Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Razo conxuga natureza e música independente na IV edición do Festival Sereas e Piratas

SÁBADO 25 DE XULLO A PARTIRES DAS 21.30 HORAS

Razo conxuga natureza e música independente na IV edición do Festival Sereas e Piratas

Mércores 22 de xullo do 2009

A praia de Razo acolle o sábado 25 de xullo a IV edición do Festival Sereas e Piratas, unha cita para a música indie-pop tanto en Galicia como "incluso de fóra", sendo "un festival pequeno que se foi convertendo nalgo máis grande", en verbas de José Antonio Deus, presidente da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora da cita xunto co Concello de Carballo. A partires das 21.30 horas catro importantes grupos do panorama musical galego e tamén nacional encherán o escenario. Trátase de Los Justicieros, dende Malpica; Holywater, dende Lugo; ou os tamén galegos Disco Las Palmeras! e Igloo, sendo esta última agrupación unha das maiores atraccións desta cita musical, que rematará cunha sesión de dj que conta coa presenza do carballés Fran Rives.

Continúan as actuacións do Verán Cultural co teatro de Lope de Vega, a música de Terela Gradín e o Festival Sereas e Piratas

O MÉRCORES 22, O VENRES 24 E O SÁBADO 25 DE XULLO

Continúan as actuacións do Verán Cultural co teatro de Lope de Vega, a música de Terela Gradín e o Festival Sereas e Piratas

Martes 21 de xullo do 2009

O mércores 22 de xullo continúa a programación do Verán Cultural 2009 coa segunda das propostas incluídas no proxecto 'Las Huellas de la Barraca: 400 años del arte nuevo de hacer comedias de Lope De Vega'. Nesta ocasión, serán os actores e actrices da Universidade de Alacante, os que representen unha comedia do dramaturgo Lope de Vega, chamada 'Quien todo lo quiere: comedia famosa'. Este espectáculo está organizado pola Sociedade Estatal de Conmemoraciones Culturales e comeza ás 21.30 horas na Praza do Concello. Se a previsión meteorolóxica para o mércores pola tarde é de choiva, a representación terá lugar no Auditorio do Pazo da Cultura.

Un total de 18 mulleres desempregadas participan nun cursiño de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio

FORMACIÓN E EMPREGO

Un total de 18 mulleres desempregadas participan nun cursiño de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio

Luns 20 de xullo do 2009

A Deputación da Coruña seleccionou ao Concello de Carballo para ser a sede dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio que conta con 18 alumnas desempregadas da comarca de Bergantiños e Arteixo pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego. Este curso enmárcase no proxecto Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade non mercado laboral galego) promovido pola Deputación da Coruña e enmarcado nas axudas do Fondo Social Europeo durante o período 2007-2013. Hoxe vén de arrincar a actividade, que foi inaugurada pola Concelleira de Formación, María Manso; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e pola deputada provincial Pilar Souto.

Aprobados os expedientes de contratación para a mellora da travesía de Malpica e para a reparación da Avenida de Bergantiños

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobados os expedientes de contratación para a mellora da travesía de Malpica e para a reparación da Avenida de Bergantiños

Luns 20 de xullo do 2009

A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria do 20 de xullo, vén de aprobar o expediente de contratación do proxecto para mellorar a travesía de Malpica da capital municipal (na imaxe). A través dun convenio asinado co Concello de Carballo, a Consellería de Infraestruturas financiará cunha achega de 907.000 euros as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do treito da estrada autonómica AC-416 (entre os puntos quilométricos 0 e 1,360) ao seu paso polo núcleo urbano de Carballo, mentres que o Concello aporta 240.000 euros, chegando o importe total da actuación a 1.150.000 euros. Así mesmo, recibiu o visto bo o expediente de contratación para a 'Reparación completa do firme da prolongación da avenida de Bergantiños' da capital municipal. Neste último caso, o orzamento de contrata chega a preto de 130.000 euros.

O máis cativos e cativas poden desfrutar coas 'Varietés' de Títeres Seisdedos no Xardín Municipal

VERÁN CULTURAL 2009

O máis cativos e cativas poden desfrutar coas 'Varietés' de Títeres Seisdedos no Xardín Municipal

Venres 17 de xullo do 2009

O venres 17 de xullo ás 20.00 horas o Xardín Municipal acolle o espectáculo 'Varietés' a cargo da compañía Títeres Seisdedos, que presenta unha proposta na que estarán presentes un equilibrista, unha médium, un trapecista, unha cupletista e, por suposto, a cabra malabarista. Os monicreques ofrecen unha pequena homenaxe aos artistas de rúa, cunha posta en escea con dous actores manipuladores que presentan números de carácter circense e cabaretero. Trátase dunha aposta para os máis cativos e cativas incluída dentro da programación do Verán Cultural 2009. Este actuación conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e está dentro das actividades de Cultura Vai Verán 2009.

Arrinca no Pazo da Cultura un cursiño de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio dirixido ao fomento do emprego

CENTRO DE FORMACIÓN

Arrinca no Pazo da Cultura un cursiño de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio dirixido ao fomento do emprego

Venres 17 de xullo do 2009

A Deputación da Coruña seleccionou ao Concello de Carballo para acoller e impartir un curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio que contará con 18 alumnas desempregadas da Comarca de Bergantiños e Arteixo pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego. Este curso enmárcase no proxecto da Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade non mercado laboral galego)promovido pola Deputación da Coruña e enmarcado na covocatoria 2007 de Axudas do Fondo Social Europeo durante o período de intervención 2007-2013 a través do Ministerio de Admnistracións Públicas.

Máis de cen participantes están inscritos no I Autocross de Bergantiños que se celebra no Circuíto de Bértoa

A PROBA É PUNTUABLE PARA O CAMPIONATO GALEGO

Máis de cen participantes están inscritos no I Autocross de Bergantiños que se celebra no Circuíto de Bértoa

Venres 17 de xullo do 2009

Carballo acolle o sábado 18 de xullo o I Autocross de Bergantiños, a primeira proba que se celebra no Circuíto Municipal de Motor de Bértoa dende o ano 2003 e que ten lugar unha vez rematados os traballos para o acondicionamento do espazo destinado ao autocross. A cita é a sétima proba do presente Campionato Galego, e está organizada pola recentemente constituída Escudaría Bergantiños Motor, coa colaboración co Concello. A organización espera que esta cita reúna aos principais pilotos da comunidade, ademais dalgún que outro foráneo, con vistas a disputar a primeira carreira sobre este remodelado circuíto municipal que prevé albergar unha cita do Campionato de España de Autocross este mesmo ano. Dende a Escudaría Bergantiños, o seu responsable, Francisco Rojo, informa de hai un total de 102 pilotos inscritos.

Iniciadas as obras de rehabilitación e acondicionamento do CEIP Fogar para crear dúas novas unidades de Educación Infantil

CONCELLARÍA DE EDUCACIÓN

Iniciadas as obras de rehabilitación e acondicionamento do CEIP Fogar para crear dúas novas unidades de Educación Infantil

Mércores 15 de xullo do 2009

Nestes días veñen de principiar os traballos para rehabilitar e acondicionar o CEIP Fogar da capital municipal de Carballo para poder crear dúas novas unidades destinadas a Educación Infantil. O obxectivo destas melloras é ampliar a oferta de cara ao próximo curso 2009-2010, atendendo a alta demanda de solicitudes de escolarización nos centros de ensino carballeses, e especialmente na zona do colexio Fogar da capital municipal. Está previsto que as obras poidan rematarse durante o transcurso dos meses de verán, para que todo estea listo para o comezo do próximo curso escolar.

Máis de 80 persoas participan no V Curso de verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua'

PRETENDE CONSTRUÍR ARGUMENTOS EN PROL DA LINGUA GALEGA

Máis de 80 persoas participan no V Curso de verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua'

Mércores 15 de xullo do 2009

O Pazo da Cultura de Carballo acolle dende hoxe a celebración do V Curso de verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua', que este ano se centra na análise do compromiso individual aos argumentos para a defensa e promoción da lingua galega. Nesta quinta edición participarán arredor de 80 persoas, aínda que teñen solicitado a inscrición máis de 100. No acto de inauguración, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o deputado de Normalización Lingüística da Deputación, Xoán M. Sande; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, subliñouse a necesidade de "crear un argumentario claro, concreto e sinxelo que sexa entendido polo conxunto da cidadanía", co obxectivo de "que se use máis e mellor a lingua galega", en verbas de Nel Vidal e Goretti Sanmartín.

Arrinca en Carballo o V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña 'Traballando en lingua'

ENTRE O MÉRCORES 15 E O VENRES 17 DE XULLO

Arrinca en Carballo o V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña 'Traballando en lingua'

Martes 14 de xullo do 2009

Entre o mércores 15 e o venres 17 de xullo ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo o V Curso de verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua', que este ano se centra na análise do compromiso individual aos argumentos para a defensa e promoción da lingua galega. O curso está organizado pola Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Nalgunhas das actividades do curso tamén colabora a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. A inauguración ten lugar o mércores 15 ás 10.15 horas, e nela interveñen o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez; o deputado responsábel de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Sande Muñiz; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal Barral.

O Concello promove os establecementos e a gastronomía local coa celebración da I Ruta de Pinchos entre o 8 e o 30 de agosto

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATÉ O VENRES 17 DE XULLO

O Concello promove os establecementos e a gastronomía local coa celebración da I Ruta de Pinchos entre o 8 e o 30 de agosto

Martes 14 de xullo do 2009

O Concello abre o prazo de inscrición ata o vindeiro venres 17 de xullo para os locais interesados en participar na I Ruta de Pinchos de Carballo, que se levará a cabo os sábados e domingos entre o 8 e o 30 de agosto de 2009, e que busca promocionar os produtos, a gastronomía e os locais hostaleiros do casco urbano carballés. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación de Feiróns de Tempada, que principiou no verán de 2008. Entre as características desta Ruta de Pinchos, destaca que cada establecemento colaborador presentará unha tapa distinta cada día de celebración desta cita, excepto o 30 de agosto que a tapa será común para todos os locais e conterá produtos da zona. As tapas serviranse de forma gratuíta con cada consumición.

Adxudicación provisional para a redacción do proxecto de remodelación do mercado de Carballo

A EMPRESA É A CORUÑESA ABADEUS ARQUITECTURA SLP

Adxudicación provisional para a redacción do proxecto de remodelación do mercado de Carballo

Luns 13 de xullo do 2009

A mesa de contratación para a redacción do proxecto básico e de execución da obra de remodelación do mercado municipal do Concello de Carballo vén de adxudicar esta actuación, de xeito provisional, á empresa Abadeus Arquitectura SLP, que conta con domicilio social na Coruña. A proposta presentada por Abadeus Arquitectura SLP recibiu a máxima puntuación despois de ser avaliada e de terse elaborado un informe por parte dun grupo de expertos, formado polo arquitecto municipal carballés, por un profesor titular da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña e por dous dos arquitectos responsables da recente remodelación do mercado das Conchiñas, situado tamén na capital provincial coruñesa.

Compartir: