Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
As cachelas, Chenoa, as verbenas, o descenso do Anllóns e a Festa do Bosque: protagonistas na Semana Grande de San Xoán

DO 23 AO 26 DE XUÑO

As cachelas, Chenoa, as verbenas, o descenso do Anllóns e a Festa do Bosque: protagonistas na Semana Grande de San Xoán

Xoves 23 de xuño do 2011

Chenoa volve a Carballo despois de case unha década no concerto central das Festas de San Xoán. Unhas festas nas que as verbenas, a música, as procesións, as cachelas e o descenso do Anllóns son, unha vez máis, protagonistas no programa de actividades ademais das citas deportivas, como a Carreira Ciclista Trofeo de San Xoán ou o Torneo de fútbol de peñas. O punto de partida marcouno o pregón do día 22, no que o músico e cantante de Berrogüetto, Xabier Díaz, mesturou música e canción, palabras e aturuxos, defendendo no seu discurso o folclore local e as asociacións que o preservan e difunden, ademais de falar dunha praza de "domingos de feira", do "maneo" de Carballo e dunha festa "que sempre chega, mesmo en tempos de dificultade". O día 23 é a noite meiga co tradicional Concurso de Cachelas que chega este ano a súa XXIV edición, e no que están inscritas 16 cachelas repartidas por diferentes puntos do casco urbano. O xurado comezará o percorrido a partir das 19.00 horas para valorar o traballo dos participantes e poder outorgar os 1.650 euros que hai asignados entre premios e subvencións. Logo a Orquestra Pontevedra tocará nunha verbena na Praza do Concello, a partires das 23.30 horas, caracterizada polo lume das cachelas e o olor a sardiñas. O venres 24, día de San Xoán, a procesión, o concerto da Banda Municipal e a verbena coas Orquestras Aché e Combo Dominicano, centran o programa.

O Concello acondiciona as marxes do Paseo do Anllóns e limpa a ribeira do río ao seu paso pola capital carballesa

OPERARIOS DE ASPABER REALIZAN OS TRABALLOS

O Concello acondiciona as marxes do Paseo do Anllóns e limpa a ribeira do río ao seu paso pola capital carballesa

Martes 21 de xuño do 2011

Unha cuadrilla de operarios do centro especial Aspaber de Carballo está traballando estes días na limpeza do Paseo do Anllóns en todo o seu percorrido pola capital municipal. Os labores consisten na retirada de herbas e vexetación dos bordes do carreiro do paseo de xeito manual, de forma que se evita o emprego de herbicidas prexudiciais. Os traballos, que durante esta semana transcorren no Bosque do Añón, realizaranse nas dúas marxes do río, aínda que comezaron na marxe esquerda río arriba. Ademais da limpeza, está previsto mellorar o firme para facilitar o tránsito pola zona. Dende a Concellaría de Obras e Servizos piden desculpas polas posibles molestias ocasionadas aos veciños e veciñas. Así mesmo, informan de que, co obxecto de non cortar a zona de paso, está previsto que os traballos se realicen aproveitando os treitos entre as pontes, para facilitar desvíos que permitan o paseo. Ademais, o Concello informa de que veñen de rematar os traballos de desbroce da ribeira do Anllóns entre o Cemiterio de Bértoa e o Muíño do Quinto, co obxectivo de acondicionar e limpar a canle do río. Esta actuación está incluída dentro do programa de mantemento de espazos públicos do Concello de Carballo.

Un veterán resulta vencedor na I Carreira Popular Concello de Carballo, que congregou a un millar de corredores

O PADROADO DEPORTIVO MUNICIPAL ENTRA EN FACEBOOK

Un veterán resulta vencedor na I Carreira Popular Concello de Carballo, que congregou a un millar de corredores

Martes 21 de xuño do 2011

O corredor veterán Manuel López, de Oleiros, resultou o gañador absoluto da I Carreira Popular Concello de Carballo que se celebrou o domingo 19 de xuño, cun tempo de 33 minutos e 39 segundos. Na categoría de mulleres, a gañadora foi a sénior Rocío Alvite, de Mazaricos, cun tempo de 42 minutos e 43 segundos. No caso dos corredores de Carballo, o que acadou o mellor posto foi Andrés Eirís, que conseguiu o posto 12 na clasificación xeral; e en féminas foi María Belén Garrido, no posto 10. A competición contou coa participación de arredor dun millar de corredores que encheron as principais rúas da capital municipal carballesa, que foron o escenario para esta gran cita deportiva homologada pola Federación Galega de Atletismo na que correron participantes de alevín, infantil, cadete e xuvenil (con máis de 330 corredores); e de categoría sénior e veteráns (con máis de 660 anotados). Ademais dun éxito de participación, a proba contou cun grande éxito de público, que encheu as rúas do centro para animar aos corredores. Os interesados e interesadas poden consultar a clasificación ao completo en sendos documentos en formato pdf descargables nesta mesma nova.

O VII Curso sobre Normalización Lingüística da UDC propón un espazo de debate real sobre a lingua

NO PAZO DA CULTURA ENTRE O 20 E O 22 DE XULLO

O VII Curso sobre Normalización Lingüística da UDC propón un espazo de debate real sobre a lingua

Luns 20 de xuño do 2011

Carballo acolle un ano máis o Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), que chega á súa sétima edición centrándose na análise dos discursos para a promoción da lingua galega. O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, e o Reitor da UDC José María Barja, veñen de asinar o convenio que permitirá o desenvolvemento desta actividade, que, segundo a directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín, supón un "espazo de debate e de encontro real" para os seus participantes, que conforman grupos de traballo que tiran conclusións de utilidade sobre a política lingüística e a lingua. O curso está organizado pola UDC coa colaboración do Concello, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña e ten lugar os días 20, 21 e 22 de xullo no Pazo da Cultura. O número máximo de persoas que poden acudir a esta iniciativa é de 60, e o prazo de inscrición está aberto até o 8 de xullo. Nestes momentos xa están cubertas a metade das prazas xa que, segundo Sanmartín, "existe un público fiel" que fai que cada ano se cubra o cupo. A matrícula -que custa 50 euros para público en xeral e 30 euros para persoas desempregadas, estudantes ou socias da CTNL-, pode facerse a través do sitio web da Universidade da Coruña (www.udc.es/occ).

Adxudicadas na Xunta de Goberno obras de saneamento en Goiáns e Ardaña por preto de 120.000 euros

AMPLIACIÓN DA REPOSICIÓN DE CAMIÑOS POR 80.000 EUROS

Adxudicadas na Xunta de Goberno obras de saneamento en Goiáns e Ardaña por preto de 120.000 euros

Luns 20 de xuño do 2011

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar os contratos de obra para a "Rede de saneamento e rede de abastecemento de auga en San Lois, parroquia de Ardaña" e para a "Rede de traída de auga e rede de saneamento en Bas, parroquia de Goiáns", por un importe total de 117.329,94 euros, correspondendo 51.382,27 euros ás melloras que se levarán a cabo en Ardaña; e 65.947,67 euros aos traballos en Goiáns. Así mesmo, no caso de Bas as obras serán levadas a cabo por Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, cun prazo de execución acordado de catro meses. Esta actuación está incluída no plan adicional ao Plan de Obras e Servizos (POS) de 2010. No caso do saneamento en San Lois, os traballos serán realizados por Construcciones en Piedra Sigrás, cun prazo de execución de cinco meses. Esta mellora están incluída no Plan de Obras e Servizos 2011. Por último, en materia de expedientes de contratación, a Xunta de Goberno supuxo a adxudicación do contrato de obra de "Ampliación do proxecto de reposición de camiños nas parroquias do Concello de Carballo" a Eulogio Viñal Obras y Construcciones por un prezo de 81.762,14 euros. O prazo de execución previsto é de sete semanas e os traballos están incluídos no Plan de Reinvestimento de Remanentes do PAC-2, da anualidade 2011.

Artistas de Carballo e Bergantiños renden homenaxe á beleza nunha mostra colectiva de fotografía, pintura e escultura

ATÉ O 31 DE XULLO NO TERCEIRO ANDAR DO PAZO DA CULTURA

Artistas de Carballo e Bergantiños renden homenaxe á beleza nunha mostra colectiva de fotografía, pintura e escultura

Xoves 16 de xuño do 2011

A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 31 de xullo unha exposición colectiva de artistas de Carballo e da comarca titulada "A beleza", unha iniciativa que ten o obxectivo de promover e impulsar o patrimonio artístico local. Un total de 16 autores e autoras mostran o seu traballo caracterizado por unha grande heteroxeneidade de técnicas, tanto pictóricas (acrílico, óleo ou pastel), como de fotografía, gravado ou incluso olería; e de estilos, que pasan dende o abstracto ao figurativo ou da imaxe en branco e negro e en cor. A beleza é unha noción abstracta ligada a numerosos aspectos da existencia humana, aspectos que se reflicten na exposición a través e pequenos xestos ou de grandes paisaxes; mediante o monocromatismo ou as explosións de cor; a través da beleza do ser humano ou das sensacións que o conforman. Facendo fincapé no aspecto visual, Tomás de Aquino tamén define a beleza como aquilo que agrada á vista "quae vista placet". Tamén, e debido a que constitúe unha experiencia subxectiva, soe dicirse que "a beleza está no ollo do observador". Precisamente é o ollo destes 16 artistas o que plasma a súa particular visión de beleza, unha viaxe que pode realizarse en horario de 17.30 a 20.30 horas con tan só achegarse ao Pazo da Cultura.

Carballo afonda na formación dos profesionais do turismo cun curso de verán da Universidade da Coruña

APTCM RETOMARÁ A CREACIÓN DUN CONSORCIO NA COSTA DA MORTE

Carballo afonda na formación dos profesionais do turismo cun curso de verán da Universidade da Coruña

Xoves 16 de xuño do 2011

Vén de arrincar esta mañá no Telecentro do Pazo da Cultura de Carballo o curso da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", unha cita que nace coa vocación de converterse nunha convocatoria anual, segundo expresou na apertura o director do curso e decano da Facultade de Socioloxía da UDC, Antón Álvarez Sousa, e de ter continuidade para tentar darlle pulo a un sector moi importante e en progresión na Costa da Morte nos últimos anos. Na inauguración tamén estiveron María José Andrade Suárez, directora do curso; o Vicereitor da Universidade da Coruña, Luis Caparrós Esperante; o Concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xosé Manuel García Guillín; o Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero; e Manuel Pan Collazo, presidente da Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM). Este último subliñou a importancia de que un curso destas características estea a disposición dos profesionais da comarca e anunciou que a entidade está traballando para "retomar a creación dun Consorcio de Turismo", unha idea malograda no pasado pero que agora quere recuperarse "facendo un proxecto de integración" e collendo "con forza" a tarefa de crear este organismo. O Vicereitor manifestou o compromiso da UDC de estenderse "máis aló dos campos e das aulas" con máis de 20 cursos de verán, dos que dous teñen lugar en Carballo e desexou que a actividade sexa útil e satisfactoria para os participantes.

O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo

DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO

O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo

Luns 13 de xuño do 2011

O programa Concilia, unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria, únese por segundo ano consecutivo coas Escolas Deportivas e Culturais Xiria, que ofrecen actividades de lecer para os cativos e cativas do municipio nados entre 1999 e 2007 (inclusive) para ofrecer a posibilidade durante os meses de xullo e agosto de que os rapaces e rapazas estean atendidos entre as 7.30 e as 14.00 horas. Así, a través do Concilia os nenos e nenas están coidados entre as 7.30 e 10.00 horas, coa posibilidade de incluír o almorzo, que correría a cargo da empresa Xolda. E a partires das 10.00 ou das 11.00 horas e ata as 14.00 horas, segundo o horario elixido, os participantes nas Escolas desenvolven actividades deportivas e culturais no CEIP Fogar da capital municipal e no Pavillón Vila de Noia, nas que tamén se inclúen actividades alternativas como excursións, xogos populares, visitas á praia, ao monte ou ao parque acuático. As inscricións poden formalizarse dende o 6 de xuño nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal situadas na rúa Vila de Corcubión. Pode obterse máis información, sobre horarios e prezos chamando ao 981 702 109, así como descargar a folla de inscrición en pdf nesta mesma nova.

Comeza a retirada por orde xudicial dos bidóns de pintura contaminantes atopados nas parroquias de Sísamo e Bértoa

O MARTES 14 DE XUÑO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS

Comeza a retirada por orde xudicial dos bidóns de pintura contaminantes atopados nas parroquias de Sísamo e Bértoa

Luns 13 de xuño do 2011

A Concellaría de Obras e Servizos informa de que o martes 14 de xuño a partir das 9.00 horas comeza a retirada dos 3 vertedoiros incontrolados conformados por bidóns de pintura e de residuos perigosos atopados no mes de xaneiro deste ano nas parroquias de Sísamo e Bértoa. Así, os veciños denunciaron no seu momento a aparición deste material tóxico na contorna do Punto Limpo e na Agra de Loenzo en Bértoa, así como na contorna do lugar de Ramil, en Sísamo, onde está situado o verquido máis voluminoso. O Servizo Municipal de Medio Ambiente, a Policía Local e o Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) localizaron no seu momento estes residuos, delimitaron e precintaron a zona e denunciaron os feitos á espera de rematar a investigación do sucedido e dun ditame xudicial que permitise retirar este material que implica un claro deterioro paisaxístivo e medioambiental, ademais de ser considerado perigoso. Finalmente, vénse de autorizar a retirada destes residuos por parte do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Carballo. A retirada de material será executada, segundo determina o xulgado, por unha empresa especializada, con persoal e material técnico axeitados e cumprindo a normativa que determina o tratamento para este tipo de substancias, así como para as terras que soportan este tipo de contaminación.

O Concello atendeu máis de 5.000 avisos de veciños e veciñas durante o mandato que está a piques de rematar

A MAIORÍA DOS ARRANXOS REFÍRENSE AO ALUMEADO PÚBLICO

O Concello atendeu máis de 5.000 avisos de veciños e veciñas durante o mandato que está a piques de rematar

Venres 10 de xuño do 2011

O Concello de Carballo ten atendido no mandato que vai finalizar, entre 2007 e 2011, un total de 5.161 avisos acerca de demandas cidadáns para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal. Desta cantidade, un total de 2.805 refírense ao alumeado público, especialmente por lámpadas fundidas ou en mal funcionamento no medio rural, constituíndo este tipo de actuacións o 54,34 por cento das demandas dos habitantes do municipio. Hai que lembrar que en todo o territorio carballés están rexistrados máis de 8.000 puntos de luz. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar as peticións e solucionar as posibles avarías, nun traballo que non deixa de medrar nos últimos anos. Así, os rexistros anuais de 2008 a 2010 (xa que en 2007 e 2011 os datos non abranguen os 12 meses do ano) indican que se atenderon 1.303 avisos en 2008, 1.408 en 2009 e 1.545 o ano pasado. Porén, polo de agora a evolución en 2011 é descendente, xa que de xaneiro a maio atendéronse un total de 565 demandas fronte ás 621 de 2010. Os veciños e veciñas poden denunciar deficiencias en materias como o programa Carballo Limpo, a limpeza de espazos públicos, a reparación de mobiliario urbano, o mantemento de edificios, problemas cos servizos, cos sinais de tráfico ou co arranxo de baches. Calquera cidadán pode formalizar as súas peticións no teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas editan unha guía con propostas de lecer en galego para rapaces e rapazas

REPARTIRANSE UN TOTAL DE 8.000 EXEMPLARES

Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas editan unha guía con propostas de lecer en galego para rapaces e rapazas

Xoves 9 de xuño do 2011

Os Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas continúan colaborando no desenvolvemento de accións para a promoción do galego. Desta volta coa edición de "Un verán de lecer", unha guía con propostas de lectura, música, banda deseñada e xogos para o lecer do alumnado destas comarcas durante o verán. Trátase de recomendacións de libros recentemente publicados de distintas editoriais ordenados por franxas de idade, dende nenos e nenas que aínda están principiando a ler ata xoves adultos. A edición e maquetación desta guía, que recompila ata preto de 30 propostas, correu a cargo do Concello de Zas, mentres que a impresión fíxoa a Deputación da Coruña. Está previsto que se repartan 8.000 exemplares de "Un verán de lecer" nos centros de ensino dos concellos participantes para que os xogos, discos e libros sexan recomendados aos rapaces e rapazas como actividade de lecer durante o verán. Un total de 4.000 exemplares son para o Concello de Carballo; 800 para cada un dos concellos de Bergantiños e Terra de Soneira que colaboran na iniciativa; e 800 para que a Deputación o reparta noutros concellos da provincia.

O Festival Mozart visita Carballo por segunda vez cunha proposta "rompedora" de Grupo Instrumental Siglo XX

VENRES 10 DE XUÑO ÁS 21.00 HORAS: ENTRADA DE BALDE

O Festival Mozart visita Carballo por segunda vez cunha proposta "rompedora" de Grupo Instrumental Siglo XX

Mércores 8 de xuño do 2011

Carballo acolle por segundo ano consecutivo o Festival Express do Festival Mozart, unha iniciativa que leva actuacións do festival por un total de 9 vilas e cidades da provincia entre as que están As Pontes, Betanzos, Boiro, Ferrol, Noia, Ortigueira, Rianxo e Vimianzo. No caso de Carballo trátase do Grupo Instrumental Siglo XX nun repertorio que inclúe catro valses dos Strauss, ademais de dúas obras de Arnold Schoenberg: "Música de Nadal" e "A brigada de ferro", de La Sociedad Privada de Conciertos. Ademais dos músicos, a actuación está acompañada por un trío de danza. Oriol Ponsa, director do Festival Mozart, estivo en Carballo para falar desta proposta, que define como "moi rompedora" e "curiosa", nunha oportunidade para achegarse a un formato "que incluso é descoñecido nos propios círculos musicais". La Sociedad Privada de Conciertos foi fundada en 1919 como unha asociación privada para poder representar a música "sen ataduras". Sempre facendo producións de "pequeno formato", segundo Ponsa, tiñan normas moi estrictas para desfrutar a música, como ter vetado o acceso dos críticos ou prohibir aplausos ou calquera outra manifestación de aprobación ou reprobación da música para poder escoitala "libremente". O Grupo Instrumental Siglo XX recolle este xeito de entender a música que chega o venres 10 ás 21.00 horas ao Pazo da Cultura. A entrada é de balde.

Compartir: