VERÁN CULTURAL
Mércores 9 de xullo do 2008
O Centro Coreográfico Galego chega este venres -11 de xullo- a Carballo coa súa segunda produción, ‘Kiosko das almas perdidas’, da que se ofrecerá unha función de entrada libre a partir das 22.30 horas na Praza do Concello. Esta peza, dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván e con música da coñecida artista galega Mercedes Peón, entra así na recta final dunha extensa xira que remata o 20 deste mes en Barcelona.
BENESTAR
Martes 8 de xullo do 2008
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou o pasado luns -7 de xullo- as bases para a concesión de subvencións dirixidas a asociacións sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades consideradas de interese social, contribuíndo a desenvolver actuacións que se dirixan á poboación máis desfavorecida. O obxectivo é fomentar iniciativas que, de xeito prioritario, teñan lugar no eido dos Servizos Sociais.
CAMPAMENTOS
Martes 8 de xullo do 2008
Un grupo de 32 rapaces e rapazas carballeses participarán este verán en tres actividades de lecer organizadas pola Deputación da Coruña. Trátase dos Campamentos Deportivos 2008, dos Campus de Fútbol 2008 e do programa ‘Vivir o mundo’. No primeiro caso, os doce seleccionados estarán unha semana no Colexio Calvo Sotelo da Coruña desenvolvendo todo tipo de actividades deportivas, mentres que no segundo, oito nenos adestrarán nas instalacións deportivas da Coruña e Culleredo. En ‘Vivir o mundo’, os rapaces realizarán unha viaxe á Expo Zaragoza 2008.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 7 de xullo do 2008
A Xunta de Goberno Local deu hoxe -7 de xullo- o visto bo a varias obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2008 que suman un importe que supera os 850.000 euros. As melloras supoñen a dotación de redes de saneamento e de novas depuradoras, así como a mellora de camiños en parroquias como Oza, Cances, Berdillo e Sofán. Trátase dun total de oito proxectos.
AULA DE INFORMÁTICA-TELECENTRO
Venres 4 de xullo do 2008
O Concello de Carballo, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, abre a inscrición para as actividades que se van a celebrar durante este mes de xullo tratando de fomentar o uso das Novas Tecnoloxías entre a poboación. Trátase de catro obradoiros que se desenvolverán na Aula de Informática-Telecentro, situada no primeiro andar do Pazo da Cultura.
CULTURA
Venres 4 de xullo do 2008
Os próximos meses de xullo e agosto a Concellaría de Cultura de Carballo pon en marcha o programa Verán Cultural 2008, unha aposta na que os protagonistas serán a música, a danza, a maxia ou o teatro, ofertando unha proposta "estable e de calidade para diferentes públicos", segundo explicou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a presentación das actividades.
OBRAS
Venres 4 de xullo do 2008
Unha vez rematado o groso dos traballos de apertura e asfaltado da rúa Carballo Calero da capital municipal, o Concello carballés informa de que xa están regulados os novos sentidos da circulación para esta vía situada no entorno da zona escolar Bergantiños. Os operarios comezaron hoxe -4 de agosto- os traballos de pintado e acondicionamento que supoñen a finalización dos últimos detalles do proxecto para a nova vía.
OBRAS
Xoves 3 de xullo do 2008
A principios deste mes deu comezo a limpeza e desbroce dos arredor de 600 quilómetros de pistas asfaltadas do Concello de Carballo. Un total de cinco vehículos tractores -dous de propiedade municipal e tres dunha empresa externa- están percorrendo as beiravías do municipio para proceder a retirar a maleza e os residuos da totalidade da rede viaria.
TRÁFICO
Xoves 3 de xullo do 2008
Dende o día 2 de xullo está sometida a información pública no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación inicial da ampliación de aparcamento regulado con zona azul no casco urbano de Carballo. Trátase dunha terceira fase que implicará a creación dun total de 129 novas prazas e que afectará a nove rúas: Vázquez de Parga, Pontevedra, Estrela, Vitoria, Ponte, Avenida de Fisterra, Río Anllóns, Igrexa e San Xoán.
PRAIAS
Mércores 2 de xullo do 2008
Os areais carballeses de Razo e Baldaio contarán durante os meses de verán cun servizo de recollida selectiva de residuos mediante a instalación de contedores en varios puntos situados ao longo destas praias -e especialmente nos seus accesos-. A recollida efectuarase dúas veces á semana e o Concello pide a colaboración dos cidadáns coa iniciativa.
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Mércores 2 de xullo do 2008
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia estuda a integración da escola infantil As Landras de Carballo na rede de Galescolas do Consorcio Galego. O Alcalde da localidade, Evencio Ferrero, mantivo hoxe -2 de xullo- unha entrevista co Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, na que se falou polo miúdo deste asunto.
SESIÓN PLENARIA
Martes 1 de xullo do 2008
O goberno carballés aprobou nun pleno celebrado o luns 30 de xuño os dous anteproxectos que permitirán dotar dunha rede de colectores de saneamento e dunha estación depuradora de augas os lugares de Baldaio, Rus e Ardaña. O custo global das actuacións supón unha inversión de preto de 5,6 millóns de euros.