Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aberto o prazo para participar e inscribirse na cuarta edición dos Premios Carballo Emprende

ATÉ O 27 DE ABRIL ÁS 13.00 HORAS

Aberto o prazo para participar e inscribirse na cuarta edición dos Premios Carballo Emprende

Venres 8 de abril do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, informa de que está aberto o prazo para inscribirse nos Premios Carballo Emprende 2011, enmarcados dentro das Xornadas do mesmo nome que se celebrarán os próximos días 3 e 4 de maio, e que xa chegan á súa cuarta edición. Os galardóns teñen dúas categorías: o concurso de Ideas Empresariais e o de Programas de Fomento da Emprendeduría. No primeiro caso os obxectivos son promover a cultura emprendedora, impulsar a creación de proxectos empresariais e facilitar a creación de postos de traballo, presentando o autoemprego como unha opción viable para a inserción laboral. Por parte do Concello de Carballo concederanse tres premios aos proxectos que obteñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado: un primeiro premio de 1.200 euros, un segundo dotado con 1.000 euros e un terceiro de 800 euros. Por parte da Cámara de Comercio de A Coruña concederanse dous premios consistentes na bonificación da cuota de cesión (gratuíta) dun espazo no seu Viveiro de empresas en Carballo durante un período de 6 meses, e como máximo ata 31 de decembro de 2011, aos dous proxectos que cumpran os requisitos de admisión do Viveiro, non se atopen na actualidade nas instalacións do mesmo e teñan unha maior puntuación. O prazo para presentar a inscrición, que pode entregarse no Rexistro do Concello de Carballo, é até o mércores 27 de abril ás 13.00 horas.

O Alcalde recibe ao equipo de cadetes do Balonmán Xiria que se acaba de proclamar Campión Galego

PODERÁN XOGAR EN MAIO A COPA DE ESPAÑA

O Alcalde recibe ao equipo de cadetes do Balonmán Xiria que se acaba de proclamar Campión Galego

Venres 8 de abril do 2011

O equipo Vipecón Xiria de Balonmán vén de proclamarse campión galego na categoría cadete baixo a dirección de Fernando Vázquez. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo felicitar en persoa ao adestrador e aos xogadores na Casa do Concello, desexándolles que cheguen "o máis arriba posible", nesta tempada, que aínda non rematou, e nas seguintes. A vitoria decisiva trivo lugar a pasada fin de semana contra o Octavio de Vigo, nun partido que lles fixo acadar o título. A pesares de que durante a primeira parte as diferencias foron mínimas entre os dous conxuntos e os xogadores acusaron os nervos, na segunda parte marcáronse as diferencias, que se reflectiron nun marcador final de 28-38. O Vipecón Xiria completou unha semana moi importante para o club de balonmán carballés, xa que gañou o título unhas horas despois de que os sénior do Calvo Xiria asinasen o seu pase aos play off para loitar polo ascenso á División de Honra de Plata. Os rapaces de Fernando Vázquez fixeron unha campaña espectacular sendo o equipo máis goleador e o menos goleado, cedendo, con unha derrota e un empate, tan só 3 puntos en toda a competición. Dentro de 10 días, cando se retome a competición, o Vipecón Xiria poderá desputar as semifinais de Copa, mentres que os días 6, 7 e 8 de maio xogarán a primeira ronda clasificatoria do Campionato de España. O obxectivo, segundo o adestrador, é "subir un escalón e tentar traer unha fase final para Carballo".

O Pazo da Cultura acolle a exposición do "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo"

NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA DE 18.00 A 21.00 HORAS

O Pazo da Cultura acolle a exposición do "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo"

Venres 8 de abril do 2011

A sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle do 26 de abril ao 10 de maio a exposición das obras que veñen de participar no "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo" organizada pola Deputación da Coruña. Con dito Certame, o organismo provincial pretende render unha sincera homenaxe a Isaac Díaz Pardo, nas súas facianas tanto de artista, como de creador e intelectual. Así mesmo, o obxectivo é promover e impulsar o patrimonio artístico da provincia nun dos seus aspectos fundamentais: o apoio á cultura galega a través dos seus creadores. O concurso ten carácter bianual e xa vai pola súa XI edición, sendo un premio de referencia no seu campo en Galicia, ao cal se destinan 45.000 euros para adquirir as obras seleccionadas polo xurado que pasan a formar parte dos fondos da colección da Deputación da Coruña integrándose dentro do noso patrimonio artístico. Esta exposición de carácter itinerante recolle obras de diverso tipo de manifestacións plásticas: pinturas, esculturas e fotografías. Obras de distintos estilos e temáticas, que integran un ecléctico escaparate das tendencias, vangardas, e estilos da arte actual de artistas tanto galegos coma nacionais e internacionais. A mostra permanecerá aberta ao público no 3º andar do Pazo da Cultura no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.

Primavera enDanza pecha coa orixinal proposta de Aracaladanza e cun "gran banquete" chegado de Valencia

VENRES 8 E SÁBADO 9 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

Primavera enDanza pecha coa orixinal proposta de Aracaladanza e cun "gran banquete" chegado de Valencia

Xoves 7 de abril do 2011

O programa Primavera enDanza pecha esta fin de semana cunha proposta para o público máis familiar chea de fantasía e outra chegada dende Valencia, con dúas funcións de danza contemporánea destinadas tanto a público infantil como ao adulto, a cargo de compañías moi importantes e referentes na danza a nivel nacional e internacional. O venres 8 ás 20.00 horas é a quenda de Aracaladanza que presenta nunha estrea en Galicia o seu novo espectáculo "Nubes" (na imaxe). Fantasía, imaxinación e maxia: estes son os ingredientes esenciais dun traballo que ten como motor artístico o absurdo, e no que obxectos imposibles se converten en protagonistas. Unha maza xigante, zapatos con dedos, chuvia de homes con bombín e, por suposto, nubes, sempre nubes. O sábado 9 ás 21.00 horas a compañía valenciana Otra Danza ofrece "El Gran Banquete", unha festa na que a Marquesa de Revoltosa, o Señor Candelas, os condes de Luz, a señora Soledad e os baróns Gaspar e Bibiana acoden ao encontro de Don Pedro, o mestre de cerimonias, que lles ten preparado un banquete exquisito acorde co glamour dos personaxes. A cita do venres ten 50 minutos de duración e o prezo da entrada é de 5 euros, 3,5 con desconto. A cita do sábado ten unha duración prevista dunha hora e ten o mesmo prezo que a do venres. Ámbalas dúas funcións: no auditorio do Pazo da Cultura.

A Policía Local carballesa incorpórase activamente no seguimento e protección das vítimas de violencia de xénero

UN SISTEMA INFORMÁTICO AXUDA NA XESTIÓN DE CADA CASO

A Policía Local carballesa incorpórase activamente no seguimento e protección das vítimas de violencia de xénero

Mércores 6 de abril do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Servizos Sociais, continúa coa loita contra a violencia de xénero e a prol dos dereitos das mulleres. Así, ademais dos servizos de asesoramento xurídico, psicolóxico e social que están ao servizo das veciñas do municipio, pero tamén de toda a comarca de Bergantiños, a través do CIM (Centro de Información á Muller) e do seguimento dos casos por parte das forzas de seguridade a través da Garda Civil, hai uns días que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou na Subdelegación do Goberno na Coruña un convenio polo que a Policía Local incorporarase ao Sistema Integral dos casos de violencia de xénero do Ministerio do Interior. Mediante este acordo, a partir de agora a Policía Local súmase á Garda Civil e poderá tomar parte activa no seguimento e protección das vítimas, reforzándose o servizo no Concello. Así, os axentes terán acceso a un programa informático no que se recollen todo tipos de datos relacionados cos casos de violencia de xénero, permitindo, por exemplo, o control directo das ordes de afastamento. Dende o principio do seu funcionamento, en agosto de 2007, o Sistema Integral ten xestionado máis de 11.000 casos en Galicia e máis de 4.200 na provincia da Coruña. Con este acordo, refórzase a loita contra a violencia de xénero, permitindo máis recursos e unha mellor xestión dos casos no Concello.

O Concello e o Club Ciclista Carballo poñen en marcha un ciclo de Rutas en Bicicleta polo municipio

FINS DE SEMANA ENTRE O 9 DE ABRIL E O 21 DE MAIO

O Concello e o Club Ciclista Carballo poñen en marcha un ciclo de Rutas en Bicicleta polo municipio

Martes 5 de abril do 2011

O Club Ciclista Carballo Placasa, en colaboración co Concello a través do Padroado Deportivo Municipal, propón a celebración dunha serie de saídas en bicicleta como xeito de promoción do ciclismo e da vida saudable. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña que se trata de rutas pensadas para toda a familia, aproveitando a chegada do bo tempo, e tamén para facilitar o coñecemento do municipio. Así, as rutas non só fomentan o uso da bicicleta como medio de transporte, senón que tratarán de dar a coñecer o patrimonio natural, histórico ou artístico de Carballo. Por iso, no momento de deseñalas se tiveron en conta zonas con algún valor paisaxístico ou artístico. As saídas caracterízanse por ser gratuítas e por ter unha duración aproximada dunha hora e media e desenvólvense durante catro fins de semana o sábado 9 de abril; o sábado 30 de abril; o domingo 15 de maio; e o sábado 21 de maio. Cada día a saída está prevista para as 16.00 horas. Segundo explica Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista, as rutas poden realizalas persoas con distinta preparación física, en compañía de familia e amigos, pero están especialmente dirixidas a rapaces e rapazas. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que a iniciativa constitúe unha "boa oportunidade para coñecer Carballo e facer deporte".

Carballo pon en marcha un Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial no marco do proxecto Fórum

OFRECE SEIS LIÑAS DE ACTUACIÓN PARA EMPRESAS E AUTÓNOMOS

Carballo pon en marcha un Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial no marco do proxecto Fórum

Venres 1 de abril do 2011

O Concello pon en marcha, a través do proxecto Fórum Carballo, un Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial destinado a autónomos, empresas e grupos de empresas que exerzan a súa actividade do municipio co obxecto de activar ata un total de seis liñas de actuación (internacionalización, marketing, mellora da situación financieira, mellora na xestión de cobros, planificación estratéxica, e Q de calidade turística) que se adapten ás súas necesidades e que lles permitan mellorar nalgúns dos seus aspectos clave. As empresas seleccionadas contarán cos servizos dunha consultoría especializada para a elaboración dun diagnóstico ou informe personalizado sobre a empresa ou para a celebración de seminarios específicos con grupos de empresas, segundo as necesidades. Os interesados e interesadas en participar deberán presentar as súas solicitudes a partir do luns 4 de abril e durante un prazo de 15 días no Rexistro Xeral do Concello, xunto coa documentación necesaria. Cada empresa ou autónomo só poderá optar a unha liña de actuación e a admisión vén determinada pola orde de inscrición no Rexistro, ata completar os límites de cada liña. Así, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, axustaranse os recursos existentes para o plan segundo a demanda de participación, tentando que se beneficie o maior número de empresas posible.

Primavera enDanza arrinca con tres espectáculos para todos os públicos, incluída unha estrea en España

VENRES 1, SÁBADO 2 E DOMINGO 3 DE ABRIL

Primavera enDanza arrinca con tres espectáculos para todos os públicos, incluída unha estrea en España

Xoves 31 de marzo do 2011

O festival Primavera enDanza, un programa que aglutina cinco espectáculos da danza contemporánea no auditorio do Pazo da Cultura, arrinca esta fin de semana con tres propostas ben distintas para todos os públicos e chegadas de Galicia e Cataluña. A inauguración do ciclo de actuacións corre a cargo da compañía catalana Trànsit Dansa, que presenta o venres 1 de abril ás 21.00 horas "El salto de Nijinsky", unha coreografía onde o salto do famoso bailarín ruso será o punto de partida para o inicio dunha viaxe aos saltos da memoria. O sábado 2, á mesma hora, é a quenda da compañía galega Sólodosneodans co espectáculo "Sólodos" que pon en escea unha coreografía onde o amor, o tempo e o destino envolven ao espectador e aos dous bailaríns. E, o domingo 3 ás 18.00 horas, péchase a primeira fin de semana con danza En Familia a cargo da tamén compañía galega La Macana, que estrea en Galicia e en España o espectáculo "El país de las sombras", una aposta con moitas ilusións visuais onde a imaxinación e a fantasía están presentes ao longo das coreografías, onde contan coa colaboración da compañía sueca Memory Wax. Os prezos dos espectáculos son de 3,5 € (2,5 con desconto) para o venres e sábado, e de 2,5 € (2 con desconto) para a cita do domingo.

Carballo acolle un ciclo de obradoiros para nais e pais titulado "Sinalando os límites"

ENTRE O 5 DE ABRIL E O 24 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle un ciclo de obradoiros para nais e pais titulado "Sinalando os límites"

Martes 29 de marzo do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Educación que dirixe Mar Eirís, promove a celebración dun ciclo de obradoiros para nais e pais de alumnos e alumnas de Infantil e Primaria dos centros de ensino do municipio baixo o título "Sinalando os límites". Os obradoiros impartiranse cada martes entre o 5 de abril e o 24 de maio de 19.00 a 21.00 horas no Pazo da Cultura co obxectivo de axudar a nais e pais a coñecer os seus métodos de actuación para mellorar na educación dos seus fillos e na súa comunicación con eles. A esta actividade que constará de sete sesións, poderán inscribirse antes do 4 de abril aquelas nais e pais do Concello de Carballo que se amosen interesadas en participar, chamando ao teléfono 981 522 426. Incluso se alguén non se anota antes desa data, pode acudir e inscribirse na primeira sesión do martes 5 de abril. A Concellaría de Educación subliña que esta actividade é gratuíta e que estará dispoñible para os/as asistentes un servizo de canguraxe para coidar dos fillos e fillas mentres dure a actividade. Durante os obradoiros intentarase ensinar aos pais e ás nais os métodos educativos más eficaces para poñer límites e tamén para coñecer os seus actuais métodos de educación para que poidan evitar repetir os erros de actuación e fomentar a educación na igualdade, reflexionar e aprender como aprenden os/as fillos/s as regras dos pais e nai ou achegar técnicas de actuación para establecer límites claros e firmes.

O Goberno carballés saca adiante no pleno un orzamento de 20,5 millóns de euros para o ano 2011

O INVENTARIO MUNICIPAL DE BENS CHEGA A 267 MILLÓNS DE EUROS

O Goberno carballés saca adiante no pleno un orzamento de 20,5 millóns de euros para o ano 2011

Martes 29 de marzo do 2011

O Goberno municipal vén de sacar adiante na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo o orzamento do Concello de Carballo para 2011, unhas contas de 20.593.115,49 euros, aos que hai que sumar 1.022.246 euros do Padroado Deportivo Municipal, cun total de 21.165.361,49 euros. Trátase dun orzamento que a Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, califican de "realista" e "austero", e que foi debatido polo miúdo durante preto de dúas horas durante o pleno, que rematou arredor das doce da noite do luns 28 de marzo. Respecto aos apartados das contas, no que respecta aos ingresos, as operacións correntes chegan a 18.015.803,44 euros, cun descenso das transferencias correntes -de 8.437.786,28 euros-, xa que baixan as achegas doutras administracións. No que se refire ás transferencias de capital, ascenden a 1.927.304,05 euros, e son achegas destinadas á realización de certos investimentos en concreto. Así, destinaranse 500.000 euros do Estado para a mellora da contorna do mercado municipal, máis de 450.000 euros da Deputación, para a construción dunha nova escola infantil; ou a última anualidade do proxecto Fórum Carballo, que chega a máis de 700.000 euros. No apartado de gastos, o capítulo de investimentos reais chega a 4.305.198,53 euros e os gastos correntes a 8.253.773,47 euros.

Carballo solicita 4,2 millóns de euros de fondos europeos Feder para ampliar e mellorar o subministro de auga potable

APROBADO O PLAN DE DINAMIZACIÓN EMPRESARIAL DO FÓRUM

Carballo solicita 4,2 millóns de euros de fondos europeos Feder para ampliar e mellorar o subministro de auga potable

Luns 28 de marzo do 2011

O Concello vén de aprobar na Xunta de Goberno Local o proxecto e a solicitude de financiamento con cargo á convocatoria do ano 2011 dos fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) para poder levar a cabo unha actuación de ampliación e mellora do subministro da auga potable de Carballo chamada "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" que conta cun orzamento de 4.244.194,50 euros. O obxectivo, en verbas do Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, José Antonio Viña, é "garantir o subministro", así como "a cantidade e calidade da auga nun futuro próximo". Para iso, o proxecto, elaborado por Valora Consultoría e Innovación, suporía repartir a presión da auga entre o río Anllóns e o Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Estaría prevista a creación dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e o situado na rúa Vila de Corcubión da capital municipal. A iniciativa recolle as indicacións do 'Estudo director para a mellora do abastecemento no termo municipal de Carballo', no que se efectúa unha análise da situación dos recursos hídricos no municipio. De conseguirse os fondos, melloraríase considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais do caudal ecolóxico e a protección do Anllóns en situacións de seca, a achega aos veciños e veciñas dos sistemas fluviais e a educación ambiental en materia do ciclo da auga.

Carballo recibe un millón de euros en cretos das axudas á reindustrialización para activar tres proxectos empresariais

O INVESTIMENTO TOTAL PREVISTO É DE 2,8 MILLÓNS DE EUROS

Carballo recibe un millón de euros en cretos das axudas á reindustrialización para activar tres proxectos empresariais

Venres 25 de marzo do 2011

Carballo porá en marcha tres proxectos industriais no marco do plan de axudas á reindustrialización da Costa da Morte para o ano 2011 que supoñen un investimento de 2.827.621 euros no municipio. Desta cantidade, un millón de euros será achegado polo Ministerio de Industria a través destas axudas, que ofrecen cretos ao 0 por cento de tipo de xuro e cun período de amortización de 15 anos, sendo os primeiros 5 de carencia. Está prevista a creación de 9 postos de traballo directos a través destes tres proxectos que implican: a creación dun novo centro de mecanizado en Carpintería Alunor SL (cun investimento de 440.000 euros, 200.000 de creto e 2 postos de traballo); a creación dunha nova liña de fabricación de fustes eólicos de formigón na empresa Aplicaciones del Hormigón SA (con 1.924.000 euros, 600.000 de creto e 6 empregos); e a instalación dunha empresa especializada en actividades de transformación e implantación de tecnoloxía eléctrica e híbrida en vehículos industriais para Transformaciones Bergantiños SL (con 463.621 euros de investimento, 200.000 de creto e 1 emprego). Carballo é o municipio da Costa da Morte que conta con máis proxectos empresariais no marco deste plan, que tamén supón dous actuacións en Cee, dúas en Malpica, dúas en Vimianzo, dúas en Santa Comba e unha en Muros, Ponteceso e Zas. En toda a Costa da Morte poranse en marcha 14 proxectos empresarias cun investimento de 12.995.895 euros, 4.320.000 euros de axudas a través dos cretos e a creación de 63 postos de traballo.

Compartir: