CULTURA E XUVENTUDE
Venres 18 de xullo do 2008
A praia, a música e o deporte van da man na terceira edición do Festival Sereas e Piratas que acolle o areal de Razo o sábado 26 de xullo, unha cita que xa é un referente para a música galega independente e que se vai consolidando cada ano. Baixo o epígrafe de ‘Galicia Bizarra’ grupos como Franc3s, Los Santos, Novedades Carminha, Telephones Rouges, Schizophrenic Housewives ou Jimenez Los Santos animarán a noite, que abrirán os locais John Marvellous e que pecharán os portugueses X-Wife.
INFRAESTRUTURAS
Xoves 17 de xullo do 2008
O Plan Director de Estradas de Galicia recolle o cambio de titularidade da estrada que comunica a capital de Carballo e Santiago de Compostela, a denominada como CP-1914. Esta vía -cunha lonxitude de 28,9 quilómetros e que enlaza coa comarcal AC-453 ata a capital de Galicia- depende na actualidade da Deputación provincial da Coruña, aínda que, tan pronto o Plan reciba o visto bo, pasaría a ser unha estrada autonómica.
EDUCACIÓN
Xoves 17 de xullo do 2008
A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Carballo incorpora o alemán á súa oferta educativa. A partires do próximo curso 2008-09 os interesados poderán cursar por primeira vez o nivel Básico 1 deste idioma, á espera de que a incorporación de alumnos permita ir ampliando os niveis en anos sucesivos. Por outra banda, dende o próximo mes de setembro xa estarán dispoñibles na Escola todos os niveis de inglés, ademais de que en francés poderá cursarse o grao Intermedio 1. Medra deste xeito a oferta do centro, que ten ido incorporando paulatinamente idiomas e alumnado dende a súa posta en marcha, no ano 2004.
NOITES DE CINE
Mércores 16 de xullo do 2008
O cursiño de verán da Universidade da Coruña ‘Traballando en lingua’ e o programa ‘Noites de cine’ do Verán Cultural 2008 conflúen en Carballo o xoves 17 de xullo en torno á película ‘Pradolongo’. O director do filme, Ignacio Vilar, os actores protagonistas, Rubén Riós e Roberto Porto, e a actriz protagonista, Tamara Canosa, presentarán o seu traballo ante o público carballés no Xardín Municipal a partir das 22.30 horas.
VISITA DO DELEGADO DO SÁHARA EN GALICIA
Mércores 16 de xullo do 2008
Tres nenos saharauís pasarán este ano o verán en Carballo grazas a outras tantas familias de acollida que participan no programa ‘Vacacións en paz’, unha iniciativa que facilita a estadía temporal destes rapaces que escapan "do ambiente de exilio e refuxio" que viven no Sáhara. Así o explicou o delegado do Sáhara en Galicia, Ahmedu Motjar Abdalahi, que expuxo no Concello de Carballo a difícil situación que vive o seu pobo. Foi recibido polo representante de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Bernardo Porto; polas Concelleiras de Emigración e Educación, Lourdes Rey e Mar Eirís; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e polas familias e os nenos que estarán ata principios de setembro na vila.
'TRABALLANDO EN LINGUA'
Martes 15 de xullo do 2008
O Pazo da Cultura de Carballo acolle ata o próximo xoves 17 de xullo o cursiño de verán ‘Traballando en lingua’, facendo que Carballo sexa "parte directa da vida da Universidade da Coruña", un dos organismos que promove esta iniciativa. Así o expresou Xosé Ramón Freixeiro Mato, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade, no acto de inauguración destas xornadas, que contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; de Luís Caparrós Esperante, vicerreitor de Cultura e Comunicación da Universidade da Coruña; de Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e de Xoán Manuel Sande Muñiz, deputado provincial responsable de Normalización Lingüística.
O URBANISMO: VIVENDA
Luns 14 de xullo do 2008
Malia o parón que se rexistra na construción, o primeiro semestre deste ano 2008 presenta unhas cifras de tramitación de licenzas de obra que levan trazas de superar o número das tramitadas en 2006, ata o de agora o ano no que máis se aprobaron na historia do Concello. Nese momento, os servizos urbanísticos municipais tiñan informado favorablemente 457 nos primeiros seis meses, mentres que entre xaneiro e xuño de 2008 xa se concederon 716 licenzas.
UNIVERSIDADE DA CORUÑA
Luns 14 de xullo do 2008
Do martes 15 ao xoves 17 de xullo terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o curso de verán ‘Traballando en Lingua’, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo, a CTNL (a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua) e a Deputación da Coruña. Ao longo de tres días pasarán por Carballo numerosos expertos en novas tecnoloxías e dinamización lingüística para participar nesta actividade, na que colaboran máis de 20 expertos chegados de lugares como Cataluña ou Estremadura.
VICEPRESIDENCIA
Venres 11 de xullo do 2008
O Concello carballés xa forma parte da rede do Voluntariado en Defensa do Monte Galego, acollendo un dispositivo comarcal que ofrece cobertura para toda a zona de Bergantiños e que abrangue unha superficie de 740 quilómetros cadrados, xa que tamén opera en concellos limítrofes como Cerceda, Arteixo, Tordoia, Zas, Vimianzo ou Santa Comba. En virtude dun acordo coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, Carballo únese a esta iniciativa solidaria que conxuga a vixilancia contra os incendios forestais, a disuasión e o apoio aos equipos de extinción.
PRAIAS
Xoves 10 de xullo do 2008
A Demarcación de Costas continúa desenvolvendo as obras para a reposición de taludes no areal de Razo carballés. A pesares de que os noiros xa foran reforzados con anterioridade, o forte temporal da pasada primavera causou novos desprendementos que precisan reparación. Nestes momentos, as máquinas están traballando entre o posto de Protección Civil e Socorrismo do areal cara a zona da Cabreira, nunha área duns 40 metros.
SANIDADE E DEPORTE
Xoves 10 de xullo do 2008
A iniciativa Carballo Saudable pon en marcha un mecanismo que permitirá que os veciños do municipio de calquera idade e condición poidan analizar o seu estado físico e de saúde. Mediante un kit de Avaliación da Condición Física e da Composición Corporal, os carballeses coñecerán datos como o exceso de graxa que poidan ter no seu organismo ou as claves da súa constitución. Posteriormente, recibirán as instrucións necesarias para mellorar a súa condición.
OBRAS
Mércores 9 de xullo do 2008
Esta semana deron comezo os traballos de ‘Prolongación da rúa Carballo Calero’ da capital municipal carballesa. O proxecto ten un orzamento de 24.600 euros, e as obras foron adxudicadas á empresa Dámaso Ferreiro e Hijos, que ten un prazo de execución de dous meses para rematar a actuación, aínda que dende a Concellaría de Obras confían en que o proceso remate moito antes.