Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo conta por quinto ano consecutivo cunha pista de patinaxe no Nadal, nesta ocasión de "xeo ecolóxico"

ENTRE O 4 DE DECEMBRO E O 10 DE XANEIRO

Carballo conta por quinto ano consecutivo cunha pista de patinaxe no Nadal, nesta ocasión de "xeo ecolóxico"

Venres 27 de novembro do 2009

O Concello de Carballo contará un ano máis, e xa son cinco consecutivos, cunha pista de patinaxe no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños dende o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro. A principal novidade deste Nadal é que non se trata dunha pista de xeo, senón de xeo artificial que, ademais de ser dun material completamente ecolóxico, supón un aforro no gasto do subministro eléctrico de máis de 10.000 euros. A organización resalta que se trata dun produto novidoso que, ademais de incrementar a seguridade, tamén reduce a sensación térmica e mellora a superficie para a patinaxe nun 95 por cento. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, quixo subliñar o importante "esforzo" económico se ten realizado para manter a pista en tempos de crise e que Carballo siga a ser un "referente do ocio no Nadal".

O Concello convoca as II Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo, dentro das Xornadas Carballo PortaAberta

INSCRICIÓNS NA AULA ABERTA DA RDSI NO PAZO DA CULTURA

O Concello convoca as II Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo, dentro das Xornadas Carballo PortaAberta

Xoves 26 de novembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da súa Concellaría de Promoción Económica, e en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, levará a cabo na primeira quincena de decembro as II Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo -enmarcadas dentro das Xornadas Carballo PortaAberta, nas que os/as participantes terán a oportunidade de aprender e amosar os seus coñecementos sobre o concello, e o uso das Novas Tecnoloxías. Estas Olimpíadas consistirán na presentación dunha serie de probas nas que os/as participantes deberán investigar no patrimonio cultural, histórico, artístico, material e inmaterial do Concello, ben a través de traballo de campo, ben a través de consulta de información bibliográfica.

Arrincan as actividades do Feirón de Outono coa inauguración do I Mercado de Artesanía

SÁBADO 28 DE NOVEMBRO ÁS 11.00 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Arrincan as actividades do Feirón de Outono coa inauguración do I Mercado de Artesanía

Xoves 26 de novembro do 2009

O sábado 28 de novembro principian as actividades do segundo Feirón de Outono coa inauguración, na Praza do Concello, do I Mercado de Artesanía, que estará aberto ao público entre o 28 de novembro e o 6 de decembro. Nesta cita, que é a primeira vez qu se celebra en Carballo, está prevista a presenza de artesáns chegados dende todos os puntos de España, como Valladolid, Asturias, Granada, Ourense, Salamanca, Valencia, Cáceres e o propio Carballo, con produtos tan variados como coiro, prata, herbas mediciñais, pedras semi preciosas ou madeira. O horario dos postos que participan neste I Mercado de Artesanía é de 11.00 a 15.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde.

A construción das glorietas de acceso, último paso para rematar a primeira ampliación do polígono de Bértoa

O DELEGADO TERRITORIAL, DIEGO CALVO, VISITOU AS OBRAS

A construción das glorietas de acceso, último paso para rematar a primeira ampliación do polígono de Bértoa

Xoves 26 de novembro do 2009

As obras da primeira fase de ampliación do polígono de Bértoa de Carballo, que ten unha superficie de preto de 740.000 metros cadrados, están a piques de rematar. Así o puido comprobar o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Diego Calvo, durante unha visita ás instalacións, na que percorreu a totalidade do parque empresarial. Estivo acompañado pola xerente de Xestur-Coruña, entidade que desenvolve os proxectos de ampliación do polígono, María Doporto; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e por numerosos membros da corporación municipal. Calvo percorreu as instalacións e observou o estado de execución dos traballos, dos que tan só resta a construción das glorietas de acceso, que estarán rematadas tan pronto o bo tempo permita a execución das obras.

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

CONCELLARÍA DE BENESTAR

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Mércores 25 de novembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Dores Silveira, conmemora o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Despois da celebración o pasado domingo 22 da Feira das Asociacións e dun reparto masivo de lazos brancos entre os veciños e veciñas, está previsto inaugurar o venres 27 a exposición 'Evolución das mulleres galegas no ámbito laboral', organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello. Así mesmo, o pleno da corporación subscribiu por unanimidade unha Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, que fai especial fincapé na prevención da violencia e na colaboración para axudar ás vítimas.

Principian os traballos para mellorar a travesía de Malpica, que contan cun orzamento de 845.000 euros

O PRAZO DE EXECUCIÓN PREVISTO É DE TRES MESES

Principian os traballos para mellorar a travesía de Malpica, que contan cun orzamento de 845.000 euros

Martes 24 de novembro do 2009

Os operarios da empresa Construcciones López Cao veñen de principiar esta semana os traballos para a mellora da travesía de Malpica da capital municipal, que contan cun orzamento de 844.248 euros. A Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de obras para a 'Mellora da seguridade vial na AC-416, PQ. 0+000-1+360. Avenida de Malpica' a finais do mes de outubro e a través dun convenio coa Xunta de Galicia. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumirá aproximadamente o 80 por cento do importe da mellora, mentres que o Concello carballés achegará o 20 por cento restante. Os operarios principiaron as obras picando as beirarrúas existentes no tramo de vía situado na rúa Poñente, á altura do cruce entre a rúa Ponte e a rúa Perú.

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de urbanización do polígono 27, situado na contorna da rúa Perú

VISTO BO DEFINITIVO Á EXECUCIÓN DO CENTRO SOCIAL DE CANCES

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de urbanización do polígono 27, situado na contorna da rúa Perú

Luns 23 de novembro do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de sacar adiante a aprobación definitiva do proxecto de urbanización do polígono 27, situado no entorno da rúa Perú da capital municipal, e que afecta ao ámbito situado entre a rúa Pontevedra e a rúa Estrela. Despois deste trámite, unha vez os propietarios presenten o aval da obra, xa poden principiar os traballos. Segundo este acordo, así mesmo, o Concello será o responsable de contratar as obras e de asumir os gastos para acondicionar o tramo que falta da rúa Perú, porque así está estipulado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así se fixo no polígono 26 (que recollía o primeiro treito da rúa) e así se vai asumir agora. O custo desta actuación elévase a 133.000 euros, e o Concello espera adxudicar as obras antes de que remate o ano.

O Concello propón un Plan de Obras e Servizos (POS) para 2010 por un importe de preto de 700.000 euros

PRINCIPIAN OS TRÁMITES DA SUBESTACIÓN ELÉCTRICA DO POLÍGONO

O Concello propón un Plan de Obras e Servizos (POS) para 2010 por un importe de preto de 700.000 euros

Sábado 21 de novembro do 2009

A corporación carballesa celebrará o próximo 26 de novembro unha sesión plenaria extraordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña, por un importe de 693.758,08 euros, dos que o organismo provincial achegará 656.003,34. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar que, a pesares de que nesta anualidade a Deputación permite que o 50 por cento do importe do POS se empregue para gastos correntes para afrontar a crise, a Administración carballesa destinará a totalidade do importe a investimentos, como se viña facendo nos últimos anos. O pleno de novembro celébrase o día 26 porque o 30 remata o prazo para presentar na Deputación os proxectos do POS.

Carballo conmemora con varios actos e cunha declaración institucional o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

DOMINGO 22 DE NOVEMBRO: FEIRA DAS ASOCIACIÓNS

Carballo conmemora con varios actos e cunha declaración institucional o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Venres 20 de novembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade que dirixe Dores Silveira, organiza unha serie de actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O domingo 22 o Xardín Municipal acollerá a tradicional Feira das Asociacións, na que se se divulga o traballo destas entidades e se emprenden accións de sensibilización entre a poboación contra a violencia. Por outra banda, está prevista a inauguración o venres 27 de novembro da exposición 'Evolución das mulleres galegas no ámbito laboral', que estará no Pazo da Cultura. Así mesmo, o pleno da corporación subscribiu unha declaración institucional na que se fai especial fincapé na prevención da violencia e na colaboración para axudar ás vítimas.

Un recital músico poético, unha exposición e o festival de música tradicional 'Sons de aquí' enchen o programa da fin de semana

NOVEMBRO CON MÚSICA 2009

Un recital músico poético, unha exposición e o festival de música tradicional 'Sons de aquí' enchen o programa da fin de semana

Venres 20 de novembro do 2009

O Novembro con música 2009 enchen a programación da próxima fin de semana cunha oferta moi variada centrada nun recital poético musical e na mostra 'Lugares de incendios', así como na promoción do folclore tradicional de Carballo, coa celebración do festival 'Sons de aquí'. O 20 de novembro inaugúrase no Pazo da Cultura a exposición 'Lugares de Incendios' no marco dun recital poético-musical a cargo do poeta e dramaturgo Paco Souto e o pianista Serxio Moreira. Pola contra, o 21 de novembro é a quenda do festival de música tradicional 'Sons de aquí', no que participan as agrupacións folclóricas máis representativas do municipio. As dúas citas son o venres e o sábado ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Portos de Galicia adxudica de forma definitiva o proxecto dos departamentos para usuarios do peirao de Razo

O INVESTIMENTO PREVISTO É DE 370.000 EUROS

Portos de Galicia adxudica de forma definitiva o proxecto dos departamentos para usuarios do peirao de Razo

Xoves 19 de novembro do 2009

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de anunciar a adxudicación definitiva dos traballos para a creación de departamentos para usuarios no peirao de Razo. Serán unhas vinte casetas para uso dos mariñeiros, principalmente como almacéns. A actuación recae sobre unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por AIN Empresa de Servicios e Atlántica de Construcción y Medioambiente. O orzamento base de licitación era dun total de 425.307,58 euros, poren, a UTE ten feito unha oferta económica de 371.336,21 euros (430.749 euros con IVE). O prazo de execución previsto para o desenvolvemento das melloras é de nove meses, polo que o proxecto estará rematado en 2010.

O Concello convoca o concurso para elixir o cartel e a postal de felicitación de Nadal

PREMIOS: MÁIS DE 500 EUROS EN LIBROS E XOGUETES

O Concello convoca o concurso para elixir o cartel e a postal de felicitación de Nadal

Mércores 18 de novembro do 2009

Como en anteriores edicións, o Concello de Carballo organiza, a través da Concellaría de Cultura, o Concurso de Cartel e Postal de Nadal. Con este certame, seleccionarase a tarxeta de felicitación do Concello de Carballo e o cartel que anunciará as vindeiras festas de Nadal. Neste concurso poderán participar todos os nenos e nenas do municipio de Carballo, alumnado de Educación Infantil ou Educación Primaria, así como integrantes de entidades como ANPAS ou asociacións culturais, coa única limitación de presentar unha soa obra por neno/a. Os premios, dotados con xoguetes, material didáctico e libros, distribúense da seguinte maneira: 1º premio: 210 euros; 2º premio: 100 euros; e 3º premio: 60 euros.

Compartir: