Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O mercado municipal de Carballo abre ao público os novos postos de alimentación do primeiro andar

CREACIÓN DUNHA ZONA PROVISIONAL DE CARGA E DESCARGA

O mercado municipal de Carballo abre ao público os novos postos de alimentación do primeiro andar

Xoves 16 de decembro do 2010

O primeiro andar do novo mercado municipal de Carballo vén de abrir hoxe, xoves 16 de decembro, as súas portas ao público despois de que teña rematado o último traslado provisional dos postos de alimentación con motivo das obras. A apertura coincidiu coa feira na Praza do Concello, polo que a afluencia foi moi elevada dende primeiras horas da mañá. Os concesionarios estrearon os seus locais cunha superficie igual ou superior aos antigos, pero con novo mobiliario e cámaras frigoríficas. O acceso ao primeiro andar, con moita luz e rodeado de cristaleiras, pode realizarse a través de escaleiras dende a Praza do Concello e tamén a nivel do chan dende a rúa Gran Vía. Os postos de alimentación están organizados por produtos, cunha sección azul para o peixe, unha vermella para a carne, unha verde para os postos de froitas e verduras e unha amarela para lácteos e pan. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, realizaron un percorrido polas novas instalacións, e explicaron que a apertura a mediados de decembro nun día de feira realizouse para favorecer as compras de Nadal, incrementar a afluencia e darlle pulo ás novas instalacións.

O Nadal Pequespectacular, Papá Noel e os Reis Magos centran un Nadal Cultural para o público familiar

ENTRE O 17 DE DECEMBRO E O 8 DE XANEIRO

O Nadal Pequespectacular, Papá Noel e os Reis Magos centran un Nadal Cultural para o público familiar

Mércores 15 de decembro do 2010

O programa do Nadal Cultural 2010 ten como obxectivo "enriquecer o tempo de vacacións e as festas", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Está conformado por actividades organizadas polo Concello, as asociacións do municipio ou os centros educativos e que conta con diferentes escenarios, como o Pazo da Cultura, a Ludoteca ou as escolas unitarias, entre outros. Trátase dun programa orientado ao público familiar que tamén pretende que a xente se anime a visitar Carballo e a mercar na vila. Entre as actividades do Nadal Cultural destaca, un ano máis, o Nadal Pequespectacular, que nesta edición está centrado en catro actuacións no auditorio do Pazo da Cultura entre o luns 27 e o xoves 30 de decembro con prezos que oscilan entre os 3,5 e 2,5 euros. Estarán os famosos Bolechas, ademais de contar con actuacións de teatro, música, monicreques e maxia. Contacontos, as visitas de Papá Noel, a Cabalgata de Reis ou unha exposición do artista carballés Jacobo Veiga son outras das citas do Nadal en Carballo, ademais da pista de patinaxe. Variedade e diversión para toda a familia entre o 17 de decembro e o 8 de xaneiro.

Comezan as proxeccións no Telecentro para votar no I Festival de Curtas rodadas con Móbil

EN DÚAS PASES ATÉ O 16 DE DECEMBRO

Comezan as proxeccións no Telecentro para votar no I Festival de Curtas rodadas con Móbil

Luns 13 de decembro do 2010

Comeza a rolda de proxeccións das catro microcurtas que participan no I Festival de Curtas rodadas con Móbil que organiza o Concello de Carballo con motivo das III Olimpíadas Tecnolóxicas e no marco das III Xornadas Carballo PortaAberta. Son catro traballos realizados polos catro equipos participantes -podían facelo un máximo de cinco-, de arredor de dous minutos de duración, realizados tan só coa axuda do seu teléfono móbil. Os títulos son "2 formas de facer as cousas", "Entre dos aguas", "Inxustizas" e "Misterio na panadería". Para elixir o Premio do Público do festival, os interesados e interesadas poden votar asistindo ás proxeccións que se desenvolven no Telecentro de Carballo en dúas pases ás 11.30 horas pola mañá e ás 18.30 horas pola tarde entre o luns 13 (este día só pola tarde) e o xoves 16 de decembro. Así, despois das proxeccións poderán depositar o seu voto no Telecentro. Os traballos tamén poden verse máis abaixo nesta mesma nova, e en Youtube no canal <alinternamaxica>, aínda que os votos emitidos por Internet non contabilizan para a concesión do Premio do Público.

O Concello de Carballo recibiu unha mención especial nos premios anuais da Federación Galega de Balonmán

GALA O VENRES 10 DE DECEMBRO ÁS 20.00 HORAS

O Concello de Carballo recibiu unha mención especial nos premios anuais da Federación Galega de Balonmán

Sábado 11 de decembro do 2010

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, acompañado do director-xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, recolleu o venres 10 de decembro no Centro Social Caixanova de Vigo unha mención especial ao Concello de Carballo como recoñecemento polo traballo desinteresado a prol do balonmán galego, unha distinción que concede a Federación Galega de Balonmán dentro da súa homenaxe aos mellores da disciplina do ano 2010. A gala, que tivo lugar a partires das 20.00 horas foi dirixida polo xornalista deportivo Terio Carrera, e, segundo explicou a propia Federación, tivo momentos emotivos, nos que se recordou a xente importante do balonmán galego que nos deixou nos últimos meses, pero tamén momentos para as risas e sobre todo para a celebración e o aplauso para todos os premiados, no que foi o recoñecemento ao seu traballo en favor do balonmán. Entre os galardoados, destacou a presenza dos internacionais Pablo Cacheda (xuvenil) e Estela Doiro (júnior) ou dos adestradores "Jota" e Roi Sánchez. O Concello de Carballo recibiu una mención especial xunto dos concellos de Camariñas e Mos, e xunto coa Deputación de Pontevedra. A insignia de ouro recaeu en Jorge Valcárcel, polo seu labor tanto como xogador, técnico e federativo durante case cincuenta anos. Na imaxe pode observarse un momento da cerimonia.

Cances asiste á inauguración do seu novo centro social, unha "casa amiga" para os veciños e veciñas

O EDIFICIO FOI FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN E O CONCELLO

Cances asiste á inauguración do seu novo centro social, unha "casa amiga" para os veciños e veciñas

Sábado 11 de decembro do 2010

Arredor de 200 veciños e veciñas de Cances veñen de inaugurar o seu novo Centro Social, un edificio de 536 metros cadrados que conta cun amplo salón de actos, unha aula para obradoiros, sala de informática, biblioteca e salón social, ademais de oficinas e aseos. O recinto foi financiado nun 80 por cento pola Deputación provincial da Coruña e nun 20 por cento polo Concello, cun orzamento de máis de 300.000 euros. Precisamente para a súa estrea oficial estiveron presentes o Presidente do organismo provincial, Salvador Fernández Moreda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, e os deputados Xoán Sande e José Manuel López Varela, ademais da maioría dos concelleiros da corporación e membros das asociacións que asumirán a xestión do novo servizo. Francisco Méndez Torreira, presidente da Asociación Cultural San Campio, abriu o acto falando en representación das entidades, describindo o centro como "unha casa amiga" e "lugar de encontro" que encherán con "esforzo, dedicación, proxextos e actividades que dignifiquen a obra e a fagan útil". Así mesmo, Fernández Moreda e Ferrero subliñaron o dinamismo da parroquia e desexaron que os veciños aproveiten e desfruten as instalacións.

Aprobado o expediente de contratación para instalar tres puntos dixitais de información pública

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para instalar tres puntos dixitais de información pública

Martes 7 de decembro do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente para o contrato administrativo especial de 'Concesión de bens de uso público municipal para a colocación de tres puntos dixitais de información pública en Carballo'. Trátase dun contrato para instalar pantallas de comunicación visual exterior e pantallas táctiles que estarán situadas na Praza do Concello, no Museo de Bergantiños e no Centro de Promoción Económica do polígono de Bértoa (CPEC). No primeiro caso, ofrecerase información xeral sobre o Concello; no segundo caso o punto informativo estará orientado a ofrecer información turística e de ocio, incluíndo a maqueta sobre a Costa da Morte (na imaxe) situada no Museo de Bergantiños; e no terceiro caso o punto informativo centrarase na información económica e no parque empresarial de Bértoa. O adxudicatario abonará ao Concello un canon en forma de tempo de emisión nas pantallas de comunicación panorámicas, sendo a porcentaxe mínima dun 20 por cento. A duración do contrato outórgase por un prazo de catro anos sen posibilidade de prórroga.

As augas das praias de Carballo acadan unha cualificación "excelente" segundo as análises da nova directiva sanitaria

EN RAZO, BALDAIO, PEDRA DO SAL E AS SAÍÑAS

As augas das praias de Carballo acadan unha cualificación "excelente" segundo as análises da nova directiva sanitaria

Venres 3 de decembro do 2010

As augas destinadas ao baño dos areais de Carballo, Razo, Baldaio, Pedra do Sal e As Saíñas teñen acadado unha cualificación sanitaria "excelente" en todos os casos, menos no de Razo, en que é "boa", segundo a nova directiva que debe ter en conta por primeira vez cálculos microbiolóxicos para obter os datos. Así, segundo a Directiva 76/100/CEE, aplicada até o de agora, a cualificación é de 2 (apta para o baño de calidade moi boa) en todas as praias, excepto en Razo que é 1 (apta para o baño de calidade boa). Os datos segundo a Directiva 2006/7/CE, que será obrigatoria a partires de 2011 e que xa se ten aplicado en Carballo, son moito máis exhaustivos, téñense realizado cun balance dos controis de 2008, 2009 e 2010 con 25 mostras e indican que, das catro cualificacións que se recollen: "excelente", "boa", "suficiente" e "insuficiente", a maioría dos areais teñen unha auga "excelente", e Razo "boa". O obxectivo é que de aquí a 2015 todos os estados membros da Unión Europea cheguen á cualidade de augas para o baño "suficiente". Carballo supera xa amplamente os parámetros esixidos, confirmando así a limpeza dos seus areais.

As III Xornadas Carballo PortaAberta abordan o uso das novas tecnoloxías no sector audiovisual

VENRES 17 DE DECEMBRO NO TELECENTRO DO PAZO DA CULTURA

As III Xornadas Carballo PortaAberta abordan o uso das novas tecnoloxías no sector audiovisual

Venres 3 de decembro do 2010

O Telecentro situado no primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle o venres 17 de decembro a terceira edición das Xornadas Carballo PortaAberta, destinadas a fomentar o uso das novas tecnoloxías entre os veciños e veciñas. Despois de abordar temas como a administración electrónica e a implantación da TDT, este ano a cita céntrase no sector audiovisual coa celebración de tres ponencias: "Non saímos do lixo. Exemplos de producións low cost"; "Novas tecnoloxías vs. tratamento de contidos"; "Os pros e os contras das novas tecnoloxías para a democratización da información". Ao remate haberá unha mesa redonda formada polos conferenciantes e na que poden intervir os asistentes. Así mesmo, hai que lembrar que as Xornadas Carballo PortaAberta xorden aparelladas coas III Olimpíadas Tecnolóxicas, neste caso baseadas nun obradoiro que tivo lugar no mes de novembro para realizar microcurtas no marco do I Festival de Curtas Rodadas con Móbil. Finalmente verán a luz catro microcurtas, duns dous minutos de duración, que serán proxectadas entre o 13 e o 16 de decembro no Telecentro, coa entrega de premios do Festival prevista para o día 17, a continuación das Xornadas.

Adxudicación provisional dos traballos para a creación dunha segunda escola infantil para Carballo

XUNTANZA DA MESA DE CONTRATACIÓN

Adxudicación provisional dos traballos para a creación dunha segunda escola infantil para Carballo

Xoves 2 de decembro do 2010

A mesa de contratación vén de proceder hoxe á adxudicación provisional dos traballos para a construción dunha segunda escola infantil no casco urbano de Carballo, un servizo que estará situado nunha parcela de 2.500 metros cadrados no entorno da urbanización de Riotorto na estrada de Razo. Así, a adxudicación recaeu nunha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, o que supón unha baixa sobre o prezo de licitación -que era de 845.228,40 euros- de 160.512,40 euros. Así mesmo, a UTE ofertou unha mellora sobre do prazo de execución, comprometéndose a rematar os traballos en nove meses e medio fronte aos 12 meses previstos nun comezo. Hai que lembrar que a nova escola infantil estará financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña asinado o pasado mes de xullo polo que o organismo provincial achega 550.000 euros, mentres que o resto do importe sería asumido polo Concello. O sistema de adxudicación realizouse con criterios de valoración como son a proposta económica, a redución de prazos ou o plan de execución da obra.

O Concello instala dous Minipuntolimpos para recollida selectiva en dúas rúas do centro carballés

NA RÚA FOMENTO E NA PRAZA DO CONCELLO

O Concello instala dous Minipuntolimpos para recollida selectiva en dúas rúas do centro carballés

Mércores 1 de decembro do 2010

O Concello de Carballo, a través dun convenio coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo municipal, vén de instalar dous Minipuntolimpos para a recollida selectiva na Praza do Concello e na Rúa Fomento da capital municipal. Estas instalacións permiten a recollida de sete produtos en depósitos independentes con espazos para pilas usadas, teléfonos móbiles, CDs e DVDs, para lámpadas convencionais e alóxenas e incluso un depósito para cartuchos de impresora. O mantemento técnico, a limpeza semanal, o transporte para a reciclaxe no Punto Limpo Municipal, a clasificación dos produtos e os gastos derivados destes Minipuntolimpos corre a cargo da empresa encargada da súa instalación. A vixencia do acordo para a xestión é de catro anos, aínda que pode rescindirse co mutuo acordo de ambas partes. O obxectivo destas instalacións é seguir avanzando no programa Carballo Limpo e facilitar a reciclaxe de pequenos residuos sólidos de tipo doméstico, achegando a recollida selectiva ao cidadán.

O pleno saca adiante o POS 2011 e a modificación da Ordenanza reguladora das  taxas do mercado

UNANIMIDADE PARA SOLICITAR A MELLORA DA ESTRADA DE SANTIAGO

O pleno saca adiante o POS 2011 e a modificación da Ordenanza reguladora das taxas do mercado

Martes 30 de novembro do 2010

O pleno da corporación vén de aprobar en sesión plenaria ordinaria o Plan de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal da Deputación, POS 2011, por un importe de 657.317,07 euros e que suporá o acondicionamento dunha praza pública en Sofán así como a mellora de vías en Ardaña, Goiáns e Berdillo. Ademais de aos investimentos mencionados, o 26 por cento do POS irá destinado a gastos correntes para mantemento dos accesos aos núcleos de poboación e das instalacións deportivas e á pavimentación de vías. Así mesmo, o importe previsto para o Plan Complementario, que se leva a cabo en caso de que existan baixas nas adxudicacións do POS, é de 150.253,15 euros. A sesión tamén supuxo o visto bo para a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora das taxas pola prestación de servizos no Mercado Municipal. Trátase dun paso máis dentro do proceso de transformación que está sufrindo a Praza de Abastos, que conleva a realización de trámites administrativos ao tempo que avanzan as obras. Entre os asuntos da orde do día tamén hai que subliñar a unanimidade para aprobar unha moción que insta á Deputación a mellorar a seguridade na estrada de Santiago, CP-1914, especialmente á altura de Taboada.

Arredor de 600 escolares participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través

NO CIRCUÍTO DO POLÍGONO DE BÉRTOA

Arredor de 600 escolares participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través

Martes 30 de novembro do 2010

Un total de 602 rapaces de Primaria e Secundaria dos centros escolares de Carballo participan o mércores 1 de decembro na Carreira Campo a Través que organizan o Concello, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Atletismo. A cita, que conta coa colaboración de Coca-Cola/Begano e Gadisa, celébrase no Circuíto de Cross do Parque Empresarial de Bértoa a partires das 10.00 horas e as categorías da proba, puntuable para participar no Campionato provincial, son benxamín, infantil, alevín e cadete masculino e feminino. A carreira celébrase novamente no municipio despois de dous anos nos que a metereoloxía impediu que se levase a cabo, en 2009 incluso a causa da suspensión das clases a causa dun temporal. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñou o "fantástico" percorrido do circuíto e incluso avanzou que o Concello está en conversacións para que Carballo poida acoller unha grande proba de campo a través para todas as idades na primavera, cando as condicións climatolóxicas faciliten a súa celebración, xa que a carreira escolar está marcada en decembro polo calendario de probas.

Compartir: