MANTEMENTO
Luns 25 de agosto do 2008
O Concello carballés ten previsto emprender un proceso para renovar os xogos infantís situados nos parques municipais, especialmente en dous dos principais do casco urbano, como son o Parque do Anllóns e o Xardín Municipal. Nestes momentos a Concellería de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas xa iniciou o proceso para a contratación dos novos xogos, polo que está previsto que as instalacións poidan estar colocadas ao longo do próximo outono. O orzamento previsto para a realización destas melloras é aproximadamente de 100.000 euros.
PRAZA DOS LIBROS
Venres 22 de agosto do 2008
Ugia Pedreira, ben coñecida por ser a voz de Marful, e Guadi Galego, cantante de Berrogüeto, modelan un repertorio que pretende plasmar o espírito mariñeiro do Norte en Nordestin@s. A Praza do Concello acolle hoxe -22 de agosto- a partir das 22.30 horas un concerto que recolle unha escolma de música popular revisada, que se xunta coas propias composicións destas dúas vocalistas que estarán acompañados polo músico de jazz Abe Rábade.
DEPORTES
Xoves 21 de agosto do 2008
Dende hoxe -xoves 21 de agosto- e ata o próximo domingo 24, todos os rapaces e rapazas de Carballo que o desexen poderán practicar deporte e desfrutar das Olimpiadas a través da carpa 'Galiza nos Xogos Olímpicos 2008', que estará situada no aparcamento do Centro Comercial Bergantiños Haley durante catro días. En horario de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas ós máis pequenos poderán practicar nestas instalacións deportes coma o voleibol, o baloncesto, o badminton ou o futbito baixo a supervisión de varios monitores.
VERÁN CULTURAL 2008
Xoves 21 de agosto do 2008
A Praza dos Libros abre as súas portas coa vocación de ser un medio para que os veciños e veciñas se acheguen ao libro e á lectura, e coa intención de ser unha "festa da palabra, da literatura e da música", ademais de ser un medio, en comunión coa feira de Carballo, para a venda de produtos "para o corpo e para a alma". Así o expresou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a inauguración desta iniciativa, que encheron de verbas e música o autor Lino Braxe e o músico Miguel Ladrón de Guevara durante a representación dun pregón dramatizado.
RECEPCIÓN NA ALCALDÍA
Mércores 20 de agosto do 2008
O Tenente de Alcalde de Carballo, José Antonio Viña -Alcalde accidental debido á ausencia do rexedor, Evencio Ferrero, en período de vacacións- recibiu na casa do concello ao equipo paralímpico español de deportes de inverno, que está completando estes días a súa preparación de cara á próxima tempada practicando surf na praia de Razo. A selección nacional -que tamén tivo a oportunidade de departir co Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e coa Concelleira de Sanidade, Lourdes Rey- ultima os adestramentos de cara aos próximos Xogos Paralímpicos.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 19 de agosto do 2008
O Concello e a ‘Asociación amigos de los perros de Carballo’ asinarán un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha campaña de sensibilización para o coidado das mascotas dentro do ámbito municipal, segundo se aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada o luns 18 de agosto. O obxectivo desta iniciativa será actuar ante a situación de abandono e maltrato que sofren moitos animais de compañía e concienciar á poboación da súa responsabilidade e das obrigas que deben asumir os donos e coidadores de cans. Está previsto que esta campaña comece ao longo deste mes de agosto.
TURISMO E PROMOCIÓN ECONÓMICA
Luns 18 de agosto do 2008
A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha este mes unha campaña para fortalecer as feiras de Carballo. O responsable da área, Xosé Manuel García Guillín, pretende potenciar os mercados de cada quinto domingo de mes, apostando polos catro feiróns que se celebran ao longo do ano. Cada cita terá as súas propias peculiaridades e estará acompañada dun programa de actividades.
VERÁN CULTURAL
Sábado 16 de agosto do 2008
Carballo acollerá entre o 21 e o 24 de agosto unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira literaria que ten como obxectivo a promoción da lectura, das librarías da comarca, dos autores galegos e da cultura de rúa. Durante catro días o Xardín Municipal acollerá dez casetas que se encherán de libros, actividades lúdicas, presentacións, música, escritores e incluso recitais poéticos para que os veciños e veciñas poidan desfrutar dos libros.
AFORRO ENERXÉTICO
Mércores 13 de agosto do 2008
Comezaron na piscina Carballo Calero da zona Bergantiños da capital municipal carballesa os traballos para a instalación de paneis de enerxía solar térmica que permitirán quecer a auga sanitaria das duchas e do vaso destas instalacións. O proxecto adxudicouse o pasado mes de xullo á empresa Clece SA, que despois de estar varios días co traslado de materiais iniciou hoxe -13 de agosto- as melloras.
OBRAS
Luns 11 de agosto do 2008
O Concello de Carballo anuncia que está previsto que ao longo desta semana dean comezo as obras para a creación dunha nova glorieta no entorno do acceso ao parque empresarial de Bértoa, na estrada comarcal AC-552. Os traballos están incluídos no proxecto de ampliación do polígono industrial que está en marcha nestes momentos, e que inclúe a creación de novos viais e accesos para a infraestrutura. Dende a pasada fin de semana xa pode observarse a sinalización horizontal de obras na estrada AC-552.
CARBALLO SAUDABLE
Venres 8 de agosto do 2008
O areal de Razo acolle este domingo 10 de agosto un torneo de volei-praia enmarcado dentro das actividades de ‘En vacacións móvete’, un programa dirixido especialmente aos rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos que pretende facer do deporte unha práctica habitual entre a mocidade, poñendo en marcha iniciativas relacionadas coa natureza. A cita será no areal a partires das 11.00 horas.
VERÁN CULTURAL
Venres 8 de agosto do 2008
A música de raíz e o rock progresivo son algunhas das influencias de Brath, unha agrupación que leva máis de vintesete anos de carreira e que o domingo 10 de agosto presenta na Praza do Concello de Carballo o seu último traballo, ‘Ás portas de Lug’. A partir das 22.30 horas, Brath tentará transportar ao público carballés a través da historia, a música e a mitoloxía galegas cos característicos sons incluídos no seu último álbum, pero tamén retrocedendo ata ‘O latexo de fogo’, a súa anterior proposta, e facendo unha retrospectiva pola súa dilatada traxectoria.