Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Adxudicadas catro actuacións para subministros e equipamentos do complexo Fórum Carballo por máis de 200.000 euros

APROBADAS AS BASES PARA A SUBVENCIÓN DE ACTIVIDADES PUNTUAIS

Adxudicadas catro actuacións para subministros e equipamentos do complexo Fórum Carballo por máis de 200.000 euros

Luns 9 de maio do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar catro contratos administrativos relativos a outras tantas actuacións e subministros de equipamento e maquinaria no complexo do proxecto Fórum Carballo situado no barrio da Milagrosa. Segundo explica o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, trátase de actuacións pendentes previstas para esta anualidade e que servirán para ultimar o complexo. A primeira destas adxudicacións refírese á "Obra complementaria de urbanización para dotar de infraestruturas de telecomunicacións, enerxía eléctrica e alumeado público o edificio Fórum-Carballo" e suporá o remate da urbanización exterior, coa adaptación de beirarrúas e a dotación das conexións pertinentes. A empresa responsable destes traballos é Construcciones López Cao SL por un prezo de 56.640 euros. O prazo de execución dos traballos é de catro meses. En segundo lugar adxudicouse o contrato administrativo de "Subministro e instalación de aparatos de son e de audiovisual no Auditorio da nave núm. 1 da obra Fórum-Carballo". Deste xeito rematarase o equipamento desta nave, que estará destinada fundamentalmente a uso administrativo. A empresa adxudicataria é Son-Press SL por un prezo de 34.030,49 euros. O prazo total de garantía ofertado é de 36 meses, así como o prazo para o mantemento das instalacións.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a celebración da 2ª proba do Campionato de España de Quadcross

SÁBADO 14 E DOMINGO 15 DE MAIO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a celebración da 2ª proba do Campionato de España de Quadcross

Venres 6 de maio do 2011

O Circuíto de Motor de Bértoa de Carballo acolle a fin de semana do 14 e 15 de maio a celebración da 2ª proba do Campionato de España de Quadcross. A cita está organizada pola escudaría Ecoquad Galicia, que por segundo ano consecutivo asume a celebración dunha proba a nivel estatal xa que, en verbas de Iván René Barreiro, secretario da entidade, "é un orgullo que dende a Federación Española de Motociclismo confíen de novo en nós para celebrar unha das catro probas do Campionato de España". Así, xa se ten celebrado unha carreira en Zaragoza, e despois de Carballo, a única cita en Galicia, celebraranse probas en Castellón e Lleida. Dende a súa recuperación para a competición, o Circuíto de Motor de Bértoa ten acollido xa un total de 10 probas de distintas disciplinas, catro delas de quadcross, e segundo explica o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, esta actividade amosa a "versatilidade" e a súa "capacidade para organizar campionatos galegos e de España". Os pilotos poden inscribirse para participar até o xoves 12 de maio, pero a organización calcula que entre 50 e 60 pilotos chegados de Ibiza, Cataluña, Valladolid, Pontevedra e outros moitos puntos de España participarán na proba.

A empresa de venda online de produtos de pesca, PéZcalo, gañadora do 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

XAVIER MARCET PECHOU AS PONENCIAS DAS XORNADAS

A empresa de venda online de produtos de pesca, PéZcalo, gañadora do 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

Xoves 5 de maio do 2011

A empresa PéZcalo, fundada por Javier Sousa e Iván Fociños, ten sido galardoada co 1º Premio Carballo Emprende 2011 na categoría de Ideas Empresariais. Trátase dunha iniciativa que nace co obxectivo de converterse nun portal de referencia na venda online de produtos de pesca. Ademais de ofrecer unha ampla variedade na súa tenda, PeZshop, pezcalo.es tamén aposta polas redes sociais, ao contar cun espazo en Facebook, e na súa web os aficionados poderán consultar información, compartir experiencias e iniciar debates sobre o mundo da pesca. O 2º Premio recaeu este ano en Servicios Postales Galicia SL, que se dedican a xestionar os envíos postais das empresas de Carballo que o soliciten a un prezo reducido que baixa canto máis suba o volume dos envíos, e con vantaxes como a facturación mensual ou a recollida do correo na sede social de cada empresa. Por último, o 3º Premio foi para Orchestra, unha franquicia aberta por Marcos Regueira, responsable da tenda O Barco dos soños. A través de Orchestra, unha marca francesa, os socios e socias recibirán descontos en moda infantil, rebaixas adiantadas ou poderán examinar as coleccións a través de Internet, entre outras vantaxes. Na categoría de Fomento da Emprendeduría, o premio Carballo Emprende foi para a Asociación Mulleralia, unha entidade que busca a igualdade de xénero a través de políticas de benestar e emprego.

Carballo Emprende arrinca centrándose na innovación aplicada ás novas tecnoloxías e na cooperación

PECHE O MÉRCORES 4 CON XAVIER MARCET GISBERT

Carballo Emprende arrinca centrándose na innovación aplicada ás novas tecnoloxías e na cooperación

Mércores 4 de maio do 2011

As IV xornadas Carballo Emprende arrincaron o martes 3 de maio centrándose nas novas tecnoloxías, e de cómo poden ser aproveitadas no campo da innovación, especialmente na contorna da Costa da Morte. Organizadas polo Concello en colaboración coa Cámara de Comercio, precisamente dende esta última institución Carlos Fernández subliña que "as novas tecnoloxías teñen pasado a ser unha presenza fundamental na vida cotiá", e que o "aproveitamento destes novos canais tecnolóxicos vén de dar un xiro ás ferramentas usadas polas empresas". O Alcalde, Evencio Ferrero, presente na inauguración co Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, resaltou o obxectivo das xornadas como un xeito de "poñer diante da sociedade empresarial novos conceptos e estratexias" co obxectivo de "crear novos espazos de negocio dende Bergantiños e a Costa da Morte" para que "cando chegue o péndulo favorable, estar nunha posición de vantaxe". A primeira ponencia de Carballo Emprende 2011 abordou as claves da sinatura dixital, unha ferramenta que, segundo Adrián Saborido, técnico da Cámara de Comercio, pode "axudar a reducir custos", ademais de aumentar a "seguridade" das nosas transaccións en Internet e a "confianza" do cliente, especialmente, por exemplo, no caso do comercio electrónico. A xornada inaugural rematou coa mesa redonda "A innovación e as novas tecnoloxías, solucións dende os Finis Terrae".

Teatro, exposicións, libros, música e festivais forman o Programa das Letras do mes de maio

TRADICIONAL MARATÓN DE LECTURA O DÍA 17

Teatro, exposicións, libros, música e festivais forman o Programa das Letras do mes de maio

Mércores 4 de maio do 2011

Carballo celebra o Día das Letras do 17 de maio cunha programación desenvolvida ao longo de todo o mes que xira arredor "da promoción do libro, a lingua e a lectura", en verbas da Concelleira de Cultura Belén Lendoiro, pero que ofrece unha grande variedade de propostas con teatro, exposicións, presentacións literarias, concertos ou festivais e que conta coa colaboración das asociacións do municipio e da Deputación da Coruña. Como é habitual, o acto central do mes é o día 17 co maratón de lectura "As letras en voces", un homenaxe ao galego como vehículo de expresión no que os veciños e veciñas que o desexen poden ler un fragmento dun texto dun dos autores que teñen sido homenaxeados o Día das Letras nos últimos anos e tamén en 2011, en que a xornada está dedicada a Lois Pereiro, un dos poetas máis lidos da súa xeración. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 e no correo electrónico <cultura@carballo.org>. A cita é de 11.00 a 15.00 horas no Xardín Municipal e está organizada polo Concello coa colaboración de asociacións culturais e centros de ensino do municipio. Está prevista a actuación durante a celebración do maratón da Banda Municipal de Gaitas de Carballo que dirixe Xesús Moreira.

Carballo crea un novo aparcadoiro público para superar as 2.500 prazas libres en solares na capital municipal

NOVO ESPAZO: 45 PRAZAS ENTRE AS RÚAS RÍO E XIRONA

Carballo crea un novo aparcadoiro público para superar as 2.500 prazas libres en solares na capital municipal

Luns 2 de maio do 2011

O Concello de Carballo vén de acondicionar un novo aparcadoiro público nun solar da capital municipal duns 600 metros cadrados. Trátase dun espazo entre as rúas Río e Xirona que, segundo o Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña, facilitará arredor de 45 novas prazas de estacionamento libres de limitación de tempo, e nunha zona con moita actividade no centro carballés, preto de servizos como a oficina do INEM ou o Pazo da Cultura, ademais da zona comercial da rúa Fomento e a rúa Barcelona. Con esta nova incorporación, a capital municipal supera as 2.500 prazas de estacionamento libre de vehículos en solares, sumándose este espazo aos que xa están dispoñibles na Horta do Casino, Rego da Balsa, o parque do San Martiño, o Pazo da Cultura, a Vila de Negreira, o entorno do CEIP A Cristina ou a carón do IES Alfredo Brañas. No caso do aparcadoiro da rúa Xirona, o Concello ten chegado a un acordo cos propietarios polo que os terreos son cedidos a cambio de que a administración local acondicione o espazo e o manteña en bo estado. O Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña, avanza, así mesmo, que nestes momentos estanse mantendo contactos con outros propietarios de terreos na capital municipal para poder seguir creando novos espazos de estacionamento.

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

ESTÁ DOTADO CON 1.000 EUROS E A PUBLICACIÓN EN NOVE XORNAIS

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Luns 2 de maio do 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores vén de reunirse o luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado «Empoderármonos», de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao «paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres». Na acta do xurado sinálase que o artigo «fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación». Ademais, «destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público». Marcos Abalde recibira xa o accésit deste premio na edición do pasado ano. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «Gas», do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación.

Aspaber e Apem organizan en Carballo un encontro lúdico deportivo nunha xornada de convivencia

XOVES 5 DE MAIO NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Aspaber e Apem organizan en Carballo un encontro lúdico deportivo nunha xornada de convivencia

Venres 29 de abril do 2011

Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) e Apem (Asociación Pro Enfermos Mentais) organizan, coa colaboración do Concello, unha xornada lúdico deportiva de convivencia o xoves 5 de maio no Pavillón Vila de Noia da capital carballesa. Arredor de 300 persoas encherán o pavillón, tanto membros das entidades, como voluntariado e acompañantes chegados das localidades de Carballo, Cee, Betanzos, A Coruña e Cambre dos centros de Apem e de Aspaber. As disciplinas que poderán practicarse ao longo da xornada son fútbol sala, tute, xogos de mesa como o parchís, xogos adaptados ou futbolín, un dos preferidos dos participantes, entre outras. Ao remate da xornada, sobre as 13.00 horas, está prevista unha entrega de agasallos, incluíndo medallas e trofeos realizados polos propios membros das entidades. Esther Monterroso, directora de Apem, subliñou durante a presentación desta cita a importancia deste tipo de iniciativas para "defender os dereitos das persoas cunha discapacidade", ademais de que "a colaboración entre diferentes institucións é o único xeito de sacar adiante o día a día". Dolores Vázquez, de Aspaber, quixo destacar, "a posta en valor dun traballo que as institucións deste concello podemos facer xuntos", desexando que a xornada "sexa o primeiro punto de unión".

Estanco Varela, gañador do Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo

O BARCO DOS SOÑOS E ADAMELA ACADARON O 2º E 3º PREMIO

Estanco Varela, gañador do Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo

Venres 29 de abril do 2011

O xurado do Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo vén de dar a coñecer os premiados deste certame, celebrado no marco do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Así, o primeiro premio recaeu en Estanco Varela, que poderá contar coa elaboración especializada de tres escaparates ao longo da tempada, elixindo as épocas máis propicias, como poden ser Rebaixas ou Nadal; o segundo foi para O Barco dos Soños, que obtén dous escaparates; e o terceiro premio recaeu en Adamela, que disporá dun escaparate ao longo da tempada. Así, mesmo, o xurado -que estivo formado por dous representantes do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo e dous co Concello co asesoramento da consultora I2- decidiu conceder un accésit ou mención especial á Floristería Tropicana. Á hora de conceder os galardóns, tívose en conta non só a vistosidade dos escaparates, senón tamén o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións da consultora I2, encargada de asesorar aos establecementos participantes. O Concurso de Escaparatismo forma parte da na segunda fase do Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo posto en marcha en xaneiro de 2011. Neste plan os establecementos participantes puideron contar cun informe especializado realizado por I2 a partir do que se elaborou un dossier no que se analizaron a faciana, o escaparate e o interior do local, así como a colocación do produto co obxectivo de mellorar a imaxe comercial de cada tenda.

Carballo celebra a VI Semana do Libro e a Lectura con obradoiros, contacontos, concertos e exposicións

DO LUNS 2 AO VENRES 6 DE MAIO

Carballo celebra a VI Semana do Libro e a Lectura con obradoiros, contacontos, concertos e exposicións

Mércores 27 de abril do 2011

Os distintos espazos do Pazo da Cultura de Carballo acollen entre o luns 2 e o venres 6 de maio a celebración da VI Semana do Libro e a Lectura, unha cita que ten congregado xa a máis de 6.000 alumnos e alumnas dos centros escolares do municipio en anteriores edicións, e que desta volta, despois de ter abordado temáticas como o medo, o amor, o mar ou a cidade, céntrase na mentira, "un deslinde entre a realidade e a irrealidade", segundo explica Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), entidade organizadora da cita xunto co Concello. A VI Semana do Libro e a Lectura conta con actividades diversas, dirixidas tamén a públicos ben distintos. Así, de luns a venres (agás o mércores 5) está prevista a celebración de obradoiros para alumnos e alumnas de Infantil e Primaria dos centros de ensino do municipio de 9.30 a 14.00 horas; o profesorado, conta todos os días con actividades de 18.00 a 20.00 horas que inclúen obradoiros e charlas; e, finalmente, o público en xeral, pode desfrutar de luns a venres ás 18.30 horas de contacontos, concertos e incluso una festa de peche o venres 6 no auditorio. Así mesmo, haberá exposicións permanentes de libros e de materiais elaborados polos nenos e nenas que poden visitarse cada día de 18.00 a 20.00 horas no segundo andar do Pazo da Cultura. Un programa que conta co patrocinio de Conservas Calvo e Novacaixagalicia.

O Concello acolle o xoves 12 e o venres 13 de maio a celebración de Cursos de Condución Eficiente

INSCRICIÓNS ATÉ O VENRES 6 DE MAIO

O Concello acolle o xoves 12 e o venres 13 de maio a celebración de Cursos de Condución Eficiente

Mércores 27 de abril do 2011

O Concello de Carballo, en colaboración coa Axencia Provincial da Enerxía (FAEPAC) e o Instituto Enerxético Galego (Inega) e con fondos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), informa de que está prevista a celebración de varios Cursos de Condución Eficiente no municipio o xoves 12 e o venres 13 de maio en quenda de mañá, con dous cursos de 10.00 a 12.00 e de 12.00 a 14.00 horas cada día. As actividades consisten na celebración de unidades didácticas orientadas a condutores habituais. Estes cursos diríxense tanto a colectivos de profesionais, como policías, bombeiros ou parques móbiles, como a particulares. Constan dunha parte teórica, na que se imparten as técnicas de condución eficiente, e as súas implicacións; e unha parte práctica na que os alumnos desenvolven as técnicas adquiridas nun vehículo. O obxectivo desta iniciativa é que os alumnos e alumnas coñezan diferentes mecanismos que lles permitirán aforrar nos consumos do coche. O resultado do curso é o aforro, pero non só no consumo de combustible, senón tamén no que respecta a outras partes con desgaste, coma os freos. Segundo as experiencias rexistradas, o aforro medio de combustible por alumno sitúase arredor do 15 por cento. A inscrición, gratuíta, pode formalizarse na Alcaldía do Concello de Carballo de 9.00 a 14.00 horas até o venres 6 de maio. Máis información no 981 704 100 e no 981 630 618.

A Aula Municipal de Teatro de Carballo preséntase de novo ante o público con "Amores", dirixida por Artur Trillo

VENRES 29 E SÁBADO 30 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A Aula Municipal de Teatro de Carballo preséntase de novo ante o público con "Amores", dirixida por Artur Trillo

Martes 26 de abril do 2011

A Aula Municipal de Teatro afeccionado de Carballo preséntase por segunda vez ante o público con "Amores", un mosaico de dez pequenas e divertidas historias que descobren dez tensos e conflitivos fragmentos extraídos do día a día. Os diálogos están baseados en textos de varios autores adaptados por Artur Trillo, que por segundo ano consecutivo tamén dirixe a aposta da Aula Municipal. Un total de 16 actores e actrices enriba do escenario para compoñer un cruce heteroxéneo de persoas e personaxes, pensamentos, soños, amores e paixóns traizoadas, nunha proposta na que o elemento unificador é o humor, un humor que necesitamos para poder soster esa mirada no espello, para enfrontarnos á aventura cotiá do vivir. Ao igual que en 2010, está prevista unha dobre función: o venres 29 e o sábado 30 de abril ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. As entradas son de balde, e aínda poden reservarse no teléfono 981 704 300 ou nas oficinas da Concellaría de Cultura do Pazo da Cultura de 11.00 a 14.00 horas. Poderán recollerse os días das representacións no despacho de billetes do Pazo de 19.00 a 20.30 horas. Como máximo, poden reservarse 4 entradas por persoa e día. A duración prevista do espectáculo é de 70 minutos.

Compartir: