Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O XXI Festival Internacional de Música de Pulso e púa 'Cidade de Cristal' trae a Carballo o Trío Colombita

XOVES 7 DE OUTUBRO ÁS 20.30 HORAS

O XXI Festival Internacional de Música de Pulso e púa 'Cidade de Cristal' trae a Carballo o Trío Colombita

Xoves 7 de outubro do 2010

Xa hai 21 anos que a Agrupación Musical Albéniz da Coruña organiza con máis dunha ducia de concellos o Festival Internacional de Música de Pulso e Púa 'Cidade de Cristal', no que tamén se incluíu Carballo hai 14 anos. Desde entón, outras tantas agrupacións musicais procedentes de distintos paises visitaron a nosa vila para ofrecernos unha mostra da música tradicional dos seus respectivos países. Este ano, Carballo cunha interesante proposta, o Trío Colombita de Bogotá (Colombia). Trátase dunha agrupación musical que ensambña os sons da badola, o tiple, a percusión e a guitarra, nun conxunto de música de cámara que conxuga a variedade e colorido de ritmos colombianos e latinoamericanos tradicionais, coa expresión creativa contemporánea. As súas integrantes, Dora Corita Rojas, Deborah Miranda e Sofía Elena Sánchez posúen una sólida formación académica e teñen desenvolvido unha intensa actividade profesional, que porán ao servizo do público carballés. A cita é o xoves 7 de outubro ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. A entrada é de balde.

Carballo actualiza o Xeoportal para facilitar aos cidadáns a solicitude e xestión de servizos a través da páxina web

CRÉASE UNHA IDE LOCAL, SISTEMA PIONEIRO NOS CONCELLOS GALEGOS

Carballo actualiza o Xeoportal para facilitar aos cidadáns a solicitude e xestión de servizos a través da páxina web

Xoves 7 de outubro do 2010

O Concello de Carballo vén de rematar o proceso técnico para ampliar a información e os servizos proporcionados polo Xeoportal -guía municipal do territorio con información útil reflectida no mapa do concello- co obxecto de dar un paso máis e facilitar aos cidadáns o acceso aos servizos a través da páxina web. Así, o novo Sistema de Información Xeográfico, valorado en máis de 180.000 euros e financiado na súa maior parte polo Plan Avanza -do Ministerio de Industria- permite que os veciños e veciñas poidan solicitar a través de Internet e localizando a petición no mapa do municipio, o arranxo de focos de luz, a colocación ou limpeza dun colector de lixo, a colocación de semáforos e pasos de peóns ou a consulta do rueiro. Así mesmo, os traballadores municipais terán acceso a esta ferramenta para coñecer en tempo real datos urbanísticos, de vaos, ocupación da vía pública etc. e tramitar as peticións veciñais con maior celeridade. Con esta nova ferramenta, implantada pola empresa T-Systems, facilitarase a redución dos gastos á hora de tramitar os servizos, mellorarase a velocidade de resposta das actuacións e terase control de datos como as licenzas de terrazas, o número de focos ou de sinais verticais de tráfico ou o estado dos colectores.

A XII Rúa dos Contos levanta o pano do FIOT con 15 actuacións en 14 locais hostaleiros do centro carballés

ENTRE O VENRES 8 E O LUNS 11 DE OUTUBRO

A XII Rúa dos Contos levanta o pano do FIOT con 15 actuacións en 14 locais hostaleiros do centro carballés

Xoves 7 de outubro do 2010

Despois dunha ducia de anos, a Rúa dos Contos é unha das ofertas máis queridas polo público e todo un referente do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), converténdose en case un festival en si mesmo. Unha excelente canle de comunicación con espectadores moi diversos que leva o teatro a todo Carballo entrando en catorce espazos non teatrais e que inaugura o festival por todo o alto. Pubs, cafeterías, bares e tascas acollerán entre o venres 8 e o luns 11 de outubro contos, monólogos, algo de cabaré, música ou variedades teatrais, espectáculos de pequeno formato que configuran unha ampla oferta na que non faltarán os artistas máis habituais nestas lides, pero aos que se incorporan novas voces. Serán un total de 15 actuacións en 14 espazos do centro carballés, 13 delas de balde -agás os monólogos de Carlos Blanco e Isi, con entrada de 3 euros- repartidas en catro noites que presentan unha das mellores ofertas cómicas de Galicia no ámbito dos contadores de historias. Cada días ás 21.00 horas comezan as risas, que rematan a altas horas da madrugada con ata catro espectáculos cada día da Rúa, con nomes tan coñecidos como o de Carlos Blanco ou Cándido Pazó, ademais de novas facianas. O FIOT 2010 levanta o pano con humor.

A exposición "Un mundo de títeres" da compañía Viravolta, no Pazo da Cultura ata o 23 de outubro

RECOLLE PEZAS DE LUGARES COMO TAILANDIA OU A REPÚBLICA CHECA

A exposición "Un mundo de títeres" da compañía Viravolta, no Pazo da Cultura ata o 23 de outubro

Mércores 6 de outubro do 2010

O andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle ata o sábado 23 de outubro a exposición "Un mundo de títeres", de Viravolta Títeres, na que se recollen pezas dos 29 anos de andaina desta compañía e dos diferentes personaxes das súas producións, así como das recompiladas nas súas distintas viaxes. A mostra recolle varios tipos de marionetas, dende as máis tradicionais, ata chegadas doutras partes do mundo, como a India, Tailandia, Vietnam, República Checa ou Xava. Esta variedade de figuras reflicte así mesmo unha enorme variedade de formas de representar nos distintos países, dende os teatros tradicionais de Asia con espectáculos relacionados cos cultos relixiosos e agrarios, ata os títeres case industrializados do mundo occidental. Ademais, aparecen as distintas técnicas de manipulacións dos títeres, dende os de luva ata os de vara ou de fío. Xaime López, de Viravolta, explica que en Lalín a compañía puido crear un Museo do Títere, e que unha pequena parte deste museo chega agora a Carballo. Os interesados e interesadas en visitar a mostra poden facelo en horario de 18.00 a 21.00 horas no Pazo da Cultura.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o IX Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

DOMINGO 10 DE OUTUBRO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o IX Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

Mércores 6 de outubro do 2010

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o domingo 10 de outubro o IX Motocross Concello de Carballo, proba puntuable para o Campionato Galego e II Memorial Manuel Rega Morales. Organizada por Motor Bergantiños coa colaboración do Concello, a cita ten un especial atractivo xa que conta con pilotos de primeira liña como Jonathan Barragán, gañador de tres probas do Campionato do Mundo. Así mesmo, entre os 80 pilotos inscritos ata o momento hai varios campións de España, como Ángel Suárez, ou o campión en categoría alevín, ademais do subcampión nacional, na listaxe máis completa de Galicia nesta tempada. Dende Motor Bergantiños subliñan que o nivel dos pilotos incluso fai que se modifiquen os saltos para ofrecer máis dificultade e espectacularidade na proba, na que se disputarán os adestramentos entre as 11.00 e as 13.30 horas, e as carreiras a partires das 16.00 horas. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, manifestaron a súa satisfacción pola celebración da proba, xa que "seguimos apostando por este circuíto e esperemos que incluso se cheguen a acoller probas do Campionato de España" nesta disciplina, subliñou o Alcalde.

Comeza a venda de bonos para o FIOT 2010: 37 euros para os sete espectáculos de sala

A PARTIRES DO MARTES 5 DE OUTUBRO

Comeza a venda de bonos para o FIOT 2010: 37 euros para os sete espectáculos de sala

Luns 4 de outubro do 2010

A Concellaría de Cultura informa da saída á venda dos bonos que garanten a asistencia aos sete espectáculos de sala do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2010, agás a do sábado 16 de outubro (segunda representación de ‘Un cranio furado’). Estarán dispoñibles un máximo de 160 bonos nas oficinas do Pazo da Cultura a partires do martes 5 de outubro -a excepción dos días 9, 10 e 12 de outubro-. O seu prezo é de 37 euros, excepto nos descontos aplicables para maiores de 65 anos, pensionistas e estudantes que acrediten a súa condición, ademais de para o alumnado dos IES de Carballo que adquiran o bono no seu instituto, en que o prezo é de 32 euros. Hai que subliñar que os bonos non se poden reservar por teléfono. Ademais, estarán dispoñibles mini bonos para o público, como cada ano, que estarán á venda a partires do 8 de outubro tamén nas oficinas do Pazo da Cultura e así mesmo sen posibilidade de reserva telefónica.

O FIOT 2010 aposta pola calidade escénica, os proxectos comprometidos e o teatro pouco convencional

30 EVENTOS TEATRAIS ENTRE O 8 DE OUTUBRO E O 1 DE NOVEMBRO

O FIOT 2010 aposta pola calidade escénica, os proxectos comprometidos e o teatro pouco convencional

Sábado 2 de outubro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) inicia o 8 de outubro a súa edición número XIX apostando pola calidade escénica, con proxectos comprometidos -incluída a coprodución dun dos espectáculos 'Un cranio furado'- e apartándose do teatro máis convencional coa incursión do OTNI, Obxecto Teatral Non Identificado, destinado ás propostas máis orixinais e arriscadas. A organización recoñece a dificultade engadida de compatibilizar o festival coa crise nesta edición, aínda que subliñan que non ten reflectido na programación, que grazas ao esforzo de todos permite que o festival siga consolidándose entre os máis importantes da escena galega. Até o 1 de novembro Carballo será un centro de dinamización cultural no que se desenvolverán 30 eventos relacionados co teatro entre funcións de sala, a Rúa dos Contos, exposicións, obradoiros, OTNI ou o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, subliñou que os espectadores do FIOT teñen a "oportunidade de asistir a espectáculos de primeira liña internacional" a prezos máis que alcanzables; o Alcalde, Evencio Ferrero, espera un mes para "desfrutar de ser afeccionados ao teatro e de ser carballeses".

Carballo convoca o 'I Festival de Curtas rodadas con móbil' no marco das III Olimpíadas Tecnolóxicas

III XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA: SOBRE O AUDIOVISUAL

Carballo convoca o 'I Festival de Curtas rodadas con móbil' no marco das III Olimpíadas Tecnolóxicas

Venres 1 de outubro do 2010

O Concello de Carballo prepara a celebración das III Olimpíadas Tecnolóxicas que este ano estarán dedicadas ao sector audiovisual e as novas tecnoloxías. Para iso, o Telecentro do Pazo da Cultura, que está previsto que abra de novo as súas portas ao longo deste mes, acollerá o I Festival de Curtas rodadas con móbil, unha cita na que os participantes realizarán a súa propia curtametraxe, dun máximo de 2 minutos de duración, tan só co seu teléfono móbil. Para axudarlles na tarefa, está previsto que asistan a un total de catro obradoiros audiovisuais que se celebrarán os sábados 6, 13, 20 e 27 de novembro no Telecentro, en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas. Os participantes no Festival poderán desenvolver de primeira man cada unha das fases do proceso creativo dunha curta, pasando pola elaboración do guión, a rodaxe e a posprodución. Poderán participar un máximo de 5 equipos de entre 4 e 6 persoas que serán admitidos por rigoroso orde de inscrición. As anotacións poden formalizarse entre o luns 4 de outubro e o venres 5 de novembro na Alcaldía da Casa do Concello e no Telecentro tan pronto reabra as súas portas.

Asinado un convenio de colaboración entre Carballo e Coristanco para a limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns

PATRIMONIO ASUMIRÁ OS TRABALLOS

Asinado un convenio de colaboración entre Carballo e Coristanco para a limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns

Venres 1 de outubro do 2010

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, veñen de asinar un convenio de colaboración para que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, asuma os traballos de limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns, monumento situado entre os dous concellos, cuxa construción está atribuída aos romanos no século I e que conta con máis de 40 metros de lonxitude. O obxectivo non é so acadar a limpeza da vexetación, senón tamén a consolidación deste espazo emblemático. Así mesmo, os traballos non afectarán unicamente á zona de tránsito, senón a todo o entorno da ponte. A través deste acordo, que foi asinado hoxe ás 10.30 horas, Carballo e Coristanco deixan de asumir os labores de limpeza e mantemento, que a partir de agora encadraranse no programa de 'Protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural' da Dirección Xeral de Patrimonio. Así mesmo e segundo consta no convenio, a ponte está incluída no Plan de conservación de pontes históricas que recolle monumentos con necesidades urxentes de intervención.

O FIOT 2010 estrea o ciclo OTNI destinado a acoller propostas alternativas e pouco convencionais

AGRUPA TRES ACTUACIÓNS NO PAZO DA CULTURA

O FIOT 2010 estrea o ciclo OTNI destinado a acoller propostas alternativas e pouco convencionais

Mércores 29 de setembro do 2010

A edición XIX do Festival Internacional Outono de Teatro chega cunha nova proposta: OTNI, Obxecto Teatral Non Identificado. Trátase dun novo ciclo que asume riscos, apostando por proxectos máis innovadores que se apartan do convencional e introducen outras linguaxes escénicas. Baixo o epígrafe de OTNI agrúpase un espazo flexible para acoller outras propostas alternativas, pensadas para un público máis minoritario, noutros espazos e con outros códigos. Os espectáculos enmárcanse dentro da oferta contemporánea, adquirindo unha dimensión máis experimental. Porén, haberá cabida así mesmo para incluír neste contedor espectáculos de pequeno formato. A organización cre que este tipo de creacións, cada vez máis numerosas nos escenarios, deben estar no festival pola súa capacidade de innovación e crítica, a súa relevancia artística e o interese para aqueles espectadores que queiran ampliar a súa mirada a "outras escenas". Este ciclo terá lugar no Pazo da Cultura, aínda que non no auditorio, senón aproveitando outros espazos.

A edición XIX do FIOT faise internacional coa presenza da compañía arxentina Timbre4

CONTINÚA ABERTA A INSCRICIÓN PARA O CONCURSO DE TEATRO LIDO

A edición XIX do FIOT faise internacional coa presenza da compañía arxentina Timbre4

Martes 28 de setembro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que comeza o 8 de outubro, terá como representación internacional aos arxentinos Timbre4 co espectáculo 'Tercer Cuerpo', baixo a dirección dun dos directores máis importantes na actualidade Claudio Tolcachir. Despois dun grande éxito tanto en Arxentina como en España, este director presenta un novo espectáculo que amosa o seu oficio e o seu carácter de artesán teatral, revelándose como un dos mellores creadores de teatro de actor, con diálogos moi vivos e moito sentido do humor. 'Tercer cuerpo son cinco vidas'. Unha oficina anacrónica, a casa dunha parella, un bar e un consultorio médico. Sandra, Manuel, Héctor, Sofía e Moni deciden modificar os destinos unidos pola soidade, o abandono e a gran necesidade de amar e de ser amados. Unha magnífica ocasión para poder desfrutar de un texto excelente e de actores de gran calidade artística. Así mesmo, no marco do FIOT, continúa aberto o prazo para anotarse no Concurso de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís'.

O pleno saca adiante a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico

CUARTO TRASLADO PROVISIONAL DOS POSTOS DO MERCADO

O pleno saca adiante a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico

Martes 28 de setembro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro supuxo a aprobación definitiva da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, un dos principais puntos da orde do día. O obxectivo desta normativa é o de "regular e compatibilizar os distintos usos da vía pública no casco urbano carballés para darlle máis fluidez á circulación e mellorar a seguridade", en verbas do Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña. A ordenanza consta de 80 artigos e un anexo onde se recolle o cadro de sancións, que coincide punto por punto co cadro da Lei de Seguridade Vial. A norma inclúe directrices de comportamento para os peóns, as bicicletas e ciclomotores, ademais doutros vehículos a motor, establecendo normas xerais como a velocidade máxima para circular no núcleo urbano ou o tempo de carga e descarga, entre outras moitas regulacións. O texto definitivo sae adiante despois da achega de varias propostas e do estudo das alegacións presentadas.

Compartir: