Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, visita as obras da piscina Vila de Noia e a parcela do futuro Centro Social de Cances

O ENTE PROVINCIAL COLABORA NA FINANCIACIÓN DESTES PROXECTOS

O Vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, visita as obras da piscina Vila de Noia e a parcela do futuro Centro Social de Cances

Venres 10 de xullo do 2009

O Vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Pablo Villamar, e o Deputado provincial Xoan Manoel Sande veñen de realizar unha visita institucional ao Concello de Carballo. Despois de ser recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros da corporación, na casa consistorial, realizaron un percorrido por dous puntos do municipio onde se están a desenvolver proxectos que contan con financiamento por parte do ente provincial: a piscina Vila de Noia da capital municipal e a parroquia de Cances. Tanto Villamar como Sande estiveron na piscina onde está prevista a colocación de paneis solares e que está en pleno proceso de remodelación, e na parcela de Cances onde está prevista a construción dun centro socio cultural. O pleno da Deputación provincial vén de aprobar o acordo para poder financiar nun 80 por certo o custe destas actuacións, con cargo a un plan de investimentos en instalacións deportivas e a un plan para edificios culturais.

Carballo fai balance da súa primeira participación nos Xogos do Eixo Atlántico cunha medalla de ouro en natación

O EQUIPO DE FÚTBOL 7 ACADOU O SEXTO POSTO

Carballo fai balance da súa primeira participación nos Xogos do Eixo Atlántico cunha medalla de ouro en natación

Venres 10 de xullo do 2009

Os preto de 70 rapaces e rapazas de Carballo que formaron parte dos equipos que participaron por primeira vez nos Xogos do Eixo Atlántico, que acadaron desta volta na Coruña á súa oitava edición, chegaron ao Concello cunha medalla de ouro en natación e con boas clasificacións en fútbol 7, baloncesto e balonmán. A expedición carballesa chegou á Praza do Concello o venres 10 de xullo ao mediodía, despois de case unha semana na Coruña participando nunha cita que pretendeu constituír un tempo de convivencia, diversión, intercambio e lecer entre preto de 2.000 mozos e mozas do noroeste peninsular que representaron aos concellos máis poboados de toda Galicia e o norte de Portugal.

Os deportistas carballeses asisten á clausura dos VIII Xogos do Eixo Atlántico antes de afrontar a xornada final da competición

OS EQUIPOS DE FÚTBOL 7 E BALONCESTO LOITAN POLO 5º POSTO

Os deportistas carballeses asisten á clausura dos VIII Xogos do Eixo Atlántico antes de afrontar a xornada final da competición

Xoves 9 de xullo do 2009

Os deportistas carballeses que participan nos VIII Xogos do Eixo Atlántico asisten hoxe xoves 9 de xullo á cerimonia de clausura da competición, que ten lugar a partires das 21:00 horas no Palacio de Deportes da Coruña. De seguido a organización ten previsto facer unha cea de despedida para os xogadores e xogadoras na polideportiva de Riazor, polo que pola tarde non está previsto que se dispute ningunha proba ou partido. Para mañá, venres, están previstas as xornadas finais e a expedición carballesa regresará a partires das 13.00 horas, despois dunha semana de convivencia e competición, nesta primeira participación por parte do Concello de Carballo nos VIII Xogos do Eixo Atlántico.

Espectáculos de teatro clásico e maxia centran a oferta do Verán Cultural para a fin de semana

CON LA BARRACA, O MAGO DANI GARCÍA E O GRUPO VALACAR

Espectáculos de teatro clásico e maxia centran a oferta do Verán Cultural para a fin de semana

Xoves 9 de xullo do 2009

Despois da interculturalidade e a música da pasada fin de semana, que achegou Galicia e Uruguai, esta fin de semana o programa do Verán Cultural 2009 céntrase na maxia e o teatro, na súa faciana máis clásica. Lope de Vega chega da man de Las Rutas de la Barraca 2009, que representarán La Gatomaquia, o xoves 9 de xullo na Praza do Concello, nunha adaptación especialmente dirixida para os máis cativos e cativas. Así mesmo, Federico García Lorca estará presente o sábado 11 de xullo co Grupo de Teatro afeccionado Valacar da ONCE, coa obra 'Amor de don Perlimplín con Belisa no xardín', adaptada para deficientes visuais. A maxia, neste caso dirixida especialmente a nenos e nenas vén da man de Dani García, o venres 10 de xullo.

Avanzan os traballos de reforma da piscina Vila de Noia coa retirada das bancadas das instalacións

PROXECTO INCLUÍDO NO FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL (FEIL)

Avanzan os traballos de reforma da piscina Vila de Noia coa retirada das bancadas das instalacións

Xoves 9 de xullo do 2009

O Concello principiou o pasado 1 de xuño os traballos para reformar a piscina Vila de Noia da capital carballesa. Nestes momentos, as obras de reforma avanzan a bo ritmo, xa que os operarios veñen de retirar as bancadas das instalacións (na imaxe pode observarse parte do desenvolvemento deste proceso). Xusto no lugar do graderío está previsto construír unha zona lúdica con spa, jacuzzi, sauna, vapor, banco quente e unha piscina de chapoteo para cativos e cativas. Así mesmo, dende a Concellaría de Deporte que dirixe Marcos Trigo informan de que o Concello aproveitará estas bancadas para situalas no campo anexo do Complexo Deportivo das Eiroas. O obxectivo é aproveitar os recursos existentes para seguir mellorando as instalacions deportivas do Concello.

O equipo carballés de Fútbol 7 continúa invicto e sen ter encaixado ningún gol nos VIII Xogos do Eixo Atlántico

OS DE BALONMÁN MASCULINO PELEXAN POLO 5º POSTO

O equipo carballés de Fútbol 7 continúa invicto e sen ter encaixado ningún gol nos VIII Xogos do Eixo Atlántico

Mércores 8 de xullo do 2009

Na terceira xornada dos VIII Xogos do Eixo Atlántico A Coruña 2009, por parte do Concello de Carballo entraron na competición os equipos de balonmán masculino, baloncesto masculino, fútbol 7 e baloncesto feminino. De entre todos eles hai que subliñar a actuación do combinado de Fútbol 7, que non perdeu ningún dos seus partidos nin ten encaixado un só gol no que vai de competición, con tres xornadas disputadas. No seu último encontro, o equipo de Carballo enfrontouse ao equipo portugués de Maceda de Cabaleiros. Claramente superior tanto técnica como tacticamente o equipo de Carballo marchou ao descanso cun resultado de 3-0. O final deste partido foi un claro 5-0, rubricando ata o momento unha traxectoria inmellorable.

Carballo acada en natación a súa primeira medalla na historia dos Xogos do Eixo Atlántico

NA SEGUINTE FASE OS EQUIPOS DE BALONMÁN E FÚTBOL 7 MASCULINO

Carballo acada en natación a súa primeira medalla na historia dos Xogos do Eixo Atlántico

Martes 7 de xullo do 2009

O Concello de Carballo vén de acadar a súa primeira medalla nos VIII Xogos do Eixo Atlántico A Coruña 2009, a primeira para os deportistas do municipio na historia da competición. Pablo Balsa impúxose en natación, na carreira dos 100 metros libres, cun tempo de 55'' 03 e conseguindo a medalla de ouro. Un total de cinco rapaces e cinco rapazas estrearon onte a competición na piscina, co bo resultado de Pablo Balsa (na imaxe co Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo) e outros destacados como o cuarto posto de Marcos del Río nos 100 metros costas masculino ou o quinto posto na proba dos 4x100 estilos masculino. No que respecta a outras competicións, seguen adiante os equipos de balonmán masculino e o equipo de fútbol 7, tamén masculino, que están xa na seguinte fase. Tamén ratificou o seu avance o equipo de baloncesto masculino, mentres que as rapazas sufriron unha derrota.

Adxudicada a obra para instalar novo alumeado no campo de fútbol do complexo das Eiroas

URBANIZACIÓN DO POLÍGONO 9 DA CAPITAL MUNICIPAL

Adxudicada a obra para instalar novo alumeado no campo de fútbol do complexo das Eiroas

Martes 7 de xullo do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de adxuducar de xeito provisional, na sesión ordinaria celebrada o 6 de xullo, a obra de ‘Instalación do alumeado no campo de fútbol anexo das Eiroas'. Trátase dun proxecto incluído na terceira fase do Plan especial de iluminación e outros complementos para campos de fútbol municipais de herba artificial da Deputación da Coruña. O importe de adxudicación é de 58.184,73 euros, mentres que a empresa adxudicataria é Ifecgas Pereira SL. Con esta actuación, dótase ao campo anexo dunha mellora no alumeado artifical coa instalación de novas torres. No complexo deportivo das Eiroas téñense investido dende finais do 2007 preto de 900.000 euros en diferentes obras de mellora

Principian os traballos para transformar un tramo da rúa Desiderio Varela nunha zona peonil

FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL

Principian os traballos para transformar un tramo da rúa Desiderio Varela nunha zona peonil

Martes 7 de xullo do 2009

Arrincan os traballos que van converter unha parte da rúa Desiderio Varela carballesa nunha zona peonil. Hoxe, 7 de xullo, os operarios principiaron co valado da vía, no tramo entre a rúa Vázquez de Parga ata o cruce coa rúa Colón, para acometer as obras que converterán este treito nun espazo de uso peonil. O proxecto de peatonalización da rúa Desiderio Varela está incluído nas actuacións do Concello de Carballo realizadas con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). O seu orzamento de adxudicación é de 186.143,85 euros, mentres que a empresa encargada de realizar os traballos é Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, SL. O prazo de execución previsto para o desenvolvemento dos traballos é de tres meses e medio e a través desta obra está previsto empregar a doce persoas.

Razo acolle unha das probas internacionais do circuíto de surf Quicksilver King of the Groms, dirixido a menores de 16 anos

FIN DE SEMANA DO 11 E 12 DE XULLO

Razo acolle unha das probas internacionais do circuíto de surf Quicksilver King of the Groms, dirixido a menores de 16 anos

Martes 7 de xullo do 2009

A praia de Razo acolle a fin de semana do 11 e 12 de xullo unha das probas internacionais do circuíto masculino de surf Quicksilver King of the Groms, dirixido a surfistas menores de 16 anos e que está considerado coma unha das citas máis importantes para os novos valores deste deporte. A de Razo será unha das dúas eliminatorias que se van desenvolver en España este ano e que serán clasificatorias para a fase final europea. Só seis surfistas españois poderán pasar á final que se celebrará entre o 7 e o 8 de agosto en Zarautz (Euskadi) e no que tomarán parte un total de 32 deportistas procedentes de toda Europa. Nesta final europea os surfistas sub-16 deberán loitar por unha das dúas prazas que estarán en xogo para asistir á final absoluta a nivel mundial en Francia.

Carballo participa con preto de 70 deportistas nos VIII Xogos do Eixo do Atlántico que se celebran entre o 5 e o 10 de xullo

O BALONCESTO MASCULINO ARRINCA CUNHA VICTORIA CONTRA O SARRIA

Carballo participa con preto de 70 deportistas nos VIII Xogos do Eixo do Atlántico que se celebran entre o 5 e o 10 de xullo

Luns 6 de xullo do 2009

O Concello de Carballo participa nos VIII Xogos do Eixo do Atlántico, que teñen lugar entre o 5 e o 10 de xullo na cidade da Coruña cun total de 67 participantes nas modalidades de Fútbol 7 masculino, balonmán masculino, natación masculina e feminina, baloncesto masculino e baloncesto feminino. Os Xogos do Eixo do Atlántico pretenden ser un tempo de convivencia, diversión, intercambio e lecer entre miles de mozos e mozas do noroeste peninsular que estarán representando aos concellos máis poboados de toda Galicia e o norte de Portugal. A apertura destes Xogos tivo lugar o domingo 5 de xullo, na que máis de 1.800 deportistas desfilaron polas rúas da Coruña para unirse na praza de María Pita e desfrutar dunha cerimonia espectacular dirixida e executada polo grupo de teatro Els Comediants.

O Concello avanza nos trámites para a creación dun Centro Social en Cances da Vila por máis de 300.000 euros

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello avanza nos trámites para a creación dun Centro Social en Cances da Vila por máis de 300.000 euros

Luns 6 de xullo do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar na sesión ordinaria do luns 6 de xullo a realización de varios trámites encamiñados a sacar adiante o proxecto para a creación dun Centro Social en Cances da Vila (na imaxe, vista da parroquia de Cances). O pleno ordinario de xuño sacou adiante a dotación dunha achega municipal con cargo ao remanente de tesourería para o desenvolvemento dos traballos por un importe de 64.235 euros. O proxecto é co financiado pola Deputación provincial ata chegar a un custo total de 321.177 euros e para o que xa está xustificada a dispoñibilidade dos terreos. Entre as novas xestións, a Xunta de Goberno solicita a autorización á Dirección Xeral de Patrimonio como paso previo á contratación das obras, ademais de completar a documentación do proxecto coa especificación do número de aparcadoiros que haberá dispoñibles no novo equipamento (un total de 20) ou o tipo de materiais.

Compartir: