Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O CEIP Fogar supera as súas barreiras arquitectónicas cunha achega de 184.000 euros da Deputación provincial

VISITA AO COLEXIO DE XOÁN SANDE E DE COGAMI

O CEIP Fogar supera as súas barreiras arquitectónicas cunha achega de 184.000 euros da Deputación provincial

Mércores 16 de marzo do 2011

O CEIP Fogar de Carballo vén de eliminar as súas barreiras arquitectónicas grazas a un proxecto realizado a través dunha achega da Deputación provincial que contou cun orzamento de 184.278,63 euros e que foi realizado pola empresa Construcciones Mouzo y Souto SL. O deputado responsable da área de Benestar, Xoán Sande, visitou hoxe o centro para observar de primeira man os resultados deste proxecto, e estivo acompañado do Vicepresidente de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Ramón Sestayo; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Obras, Luís Lamas; e a Concelleira de Educación, Mar Eirís. O CEIP Fogar conta con máis de 40 anos de vida e nestes momentos están matriculados 750 alumnos e alumnas, sendo o segundo máis grande de Galicia. Os traballos supuxeron a eliminación de moitas eivas, como os escalóns existentes en todos os pasillos do centro, as escaleiras dos patios ou dos accesos exteriores, ou desniveis interiores que houbo que salvar con ascensores. En total, construíronse 9 ramplas interiores e 5 exteriores, ademais de 2 elevadores no interior do edificio para comunicar as áreas de Infantil e de Primaria. O proxecto incluíu, así mesmo, a mellora da instalación eléctrica e do alumeado dos pasillos.

Aprobado o expediente de contratación para a construción da Biblioteca Comarcal de Carballo

DIRECCIÓN DE SEGURIDADE DAS OBRAS DA ESCOLA INFANTIL

Aprobado o expediente de contratación para a construción da Biblioteca Comarcal de Carballo

Luns 14 de marzo do 2011

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente para a contratación da obra "Biblioteca de Carballo. Rúa de Pontevedra, s/n", que suporá a construción dun novo espazo público cunha superficie duns 1.500 metros cadrados. O orzamento para a súa edificación é de 1,5 millóns de euros que serán achegados na súa totalidade polo Ministerio de Cultura, e o prazo de execución marcado para rematar a actuación queda estipulado en 18 meses. Así mesmo, o expediente de contratación recolle que a adxudicación se realizará con procedemento aberto con varios criterios de valoración, como son a proposta económica, a redución de prazos ou o plan de execución da obra. No que respecta ao proxecto básico do edificio, elaborado polo arquitecto Óscar Pedrós, terá soto, pranta baixa e un andar permitindo a circulación libre dos usuarios e a fácil orientación. O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. Ademais do espazo aberto de consulta e lectura, crearase unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais e para as actividades dun club de lectura. O edificio estará equipado coas últimas tecnoloxías, incluíndo detalles como a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ter acceso a videoxogos.

O Concello emprende unha campaña para concienciar sobre a reciclaxe co reparto de máis de 2.000 bolsas informativas

A PARTIR DO LUNS 14 DENTRO DO PROGRAMA CARBALLO LIMPO

O Concello emprende unha campaña para concienciar sobre a reciclaxe co reparto de máis de 2.000 bolsas informativas

Sábado 12 de marzo do 2011

O Concello de Carballo informa de que a partires do luns 14 de marzo comeza unha campaña, dentro do programa Carballo Limpo, para concienciar aos veciños e veciñas sobre a reciclaxe, así como sobre a separación do lixo ou os horarios para depositar os residuos. Está previsto que os operarios de Aspaber-UTE, que realizan os labores de limpeza viaria, repartan esta bolsa informativa, na que, ademais dun folleto detallado con información sobre os colectores e iglús de diferentes cores (iglú verde para vidro, amarelo para envases lixeiros, azul para papel, e colector verde para orgánicos) están incluídas dúas bolsas para depositar residuos orgánicos, dúas para os residuos do colector amarelo (envases, latas, plásticos e bricks) e un adhesivo imantado no que se recollen os horarios para depositar o cartón pregado, para a materia orgánica e o horario do Punto Limpo situado no polígono de Bértoa. O reparto realizarase no casco urbano entre os cidadáns que circulen pola rúa hasta que se rematen as existencias, que chegan ás 2.300 bolsas. O obxectivo desta campaña é sensibilizar á poboación sobre a importancia da recollida selectiva de residuos, ademais de que nos últimos tempos tense detectado un incremento dos verquidos fóra dos colectores ou do depósito de lixo fóra de horario.

Unha Feira internacional dedicada aos 5 continentes centra as actividades de Panxea 2011

DO 19 DE MARZO AO 3 DE ABRIL

Unha Feira internacional dedicada aos 5 continentes centra as actividades de Panxea 2011

Venres 11 de marzo do 2011

O festival Panxea, a cita do Concello de Carballo coa multiculturalidade e coa diversidade, centra a súa quinta edición nunha Feira Internacional dos 5 Continentes que comeza o sábado 19 de marzo. Esta primeira edición da Feira dos 5 Continentes estará composta por 24 stands e realizará un percorrido pola identidade cultural de distintos países coma Rusia, Cuba, Marrocos e a India, entre outros. Permitiranos coñecer a diversidade e as distintas realidades culturais do mundo a través dos seus costumes, gastronomía ou artesanía. A feira poderase visitar de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 22.00 horas na Praza do Concello até o domingo 3 de abril. Tamén durante a celebración da Feira Internacional dos 5 Continentes terá lugar unha exposición sobre Exipto, na que se poderá facer un percorrido pola réplica do tesouro da tumba de Tutankamon, así como asistir a actuacións de danza tradicional e demostracións en vivo da artesanía tradicional e da orfebrería de dous artesáns exipcios. No programa de Panxea 2011 tampouco podía faltar un achegamento ás músicas do mundo. O sábado 19 tocará o grupo Mariachis Toluca e o domingo 27 tócalle ao grupo de música Brasil Pandeiro, ambos na Praza do Concello en horario de 12.30 e 17.30 horas.

Rock de Carballo e Teatro de Ningures: proposta dos Venres Culturais para esta fin de semana

VENRES 11 E SÁBADO 12 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

Rock de Carballo e Teatro de Ningures: proposta dos Venres Culturais para esta fin de semana

Xoves 10 de marzo do 2011

Música e teatro conforman a proposta do programa Venres Culturais para a segunda fin de semana de marzo. Aínda coa resaca do Antroido, o Pazo da Cultura volve á actividade con música e teatro, con dous espectáculos ben distintos. O venres 11 de marzo tócalle ás notas musicais co concerto Rock Carballo, que volve con toda a forza dos grupos noveis xunto con outros xa consolidados no panorama musical carballés. Estilos con diferentes influencias, que van dende o rock clásico ata o metal, pasando por un pop máis electrónico, o blues ou o grunge. Un repertorio con temas de composición propia xunto a algunha versión dos grandes clásicos. Bandas que dan os seus primeiros pasos nos escenarios e outras que empezan a deixarse ver no mundiño discográfico. Así é Rock Carballo, unha proposta da Concellaría de Cultura, que decidiu incluír de forma voluntaria, a todos os grupos de música que están a ensaiar nos locais do Pazo da Cultura, nun concerto co obxectivo de promocionar a estes artistas do municipio, integrándoos na programación xeral desta Concellaría a través da sinatura do Convenio Musical co Concello de Carballo. Desta volta, os grupos que ofrecerán no Pazo o mellor da súa música e do seu directo, son os seguintes: Lowcos, Falso Joker, Tramitess, Snots, Versión Imposible e Killer Cats. A entrada para asistir ao concerto é de balde, ata completar o aforo. A cita, ás 21.00 horas.

Carballo acolle a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto na que participa o Club Artai

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MARZO NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo acolle a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto na que participa o Club Artai

Mércores 9 de marzo do 2011

O Pavillón da Zona Escolar da capital municipal carballesa acolle o sábado 12 e o domingo 13 de marzo a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto, que organiza o Club Artai coa colaboración do Padroado Deportivo Municipal e a Delegación Coruñesa de Baloncesto. Nesta cita participan os seguintes equipos: Gayolo Begacar de Betanzos; CB Arteixo Valoriza; Liceo La Paz A de A Coruña; e o CB Artai A de Carballo. O cadro para a disputa dos partidos é o seguinte: o sábado 12 as semifinais con dous partidos, o que enfronta ao Liceo La Paz e ao Gayolo Begacar e o que disputan o Artai e o Arteixo Valoriza ás 10.30 e ás 12.30 horas respectivamente; o domingo 13 celébranse os encontros polo 3º e 4º posto ás 10.30 horas e a final ás 12.30 horas. Esta fase final ten como premio para o campión o poder participar na Copa Galicia desta tempada. Os catro equipos participantes lograron quedar entre os catro primeiros na primeira volta da liga, o que lles deu a posibilidade de disputar esta fase provincial. Hai que subliñar que o CB Artai A de Carballo quedou primeiro nesta clasificación, sen encaixar ningunha derrota despois de 9 partidos. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar a boa marcha do deporte de base e a satisfacción porque Carballo poida acoller unha proba destas características, sendo ademais, o Artai, o favorito despois dos bos resultados da primeira volta.

O Papa Benedito XVI e os mineiros de Chile, protagonistas no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Antroido

O ENTERRO DA SARDIÑA DESPIDE A DON CARNAL

O Papa Benedito XVI e os mineiros de Chile, protagonistas no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Antroido

Luns 7 de marzo do 2011

O bo tempo e as temperaturas agradables favoreceron que a Praza do Concello de Carballo se enchera o Domingo de Antroido con centos e centos de persoas que presenciaron o Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas, no que se repartiron máis de 6.000 euros entre premios e subvencións. Como é habitual, a mirada de Don Carnal ofreceu unha panorámica da actualidade, coa presenza da Garda Civil e o seu límite a 110 quilómetros por hora, dos mineiros de Chile, do Papa Benedito XVI con botafumeiro incluído, ou coa visita do resucitado Michael Jackson. Durante o desfile, os veciños e veciñas viron barcos xigantes, esconxuros de vudú, tribus africanas, abellas, flores xigantes ou populares bonecos infantís. Finalmente, o xurado entregou os premios, que foron os seguintes. Na categoría de comparsas infantil: 1º Waka Waka Garda Civil de Tráfico; 2º Grupo Abba; 3º A selección do Alto de Arteixo. En grupos infantil: 1º Indios; 2º As doncelas francesas. En individual infantil: 1º Transformer; 2º El Cuco; 3º Astronauta; 4º O próximo Alcalde de Carballo; 5º Al Retrete. En comparsas adultos: 1º Os mineiros de Chile; 2º Paraiso Floral; Accésit: Montouse o Circo na Lúa. En grupos adultos: 1º Os electrodomésticos; 2º Hello Kitty!. En individual adultos: 1º A Ra. E por último, en carrozas: 1º O Papa Benedito XVI chega a Carballo; 2º El león y su tribu; Accésit: El último adiós de Michael Jackson.

O Goberno xestionou fondos de todas as administracións para actuar nos catro puntos cardinais do casco urbano nos últimos anos

PRETO DE 11 MILLÓNS DE EUROS SÓ NA CREACIÓN DE NOVOS EDIFICIOS

O Goberno xestionou fondos de todas as administracións para actuar nos catro puntos cardinais do casco urbano nos últimos anos

Sábado 5 de marzo do 2011

O Goberno de Carballo vén de facer balance das obras realizadas nos último catro anos no ámbito da capital municipal porque "temos o dereito e o deber de dicirlles aos cidadáns o que fixemos" neste período, segundo subliña o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. Foi un mandato no que se xestionaron fondos propios, pero, tamén e sobre todo, procedentes "de todas as administracións posibles" co obxecto de "contentar a todos, aínda que na acción individual sexa imposible contentar a todo o mundo" e "actuando nos catro puntos cardinais e no corazón de Carballo", segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero. O Concelleiro de Obras, Luís Lamas, destaca que "durante este tempo procurouse detectar as necesidades dos carballeses e carballesas e darlles resposta", a través, en verbas de Viña "dunha xestión moi intensa que nos permite poñer este catálogo de actuacións enriba da mesa". Entre este catálogo, hai que subliñar a ampliación do polígono empresarial de Bértoa -onte foi publicada no DOG a normativa do proxecto sectorial-, o investimento máis elevado da historia do Concello, con 25 millóns de euros; pero tamén o investimento destinado só á creación e planeamento de novos edificios e espazos no casco urbano, con preto de once millóns de euros para planificar a construcción e reforma de once edificios e espazos da vila, sen contar o preto dun millón de euros que se investiu na reforma integral da piscina Vila de Noia. Xestións "para vivir ben en Carballo" e para poñer en marcha unha concepción da vila "para sentirse orgullosos de ser de Carballo e desfrutar del", segundo Lamas.

"Un cranio furado", primeira coprodución do FIOT con PT Excéntricas, nominada a 10 Premios María Casares

ENTREGA DE PREMIOS O 23 DE MARZO

"Un cranio furado", primeira coprodución do FIOT con PT Excéntricas, nominada a 10 Premios María Casares

Sábado 5 de marzo do 2011

A primeira coprodución teatral do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), "Un cranio furado", vén de acadar dez nomeamentos nos XV Premios María Casares, incluído o de Mellor Espectáculo, alzándose como a obra que chega como finalista a un maior número de categorías. A listaxe de galardóns aos que opta, é a seguinte: Mellor Espectáculo; Mellor Dirección: Quico Cadaval; Mellor Actor Protagonista: Evaristo Calvo; Mellor Actriz Secundaria: Dorotea Bárcena; Mellor Actor Secundario: Víctor Mosqueira; Mellor Actor Secundario: Santi Romay; Mellor Música Orixinal: Piti Sanz; Mellor Adaptación/Tradución: Avelino González; Mellor Iluminación: Baltasar Patiño; e Mellor Escenografía: Marcelino de Santiago "Kukas". Todos os intérpretes que participan no espectáculo optan a alzarse cun dos premios, ademais de que esta adaptación dun texto do irlandés Martin McDonagh ten programada unha apertada axenda de actuacións nunha extensa xira na que xa ten visitado cidades como Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense ou Pontevedra con grande éxito de público. O FIOT ten agora a oportunidade de recoller unha das máximas distincións do teatro galego coa súa coprodución con PT Excéntricas. A entrega de premios é o mércores 23 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

O mar da Costa da Morte e o urbanismo de Madrid van da man na exposición do artista carballés Manuel Pazos

"O.V.+G.V.": ATÉ O 3 DE ABRIL NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

O mar da Costa da Morte e o urbanismo de Madrid van da man na exposición do artista carballés Manuel Pazos

Venres 4 de marzo do 2011

O artista carballés Manuel Pazos expón por primeira vez na súa vila cunha escolma de obras que mesturan a vida mariña e a urbana a través dos colores cambiantes dos polbos da lonxa de Malpica que vía de mozo, como el mesmo explicaba na inauguración da mostra, e a influenza urbanita da cidade de Madrid, onde vive na actualidade. Baixo o nome de "O.V.+G.V.", conta con dúas partes ben diferenciadas. A primeira, "O.V." en referencia ao Octopus Vulgaris, nome científico do polbo, sitúa ao espectador no límite da abstracción e a figuración, utilizando unha peculiar temática na que poden observarse caixas repletas de polbos entrelazados. A segunda, "G.V.", ve a luz por primeira vez en Carballo, e refírese á rúa Gran Vía de Madrid, unha das principais arterias da capital de España que, precisamente en 2010, cumpriu cen anos de vida. Edificios emblemáticos e algunha das vistas máis famosas da cidade quedan plasmadas nun estilo máis realista. A exposición forma parte dunha iniciativa para "fomentar a creatividade e dar a coñecer a artistas locais", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, que lembrou as palabras do xornalista carballés Henrique Mariño para describir ao autor: "un creador poliédrico, versátil e disperso, dificilmente enmarcable nunha disciplina, nunha técnica, nunha temática".

Última fin de semana da II Ruta do Pincho de Inverno e cata virtual de viño por vídeo conferencia no Telecentro

A CATA TEN LUGAR O XOVES 10 DE MARZO ÁS 19.00 HORAS

Última fin de semana da II Ruta do Pincho de Inverno e cata virtual de viño por vídeo conferencia no Telecentro

Xoves 3 de marzo do 2011

Os veciños e veciñas de Carballo que queiran saber un pouco máis sobre enoloxía tan só teñen que anotarse e participar na cata virtual que ten lugar o próximo xoves 10 de marzo en vídeo conferencia e retransmitida de xeito simultáneo a varios Telecentros de Comunicación en toda Galicia, entre os que se atopa o de Carballo. A cita desenvolvése a partires das 19.00 horas na Aula Aberta do 1º andar do Pazo da Cultura e a solicitude de participación pode formalizarse alí mesmo ata que se cubran as prazas. Os participantes poderán participar na II Cata por Videoconferencia de España, despois da celebrada o ano pasado, tamén coa colaboración do Telecentro carballés, e na que participaron os telecentros de Chantada, Santiago de Compostela, Tui, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Oroso, e Catoira. Ademais, os asistentes poderán degustar varios viños seguindo as indicacións dun experto que, dende Chantada, onde celebran a XXIX Festa do Viño, irá indicando os pasos que se deben seguir, nos que se inclúe un exame visual, ulir o viño ou unha degustación final. Os interesados e interesadas en inscribirse tamén poden facelo chamando ao Telecentro no 981 704 300.

Un total de 8 carrozas e 20 comparsas xa están inscritas no Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Antroido

OS VENRES CULTURAIS INCORPORAN A OBRA "0,7% MOLOTOV"

Un total de 8 carrozas e 20 comparsas xa están inscritas no Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Antroido

Xoves 3 de marzo do 2011

O Antroido arrinca o venres 4 de marzo en Carballo con animación e actividades para os máis cativos e cativas. Así, a Ludoteca Municipal acolle un obradoiro para os máis pequenos, que poderán elaborar diferentes elementos para disfrazarse a partir das 18.00 horas. Xa a partires das 19.30 horas, comezará a ambientación musical das rúas de Carballo coa actuación da Charanga Os Chinchorros que nos achegará a música ata pasada a medianoite. Porén, a cita máis importante do Antroido carballés é o tradicional Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas, o domingo 6 ás 18.00 horas na Praza do Concello. Nestes momentos xa están inscritas 8 carrozas e 20 comparsas en total entre as categorías de infantil e adulto. Os que aínda queiran participar poden inscribirse ata mañá venres 4 de marzo para as modalidades de comparsas e carrozas, e ata o día 6 de marzo ás 17.00 horas na porta do Concello para as modalidades de grupos, parellas e individual tanto en categoría adulto como infantil. Ademais, esta nova edición do será presentado pola actriz e humorista Patricia Vázquez, moi popular nestes momentos pola súa participación na popular serie "Padre Casares", onde interpreta a Lidia.

Compartir: