Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle entre o 13 e o 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario

ASISTENCIA DE BALDE NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle entre o 13 e o 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario

Mércores 4 de novembro do 2009

O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolle os días 13, 14, 20 e 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario. Organizadas polo Concello e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), pretenden abondar na figura do pai do rexionalismo, centrándose na súa biografía e no seu contexto ideolóxico e cultural, que deu como froito o nacemento do galeguismo. Esta cita monográfica realízase con motivo do 150 aniversario do nacemento de Alfredo Brañas e culmina unha serie de actividades que se teñen levado a cabo ao longo de 2009, como a homenaxe que recibiu o escritor no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela. A asistencia a estas xornadas é de balde, e aqueles membros do profesorado que se inscriban previamente na páxina web da AS-PG, poden obter homologación por 10 horas lectivas.

Preto de 700 escolares asisten á representación de 'Comedia Bífida', de Nobicarelo Teatro, no Pazo da Cultura

'EN GALEGO, POR QUE NON?'

Preto de 700 escolares asisten á representación de 'Comedia Bífida', de Nobicarelo Teatro, no Pazo da Cultura

Martes 3 de novembro do 2009

O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolle durante a mañá do martes 3 de novembro dúas representacións da obra 'Comedia Bífida, á que asistirán preto de 700 escolares de 1º e 2º de Bacharelato dos distintos centros de ensino de toda a comarca de Bergantiños e outras zonas próximas. As representacións teñen lugar ás 10.00 e 12.00 horas. 'Comedia Bífida' é unha montaxe de Nobicarelo Teatro na que se presentan, con moito humor e ironía, algunhas das situacións que a diario se viven en relación coa lingua galega. O obxectivo é, precisamente, reflexionar sobre este tipo de situacións. Esta actividade enmárcase dentro do programa 'Bocaberta' da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Concello vén de realizar, en colaboración coa DGT, a revisión dos vehículos de transporte escolar do municipio

SEGURIDADE VIARIA: NON SE TEÑEN ATOPADO IRREGULARIDADES

O Concello vén de realizar, en colaboración coa DGT, a revisión dos vehículos de transporte escolar do municipio

Martes 3 de novembro do 2009

O Concello de Carballo vén de realizar, en colaboración coa Dirección General de Tráfico (DGT) unha campaña especial sobre control do transporte escolar e de menores, sen que se teñan atopado irregularidades nos vehículos que realizan este servizo nos centros de ensino situados dentro do termo municipal. A revisión realizouse entre o 15 e o 28 de outubro e fíxose especial fincapé no emprego dos cintos de seguridade e nos sistemas de retención, xa que, en caso de accidente, o emprego do cinto salva vidas e reduce a gravidade das lesións. Esta revisión é obrigatoria dende o pasado curso lectivo 2007-08, segundo o RD 442/2001 do 27 de abril sobre as condicións de seguridade no transporte escolar e de menores.

A XVIII edición do FIOT baixou o pano nunha fin de semana de altísima calidade teatral e cheo de público

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO '09

A XVIII edición do FIOT baixou o pano nunha fin de semana de altísima calidade teatral e cheo de público

Luns 2 de novembro do 2009

A edición número XVIII do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09) de Carballo vén de chegar ao seu remate nunha fin de semana na que os tres días o público encheu por completo o auditorio do Pazo da Cultura, e na que os aplausos non deixaron de soar para render xusta homenaxe a tres apostas teatrais que elevaron a calidade do festival nun fin de festa excepcional. O venres 30 o Teatro do Noroeste e a súa 'Glass City', 'cidade de cristal', puxeron en escea un musical trepidante. O sábado 31, Teatro Corsario representou o clásico 'El caballero de Olmedo' con grande gusto estético e artístico. E Lola Herrera e Juanjo Artero cubriron as expectativas en 'Seis clases de baile en seis semanas' (na imaxe), obra na que foron continuamente arroupados polo respetable.

O Concello emprende a retirada dos residuos dun total de seis vertedoiros incontrolados

BUSCA DOS INFRACTORES: SANCIÓNS DE 500 EUROS

O Concello emprende a retirada dos residuos dun total de seis vertedoiros incontrolados

Luns 2 de novembro do 2009

A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo procederá o 3 de novembro -aproveitando que se trata do día no que funciona o Punto Limpo Móbil- á retirada dun total de seis vertedoiros incontrolados atopados en distintos puntos do territorio municipal. A maior parte deles estaban situados en pistas secundarias, sendo na maioría dos casos residuos considerados como voluminosos, con obxectos como electrodomésticos vellos, colchóns ou persianas. O Concello xa está emprendendo as investigacións oportunas para saber quen son os responsables e, se procede, poñer en marcha as sanción oportunas, que poden ir dende 90 euros ata 500 ou incluso 900 euros para verteduras químicas.

O FIOT '09 chega á súa fin coa presenza do teatro galego, dun clásico de Lope de Vega e da coñecida actriz Lola Herrera

VENRES 30, SÁBADO 31 E DOMINGO 1 NO PAZO DA CULTURA

O FIOT '09 chega á súa fin coa presenza do teatro galego, dun clásico de Lope de Vega e da coñecida actriz Lola Herrera

Venres 30 de outubro do 2009

A edición da maioría de idade do Festival Internacional Outono de Teatro chega á súa fin con tres propostas ben diferentes. O teatro galego de Noroeste, o clásico con Corsario e a presenza da actriz Lola Herrera (na imaxe), marcan o peche dunha edición na que se ten colgado en moitas ocasións o cartel de 'todo vendido', especialmente para ver estas últimas propostas do FIOT. O venres 30 retrátase a Galicia dos anos 50 con 'Glass city'; o sábado 31 'El caballero de Olmedo' fará viaxar aos espectadores ao Século de Ouro da literatura española coa popular historia de Don Álvaro; por último, o domingo 1 de novembro chega a esperada actuación da actriz Lola Herrera, que, coa réplica de Juanjo Artero, atrévese a recibir 'Seis clases de baile en seis semanas'. Todas as citas ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Carballo anima aos empresarios a que subscriban as axudas do Ministerio de Industria que xestionará na comarca o Pacto do Emprego

SINATURA DUN CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MADRID

Carballo anima aos empresarios a que subscriban as axudas do Ministerio de Industria que xestionará na comarca o Pacto do Emprego

Venres 30 de outubro do 2009

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asistir hoxe en Madrid á sinatura dun convenio de colaboración entre o Pacto do Emprego da Costa da Morte e o Ministerio de Industria para xestionar unha serie de axudas dirixidas a empresarios e emprendedores e destinadas a impulsar dende o territorio a presentación de proxectos xeradores de actividade económica e emprego. No acto de sinatura tamén estivo o presidente do Pacto do Emprego, o Alcalde de Muxía, Félix Porto. O Concello quere subliñar as condicións destas axudas, especialmente vantaxosas, xa que ofrecen cretos ao 0 por cento de tipo de xuro e cun período de amortización de 15 anos, sendo os primeiros 5 de carencia.

A rúa Desiderio Varela será semipeonil, cos mesmos horarios e condicións que a rúa Coruña, despois do seu arranxo

O CONCELLO ESPERA ABRILA AO TRÁFICO CANTO ANTES

A rúa Desiderio Varela será semipeonil, cos mesmos horarios e condicións que a rúa Coruña, despois do seu arranxo

Venres 30 de outubro do 2009

Os traballos de humanización e peonalización da rúa Desiderio Varela da capital municipal carballesa están a piques de finalizar. Nos últimos días retiráronse as máquinas e o Concello espera poder abrir a rúa ao tráfico o antes posible. Ante esta circunstancia, representantes do Concello, -entre os que se atopaban o Alcalde, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, o Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña ou o Sarxento da Policía Local, Constantino Vázquez- mantiveron o xoves 29 de outubro a última hora da tarde unha xuntanza cos comerciantes desta rúa para acordar as súas condicións de peonalización ou semipeonalización. Finalmente, e co consenso dos presentes, decidiuse que a rúa será semipeonil, mantendo os mesmos horarios para a circulación do tráfico rodado da rúa Coruña.

O Concello lembra que as sancións por depositar obxectos voluminosos na rúa pode chegar a 500 euros

PUNTO LIMPO MÓBIL O PRIMEIRO MARTES DE MES

O Concello lembra que as sancións por depositar obxectos voluminosos na rúa pode chegar a 500 euros

Venres 30 de outubro do 2009

O Concello de Carballo lembra aos veciños e veciñas que o depósito de lixo como mobles, colchóns, electrodomésticos ou outro tipo de voluminosos na rúa ou nun dos colectores para recollida domiciliaria -de orgánicos, vidro, de envases ou papel- pode implicar unha sanción de ata 500 euros, segundo se recolle na Ordenanza de Limpeza. De feito, neste momento estanse estudando algúns casos que, por reiterativos, serán obxecto de sanción. Os cidadáns que queiran desfacerse deste tipo de residuos deben facelo unicamente no Punto Limpo ou a través do Punto Limpo Móbil. Este último, funciona o primeiro martes de cada mes, polo que estará dispoñible o próximo martes 3 de novembro.

Un total de 550 persoas teñen participado nas rutas de sendeirismo do programa 'Pasiño a pasiño' no que vai do ano 2009

O DOMINGO 1 DE NOVEMBRO É O ÚLTIMO PERCORRIDO

Un total de 550 persoas teñen participado nas rutas de sendeirismo do programa 'Pasiño a pasiño' no que vai do ano 2009

Xoves 29 de outubro do 2009

O programa de sendeirismo 'Pasiño a pasiño' chega ao seu remate esta fin de semana despois de ter desenvolvido un total de sete rutas ao longo de todo o ano 2009, a falta da última, que fai a oitava. Durante este tempo, sen ter en conta a xente que participará no último dos percorridos, un total de 550 persoas teñen saído a facer sendeirismo por terras de Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte. O domingo 1 de novembro a partires das 9.00 horas será o momento do peche, cunha ruta que camiñará polo litoral de Camariñas, dende Cabo Vilán cara ao sur. A hora de volta está prevista para as 14.00 horas e os interesados e interesadas poden confirmar a súa asistencia até o venres 30 de outubro nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal.

 O Centro de Dinamización da Sociedade da Información situado no Telecentro oferta catro novos cursiños, tres para maiores, no mes de novembro

INICIACIÓN Á INFORMÁTICA E Á INTERNET

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información situado no Telecentro oferta catro novos cursiños, tres para maiores, no mes de novembro

Mércores 28 de outubro do 2009

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Carballo, anuncia máis actividades de achegamento ás novas tecnoloxías que terán lugar no mes de novembro no Telecentro de comunicación situado no primeiro andar do Pazo da Cultura. Trátase dun total de catro obradoiros, un de búsqueda de emprego por Internet, e outros tres dirixidos a maiores, relacionados coa iniciación á informática e ao uso de Internet e as novas tecnoloxías. Asemade, está prevista a realización da charla 'Solicitude de cita previa para o médico e a ITV', que terá lugar o día 13 de novembro, ás 10.30 horas no Telecentro, e que consistirá en expoñer información sobre este proxecto.

Quico Cadaval e 'Café con...' achegan o teatro ao público da XVIII edición do FIOT

CONVERSA O XOVES 29 CON TEATRO DEL NOROESTE

Quico Cadaval e 'Café con...' achegan o teatro ao público da XVIII edición do FIOT

Mércores 28 de outubro do 2009

O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT '09, chega á última etapa do seu percorrido apostando por unha programación intensa durante toda a fin de semana, na que haberá espectáculos moi distintos con compañías de dentro e de fora de Galicia. Poren, as actividades comezan xa o xoves 29, con 'Café con...'. Trátase dun encontro informal con tres actores da compañía galega Teatro do Noroeste, entre eles estará a actriz Luma Gómez. No encontro, facilitarán unha relación próxima coa compañía e tamén a posibilidade de achegarnos ao proceso de creación do espectáculo 'Glass City'. Este encontro está aberto a todos e todas aqueles que queiran e desexen dialogar e opinar sobre teatro, e comezará a partir das 20.00 horas no Pazo da Cultura.

Compartir: