característico do San Xoán: a cachela. O premio recaeu na pontevedresa María Novas Ferradás, licenciada en arquitectura e afeccionada ao debuxo, ao deseño e á fotografía. Dotado con 450 €, foi entregado por Belén Enríquez como representante de Óptica Enríquez, patrocinadora do concurso dende hai sete anos. A recén estreada presidenta da Comisión de Festas, María José Souto, manifestou a grande "responsabilidade" coa que afrontaron o seu labor, tentando "facelo o mellor que podemos" e "co obxecto de atraer moita xente a Carballo". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu á comisión que asumise o labor de programar os actos "no contexto en que nos movemos", cheo de "axustes". Porén, o San Xoán é tempo de celebracións polo que a presentación rematou co desexo do Alcalde de que "non nos falte o humor e que sempre teñamos un molete na mesa".
O SERVIZO DE SOCORRISMO ENTRA EN FUNCIONAMENTO O 11 DE XUÑO
Xoves 7 de xuño do 2012
O Concello de Carballo contará este verán con dúas Bandeiras Azuis nos areais das Saíñas e Pedra do Sal. Trátase dun distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e que recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, limpeza ou socorrismo. O símbolo da Bandeira Azul recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen as praias, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. O Concello de Carballo tamén quere aclarar que, aínda que a praia de Razo non obtivo a Bandeira Azul este ano, as súas augas son perfectamente aptas para o baño, estando a súa cualificación entre boa e excelente segundo a normativa europea e estatal de calidade das augas. Así mesmo, Razo destaca pola excelencia dos seus servizos (como a accesibilidade, a limpeza, a seguridade, etc.) e os veciños e veciñas poderán disfrutar do baño e do areal este verán.
A CITA É NOS MULTICINES BERGANTIÑOS ÁS 20.30 HORAS
Xoves 7 de xuño do 2012
O equipo da película "Vilamor", que vén de ser proxectada no festival de Cannes (Francia) e mais no de Cans (O Porriño) está de visita en Carballo até o venres 8 de xuño para promocionar o filme e manter encontros cos veciños e veciñas da vila. Así, están programadas unha serie de charlas tanto nos IES Parga Pondal e Alfredo Brañas como no Colexio Artai, ademais dun encontro cos espectadores que ten lugar o xoves ás 21.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo recibir ao equipo na Casa do Concello, onde estiveron presentes o director Ignacio Vilar, a actriz Sabela Arán e o actor Xoel Yáñez. Tamén falaron coa Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, co Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e coa Concelleira de Benestar, Silvana Castro. Despois de asinar no libro de honra, os valedores de "Vilamor" deron un paseo pola feira onde estacionaron un vehículo promocional. Ignacio Vilar quixo agradecer a colaboración do Concello para dar a coñecer o filme, que está ambientado na década de 1970. Segundo explica Vilar, a película pode ser atractiva para varias xeracións xa que "acolle aos que eran novos nos 70" e que agora lembran vellos tempos, "e aos que son novos agora". Para os interesados en vela, a estrea en Carballo (con photocall dende as 20.00 horas) é o venres 8 de xuño ás 20.30 horas nos Multicines Bergantiños.
EXHIBICIÓNS NO PAZO DA CULTURA E NA PRAZA DO CONCELLO
Xoves 7 de xuño do 2012
O sábado 9 e o domingo 10 de xuño Carballo acolle a celebración do III Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira, unha festa na que se lle da un apelido (alcume) aos capoeiristas noveles, ademais de realizarse a troca de cordas: o cambio de graduación (cinto) dos capoeiristas. Estes eventos soen ir acompañados de cursos impartidos por un capoeirista de sona internacional, e neste caso un dos convidados máis recoñecido é Rogerio Araujo de Barros (Profesor Teco), que comezou a practicar esta disciplina en 1987. Os encargados de organizar esta cita, coa colaboración do Concello de Carballo, son Africa Alberti (Graduada África) e Alejandro Pensado (Graduado Patas), que levan dende 2009 impartindo clases en Don Ximnasio e que colaboraron co Padroado Deportivo Municipal nas tres últimas edicións de Xogar na Rúa, sempre con gran atención por parte dos cativos e cativas. Ademais, a súa roda de capoeira formou parte, nos tres últimos anos, do programa de festas de San Xoán, incluso coincidindo en 2011 coa Festa do Bosque. Alejandro Pensado explica que tentan dirixir a actividade a todos os públicos e o obxectivo desta terceira edición do evento é "consolidar a actividade" e abrila para animar á xente a practicar esta disciplina. Está previsto que na celebración da fin de semana participen uns 35 capoeiristas.
SUBSCRIBIRON O ACORDO O PRESIDENTE DO CCA E O ALCALDE
Mércores 6 de xuño do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, Xaime Viqueira, veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto desenvolver medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila e, como consecuencia, para a dinamización da actividade comercial. Trátase dun acordo con vixencia até o 31 de decembro de 2012 que ten como finalidade establecer un marco de colaboración para a modernización do centro urbano de Carballo en aras de conseguir unha contorna de calidade, na que o urbanismo, o comercio e a hostalería teñen a máxima importancia. Algúns dos obxectivos do convenio son a optimización das prazas de estacionamento; a peonalización e semi peonalización de rúas do centro de Carballo; a dotación de mobiliario urbano e sinalización coherente co proxecto Centro Comercial Aberto; ou a promoción e innovación en xeral do comercio local. Entre as actuacións concretas previstas no acordo, hai que subliñar a organización de Xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, a elaboración do Catálogo do CCA, a realización de enquisas sobre a actividade comercial, o desenvolvemento de medidas que contribúan a mellorar o servizo ao cliente e a imaxe comercial, ou accións publicitarias e de promoción.
RETÍRASE O EXCESO DE VEXETACIÓN E LIBÉRASE A CANLE DO RÍO
Martes 5 de xuño do 2012
O Concello de Carballo a través da Concellaría de Obras e Servizos, que dirixe Luís Lamas, e da de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, informa de que principiaron esta semana os traballos de limpeza das marxes do río Anllóns nos máis de sete quilómetros que suman as dúas beiras do Paseo que transcorre entre o Muíño do Quinto e o cemiterio de Bértoa. Os traballos, realizados pola Brigada de Obras e Medio Ambiente, céntranse en despexar a canle e en retirar a maleza na zona exterior en tres metros a cada marxe da corrente. Así mesmo, e de cara ás festas de San Xoán, procederase a limpar a contorna do Bosque do Añón. Deste xeito, a zona estará lista para as diferentes actividades que aí se celebran durante os días do patrón, dende o Descenso do Anllóns ata a Festa do Bosque. Por outra banda, a administración local prega aos veciños e veciñas que fagan bo uso do Paseo e que respecten a vexetación, absténdose de arrincar as pequenas plantas que se poden atopar na súa contorna. A Concellaría de Servizos tamén informa de que a Brigada principiou esta semana cos traballos para despexar as cunetas das estradas de acceso aos núcleos do municipio e para limpar as beirarrúas da capital municipal, uns labores que se repiten habitualmente a primeiros do mes de xuño e que se prolongan até o mes de setembro. Estas dúas actuacións están incluídas dentro do programa de mantemento de espazos públicos do Concello.