OBRAS E SERVIZOS
Martes 5 de xaneiro do 2010
Entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009 o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 1.408 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal, unha cifra que supón un incremento de 103 respecto de 2008. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que nun 48,9 por cento (689 avisos) refírense a substitucións e reparacións no alumeado público, especialmente nas parroquias. Tamén foron maioría en 2008, cun 50,6 por cento do total e 661 avisos sobre o alumeado. Poren, as demandas tamén se centran nos sinais de tráfico; nos servizos de auga, luz, saneamento ou teléfono; en Carballo Limpo; nos equipamentos dos edificios municipais; na limpeza de espazos públicos ou na mellora da rede viaria. Os veciños e veciñas poden realizar as súas peticións ou demandas no teléfono 981 704 700.
CABALGATA 2010: MARTES 5 PARTIRES DAS 18.00 HORAS
Luns 4 de xaneiro do 2010
O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a Cabalgata de Reis 2010, coa que tamén colabora o Centro Comercial Bergantiños-Haley co reparto de caramelos e agasallos entre os asistentes. O itinerario inclúe a chegada ao CCB-Haley, o martes 5 de xaneiro ás 18.00 horas, para que as súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar poidan efectuar a saída e percorrer as principais rúas do centro da capital municipal ás 18.30 horas. Está previsto que haxa unha recepción dos Reis Magos para os nenos e nenas de Carballo nunha carpa situada na Praza do Concello a partires das 20.00 ou 20.30 horas, aproximadamente.
UN TOTAL DE 1003 ABONOS E 262.323 EUROS
Mércores 30 de decembro do 2009
O ano 2009 péchase co mellor balance da historia, tanto no aspecto económico, como a nivel de abonados, do Padroado Deportivo Municipal. Os ingresos por abonos e cursos acadaron este ano os 262.323,6 euros, cun incremento de case un 10 por cento respecto do exercicio anterior. Así o expresou Marcos Trigo, Concelleiro de Deporte, que tamén subliñou que o nivel de autofinanciación do Padroado ten medrado até un 34 por cento, con previsión de chegar ao 41 en 2010. Dende a posta en marcha do sistema de accesos en 2004, a autofinanciación tense incrementado dende un 6 por cento en 2003 até o 34 por cento do 2009. O número de titulares de abonos é de 1003, dos que desfrutan 1924 veciños e veciñas, producíndose en 2009 un incremento dun 23 por cento.
SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DE DECEMBRO
Martes 29 de decembro do 2009
A corporación carballesa vén de aprobar o traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos mentres duren os traballos da reforma integral, que principiará en 2010 e que conta cun orzamento de 2.443.436,78 euros. As melloras comezarán nos establecementos exteriores, un total de 16, polo que serán os primeiros en sufrir o traslado, situándose no andar superior do mercado. Durante o seu aloxamento provisional, todos contarán cunha superficie igual ou, nalgúns casos, lixeiramente superior á actual. O Goberno local espera que a mediados de febreiro, xa se teña producido a adxudicación provisional e os traballos de remodelación poidan comezar canto antes.
DO 28 AO 30 DE DECEMBRO NO PAZO DA CULTURA
Luns 28 de decembro do 2009
O Pazo da Cultura acolle entre o 28 e o 30 de decembro o popular Festival Nadal Pequespectacular, unha cita xa tradicional, con vida propia dentro do Nadal Cultural, que cada ano inclúe espectáculos de música, danza, maxia ou teatro dirixidos aos máis cativos e cativas. O luns 28 de decembro é a quenda de Al Suroeste Teatro, con 'Princesas: olvidadas o desconocidas', cun orixinal espectáculo de danza. O martes 29 chega a Compañía Artestudio con 'A volta ao mundo en menos dunha hora'; e o peche é o mércores 30 con Berrobambán e a súa 'Bicharada'. Todas as citas son a partires das 18.00 horas e custan 3,5 euros (2,5 con desconto especial), excepto 'Bicharada', que custa 2,5 euros (2 con desconto). Os nenos e nenas xa poden coller a butaca e desfrutar.
NA SALA DA BAIXOCUBERTA DE 18.00 A 21.00 HORAS
Mércores 23 de decembro do 2009
A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle entre o 22 de decembro e o 24 de xaneiro a 'I Exposición de Motos clásicas', organizada pola Asociación Cultural Deportiva e Recreativa amig@s das Motos Clásicas de Bergantiños en colaboración co Concello. A mostra conta coa presenza dun total de 20 motocicletas dos anos 50, 60 e 70 e diversas fotografías dalgunhas das concentracións de motos realizadas pola asociación. A exposición poderá visitarse en horario habitual de 18.00 a 21.00 horas. A organización informa aos visitantes de que, para poder realizar o percorrido pola mostra, será necesario ir acompañado polo conserxe do Pazo da Cultura. O motivo é favorecer a protección das motos, a maioría delas pezas moi delicadas.
A ACTIVIDADE PROLONGOUSE DURANTE 18 MESES
Mércores 23 de decembro do 2009
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, presidiron hoxe o peche da Escola Obradoiro 'Casa dos Oficios', que se desenvolveu no municipio ao longo dos últimos 18 meses e que conseguiu formar a 40 alumnos e alumnas en ocupacións tales como Carpintería de Aluminio, Albanelería e Pladur, Cantería, Electricidade e Xardinería. O alumnado tamén recibiu formación complementaria de Xestión Empresarial, Educación Compensatoria, Prevención de Riscos Laborais e outras materias relacionadas coa actividade laboral e empresarial. Todos puideron recoller o seu diploma no Centro de Formación, tamén ante a presenza do director desta actividade, Andrés Seoane Lago.
SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DO MES DE DECEMBRO
Mércores 23 de decembro do 2009
A corporación carballesa celebra o luns 28 de decembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día aborda a aprobación do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos mentres duren os traballos da reforma integral. As melloras comezarán nos establecementos exteriores, un total de 16, polo que serán os primeiros en sufrir o traslado, situándose no andar superior do mercado. Durante o seu aloxamento provisional, todos contarán cunha superficie igual ou, nalgúns casos, lixeiramente superior á actual. En canto ás datas previstas para a adxudicación dos traballos, a mediados de xaneiro remata o prazo para a presentación de ofertas, polo que o Goberno local espera que un mes máis tarde, a mediados de febreiro, xa se teña producido a adxudicación provisional.
MODIFICACIÓN PUNTUAL NO PLANEAMENTO PARA AMPLIAR ASPABER
Luns 21 de decembro do 2009
O Rexistro de Entrada do Concello de Carballo vén de recibir hoxe, 21 de decembro, o Informe Previo á Aprobación Inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) elaborado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Xa se lle ten remitido unha copia do documento, de 17 páxinas, a todos os voceiros dos distintos grupos políticos municipais, ao igual que aos técnicos do Concello e ao equipo redactor do PXOM, co obxectivo de que nos próximos días se realice unha avaliación e análise das súas particularidades. O seguinte paso é convocar nos próximos días unha xuntanza da Comisión Informativa de Urbanismo para poder estudar o informe e seguir traballando na revisión do planeamento, tal e como se acordara na última Comisión Informativa.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 21 de decembro do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar na sesión ordinaria celebrada o luns 21 de decembro a adxudicación provisional do servizo de 'Asesoramento xurídico a inmigrantes e emigrantes retornados do Concello de Carballo', que debe ser dirixido por un avogado que se pon a disposición dos interesados e interesadas. O prezo de adxudicación previsto é de 17.000 euros e a persoa responsable da xestión do servizo será María José Fernández Mato. No acordo recóllese que o contrato terá un período de vixencia de dous anos, prorrogable, se hai mutuo acordo das partes, por dous anos máis. O horario actual deste servizo, situado nas dependencias dos Servizos Sociais dende setembro de 2003, é os luns de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
ENTREGADOS OS PREMIOS DAS II OLIMPÍADAS TECNOLÓXICAS
Venres 18 de decembro do 2009
O xoves 17 de decembro tivo lugar a II Xornada Carballo Porta Aberta, centrada en ofrecer información aos veciños e veciñas sobre a implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e o apagón da emisión analóxica, previsto no municipio para o 18 de xaneiro. Miguel Pérez, representante da Oficina Técnica da TDT en Galicia, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, informaron das claves do novo servizo televisivo. O Concello de Carballo ofrecerá información a quen o desexe no Centro de Promoción Económica (CEPC) situado á entrada do polígono de Bértoa, ademais de que os colectivos en risco de exclusión social poden solicitar até o 31 de decembro nas oficinas de Servizos Sociais municipais axudas económicas para adquirir o seu receptor de TDT.
O ACORDO IMPLICA UNHA ACHEGA DE 6.000 EUROS
Venres 18 de decembro do 2009
O Concello de Carballo, representado polo Alcalde, Evencio Ferrero, e a Obra Social de La Caixa, representada polo director da súa oficina carballesa, Francisco Felípez, veñen de asinar hoxe un acordo polo que se realiza unha donación de 6.000 euros á Administración Local para mellorar o Servizo Municipal de Axuda no Fogar. Este servizo conta en Carballo con 15 traballadores e traballadoras, que pasarán a ser 16 en 2010, e con aproximadamente 60 beneficiarios. Funciona a diario de luns a domingo en horario de 8.00 a 22.00 horas e ofrece servizos ás persoas dependentes. O Alcalde subliña que este acordo forma parte da estratexia do Concello para colaborar con todo tipo de entidades á hora de impulsar a cultura, o deporte e o traballo social.