Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo presenta un orzamento "realista", "social" e "austero" cunhas contas que superan os 20,5 millóns de euros

MÁIS DE CATRO MILLÓNS DE EUROS DESTÍNANSE A INVESTIMENTOS REAIS

Carballo presenta un orzamento "realista", "social" e "austero" cunhas contas que superan os 20,5 millóns de euros

Venres 25 de marzo do 2011

O orzamento de Carballo para o ano 2011 é de 20.593.115,49 euros, aos que hai que sumar 1.022.246 euros do Padroado Deportivo Municipal, cunhas contas dun total de 21.165.361,49 euros. A Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de presentar o documento que marcará o ritmo económico do Concello durante esta anualidade, e describiron o orzamento como unha previsión que "dentro da situación económica das administracións públicas", mantén unha filosofía "realista", "sen descoidar en ningún momento o gasto social" e que reflicte a "austeridade" dos tempos que corren, en verbas de Vázquez. O Alcalde engade que as contas amosan "unha boa situación económica tendo en conta o contexto en que nos movemos", presentando a menor carga financeira da última década, que ascende a un 3,3 por cento. Vázquez subliña que se trata dun orzamento cun axuste á baixa dun 9,04 por cento, pero que descende menos que o do conxunto da comunidade autónoma, mantense en cifras superiores ao do 2007 e pode equiparse ao do ano 2008. Así mesmo, Vázquez explica que as contas se fixeron calculando un aforro neto de máis de tres millóns de euros. Ferrero rematou subliñando que Carballo está nunha "boa situación para afrontar os próximos tempos" e desexando que "a crise teña remate o antes posible".

Os Venres Culturais pechan a súa programación con teatro, música e unha proposta para cativos e cativas

VENRES 25, SÁBADO 26 E DOMINGO 27 DE MARZO NO PAZO DA CULTURA

Os Venres Culturais pechan a súa programación con teatro, música e unha proposta para cativos e cativas

Xoves 24 de marzo do 2011

Teatro para adultos con Teatro do Atlántico, un concerto acústico con The Homens e teatro para os máis cativos e cativas con Ghazafelhos son as tres propostas que poñen fin ao programa dos Venres Culturais 2011. O programa principia o venres 25 de marzo ás 21.00 horas con Teatro do Atlántico e "Memoria de Helena e María". Roberto Salgueiro é o autor deste texto que conta cómo, nos meses previos á Guera Civil, nunha vila de Galicia, prodúcese o primeiro encontro de Helena e Manuel. Un encontro que desembocará nun amor inmenso e único. A historia que así comeza, remata co século, logo de que teñamos acompañado ás personaxes ata A Coruña, Sevilla ou Montevideo. Así, sesenta anos despois, coñecemos a través da filla de Helena e Manuel, María, esa conmovedora historia sen desvelar. O texto recibiu o premio Abrente de Teatro 2006, e achega un drama sereno e intenso, no que a dozura se mestura coa dor. Achega a visión do noso presente a través da mirada de mulleres do noso pasado, unha historia da guerra contada de maneira sinxela e directa. Con esta produción, Teatro do Atlántico celebra o seu 25 aniversario. Nestes anos, puidemos gozar en Carballo con espectáculos como "O Encoro" ou "Unha primavera para Aldara". A duración do espectáculo é de 80 minutos e o prezo é de 3,5 euros, 2,5 con desconto.

A Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo contou con máis de 600 usuarios no ano 2010

O XACEMENTO DE EMPREGO MÁIS IMPORTANTE NA COMARCA É O TURISMO

A Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo contou con máis de 600 usuarios no ano 2010

Mércores 23 de marzo do 2011

A Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo contou cun total de 625 usuarios durante o ano 2010. A maioría destas persoas acudiron para beneficiarse dos servizos que ofrece a Cámara (un 62 por cento) e o 38 por cento restante a realizar consultas. Así quedou reflectido na presentación dos estudos realizados ao longo do ano 2010 polo Observatorio Socioeconómico Local referentes non só á capital de Bergantiños, senón tamén á súa área de influencia. O balance de actividade da Antena Local indica que a maioría dos usuarios son emprendedores (47 por cento) e empresas (28 por cen), mentres que o resto (24 por cento) son persoas desempregadas e estudantes. O 1 por cento restante da actividade correspondeulle a asociacións de empresarios e a concellos. Respecto do número de consultas, chegaron a un total de 307, e nelas, a maioría foron realizadas por emprendedores, especialmente pola dispersión das fontes de información na zona. En canto aos motivos destas consultas, destacan as relativas a trámites de constitución de sociedades, ás de obtención de axudas e ás de fontes financiamento. Os servizos proporcionados pola Antena da Cámara de Comercio foron 508, maioritariamente a estudantes e persoas desempregadas. Así mesmo, en 2010 desenvolvéronse 3 actividades formativas a través do Incyde, dous cursos e 13 sesións informativas con máis de 200 asistentes. Entre as levadas a cabo en Carballo destacan as xornadas relativas ao aforro enerxético ou as dedicadas ao marketing como vehículo.

O Goberno investiu doce millóns de euros na creación de saneamentos nas parroquias nos últimos catro anos

MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS PARA ACONDICIONAR CENTROS SOCIAIS

O Goberno investiu doce millóns de euros na creación de saneamentos nas parroquias nos últimos catro anos

Mércores 23 de marzo do 2011

O Goberno de Carballo vén de presentar o balance das actuacións realizadas no medio rural nos últimos catro anos, un percorrido no que subliñan que sempre se buscou o protagonismo das parroquias, ademais do do casco urbano. Entre todo o amplo relatorio de actuacións, destaca un investimento de doce millóns de euros na ampliación da rede de saneamentos, con proxectos en practicamente todas as parroquias, cun incremento da capacidade de depuración en 14.000 habitantes e a creación de estacións depuradoras en puntos estratéxicos como o litoral (en Razo e Rebordelos-Baldaio) ou no interior (en lugares como Ardaña ou Artes). Segundo explica o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, José Antonio Viña, "foron catro anos de traballo intenso", nos que "aínda que máis do 60 por cento dos 31.000 habitantes de Carballo están no casco urbano, nunca nos esqueceu o resto do territorio e as necesidades do conxunto dos cidadáns", en verbas do Concelleiro de Obras, Luís Lamas. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña, así mesmo, a creación, cun investimento total de máis dun millón de euros, dunha rede de locais sociais no medio rural a través da posta en marcha dunha rede de dinamización desenvolvida polos propios colectivos veciñais, coa construcion edificios de nova planta e o acondicionamento de locais en Berdillo, Sofán, Imende, Oza, Cances e A Brea.

Principian os traballos para a creación de beirarrúas entre Ponte Rosende e a capela de Vivente, en Ardaña

O ORZAMENTO SUPERA OS 160.000 EUROS

Principian os traballos para a creación de beirarrúas entre Ponte Rosende e a capela de Vivente, en Ardaña

Martes 22 de marzo do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras que dirixe Luís Lamas, informa de que xa están en marcha os traballos do proxecto para a creación de máis de medio quilómetro de beirarrúas na parroquia de Ardaña entre Ponte Rosende e a capela dos Remedios de Vivente (na imaxe), xa que o mércores 23 de marzo está previsto que a empresa adxudicataria, Exoga (Excavaciones y Obras Públicas Galicia, SL) comece cos primeiros pasos para a sinatura da acta de replantexamento. Esta actuación está incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña, e conta cun orzamento de 164.020 euros, cunha baixa sobre o orzamento de licitación de 17.350,51 euros, e un prazo de execución de cinco meses. Hai que lembrar que o POS 2010 inclúe tres investimentos para mellorar a seguridade viaria na estrada Carballo-Santiago, a CP-1914, ao seu paso polo municipio. Así, ademais das beirarrúas en Ardaña, crearanse beirarrúas na Canosa-Rus e están en marcha os traballos para mellorar a seguridade viaria e crear beirarrúas en Taboada-Entrecruces, unhas melloras que principiaron en febreiro deste ano. Así mesmo, o inicio destas obras supón unha nova fase de creación de beirarrúas en Ardaña, onde xa se teñen acondicionado outros treitos en melloras sucesivas.

Cinco espectáculos de danza contemporánea de calidade para todos os públicos conforman o programa de Primavera enDanza

DO 1 AO 9 DE ABRIL NO AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

Cinco espectáculos de danza contemporánea de calidade para todos os públicos conforman o programa de Primavera enDanza

Luns 21 de marzo do 2011

Un total de cinco compañías, dúas galegas, unha madrileña, unha catalana e unha valenciana, presentan os seus espectáculos no marco do programa Primavera enDanza 2011. A cita -no auditorio do Pazo da Cultura entre o venres 1 e o sábado 9 de abril- conta cunha estrea en España e cunha en Galicia, ademais de ser unha "oportunidade para ver danza contemporánea para todos os públicos", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Primavera enDanza chega á súa novena edición converténdose nunha cita "anual e estable", a única destas características na comarca e sendo un referente en toda Galicia pola escaseza deste tipo de propostas. Tránsit Dansa, Sólodosneodans, La Macana, Aracaladanza e Otra Danza son as compañías encargadas de encher Carballo de "espectáculos que para nada deben considerarse para minorías", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, que engade que Primavera enDanza é unha ocasión para "desfrutar de compañías de vangarda", nun programa que cada ano colleita más espectadores. Hai propostas de recente creación, como as galegas de Sólodosneodans e La Macana, e compañías de prestixio internacional como Aracaladanza, que xa estivo en tres ocasións no Pazo da Cultura acadando un cheo absoluto. Os bonos e entradas para os espectáculos, están á venda dende o xoves 24 de marzo no Pazo da Cultura ou no 981 704 300.

A comedia de Teatro de Ningures "Atra Bile" e os monicreques do espectáculo "Cinderella Mix" nos Venres Culturais

VENRES 18 E DOMINGO 20 DE MARZO ÁS 21.00 E 18.00 HORAS

A comedia de Teatro de Ningures "Atra Bile" e os monicreques do espectáculo "Cinderella Mix" nos Venres Culturais

Venres 18 de marzo do 2011

O programa dos Venres Culturais continúa esta fin de semana con dúas propostas, unha para o público adulto e outra para os cativos e cativas, unha centrada na comedia e outra nos monicreques. As compañías Teatro de Ningures e Artello Teatro son as encargadas de levar á escea estas dúas propostas no auditorio do Pazo da Cultura carballés. As actuacións principian o venres 18 de marzo ás 21.00 horas con "Atra Bile". Teatro de Ningures recunca despois de presentar a pasada fin de semana "0,7% Molotov", e neste caso cun espectáculo ben diferente. Trátase dunha estraña comedia na que tamén afloran a vinganza, a xenreira, o amor ou o odio que foi escrita por unha destacada dramaturga española contemporánea, Laila Ripoll, e foi finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática e tamén dos premios Max. O prezo ordinario da entrada é de 3,5 euros e de 2,5 € o prezo reducido; a duración do espectáculo é de 75 minutos. O domingo 20 chega a quenda para o ciclo En Familia e a "Cinderella Mix" de Artello Teatro alla Scala 1:5. A partires das 18.00 horas desenvolverase unha divertida proposta infantil na que os títeres serán os protagonistas e onde esta versión do conto clásico está construída fusionando tres olladas diferentes sobre o argumento. O prezo da entrada é de 2,5 euros e o prezo reducido de 2 € no auditorio do Pazo da Cultura. A duración do espectáculo é de 50 minutos.

O Alcalde apoia a petición dos veciños e veciñas de Bértoa de mellorar a seguridade na vía de Caión

REMITÍRONSE 310 SINATURAS Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL

O Alcalde apoia a petición dos veciños e veciñas de Bértoa de mellorar a seguridade na vía de Caión

Venres 18 de marzo do 2011

Un total de 310 veciños e veciñas de Bértoa veñen de remitir as súas sinaturas á Deputación provincial da Coruña para solicitar que se tomen medidas para mellorar a seguridade na estrada CP-1909 Carballo-Caión, que transcorre polos lugares de Requeixo, Reboredo, Queo de Arriba e O Campo. Así, expoñen no seu escrito que os accidentes son "constantes", o que provoca "nerviosismo e intranquilidade" nos habitantes das zonas afectadas "pola evidente inseguridade e perigo de atropelo para os veciños". En concreto, mencionan un accidente que tivo lugar 17 de febreiro de 2011, no que, subliñan, se viron implicados "cinco mozos de curta idade", e achegan un dossier no que se recolle unha relación do elevado número de sinistros producidos na zona nos últimos tempos. Por ese motivo, solicitan a instalación de pasos de peóns elevados, ou outras medidas de seguridade que sirvan para evitar o exceso de velocidade, o que consideran que é a "causa principal da maioría dos accidentes" producidos nesta zona, superando os vehículos o límite de 50 quilómetros por hora estipulado en toda o treito. Apoiando esta reivindicación veciñal, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, incorpora un escrito no que recolle a solicitude das melloras que presentan os afectados e afectadas para o treito da CP 1909 que transcorre entre os puntos quilométrico 0 e 1,3 desta vía.

A réplica dos tesouros da Tumba de Tutankamon visita por primeira vez Galicia no marco do festival Panxea

ENTRE O 19 DE MARZO E O 3 DE ABRIL NA FEIRA DOS 5 CONTINENTES

A réplica dos tesouros da Tumba de Tutankamon visita por primeira vez Galicia no marco do festival Panxea

Venres 18 de marzo do 2011

O festival Panxea 2011 de Carballo, a cita anual do Concello coa multiculturalidade e coa diversidade, ten como protagonista este ano a réplica do tesouro da tumba do famoso faraón exipcio Tutankamon, que visita por primeira vez Galicia chegada directamente dende o país do Nilo. Trátase da maior atracción da Feira Internacional dos 5 continentes (FIC) de Panxea, que nos permitirá coñecer a diversidade e as distintas realidades culturais do mundo a través dos seus costumes, gastronomía e artesanía, ou incluso a través da súa propia idiosincrasia. A feira poderase visitar de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 22.00 horas na Praza do Concello de Carballo dende o sábado 19 de marzo e até o domingo 3 de abril, e estará composta por un total de 26 stands dedicados a distintos países, rexións e lugares tan distintos como Arxentina, Exipto, India, Marrocos, Rusia, Mallorca, Berlín, Nepal, Cuba, Holanda, Francia, Luarca e Tailandia. Pero sen dúbida, a carpa dedicada a Exipto é unha das principais atraccións desta feira, especialmente pola tumba de Tutankamon. O conxunto compleméntase coa presenza dun bailarín de danza tradicional exipcia e de dous ourives que amosarán o seu traballo co ouro e a prata en vivo diante dos espectadores que se queiran achegar ao stand. A entrada á carpa dedicada a Exipto ten un prezo de 2 euros.

O XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís premia as "bolsas" da muxiana Teresa Búa

EXPOSICIÓN ATÉ O 17 DE ABRIL NO 3º ANDAR DO PAZO DA CULTURA

O XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís premia as "bolsas" da muxiana Teresa Búa

Xoves 17 de marzo do 2011

O Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís chega á súa edición número trece (ou 12+1, como subliña o Alcalde carballés, Evencio Ferrero) sen deixar de medrar e acadando un "alto nivel", tamén en verbas do Alcalde, tendo sido premiadas até o de agora 47 imaxes sumando todas as convocatorias dende os comezos. Neste 2011, un total de 94 fotógrafos presentaron 242 fotografías, das que estarán expostas 98 até o 17 de abril na sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura. Ademais, Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura, lembra que os participantes non son só galegos, senón de toda España, de lugares como Valencia, Andalucía, Madrid, Aragón ou Cataluña. Porén, a gañadora deste ano é da Costa da Morte, sendo a muxiana Teresa Búa coa súa proposta "Bolsas 1". Precisamente, as tres "bolsas" que aparecen na imaxe quixeron acompañar á galardoada no acto de entrega de premios, no que recibiu o diploma que acredita o primeiro premio, dotado con 700 euros, de mans do Alcalde. Ferrero tivo palabras para Xosé Manuel Eirís, "persoa que sempre tivo unha especial sensibilidade coa arte" e desexou que "estes premios sexan tamén a antesala de carreiras artísticas prometedoras". Por último, invitou aos carballeses e carballesas a desfrutar "do ollo especial dos fotógrafos" e "sempre da compañía de Xosé Manuel Eirís".

Carballo reparte 3.000 euros ata o domingo 26 de marzo coa campaña "As compras na túa vila teñen premio"

DENDE O MARTES 15 DE MARZO MERCANDO NO COMERCIO LOCAL

Carballo reparte 3.000 euros ata o domingo 26 de marzo coa campaña "As compras na túa vila teñen premio"

Mércores 16 de marzo do 2011

O comercio carballés acolle ao longo do mes de marzo, entre os días 15 e o 26 deste mes, unha campaña de dinamización titulada "As compras na túa vila teñen premio". A través da iniciativa premiarase con 3.000 euros a fidelidade dos compradores habituais do pequeno comercio. Así, sortearanse dúas tarxetas regalo de 300 euros e 24 tarxetas regalo de 100 euros entre aqueles clientes que merquen nos establecementos da vila e presenten os seus tickets de compra nunha carpa situada no Xardín Municipal, ou ben que os entreguen ás promotoras da campaña que estarán percorrendo as rúas carballesas. Coa entrega do ticket obterán un boleto para depositar nunha furna e entrar no sorteo que ten lugar o domingo 26 de marzo ás 19.00 horas na Praza do Concello, no marco dunha grande festa que se desenvolverá ao longo de toda a xornada, a partires das 11.30 horas, nunha carpa de 150 metros cadrados e nas rúas do centro carballés. Os posuidores dos boletos deberán estar presentes na rifa para converterse en gañadores. Ademais, os clientes que acheguen o xustificante de ter mercado coas tarxetas Mastercard do Comercio Galego ou Comercio de Novacaixagalicia, duplicarán a súa participación, obtendo dous boletos por cada ticket presentado.

Carballo participa nun ciclo de charlas da Deputación da Coruña para conmemorar o 8 de marzo, 'Día das mulleres traballadoras'

LUNS 21 DE MARZO ÁS 17.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Carballo participa nun ciclo de charlas da Deputación da Coruña para conmemorar o 8 de marzo, 'Día das mulleres traballadoras'

Mércores 16 de marzo do 2011

A Deputación da Coruña promove un ciclo de charlas sobre a situación actual da muller traballadora en Galicia no marco da conmemoración do 8 de marzo ‘Día das mulleres traballadoras’, data importante que nos lembra a loita de moitas mulleres e o que aínda queda por facer para acadar a igualdade real entre homes e mulleres. Carballo, Narón e Arteixo son as tres vilas que colaboran neste programa, sendo a cita carballesa o luns 21 de marzo a partires das 17.30 horas no Pazo da Cultura. Baixo o título "A reforma laboral hoxe", está prevista a presenza na actividade da marisqueira Teresa Ramiro; de Dolores Martínez, da CIG da Coruña; e da coach Estela Sánchez. O obxectivo é falar de experiencias de vida, de mulleres que loitan por abrirse paso nun mundo, cada vez menos eso si, de homes. Tamén se falará de reformas laborais que tentan equilibrar a desigualdade existente entre homes e mulleres ou de medidas para introducirse no mercado laboral e na vida. No caso de Narón, a cita é o 22 de marzo ás 17.30 horas para abordar o tema "Experiencias da vida"; e no Concello de Arteixo é o 23 de marzo ás 18.30 horas para falar de "A inserción da muller no mundo laboral". As interesadas en participar nestas actividades, que contan cun servizo de atención para os cativos e cativas durante o transcorrer da charla, poden formalizar a súa inscrición premendo aquí. Máis información en <www.diadamuller2011.net>.

Compartir: