Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Circuíto de Motor Bértoa, escenario do III Autocross Bergantiños, proba que contará con medio centenar de pilotos

SÁBADO 11 DE XUÑO

O Circuíto de Motor Bértoa, escenario do III Autocross Bergantiños, proba que contará con medio centenar de pilotos

Mércores 8 de xuño do 2011

O Circuíto de Motor de Bértoa é o escenario no que se celebra o sábado 11 de xuño o III Autocross Bergantiños, unha cita organizada por Escudería Bergantiños Motor coa colaboración da Federación Galega de Automobilismo, o Concello de Carballo e a Fundación Deporte Galego da Xunta. A proba comeza a partires das 9.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas e os primeiros adestramentos son a partires das 12.00 horas. Está previsto que as semifinais se disputen ás 15.30 horas e as finais a partires das 17.15 horas, coa entrega de premios e trofeos ás 19.30 horas. Segundo a organización, ata o día de hoxe, cando remata o prazo de inscrición, están anotados arredor de medio centenar de pilotos de todas as categorías, entre os que se atopan os primeiros de Galicia que están loitando polo campionato. Esta proba conta, así mesmo, coa novidade de que o Circuíto vén de ser obxecto dunha reforma co obxectivo "de facer as carreiras máis espectaculares para o público", en verbas do xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello. Cúmprese así unha demanda xeral dos pilotos que compiten no Circuíto de Motor Municipal que ademais redundará na vistosidade das probas. Así mesmo, a organización subliña que o sábado haberá algunhas sorpresas durante a cita.

Adxudicación do contrato de obra para a construción da Biblioteca de Carballo á empresa coruñesa Ogmios

UN PROXECTO CUN ORZAMENTO DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS

Adxudicación do contrato de obra para a construción da Biblioteca de Carballo á empresa coruñesa Ogmios

Luns 6 de xuño do 2011

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de adxudicar o contrato de obra da Biblioteca de Carballo á empresa coruñesa Ogmios Proyectos SL. Un total de 42 compañías optaron á execución do proxecto, que finalmente recaeu en Ogmios cun orzamento de licitación de 1.199.588 euros. Os criterios que se seguiron durante o proceso de contratación foron: a valoración do plan de execución de obra, a redución de prazos (que a adxudicataria baixa en 45 días) e a proposta económica. Esta última supuxo unha baixa de máis de 300.000 euros sobre o orzamento de licitación, de 1,5 millóns de euros. O prazo final de execución é de 15,5 meses e a puntuación total obtida pola empresa durante a contratación foi de 89,33 puntos. Así mesmo, Ogmios tamén adquiriu o compromiso de acometer as melloras sen custo adicional que recolle o prego de condicións e que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. Trátase de actuacións relativas ás cualidades, aos acabados, a servizos como alarmas, mobiliario, lámpadas, proxectores ou monitores de televisión. A nova instalación estará situada nunha parcela de 1.500 metros cadrados na contorna da Rúa Pontevedra. O importe necesario para a súa construción será achegado na súa totalidade polo Ministerio de Cultura.

Talía Teatro, compañía gañadora do Premio do Público do Outono de Teatro 2010 con "Volpone"

A NOTA MEDIA DOS ESPECTÁCULOS FOI DE 4,15 SOBRE 5

Talía Teatro, compañía gañadora do Premio do Público do Outono de Teatro 2010 con "Volpone"

Luns 6 de xuño do 2011

A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) fai públicos os resultados do Premio do Público 2010, que se realiza co reconto das puntuacións emitidas tanto polos espectadores asistentes en cada espectáculo como pola valoración dos aboados. Analizadas as puntuacións dos 7 espectáculos de teatro de sala e dos 3 espectáculos do Ciclo OTNI, a proposta gañadora é "Volpone" da compañía galega Talía Teatro, cunha puntuación de 4,6 (sobre 5). Ademais do recoñecemento, o galardón consiste no compromiso de invitar a participar a esta compañía a unha futura edición do festival. Moi preto da puntuación de Talía está a compañía Atalaya con "Ricardo III", cunha puntuación de 4,5, seguida de Kamikaze Producciones con "La función por hacer" cunha puntuación media de 4,15. Produccións Teatrais Excéntricas, con "Un cranio furado (A skull in Connemara)" tivo unha puntuación de 4. A alta calidade do conxuntos das funcións programadas vén confirmada polos votos dos espectadores, xa que a puntuación media foi de 4,15 (sobre 5), a terceira máis alta na historia do festival. Esta valoración conxunta dos espectáculos cobra máis sentido tendo en conta a elevada asistencia de público durante todo festival, xa que nas 11 funcións programadas se esgotaron as localidades.

As cachelas, o Anllóns, o Bosque, o baile, o teatro, a música e o concerto de Chenoa enchen o programa do San Xoán 2011

DO 22 AO 26 DE XUÑO

As cachelas, o Anllóns, o Bosque, o baile, o teatro, a música e o concerto de Chenoa enchen o programa do San Xoán 2011

Sábado 4 de xuño do 2011

Chega un tempo "de festa e alegría", unha cita que "un ano máis", en verbas da Concelleira de Cultura en funcións, Belén Lendoiro, "une tradición e modernidade". Os costumes máis ancestrais e a honra do patrón mestúranse co baile, o deporte, a cultura e a música, e con citas tan esperadas como a Festa do Bosque, o Descenso do Anllóns o Concurso de Cachelas e un grande concerto, que este ano conta coa actuación da coñecida artista Chenoa. É tempo de San Xoán. Tanto Belén Lendoiro como o presidente da Comisión de Festas, Jorge Campos, ou o Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, quixeron subliñar o carácter de austeridade dos festexos, "axustando recursos", en verbas de Campos; ou un San Xoán, que, como simboliza o cartel anunciador deste ano, "emerxe entre estes tempos difíciles e grises porque ten que ser un momento de cor, luz e alegría", segundo Ferrero. O gañador do Concurso do cartel, Juan Carlos Traba, recibiu un premio de 450 euros, patrocinado por Óptica Enríquez. Dez grandes citas deportivas con deportes tan diversos como o ciclismo, o kayaksurf, ou fútbol; 12 citas musicais con habaneras, baile tradicional, verbenas ou rock; dúas actuacións teatrais; dúas actividades artísticas; e o pregón do coñecido músico Xabier Díaz, voz de Berrogüetto, completan o programa dunhas festas "para estar coa familia, os amigos e acoller a toda a xente que queira vir a Carballo", en verbas de Evencio Ferrero.

Carballo acolle un curso de verán da Universidade da Coruña sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global"

XOVES 16 E VENRES 17 DE XUÑO NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle un curso de verán da Universidade da Coruña sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global"

Venres 3 de xuño do 2011

O Concello de Carballo leva colaborando varios anos coa Universidade da Coruña (UDC) acollendo o curso de verán de Dinamización Lingüística Traballando en lingua, unha cita xa consolidada no calendario formativo da vila. Este ano dase un paso máis coa celebración no Pazo da Cultura dun segundo curso da UDC, neste caso sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", o xoves 16 e o venres 17 de xuño. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, subliña o feito de que se teñan levado a cabo en Carballo nos últimos anos accións relacionadas coa promoción do turismo, como un seminario sobre o deporte accesible en 2007 ou unhas xornadas sobre deporte e turismo sen barreiras en 2009. O obxectivo de acoller agora en 2011 unha nova actividade formativa relacionada co sector é o de converter esta cita nunha colaboración anual, especialmente co protagonismo do Fórum Carballo, un complexo especialmente habilitado para a capacitación profesional e que contará cun centro de hostalería. Neste curso en concreto, analizarase a transformación que está sufrindo o sistema turístico no contexto da globalización e da crise económica actual, así como as tendencias e oportunidades, retos e dificultades ás cales se enfronta o sector. Para obter máis información e formalizar a inscrición, premer aquí.

A praia de Razo acolle o 4 e 5 de xuño o II Open de Kayaksurf, válido para a Copa de España e para a Copa Galega

MÁIS DE 400 INSCRITOS NA I CARREIRA POPULAR DO CONCELLO

A praia de Razo acolle o 4 e 5 de xuño o II Open de Kayaksurf, válido para a Copa de España e para a Copa Galega

Venres 3 de xuño do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Deporte, informa de que o sábado 4 e o domingo 5 de xuño dispútase en Razo o II Open de Kayaksurf, válido para a Copa de España e para a Copa Galega. A competición, que comeza cada día ás 10.00 horas, está organizada polo club KayaksurfGalicia e conta co apoio das federacións nacional e galega de piragüismo, do Concello de Carballo, do Padroado Deportivo Municipal e co patrocinio, entre outros, de Teirón e Artsurfcamp. Está confirmada a presenza de competidores da elite do kayaksurf de Portugal, País Vasco e Galicia. Pola banda local, participan varios carballeses, coorganizadores da proba: José Piñeiro, Manuel Andrade, Rubén Añon, Luis Veira e Pablo Periscal. As modalidades da proba son kayak curto, kayak longo e waveski. Así mesmo, hai que lembrar que o domingo 19 de xuño dispútase a I Carreira Popular Concello de Carballo organizada polo Padroado Deportivo Municipal, que terá lugar polo casco urbano da vila. A día 2 de xuño xa están inscritos preto de 400 corredores en categoría senior e veteráns. A inscrición segue aberta para estos corredores, que terán acceso ao chip, até o domingo 12 de xuño. Os competidores/as xa inscritos veñen de localidades diversas de toda Galicia e xa hai participantes do norte de Portugal, León e Asturias.

O proxecto Fórum Carballo estrea páxina na popular rede social Facebook

OS VECIÑOS E VECIÑAS XA PODEN UNIRSE CO BOTÓN "ME GUSTA"

O proxecto Fórum Carballo estrea páxina na popular rede social Facebook

Xoves 2 de xuño do 2011

Fórum Carballo vén de estrear páxina na popular rede social Facebook. Deste xeito, o proxecto do Concello de Carballo amplía a súa presenza en Internet, e por extensión a súa imaxe corporativa dixital, a través desta ferramenta de comunicación da que os usuarios poderán facerse fans clicando no botón "Me gusta". Tamén poderán deixar as súas impresións sobre o proxecto no muro ou comentar as entradas feitas polos administradores nun estilo máis próximo e directo co interlocutor, como é habitual no canal. A mediados de febreiro pasado, o Concello de Carballo poñía en marcha a páxina web corporativa do proxecto Fórum Carballo como unha versión virtual do proxecto para fomentar a dinamización e a participación cidadá. Ademais de punto de encontro formativo, o site incorpora entre outras seccións o espazo interactivo Fórum 2.0, no que os veciños e veciñas poden solucionar as súas dúbidas en contacto directo cun grupo de expertos pertencentes a sectores representativos da comarca Bergantiños.

Aberto o prazo para anotarse no Descenso do Anllóns e no Concurso de Cachelas das Festas de San Xoán 2011

ATÉ AS 13.00 HORAS DO 21 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

Aberto o prazo para anotarse no Descenso do Anllóns e no Concurso de Cachelas das Festas de San Xoán 2011

Mércores 1 de xuño do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura, informa de que está aberto o prazo para anotarse na XXIV edición do Consurso de Cachelas de San Xoán 2011. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077) antes das 13.00 horas do día 21 de xuño de 2011. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XIV Descenso do Anllóns de San Xoán 2011. Poderán concorrer os equipos compostos por 3 ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 21 de xuño. Coa inscrición, cada equipo deberá entregar unha declaración na que farán constar que coñecen o percorrido, que aceptan as bases deste concurso e que eximen de responsabilidades á organización polos accidentes ou danos que puideran ocasionar e/ou sufrir os membros da embarcación. Os menores de idade entregarán tamén unha declaración asinada polo pai, nai, titor/a, autorizándolles a participar. Estes impresos facilítanse coa inscrición. Os interesados e interesadas en consultar as bases ao completo, poden facelo nesta mesma nova en sendos documentos en pdf.

O Pazo da Cultura acolle o VII Curso de verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

DÍAS 20, 21 E 22 DE XULLO

O Pazo da Cultura acolle o VII Curso de verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

Mércores 1 de xuño do 2011

A Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña, organizan a sétima edición do Curso de verán sobre Dinamización Llingüística (na imaxe a sexta edición), que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 20, 21 e 22 de xullo e que se centrará na análise dos discursos para a promoción da lingua galega. O curso, no que poden participar un máximo de 70 persoas, está dirixido a traballadores/as no ámbito da normalización lingüística, tanto en entidades públicas como no ensino ou en entidades privadas. A matrícula do curso pode facerse a través do sitio web da Universidade da Coruña (www.udc.es/occ). Os obxectivos desta iniciativa son reflexionar sobre a incidencia do(s) discurso(s) na situación social da lingua, analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística, revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación e avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade e/ou necesidade de reformulación. A actividade contará coa presenza de sociolingüistas, profesores de Universidade, psicólogos e incluso coa representación teatral "Pelos na lingua" de Talía Teatro.

Aspaber-UTE emprende o primeiro saneamento xeral anual de colectores no casco urbano

A ENTIDADE CUMPRE 7 ANOS AO FRENTE DA LIMPEZA VIARIA

Aspaber-UTE emprende o primeiro saneamento xeral anual de colectores no casco urbano

Martes 31 de maio do 2011

Os traballadores do Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE, concesionario do servizo de limpeza viaria do Concello de Carballo dende hai máis de sete anos (dende o 25 de maio de 2004), están realizando estes días os traballos de saneamento e baldeado de todos os colectores de lixo de recollida de materia orgánica (verdes) da capital municipal. O habitual é que estes labores se realicen en dúas ocasións ao longo do ano, neste caso nunha primeira limpeza antes das festas de San Xoán e máis adiante nunha segunda ocasión ao longo do verán. Porén, dende Aspaber explican que é habitual que nalgunhas zonas, especialmente naquelas cun grande número de locais de hostalería, a limpeza de colectores se leve a cabo máis de dúas veces no ano debido á elevada cantidade de lixo que xeran estes establecementos. Os traballadores de Aspaber contan cun camión especializado 'lavacolectores' que permite a introdución do colector no vehículo, o que facilita en gran medida os traballos de limpeza. Así mesmo, mentres que nun principio os operarios saneaban os contedores 'in situ', agora os transportan e levan a lugares pouco transitados para molestar o menos posible aos veciños e veciñas.

Xogar na Rúa pecha as actividades de Deporte en idade escolar, nas que teñen participado preto de 2.500 nenos e nenas

SÁBADO 4 DE XUÑO ÁS 17.00 HORAS

Xogar na Rúa pecha as actividades de Deporte en idade escolar, nas que teñen participado preto de 2.500 nenos e nenas

Martes 31 de maio do 2011

Xogar na Rúa cumpre 20 anos pechando o sábado 4 de xuño as actividades de Deporte Municipal en idade escolar 2010-2011, unha iniciativa conformada polo programa Deporte na Escola, que fomenta a práctica do deporte entre os rapaces e rapazas dos centros de ensino e na que teñen participado 783 nenos e nenas, incrementándose a cifra do curso anterior. Así mesmo, noutras actividades de deporte escolar como son o campo a través, a natación, o balonmán ou a Liga Escolar Multideporte, o curso que agora remata acumulou a participación de 1.684 rapaces e rapazas. Un total de 2.467 cativos e cativas dos que unha boa parte asistirán a Xogar na Rúa para desfrutar dalgunha das 16 actividades que se ofertan, entre as que destacan un búfalo mecánico, bádminton, balonmán, un rocódromo, a capoeira ou o atletismo, que inclúe algunha proba máis que o ano pasado. A cita é na Praza do Concello a partires das 17.00 horas e conta co patrocinio da Asociación Vieiro, da Deputación da Coruña, de Novacaixagalicia, de Conservas Calvo e do Padroado Deportivo Municipal. O Concello quere agrader a súa colaboración, ademais da de moitas asociacións e entidades que favorecen o desenvolvemento desta actividade na que "o deporte toma a Praza do Concello", en verbas do Alcalde en funcións, Evencio Ferrero.

Máis de 450 persoas participaron no curso 2010-2011 no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

A ACTIVIDADE PECHOUSE O SÁBADO 28 CUNHA EXHIBICIÓN

Máis de 450 persoas participaron no curso 2010-2011 no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

Luns 30 de maio do 2011

Un total de 460 carballeses e carballesas maiores de 60 anos teñen participado ao longo do curso 2010-2011, entre os meses de outubro e maio, no Programa de Exercicio Físico para Maiores, organizado entre as concellarías de Deporte e de Terceira Idade. A maioría dos participantes neste programa asistiron o sábado 28 de maio ao peche das actividades no Pavillón Carballo Calero da capital municipal. Unha clausura na que, ademais dos concelleiros responsables da iniciativa, Marcos Trigo e Carmen Regueira, e os monitores que imparten as sesións, tamén estivo presente o Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero. A cita contou cunha exhibición de cada un dos grupos nos que está dividido o programa, que recibirón unha camiseta conmemorativa e desfrutaron duns pinchos saudables. Os grupos están distribuídos en sete no Pavillón Vila de Noia da capital municipal e once nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Oza, Razo, Rus-Outón, Rus-Ramil e Sofán, de xeito que a participación repártese case ao 50 por cento entre maiores do rural e do núcleo urbano. Os participantes desenvolven neste programa sesións de exercicio físico de intensidade baixa ou moderada para contribuír a mellorar a súa saúde.

Compartir: