Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello e Xestur formalizan a permuta de terreos para a construción dunha subestación eléctrica no polígono de Bértoa

EDIFICARASE NUNHA PARCELA DE 1.900 METROS CADRADOS

O Concello e Xestur formalizan a permuta de terreos para a construción dunha subestación eléctrica no polígono de Bértoa

Venres 27 de maio do 2011

O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, e a xerente de Xestur A Coruña, María Doporto, veñen de formalizar hoxe ante notario a permuta de terreos que permitirá a construción dunha subestación eléctrica no Parque empresarial de Bértoa que garantirá que as empresas que se instalen no polígono carballés conten cun subministro enerxético suficiente para cubrir as súas necesidades. Mediante este acordo, o Concello de Carballo cede a Xestur unha parcela de 1.900 metros cadrados situada na contorna do actual circuíto de campo a través do polígono carballés e valorada nuns 109.000 euros. A parcela conta cunha franxa de terreo vinculada ao sistema viario do parque, ademais de dispoñer dunha canalización de saneamento. A cambio destes terreos, Xestión Urbanística A Coruña, Xestur, cede ao Concello unha parcela de 1.200 metros cadrados situada na ampliación do parque empresarial e valorada nuns 110.000 euros. Este acordo de permuta foi aprobado nunha sesión plenaria ordinaria celebrada en febreiro de 2010, polo que, ademais, se modificou a superficie da parcela cedida polo Concello, que pasou dos 1.550 metros cadrados previstos inicialmente a ter os actuais 1.900.

O Concello de Carballo garante a calidade das augas da praia de Razo, perfectamente aptas para o baño

SEN COMUNICACIÓN OFICIAL DE ADEAC SOBRE A BANDEIRA AZUL

O Concello de Carballo garante a calidade das augas da praia de Razo, perfectamente aptas para o baño

Xoves 26 de maio do 2011

O Concello de Carballo informa de que as aguas da praia de Razo son perfectamente aptas para o baño, sendo a súa cualificación de boa a excelente segundo a normativa europea e estatal de calidade das augas. Así, a pesares do feito de que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) non concedese este ano o distintivo de Bandeira Azul para o areal, as 9 análises realizadas pola Consellería de Sanidade indican que, en 7 das mostras, a calidade da auga é excelente, mentres que nas dúas restantes é boa. Porén, para a concesión do distintivo da Bandeira Azul é necesaria a realización dun total de dez análises ao longo do ano, mentres que en 2010 os técnicos tan só examinaron 9 mostras. Por este motivo, o Concello xa se ten posto en contacto coa Consellería para pedir información sobre o feito de que non se levasen a cabo as dez análises. Así mesmo, tamén se ten solicitado a ADEAC un informe co motivo da denegación da concesión da Bandeira Azul. Ademais, e dado que vén de entrar en funcionamento a Estación Depuradora de Augas Residuais de Razo, o Concello pediu un informe á empresa concesionaria do servizo para coñecer se puido haber algún desaxuste na súa posta en funcionamento e vén de encargar a un laboratorio colaborador do Ministerio de Medio Ambiente e acreditado para a inspección e análise de augas continentais e mariñas, novas prospeccións da auga en Razo, á altura da desembocadura do Rego de Pardiñas. Nestes momentos estase á espera dos resultados.

Equipos de toda Galicia danse cita no V Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

DOMINGO 29 DE MAIO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Equipos de toda Galicia danse cita no V Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

Xoves 26 de maio do 2011

O Pavillón Carballo Calero acolle o domingo 29 de maio o V Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a Patíns Concello de Carballo, unha cita que congrega a 12 clubs e á selección galega en categorías escolas, prebenxamín e benxamín, ademais de contar cun triangular en categoría senior como peche do torneo. Esta competición, organizada por Escola Lubiáns coa colaboración do Concello, da Deputación e da Xunta, está concebida como unha xornada lúdica, na que haberá entrega de medallas, de diplomas e sorteo de agasallos entre os participantes. Nesta ocasión os encontros sucédense de forma ininterrompida ao longo de todo o día, de 10.00 a 14.00 horas aproximadamente pola mañá, coas semifinais; e de 15.30 a 18.30 pola tarde, co encontro polo 3º e 4º posto e a final. Despois da entrega de trofeos, prevista para as 18.30 horas, dispútase o triangular senior cos equipos Escola Lubiáns Calvo, Escola Lubiáns Bombonera e a Selección Galega. O torneo congrega a clubs de toda Galicia nas distintas categorías. Así, en escola de patinaxe están: Escola Lubiáns, HC Liceo, Colexio Obradoiro, Dominicos, Escola Municipal Antonio González, Compañía de María, Santa María del Mar, Oleiros e CH Compostela; en prebenxamín: Escola Lubiáns, HC Liceo, Compañía de María¡ e Colexio Obradoiro; e en benxamín: Escola Lubiáns, Colexio Obradoiro, CH Compostela e HC Borbolla.

O Concello arranxa os danos dos temporais nas praias e mellora os seus accesos de cara ao inicio da tempada de verán

REPOSICIÓN DE DUCHAS, RAMPLAS E PONTES EN RAZO E PEDRA DO SAL

O Concello arranxa os danos dos temporais nas praias e mellora os seus accesos de cara ao inicio da tempada de verán

Sábado 21 de maio do 2011

O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Obras e Servizos e de Praias, está ultimando nestes días o arranxo dos danos provocados nos areais do municipio polos temporais, especialmente polo Becky, que asolou o litoral da Costa da Morte o pasado inverno. Así, xa están colocadas as pontes da explanada de Razo, así como as bases das duchas, ás que tan so lles resta a conexión á rede de auga. No caso de Pedra do Sal e da Cabreira, nestes momentos están construíndose as ramplas para poder colocalas nos próximos días, así como as do acceso á praia de Razo que está situado a carón da caseta dos socorristas. No que se refire a moitas delas, trátase de ramplas que se instalarán distribuídas en varios treitos co obxectivo de que poidan ser desmontadas antes do próximo inverno e evitar que futuros temporais as leven e teñan que ser repostas de novo, co conseguinte desembolso económico. Os operarios calculan que os traballos estarán rematados na primeira semana de xuño, para que estea todo listo de cara ao inicio da tempada oficial de baño, prevista para esas datas. Nalgúns casos, como a conexión das duchas ou a colocación dalgunhas das ramplas, e co obxecto de evitar desperfectos provocados por mareas fortes, aínda que os servizos estean listos axustarase a súa posta en marcha ao inicio oficial da tempada, para que todo estea preparado e en bo estado.

O Concello contribúe ao repoboamento e ornamentación do parque de Rego da Balsa coa plantación de árbores autóctonas

ARRANXO E LIMPEZA DOS APARCADOIROS DA CAPITAL MUNICIPAL

O Concello contribúe ao repoboamento e ornamentación do parque de Rego da Balsa coa plantación de árbores autóctonas

Venres 20 de maio do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, vén de repoboar a contorna do parque do Rego da Balsa da capital municipal coa plantación de árbores de especies autóctonas, entre os que se atopan carballos ou cerdeiras bravas. O obxectivo desta actuación é dotar de espazos sombreados e de ornamentación as diferentes zonas verdes deste parque, que tamén conta cun espazo de xogos infantís e que está situado entre as rúas Perú, Pontevedra e Ponte da Pedra. Esta iniciativa vén a completar o acondicionamento deste espazo, que se realizou con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL 2009) e que contou cun orzamento de 402.525 euros. A empresa responsable de realizar a mellora foi Atlántica de Construcción y Medio Ambiente e o proxecto supuxo a xeración de 10 postos de traballo na vila durante os 9 meses de execución da actuación. Non é a primeira vez que a capital municipal é obxecto de labores de repoboamento, xa que en 2010 plantáronse arredor de 200 árbores de ribeira nas marxes do río Anllóns na zona do Bosque, no paseo entre o parque do Anllóns e a Ponte de Bértoa, co obxectivo de substituír os exemplares desaparecidos polos temporais ou por circunstancias naturais e seguir contribuíndo á humanización do paseo e a evitar a erosión da canle do río, ademais de crear espazos de sombra.

Oporto, Balboa, Barcelona ou Atlético de Madrid participan no VII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

FASE FINAL: 10, 11 E 12 DE XUÑO

Oporto, Balboa, Barcelona ou Atlético de Madrid participan no VII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

Venres 20 de maio do 2011

As categorías inferiores de oito clubs de renome participan no VII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo - III Memorial José Luis Vara Olveira. Así, os alevíns do Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Atlético de Madrid, o Fútbol Club Barcelona, Oporto e Balboa Junior -que participan mediante invitación directa- ademais dos anfitrións, as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, e o equipo gañador dunha fase previa na que participan oito equipos, serán os protagonistas dos cruces que terán lugar no campo sintético municipal de As Eiroas na fin de semana do 10, 11 de 12 de xuño. José Ramón Torres Pichel, director das Escolas Luís Calvo, agradeceu os esforzos que teñen realizado organizadores e patrocinadores, que manteñen o nivel a pesares da crise. E tamén subliñou a presenza do Oporto FC, un club que vén de proclamarse o mércores 18 de maio campión da Europa League, ademais do Balboa Junior, chegado dende a República do Salvador. Como cada ano, a fase final decídese coa disputa dunha liguilla de 8 equipos todos contra todos entre o venres 10 pola tarde e o sábado 11 durante todo o día, mentres que o domingo son as semifinais e a final, prevista para as 13.00 horas. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron subliñar o "extraordinario" traballo das Escolas Luís Calvo durante todo o ano, e na organización do torneo.

O Programa das Letras 2011 ofrece teatro de obxectos con música en directo en homenaxe a Lois Pereiro

SABADO 21 DE MAIO ÁS 21.00 HORAS

O Programa das Letras 2011 ofrece teatro de obxectos con música en directo en homenaxe a Lois Pereiro

Xoves 19 de maio do 2011

Este sábado 21 de maio ás 21.00 horas o Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolle o singular espectáculo teatral "Poesía última de LP", da compañía Fantoches Baj, dentro das actividades do Programa das Letras. Trátase dun espectáculo de teatro de obxectos con música en directo baseado en textos de Lois Pereiro, o autor homenaxeado con motivo do Día das Letras 2011. A partir dos seus poemas, e mediante o recurso explorado polo propio Lois de converterse en narrador de si mesmo, relátanse en primeira e terceira persoa os dous últimos anos da súa vida. A posta en escena é innovadora. As letras que conforman o título do espectáculo van construíndo palabras que nomean os espazos, obxectos e sentimentos que acompañaron a Lois e as súas relacións e amizades, personaxes que se materializan baixo a forma das iniciais dos seus nomes. A sonoplastia, creada por Benxa Otero e tocada en directo por el mesmo, axuda a crear os ambientes necesarios e a ilustrar algúns dos espazos que percorreu Lois (o hospital, a praia de Barrañán, o bar Parrús no Orzán, a súa casa...). Esta banda sonora mestura composicións propias con fragmentos de pezas queridas e escoitadas por Lois de Pata Negra, Zeca Afonso, Satie, Mahler, Bach, etc. A entrada a este espectáculo é de balde, ata completar o aforo.

A capital municipal acolle o 19 de xuño a I Carreira Popular Concello de Carballo

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATÉ O 12 DE XUÑO

A capital municipal acolle o 19 de xuño a I Carreira Popular Concello de Carballo

Venres 13 de maio do 2011

As principais rúas da capital municipal carballesa acollen o domingo 19 de xuño a celebración da I Carreira Popular Concello de Carballo, unha cita deportiva homologada pola Federación Galega de Atletismo e aberta a todas as categorías, xa que poden participar corredores de alevín, infantil, cadete, xuvenil, sénior e veteranos. Trátase dunha cita que se ten celebrado con anterioridade, aínda que con outras denominacións, e que ten acadado unha "moi boa resposta popular", en verbas do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. A organización espera que participen arredor de 1.000 persoas, especialmente coa presenza de rapaces e rapazas de categorías inferiores, e outro dos obxectivos é conseguir que sexa unha cita estable que teña lugar cada ano. A proba comeza o 19 de xuño ás 10.00 horas cos alevíns, e irán sucedéndose as saídas cada media hora subindo de categoría ata chegar aos veteranos. A saída e a meta estarán situadas na Gran Vía á altura da Praza do Concello. A I Carreira Popular Concello de Carballo está organizada polo Padroado Deportivo Municipal coa colaboración da Peña Ciclista Media Ducia e o Club Ciclista Carballo, ademais da Deputación da Coruña, o Colexio Oficial de Fisioterapia de Galicia, que atenderá aos corredores durante a carreira, e o CCB-Haley.

A corporación carballesa despide o mandato coa aprobación definitiva en sesión plenaria dos orzamentos para 2011

GARDOUSE UN MINUTO DE SILENCIO POLAS VÍTIMAS DE LORCA

A corporación carballesa despide o mandato coa aprobación definitiva en sesión plenaria dos orzamentos para 2011

Venres 13 de maio do 2011

A corporación de Carballo despediu o mandato coa celebración dunha sesión plenaria extraordinaria na que o principal punto da orde do día foi a aprobación definitiva do Presuposto do Concello para o ano 2011. O pleno principiou cun minuto de silencio en lembranza dos falecidos no terremoto de Lorca (Murcia) ocorrido esta semana e rematou coa despedida do Alcalde, Evencio Ferrero, que dou as grazas a todos e desexoulle sorte aos concelleiros que se despiden e non formarán parte na nova corporación que se constituirá a raíz das votacións do 22 de maio. Entremedias, o debate xirou en torno ás cinco alegacións presentadas polos sindicatos ao documento orzamentario de 2011. Catro delas foron subscritas de forma conxunta por CIG, CESIF, CCOO e UXT referíndose ao capítulo 1 do presuposto e á aplicación dos acordos da Relación de Postos de Traballo (RPT). Os sindicatos esixían que se aplicasen as subas de salarios previstas na RPT para o ano 2011 e que, despois de aplicadas estas subas, se realizase a baixa dun 5 por cento estipulada para os salarios segundo indica o Real Decreto de loita contra a crise. Porén, os servizos técnicos consideran que non é posible aplicar a suba prevista na RPT porque non se estaría respectando a Lei, que indica tamén que en 2011 deben suspenderse todos os acordos que impliquen incrementos salariais, polo que as alegacións foron desestimadas. Finalmente, o pleno aprobou os orzamentos.

A corporación aborda a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2011 nunha sesión plenaria extraordinaria

VENRES 13 ÁS 13.30 HORAS

A corporación aborda a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2011 nunha sesión plenaria extraordinaria

Xoves 12 de maio do 2011

A corporación carballesa celebra unha sesión plenaria extraordinaria o venres 13 de maio a partires das 13.30 horas. O principal asunto da orde do día é a aprobación definitiva do Presuposto do Concello de Carballo para o ano 2011. Así, rexistráronse un total de cinco alegacións ao documento, que foron estudadas e rexeitadas polos servizos técnicos municipais, polo que o orzamento está listo para o visto bo definitivo. Destas cinco alegacións, catro foron presentadas de forma conxunta e coa mesma literalidade polos sindicatos CIG, CESIF, CCOO e UXT referíndose ao capítulo 1 do presuposto e á aplicación dos acordos da Relación de Postos de Traballo (RPT). Así, a Lei de Presupostos do Estado dictamina que deben suspenderse os acordos que conleven incrementos salariais dos traballadores da función pública no marco das medidas contra a crise, ademais de reducirse nun 5 por cento os gastos de persoal das administracións. Os sindicatos, sen embargo, esixen que se apliquen as subas de salarios previstas na RPT para o ano 2011 e que, despois de aplicadas estas subas, se realice a baixa dun 5 por cento decretada para os salarios. Porén, os servizos técnicos consideran que non é posible aplicar a suba prevista na RPT porque non se estaría respectando a Lei, polo que as alegacións foron desestimadas.

Os feridos en accidentes de circulación descenderon en Carballo un 30 por cento no período entre 2007 e 2010

O NÚMERO DE SINISTROS BAIXOU NUN 12 POR CENTO

Os feridos en accidentes de circulación descenderon en Carballo un 30 por cento no período entre 2007 e 2010

Mércores 11 de maio do 2011

A Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Benedito Viña vén de ofrecer uns datos que amosan que nos últimos catro anos, no período entre 2007 e 2010, os accidentes de circulación rexistrados no municipio de Carballo baixaron nun 12 por cento, pasándose de 222 no ano 2007 a 194 o ano pasado. Do mesmo xeito, hai que subliñar o descenso no número de feridos en accidentes de tráfico (especialmente no que se refire aos peóns, con tan só 7 feridos no ano 2010), pasándose de 97 no ano 2007 a 68 no 2010, cunha baixa dun 29,8 por cento. No que respecta ás infraccións, hai que sinalar, así mesmo, o descenso no número de alcolemias rexistradas, cifrado nun 37,5 por cento, con 24 computadas en 2007 e tan só 9 en 2010. A Concellaría informa de que nos últimos días tense procedido ao pintado e remozado da sinalización horizontal en todas as vías municipais co obxectivo de incidir na mellora da seguridade. Así, nos últimos tempos téñense tomado medidas como a creación de pasos de peóns elevados, a urbanización coa creación de beirarrúas en numerosas vías do centro carballés (entre elas a contorna da rúa Perú, a zona da Lagoa ou a Vila de Negreira) ou a colocación de sinalización horizontal específica nas contornas das zonas escolares (na imaxe cruce do IES Alfredo Brañas) que teñen contribuído a reducir o risco de accidentes e a mellorar a seguridade.

Carballo participa na edición de "Os meus favoritos", guía para difundir o uso do galego en Internet

COLABORAN TAMÉN OS CONCELLOS DE MALPICA, PONTECESO E ZAS

Carballo participa na edición de "Os meus favoritos", guía para difundir o uso do galego en Internet

Martes 10 de maio do 2011

Os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, a través dos seus servizos de Normalización Lingüística, acaban de editar a guía "Os meus favoritos", un catálogo que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a información cultural, a mocidade, as redes sociais, os xogos, etc. De "Os meus favoritos" editáronse entre os catro concellos 8.000 exemplares en papel, que serán distribuídos nos centros de ensino, edificios públicos, aulas de informática, asociacións, etc. Ademais, todas as persoas interesadas poden solicitalo no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dos catro concellos que impulsan a iniciativa. A guía tamén se difundirá en formato dixital a través de webs e correo electrónico. Os obxectivos deste proxecto son facilitar o descubrimento e o coñecemento do ciberespazo en galego, vencellar a lingua galega con novos e modernos espazos de uso, concretamente na rede e nas novas tecnoloxías, e contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa lingua. Todo nun labor para reivindicar que "o galego precisa de Internet, e Internet precisa do galego".

Compartir: