Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo e Boiro intercambian experiencias sobre formación e emprego nunha visita ao Concello

CENTRO DE FORMACIÓN

Carballo e Boiro intercambian experiencias sobre formación e emprego nunha visita ao Concello

Venres 29 de maio do 2009

Carballo e Boiro veñen de manter hoxe un encontro para intercambiar coñecementos sobre as súas experiencias en programas formativos. Unha delegación do Concello de Boiro, formada polo Alcalde, Xosé Deira Triñanes, a Concelleira de Promoción do Emprego, Dores Torrado Ares, e varios técnicos municipais, mantivo unha xuntanza co Alcalde carballés, Evencio Ferrero, a Concelleira de Formación, María Manso, e o responsable do Centro de Formación, Juan Lorenzo. Segundo explicaron os propios representantes do Concello de Boiro, o seu municipio coñecía a ampla experiencia de Carballo en actividades formativas, como obradoiros de emprego, ou escolas obradoiro e están interesados en obter claves sobre a xestión dos recursos para desenvolver este tipo de accións.

O Pavillón da Zona Escolar de Carballo acolle a fase final da Liga zonal A Coruña de baloncesto na categoría cadete masculina

O CONCELLO COLABORA NA ESCOLA DEPORTIVA DE VERÁN 2009 DO BASKET XIRIA

O Pavillón da Zona Escolar de Carballo acolle a fase final da Liga zonal A Coruña de baloncesto na categoría cadete masculina

Xoves 28 de maio do 2009

O sábado 30 e o domingo 31 de maio, o Pavillón da Zona Escolar da capital municipal carballesa acolle a celebración da fase final da Liga zonal A Coruña cadete masculina de baloncesto, na que participa o Talleres Arteixo Escola Basket Xiria (EBX), que disputa a victoria co Santa María del Mar, o CB Culleredo e o BCA Gaiteira. Trátase dunha eliminatoria "interesante", en verbas do subdelegado da Federación Galega de Baloncesto na Costa da Morte, Ramón Regueira, xa que conta "con equipos imbatidos na liga" e con posibilidades de victoria do Talleres Arteixo EBX. Tanto o Concello, coma o Padroado Deportivo Municipal e o Basket Xiria queren animar aos veciños e veciñas a que asistan á cita para animar ao equipo local, xa que "o Xiria pode conseguir ser campión", tamén en verbas de Regueira. A cita desenvolverase o sábado e o domingo en horario de 10.30 a 14.30 horas, sendo a final o domingo 31 ás 12.30 horas.

O Concello pecha o 30 de maio a tempada do Programa de Exercicio Físico para Maiores

CONCELLARÍA DE DEPORTE E TERCEIRA IDADE

O Concello pecha o 30 de maio a tempada do Programa de Exercicio Físico para Maiores

Xoves 28 de maio do 2009

O sábado día 30 de maio, a partir das 10:30 no pavillón polideportivo da zona Bergantiños, terá lugar un acto de peche de tempada do Programa de Exercicio Físico para Maiores organizado polo Concello de Carballo a través das concellerías de Deportes e de Terceira Idade. Está prevista a asistencia de máis de 300 participantes maiores de 60 anos que dende setembro de 2008 e ata xuño de 2009 veñen asistindo a dúas ou tres sesións de actividade física semanal.

Carballo afronta a reforma integral da piscina Vila de Noia para transformala nun espazo de ocio e saúde

FONDO ESPECIAL DE INVESTIMENTO LOCAL (FEIL)

Carballo afronta a reforma integral da piscina Vila de Noia para transformala nun espazo de ocio e saúde

Mércores 27 de maio do 2009

O Concello afronta a partir do 1 de xuño os traballos para reformar a piscina Vila de Noia da capital carballesa. Trátase dun proxecto cun orzamento de 993.078 euros e un prazo de execución de catro meses e medio que pretende transformar dun xeito integral estas instalacións para convertelas nun espazo de ocio e saúde para os veciños e veciñas. Segundo o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, trátase de crear "unha instalación para toda a familia, con novos servizos, como a natación para bebés ou embarazadas, e unha zona de spa, que permita un uso máis recreativo da natación". Así mesmo, está previsto que unha axuda da Dirección Xeral de Deporte e unha achega da Deputación sirvan para reformar a sala de caldeiras e para instalar paneis solares na cuberta, o que culminará a transformación das instalacións.

O Pazo da Cultura acolle a presentación da Orquestra Infantil de Corda, do  Conxunto de Violíns e da Orquestra Xuvenil de Cámara

CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE CARBALLO

O Pazo da Cultura acolle a presentación da Orquestra Infantil de Corda, do Conxunto de Violíns e da Orquestra Xuvenil de Cámara

Mércores 27 de maio do 2009

O xoves 28 de maio ten lugar no Pazo da Cultura un concerto extraordinario de corda no que poderemos escoitar a tres agrupacións musicais do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, que pretenderá ser un referente en Carballo polo tipo de instrumentos que a integran, así como pola intención de consolidar este tipo de formacións tan difíciles de conseguir debido á dificultade de execución dos instrumentos. Está prevista a participación da Orquestra Infantil de Corda, do Conxunto de Violíns e da Orquestra Xuvenil de Cámara. A cita é partires das 20.00 horas no auditorio e a entrada é de balde.

A corporación aproba por unanimidade a suspensión de licenzas en catro áreas urbanas pola revisión do PXOM

SESIÓN PLENARIA

A corporación aproba por unanimidade a suspensión de licenzas en catro áreas urbanas pola revisión do PXOM

Martes 26 de maio do 2009

O pleno da corporación vén de aprobar por unanimidade na sesión ordinaria do mes de maio a suspensión de licenzas en diversos ámbitos afectados pola revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Trátase dunha zona do Campo da Feira da Milagrosa, na parte posterior do recinto do complexo Fórum Carballo; dun ámbito na área da Revolta, nas proximidades do río; dunha zona da parroquia de Bértoa, nun vial entre o río e a Igrexa; e por último, dunha área urbana na rúa Rosalía de Castro, que se prolongará para darlle continuidade cara a zona da Lagoa. O prazo máximo para a vixencia desta suspensión é de tres anos, aínda que este prazo pode acurtarse notablemente en función das aprobacións inicial e definitiva do PXOM.

O Concello reparte máis de 4.000 euros en premios e subvencións nos concursos convocados no programa de Festas de San Xoán

CONCELLARÍA DE CULTURA

O Concello reparte máis de 4.000 euros en premios e subvencións nos concursos convocados no programa de Festas de San Xoán

Martes 26 de maio do 2009

Un ano máis a Comisión de Festas incluirá no programa do San Xoán 2009 tres actividades lúdicas e participativas que teñen moi boa acollida por todos os carballeses e cada vez unha maior tradición. Con elas preténdense recuperar e fomentar tradicións tan importantes na celebración popular do San Xoán como as cachelas, recuperar xogos populares como as carrilanas ou incorporar ás festas un elemento tan importante en Carballo como o río Anllóns. No transcurso das celebracións participantes e espectadores poderán disfrutar de tres divertidos e entretidos concursos: Cachelas, Gran Prix de Carrilanas e Descenso do Anllóns. Este ano, entre estes tres certames, repartiranse máis de 2. 630 euros en premios e un total de 4.020 euros entre premios e subvencións.

Adxudicadas redes de saneamento en Goiáns, Berdillo e Sofán por un importe de 120.000 euros

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicadas redes de saneamento en Goiáns, Berdillo e Sofán por un importe de 120.000 euros

Luns 25 de maio do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación provisional de tres obras de saneamento noutras tantas parroquias do Concello carballés. Trátase da segunda fase da 'Rede de saneamento en Xoane, parroquia de Goiáns' por 32.167 euros, da terceira fase da 'Rede de saneamento en Añón, parroquia de Berdillo', por 37.120 euros; e da terceira fase da 'Rede de saneamento en Paradela, parroquia de Sofán', por 49.880 euros. O prazos de execución previstos para os traballos son de catro meses, dous meses e un mes, respectivamente. Trátase de tres proxectos incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, da Deputación da Coruña, e o seu importe conxunto achégase aos 120.000 euros.

O Pan de Carballo e a 'Ternera Gallega' centran a oferta do Feirón Gastronómico do 31 de maio

PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Pan de Carballo e a 'Ternera Gallega' centran a oferta do Feirón Gastronómico do 31 de maio

Venres 22 de maio do 2009

O Concello de Carballo celebra o domingo 31 de maio o Feirón Gastronómico, a cuarta cita dos Feiróns de Tempada que promove a Concellaría de Promoción Económica co obxectivo de impulsar o comercio local e potenciar os mercados de cada quinto domingo de mes. Nesta ocasión, o feirón céntrase nas IX Xornadas Gastronómicas e Culturais, que estarán orientadas á promoción dos produtos de 'Ternera Gallega'. Así mesmo, o Pan de Carballo protagoniza a oferta de Merca-do bo, unha iniciativa que informa sobre a importancia dunha dieta equilibrada con produtos frescos e da terra para acadar unha alimentación sa. Estas actividades aglutinaranse en torno a unha carpa de 300 metros cadrados que estará situada na Praza do concello, diante do edificio da casa consistorial.

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros

Venres 22 de maio do 2009

A corporación aborda na sesión plenaria ordinaria do mes de maio a aprobación dun Plan Económico Financeiro trala subscrición dun empréstito de 2,5 millóns de euros no orzamento de 2009. A través desta operación de crédito poderán financiarse proxectos como a renovación do mercado municipal ou a construción do centro de dinamización Fórum Carballo, situado na Milagrosa. Así mesmo, afrontaranse outros gastos relacionados con melloras urbanísticas ou a creación de dúas novas Galescolas municipais, entre outras actuacións. Mediante o Plan Económico, o Concello realiza unha estimación de gastos e ingresos para evitar desequilibrios financeiros. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña a "excelente" saúde económica municipal e asegura que o Concello "non debería ter ningún problema para afrontar esta nova carga".

Preto de 300 xogadores participan no III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

DEPORTE

Preto de 300 xogadores participan no III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

Xoves 21 de maio do 2009

Un total de 27 equipos de once clubs e aproximadamente 300 xogadores participan no III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo, co organizado pola Escola Lubiáns e que terá lugar os días 5 e 6 de xuño no pavillón Bergantiños da capital municipal. Nesta ocasión a cita adquire un carácter máis internacional, xa que tres clubs de Portugal participan nesta competición. Así, están no torneo: o anfitrión Escola Lubiáns, o HC Liceo, o HC Cambre, o Colexio Obradoiro, Santa María del Mar, o Santo Domingo, o Cerceda, o CH Compostela, Compañía de María, o Universidade de Oviedo-Mieres e o HC Braga, ademais da Selección Galega Xuvenil. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere subliñar a importancia que este torneo vai adquirindo en cada edición, o que tamén fala da categoría do Escola Lubiáns.

O Centro de Promoción Económica de Carballo nace para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos

AS XORNADAS CARBALLO EMPRENDE CÉNTRANSE NA LOITA CONTRA A CRISE

O Centro de Promoción Económica de Carballo nace para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos

Xoves 21 de maio do 2009

O Viveiro de Empresas do polígono de Bértoa de Carballo acolle a segunda edición das xornadas Carballo Emprende, un marco que serviu, durante a inauguración deste foro empresarial, para presentar en sociedade o novo Centro de Promoción Económica de Carballo (CPEC), un edificio situado a carón do Viveiro e que nace "para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. Trátase dunha iniciativa que persegue converterse nun referente para a actividade empresarial, tanto no apoio á consolidación de empresas asentadas, como no fomento da emprendeduría, a nivel municipal, comarcal e incluso na Costa da Morte. "Un complemento para o viveiro de empresas", en verbas do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, "que axude a crear unha nova dinámica en beneficio da economía produtiva e do noso empresariado".

Compartir: