VICEPRESIDENCIA
Luns 28 de xullo do 2008
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar hoxe -luns 28 de xullo- en Santiago o convenio que permitirá a inclusión da Escola Infantil As Landras na rede de Galescolas do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar a partir do próximo curso. A incorporación do centro será efectiva no mes de setembro, momento en que as instalacións pasarán a depender da Xunta de Galicia.
ENSINO
Luns 28 de xullo do 2008
A Consellería de Educación iniciará os trámites para proceder á ampliación do centro escolar CEIP Bergantiños da capital municipal carballesa. Así o expresou o Delegado provincial deste departamento autonómico, José Manuel Mouriz Cabalo, despois dunha entrevista co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e coa Concelleira de Educación, Mar Eirís. O obxectivo desta ampliación é solucionar os posibles problemas de escolarización que poidan xurdir no futuro no municipio.
RUTA DE AUTOMÓBILES APÓSTOLO 2008
Xoves 24 de xullo do 2008
A Praza do Concello de Carballo fará por unhas horas unha viaxe ao pasado ao acoller a Ruta Vigo-Costa da Morte-Santiago en Automóbiles Antigos Apóstolo 2008. Esta exposición itinerante, organizada polo Club Galego de Automóbiles Antigos -e coa que colabora o Concello de Carballo-, partiu o 23 de xullo dende a praia de Samil (en Vigo) coa intención de chegar ata Santiago e facerlle unha ofrenda ao Apóstolo. Polo camiño, fan parada en distintos puntos da Costa da Morte como Caión, Laxe, ou Muxía, e entre o xoves 24 de xullo e o venres 25 fondean en Carballo.
SESIÓN PLENARIA DE XULLO
Xoves 24 de xullo do 2008
O Goberno carballés presenta na sesión plenaria do mes de xullo a aprobación dun crédito extraordinario que permitirá abrir as partidas necesarias para a execución do Proxecto Fórum Carballo, unha iniciativa de dinamización socio-económica e sostible que permitirá rematar o complexo da Casa dos Oficios no barrio da Milagrosa, ademais de impulsar outras actuacións. O custo global deste proxecto é de 4.658.185 euros, dos que a Unión Europea, a través dos Fondos Feder, aporta 3.260.729.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Xoves 24 de xullo do 2008
O Concello de Carballo vén de elaborar un estudo sobre a cobertura de internet de banda ampla no rural para poder detectar os baleiros existentes e lograr que todo o territorio municipal conte con este servizo. De feito, no mes de agosto estará listo un Plan de Viabilidade para a implantación de banda ampla que permitirá que as empresas de comunicación interesadas en ofrecer este servizo poidan acordar co Concello os mecanismos necesarios para a realización dos traballos.
VERÁN CULTURAL
Mércores 23 de xullo do 2008
A Praza do Concello de Carballo acolle o xoves 24 de xullo a representación do último espectáculo posto en marcha pola coñecida música Cristina Pato e a cantante Rosa Cedrón, que levarán aos espectadores carballeses a maxia de ‘Soas’. A partires das 22.30 horas deixarán no escenario unha combinacion íntima e de luxo proposta por dous dos grandes nomes da música que son, sen ningunha dúbida, as artistas galegas con máis proxección internacional.
CARBALLO SAUDABLE
Mércores 23 de xullo do 2008
O programa ‘Carballo Saudable’ pon en marcha a iniciativa ‘En vacacións móvete’, unha proposta dirixida especialmente aos rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos e que pon en marcha actividades relacionadas coa natureza. O obxectivo é a fidelización do deporte entre a mocidade con iniciativas atractivas e de aventura que incrementen o nivel de actividade física dos rapaces durante os períodos vacacionais.
CAMPAÑA CONTRA O LUME
Martes 22 de xullo do 2008
A Concellaría de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcalde José Antonio Viña, en cumprimento dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Carballo para a participación na protección dos núcleos rurais do municipio, acaba de emprender a limpeza de terreos para traballar en prol da prevención dos incendios forestais.
PRAIAS
Luns 21 de xullo do 2008
Ao longo de toda a mañá de hoxe -21 de xullo- os operarios teñen realizado os traballos de derrubo do bar situado no entorno das Saíñas, no areal carballés de Baldaio. Trátase dunha construción situada na zona de protección do dominio publico marítimo terrestre da Demarcación de Costas e que supuña un importante impacto visual negativo para a zona costeira da praia. O negocio leva pechado algún tempo e son os donos os que están procedendo a realizar os labores de demolición.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 21 de xullo do 2008
A sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local de Carballo deu hoxe -21 de xullo- o visto bo definitivo ás certificacións finais de varias obras no Concello. En primeiro lugar aos traballos de ‘Acondicionamento de praza municipal en Ramil’; en segundo aos de ‘Apertura de camiños en Baldaio’; e, por último, á ‘Ampliación da ponte da Casilla’. En total, a inversión realizada nestas tres actuacións ascende a máis de 291.500 euros, sendo a obra máis cuantiosa a ponte da Casilla con 143.564 euros.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Venres 18 de xullo do 2008
O Concello de Carballo vén de presentar a súa proposta para poder formar parte da Rede de Concellos pola Sostibilidade que a Consellería de Medio Ambiente está creando en Galicia. De ser aceptada esta iniciativa, o goberno local espera obter axudas para seguir poñendo en marcha actuacións destinadas a favorecer un uso racional dos recursos, a protección do medio ambiente e que contribúan á mellora da calidade de vida dos veciños.
VERÁN CULTURAL
Venres 18 de xullo do 2008
O grupo de danzas e de música tradicional ‘O Fiadeiro’ de Vigo presenta na Praza do Concello de Carballo o seu espectáculo "Esta noite hai unha fía". ‘O Fiadeiro’ é unha das agrupacións folclóricas máis importantes de Galicia, como testemuñan os numerosos premios recibidos e as colaboracións que teñen emprendido con importantes artistas, como Carlos Núñez ou o grupo Ávalon, co que elaboraron un espectáculo para as galas do Xacobeo 2004. O seu traballo pode verse o domingo 20 de xullo a partir das 22.30 horas.