Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello de Carballo participa como socio no proxecto europeo "B-movie: a star in the EU"

DENTRO DO PROGRAMA EUROPEO: XUVENTUDE EN ACCIÓN

O Concello de Carballo participa como socio no proxecto europeo "B-movie: a star in the EU"

Xoves 3 de marzo do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Xuventude que dirixe Marcos Trigo, participa como socio no proxecto "B-movie: a star in the EU" dentro do Programa Europeo 'Xuventude en Acción', concretamente dentro da Acción 1.1, de proxectos de Intercambio de xóvenes, e nel participarán xóvenes de 4 países diferentes. O promotor é o Departamento de Políticas Xuvenís e o Centro Xuvenil OFF do Concello de Tortona (Piamonte, Italia), o cal xa colaborará como socio co Concello de Carballo no proxecto de democracia participativa 'Participando: os concellos e a mocidade', tamén do Programa Europeo 'Xuventude en Acción', que promoveu o Concello de Carballo durante o ano 2010. Ademais do Concello de Carballo, participan a entidade Human Integra Alapitvany (Hungría) e o Colegiul National Mircea Cel Baltran da cidade de Constanta (Rumanía). O obxectivo do proxecto é ensinar aos xóvenes a usar o vídeo como instrumento de comunicación social de calidade: para reflexionar sobre a participación e contar as experiencias dos xóvenes que tratan de acadar unha cidadanía activa, para difundir entre a mocidade do resto de Europa a importancia da participación, tendo en conta que non só é difícil participar, senón aínda máis dar visibilidade e impacto a esa participación.

Un estudo económico determinará o importe da taxa pola prestación de servizos no mercado municipal

PROPOSTA ORZAMENTARIA PARA 2011: UNHAS CONTAS DE 20,5 MILLÓNS

Un estudo económico determinará o importe da taxa pola prestación de servizos no mercado municipal

Martes 1 de marzo do 2011

O pleno da corporación vén de aprobar a estimación dunha alegación presentada polo PP carballés sobre a modificación dos prezos da Ordenanza fiscal nº 11 da taxa pola prestación de servizos no mercado municipal de abastos con motivo das obras de reforma realizadas na praza. O pasado mes de novembro, o propio pleno sacou adiante a aprobación inicial desta modificación, na que se acordaba a aplicación do IPC acumulado dende o anterior axuste dos prezos, un importe que se considerou suficiente para cubrir o mantemento do servizo despois da reforma, incluíndo tamén as tarefas de limpeza do edificio, entre outros labores. Porén, na súa alegación, o PP oponse á aprobación inicial desta modificación, e esixe que se realice un novo estudo económico financeiro para determinar as cantidades que deben abonar os concesionarios, en aras da legalidade. O Goberno accede a paralizar a tramitación e reiniciar o proceso máis adiante á vista dos resultados do estudo, que sería realizado por técnicos da Cámara de Comercio, para evitar que exista dúbida algunha sobre a legalidade da normativa. Polo tanto, finalmente acordouse a suspensión do procedemento de aprobación da modificación da ordenanza e encargar formalmente a elaboración do novo informe económico financeiro.

Carballo promove a reflexión sobre a situación do galego co VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

ABERTO O PRAZO ATÉ O 8 DE ABRIL

Carballo promove a reflexión sobre a situación do galego co VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Luns 28 de febreiro do 2011

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con varios medios de comunicación, convoca por sétimo ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo está aberto até o 8 de abril.

Adxudicada a concesión para instalar no municipio tres puntos dixitais de información pública

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicada a concesión para instalar no municipio tres puntos dixitais de información pública

Luns 28 de febreiro do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar o contrato administrativo especial de 'Concesión de bens de uso público municipal para a colocación de tres puntos dixitais de información pública en Carballo'. Trátase dun contrato para instalar pantallas de comunicación visual exterior e pantallas táctiles que estarán situadas na Praza do Concello, no Museo de Bergantiños e no Centro de Promoción Económica do polígono de Bértoa (CPEC). No primeiro caso, ofrecerase información xeral sobre o Concello; no segundo caso o punto informativo estará orientado a ofrecer información turística e de ocio, incluíndo a maqueta sobre a Costa da Morte (na imaxe) situada no Museo de Bergantiños; e no terceiro caso o punto informativo centrarase na información económica e no parque empresarial de Bértoa. A empresa responsable deste servizo será Linea Turística de Galicia SL (Litur) que abonará ao Concello un canon en forma de tempo de emisión nas pantallas de comunicación panorámicas do servizo, sendo a porcentaxe dun 75 por cento do espazo total en táctil cunha duración de 24 horas; e dun 30 por cento en plasma nas pantallas exteriores en horario de 7.00 a 23.00 horas. A duración do contrato outórgase por un prazo de catro anos sen posibilidade de prórroga.

Un centenar de veciños e veciñas e membros da corporación arroupan a reapertura do renovado Centro Social da Brea

AS PARROQUIAS XA CONTAN CUNHA REDE DE SEIS LOCAIS SOCIAIS

Un centenar de veciños e veciñas e membros da corporación arroupan a reapertura do renovado Centro Social da Brea

Venres 25 de febreiro do 2011

Os veciños e veciñas da Brea xa poden desfrutar dun lugar "onde reunirse, desfrutar e aprender", coa tarefa, a partires de agora de "construír día a día un espazo común". Así o expresou a presidenta da Asociación Mestra Carmen Cancela durante o acto de reapertura do novo Centro Social da Brea. Esta entidade será unha das encargadas de darlle vida a este local remodelado con achegas de fondos estatais a través do Ministerio de Política Territorial. As novas instalacións xorden tralo acondicionamento dunha antiga escola unitaria e co traballo da empresa Generoso Angeriz sobre un orzamento duns 37.000 euros, nun proxecto de Jesús Mallo, no que se ampliaron algunhas estancias coa retirada de tabiques, no que se acondicionou a cociña, instaláronse novas portas, fiestras e persianas así como un novo chan e servizos hixiénicos, ademais de realizarse o pintado e mellora da faciana do edificio. Así mesmo, substituíuse a instalación eléctrica e de fontanería e calefacción e limpouse o entorno do novo centro social. Con este edificio complétase unha rede de seis centros e locais sociais en Berdillo, Sofán, Imende, Oza e Cances, ademais da Brea, postos en marcha nos últimos tres anos grazas ás achegas e á colaboración do Concello con outras administracións.

O Concello pecha o ano 2010 cunha tesourería de máis de cinco millóns de euros e un remanente de 2,7 millóns

A CONTA DE RECADACIÓN DE 2010 É DE 7,6 MILLÓNS DE EUROS

O Concello pecha o ano 2010 cunha tesourería de máis de cinco millóns de euros e un remanente de 2,7 millóns

Venres 25 de febreiro do 2011

O Concello de Carballo dá conta na sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro da liquidación do orzamento do ano 2010, na que se recollen parámetros económicos sobre a xestión financeira do pasado exercicio. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, "Carballo pechou o ano, a 31 de decembro de 2010, cunha tesourería de 5.132.735,38 céntimos". O resultado orzamentario dese período é de 2.199.465 euros en positivo; o remanente de tesourería, de 2.733.610,71 euros; e o remanente de tesourería para gastos xerais, de 51.178,81 euros. Por último, a débeda municipal, ao peche de 2010, é dun 27,52 por cento, tendo sido en períodos anteriores, como hai dez anos, ao remate de 2001, dun 46,29 por cento. O rexedor e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, tamén fixeron a comparación con 2009, cando o resultado orzamentario foi de 800.269 euros; o remanente de tesourería de 442.000; o remanente de tesourería para gastos xerais de 54.500 euros; e a tesourería en todas as contas do Concello de 2.611.953,01 euros, rexistrándose un incremento de 2.520.782,31 euros en 2010. O Alcalde quere subliñar a boa saúde económica de Carballo, "que para si a quixeran moitos concellos e incluso administracións autonómicas".

O Concurso e desfile de disfraces, o Enterro da Sardiña, obradoiros, bailes e charangas, protagonistas do Antroido 2011

REPARTIRANSE PRETO DE 7.000 EUROS EN PREMIOS E SUBVENCIÓNS

O Concurso e desfile de disfraces, o Enterro da Sardiña, obradoiros, bailes e charangas, protagonistas do Antroido 2011

Mércores 23 de febreiro do 2011

As tradicionais festas de Antroido disfrazan Carballo un ano máis con comparsas, bailes, desfiles, obradoiros e charangas co obxectivo de que os veciños e veciñas participen nas actividades e desfruten o máximo posible destas datas. A Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, subliña que se trata dun programa "variado e divertido", que se desenvolve entre o venres 4 e o domingo 13 de marzo. O día 4 a apertura do programa realízase coa celebración de Obradoiros de Antroido na Ludoteca Municipal e a actuación da charanga Os Chinchorros polas principais rúas de Carballo. O peche oficial é o martes 8 co tradicional Enterro da Sardiña, aínda que a fin de semana do 12 e 13 de marzo as asociacións do Concello manteñen bailes e actividades antes de liquidar definitivamente a Don Carnal. No entretanto, bailes infantís, bailes de disfraces, percorridos e desfiles de Antroido, sen esquecer o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas o domingo 6, un ano máis a cita central do Antroido, para a que nestes momentos xa están inscritas 5 carrozas, 6 comparsas e 6 comparsas infantís. Entre o concurso e o enterro da Sardiña repartiranse preto de 7.000 euros entre premios e subvencións para os participantes.

O Concello presenta ante a Dirección Xeral de Sostibilidade as propostas de ordenación do litoral para o PXOM

XUNTANZA EN SANTIAGO CON MANUEL BOROBIO

O Concello presenta ante a Dirección Xeral de Sostibilidade as propostas de ordenación do litoral para o PXOM

Martes 22 de febreiro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña; o arquitecto municipal, Afredo Garrote; e o responsable do equipo redator da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), Álvaro Fernández Carballada, veñen de manter unha longa xuntanza de traballo en Santiago co Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio. Durante unha reunión de máis de hora e media, expuxéronse as propostas de ordenación costeira nas que está traballando o equipo redator do PXOM e as dúbidas existentes respecto ás interpretacións do Plan de Ordenación do Litoral da Xunta. Segundo sinala José Antonio Viña, Borobio "non descarta" as propostas recollidas ata o momento, aínda que propón que se elaboren aínda con máis detalle para estudalas e colaborar na súa formulación definitiva. O Concelleiro de Urbanismo explica que despois desta xuntanza de traballo, os equipos técnicos e políticos deben estudar a mellor forma de ultimar a ordenación do litoral, que, en todo caso, deberá respectar as Directrices de Ordenación do Territorio -a súa aprobación definitiva vén publicada por decreto no DOG de hoxe-, a normativa do Plan de Ordenación do Litoral (POL), que está previsto que se publique esta semana, e a LOUGA (Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia).

Cinco carballeses maiores de 55 anos participan no pograma "A Solaina" da TVG pola súa relación coas novas tecnoloxías

FORON GAÑADORES DO CONCURSO "MAIORES CON INICIATIVA"

Cinco carballeses maiores de 55 anos participan no pograma "A Solaina" da TVG pola súa relación coas novas tecnoloxías

Luns 21 de febreiro do 2011

Cinco veciños e veciñas do Concello de Carballo maiores de 55 anos participan no programa "A Solaina" da TVG o martes 22 de febreiro a partires das 17.00 horas pola súa implicación coas novas tecnoloxías. Así, grazas ao proxecto 'Bergantiños: pasado e presente', coordinado polo Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura, resultaron, hai arredor dun ano, gañadores do 'II Concurso Maiores cON iniciativa' organizado pola fundación Fundetec e que contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A iniciativa consistiu nun blog elaborado por persoas maiores de 55 anos que reflectiron as súas vivencias, recollendo a historia da comarca filtrada pola súa experiencia. O proxecto foi seleccionado no seu momento entre os tres mellores de toda Galicia, polo que os seus representantes acudiron a Madrid para competir na convocatoria a nivel nacional, aínda que nese concurso non resultaron gañadores. No programa "A Solaina" serán entrevistados para que compartan as súas experiencias cos telespectadores. O Concello de Carballo informa de que o Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura permanecerá pechado o martes 22 pola tarde xa que a súa responsable acompañará aos maiores ata as instalacións da Televisión de Galicia para participar no programa.

Un total de 30 stands, con 27 establecementos comerciais de Carballo, conforman a III Feira das Oportunidades

NO SAN MARTIÑO NA FIN DE SEMANA DO 12 E 13 DE MARZO

Un total de 30 stands, con 27 establecementos comerciais de Carballo, conforman a III Feira das Oportunidades

Venres 18 de febreiro do 2011

O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta, organizan a Feira das Oportunidades 2011, na que participan un total de 27 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda productos excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. A Feira, que chega este ano á súa terceira edición consecutiva, celebrarase a fin de semana do 12 e 13 de marzo nunha carpa de 1.200 metros cadrados situada no aparcamento do San Martiño e contará con 30 stands: 27 de comercios do CCA, e outros tres destinados á información e como área de descanso. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida. A Feira das Oportunidades é unha iniciativa que naceu "como resposta á crise", segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, e que xa é unha referencia na zona. Moda e zapatería infantil, para home e muller, deportes, tallas grandes, regalos ou mobles son algúns dos elementos que conforman este grande "escaparate", segundo o describiu a Xerente do CCA, María del Carmen Freire, cheo de variedade e "prezos moi rebaixados".

Talía Teatro estrea "Pelos na lingua", un espectáculo "para divertir" que fala dos usos e abusos da lingua galega

EN CARBALLO: VENRES 25 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

Talía Teatro estrea "Pelos na lingua", un espectáculo "para divertir" que fala dos usos e abusos da lingua galega

Venres 18 de febreiro do 2011

"Unha obra feita para todos os públicos a base de sketches de pouca duración", que inclúe numerosos xéneros como "o drama costumbrista", o "thriller de Tarantino", as "varietés" ou "a estricta comedia". Así define Avelino González, director de "Pelos na lingua" este espectáculo de Talía Teatro que se estrea en Carballo o venres 25 de febreiro no marco dos Venres Culturais, e que ten como obxectivo divertir e entreter falando dos usos e abusos que sofre a lingua galega. Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez son os actores que levan á escea a que podería considerarse como segunda parte de "Bicos con lingua" unha das propostas máis exitosas de Talía que supera as 200 representacións dende a súa estrea en 2003. Segundo explica Artur Trillo, director da compañía, tiveron ganas de "recuncar porque deixara moi bo sabor de boca". Manteñen o mesmo equipo que con "Bicos con lingua", coa novidade da incorporación dunha actriz ao dúo masculino inicial. "Pelos na lingua" contará cunha pre estrea para alumnos de 4º de ESO e Bacharelato dos centros de ensino de Carballo o xoves 24 e o venres 25 de febreiro, antes da presentación ao público en xeral o día 25 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

TEATRO INFANTIL NO CICLO EN FAMILIA O DOMINGO 20

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

Xoves 17 de febreiro do 2011

A programación dos Venres Culturais continúa con dúas propostas ben diferenciadas e destinadas a públicos moi diferentes. O venres 18 de febreiro os espectadores poderán ver o concerto do grupo carballés Franc3s que presenta no auditorio do Pazo da Cultura o seu primeiro disco de longa duración, "Aislamiento". Unha gravación con sons sorprendentes, importantes colaboracións de grupos como Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Schwarz e Klaus&Kinski e avalada polas boas críticas coas que os medios especializados deleitan os oídos destes tres galegos. A cita é ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3 euros, e de 2 euros o prezo reducido. O domingo 20 febreiro é a quenda da compañía Elefante Elegante, que presenta o espectáculo "Tristán cara de can", unha comedia visual e xestual dirixida ao público familiar. Elefante Elegante é unha compañía de raíces galego-portuguesas nacida no ano 2007, que crea espectáculos buscando a fusión de diferentes linguaxes: a danza, o teatro físico, as artes plásticas e as artes visuais. Esta función, de 60 minutos de duración, comeza ás 18.00 horas, o prezo da entrada é de 2,5 euros, e o prezo reducido de 2 euros. A cita é no Pazo da Cultura.

Compartir: