TERCEIRA IDADE
Martes 26 de xuño do 2007
O Concello de Carballo ven de ampliar o prazo para participar do II Encontro para os nosos Maiores No Carballiño, Ourense, que organiza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Os interesados poderán apuntarse até o vindeiro xoves, 28 de xuño. O encontro terá lugar o sábado 7 de xullo e haberá servizo de autobús gratuíto polas parroquias a partir das 07,30 horas e a partir das 08,00 horas en Carballo. De momento, xa hai anotadas máis dun centenar de persoas.
SAN XOÁN 2007
Martes 26 de xuño do 2007
Logo de celebrarse os días grandes do San Xoán 2007, onde a música foi unha das grandes protagonistas, as celebracións prolongaranse até o vindeiro domingo, 1 de xullo, coa tradicional Festa do Bosque. Este martes, 26 de xuño, celébrase o Día do Neno no Parque do San Martiño, de 17,00 h. a 20,00 h., cun parque de xogos gratuito e coa organización de diferentes actividades lúdicas. A partir das 22,00 horas haberá unha nova verbena coa Orquestra Charleston Big Band e, ás 24,00 horas, a gran sesión de fogos de artificio a cargo de Pirotecnia Rocha.
SAN XOÁN
Venres 22 de xuño do 2007
A concellaría de Tráfico, Polícía e Proteccción Civil, en colaboración coa Comisión de Festas do San Xoán, ven de establecer un dispositivo especial de seguridade e reordenación do tráfico para a celebración das festas patronais de Carballo. Durante as festas, permanecerán pechadas varias rúas ao tráfico cando estas se utilicen para diferentes actividades, coma os concertos, concursos ou procesións. As rúas onde se realicen os concursos e actuacións, como as carrilanas, pasarrúas, etc, deberán estar sen coches, polo que se demanda a colaboración da cidadanía para o disfrute da festa.
SAN XOÁN
Venres 22 de xuño do 2007
Unha das grandes actuacións desta edición das festas do San Xoán será o concerto que o vindeiro luns, 25 de xuño, ofrecerá La Mala Rodríguez na praza do Concello. A artista presentará o seu novo traballo a partir das 23,30 horas, ampliando así a variada oferta musical que comeza no día de hoxe no paseo de Rego da Balsa. Será cun concerto de rock&roll, a partir das 23,00 horas, no que participarán Los Justicieros, Straitjackets, Pontani Sisters e George Kaiser. Antes, ás 22,30 horas, comezará na praza do Concello a actuación das orquestras París de Noia e Olympus.
CULTURA
Xoves 21 de xuño do 2007
Con motivo das Festas de San Xoán, os equipamentos culturais do Concello de Carballo modifican os seus horarios habituais. A Ludoteca Municipal permanecerá pechada do 22 ao 27 de xuño e o Museo Bergantiños 23 ao 26 de xuño. Pola súa banda, o Pazo da Cultura establece os seguintes horarios para as vindeiras datas: o xoves 21: de 16.00 h. a 20.00 h., o venres 22: de 16.00 h., a 20.00 h., o sábado 23: de 16.00 h. a 19.00 h. O domingo 24 e o luns 25 permanecerá pechado.
TERCEIRA IDADE
Xoves 21 de xuño do 2007
O vindeiro luns, 25 de xuño, remara o prazo de inscrición para participar do II Encontro para os nosos Maiores No Carballiño, Ourense, que organiza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O encontro terá lugar o sábado 7 de xullo e haberá servizo de autobús gratuíto polas parroquias a partir das 07,30 horas e a partir das 08,00 horas en Carballo. As inscricións pódense facer nos Servizos Sociais do Concello de Carballo ou no Pazo da Cultura.
CULTURA
Xoves 21 de xuño do 2007
As bombas de palenque anunciaron, ás 12,00 horas, o inicio das festas patronais de Carballo en honra a San Xoán. A Escola de Gaitas e Danzas Bergantiños de Bértoa foi a encargada de ofrecer o primeiro pasarrúas da celebración, na praza do Concello, antes de que esta noite, a partir das 21,00 horas, a xornalista carballesa Paola Rodríguez dea lectura ao pregón inaugural. Antes, ás 20,15 horas, haberá un concerto da Banda Municipal de Carballo na praza do Concello para, ás 22,30 horas, pechar a primeira xornada das Festas coa actuación do grupo mariachis Real Azteca no mesmo escenario.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 20 de xuño do 2007
Logo de proceder, recentemente, ao desbroce das pistas forestais de zahorra, a Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo está a comezar o desbroce das pistas asfaltadas de acceso aos núcleos. Os traballos veñen de iniciarse coincidindo co comezo da época estival, xa que a meteoroloxía é a propicia para tal fin. De ter realizado estes traballos con anterioridade, apenas serviría de nada. Os traballos iniciáronse con dous tractores do Concello de Carballo, aos que se lle sumarán outros tres contratados a partir do día 1 de xullo.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 20 de xuño do 2007
O Concello de Carballo, a través da concellaría de Medio Ambiente, colocará cinco novos colectores de vidro para facilitar a reciclaxe aos establecementos hostaleiros da localidade. A experiencia piloto desenvolverase na rúa da Estrela, a que máis volume de vidro xera, e logo extenderase a outras zonas que os propios interesados demanden. Os novos colectores permitirán o volcado de varios envases de vidro á vez, coa axuda dun cubo con asas e pedal que se acopla ao propio colector.
DEPORTES
Martes 19 de xuño do 2007
As instalacións deportivas do Concello de Carballo terán un novo horario coincidindo coa época estival, desde o 2 de xullo até o 10 de setembro. Os novos horarios afectan ao complexo deportivo de Vila de Noia e ao de Carballo Calero, tanto na piscina como no pavillón.
GOBERNO
Martes 19 de xuño do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, delegou nos concelleiros do grupo municipal do BNG as áreas de goberno á espera do posible pacto de goberno co grupo municipal do PSOE. O rexedor local compareceu na Casa do Concello para sinalar a necesidade de acometer a distribución das competencias para que non exista freo algún á laboura diaria do Concello. Evencio Ferrero aludiu, ademais, á necesidade de incrementar as dedicacións exclusivas debido á importancia de Carballo tanto en número de habitantes como de capacidade orzamentaria.
O PSOE APOIA AO BNG E PP E TEGA AOS SEUS RESPECTIVOS CANDIDATOS
Sábado 16 de xuño do 2007
Finalizada a toma de posesión dos 21 concelleiros que conforman xa a corporación municipal, non se produciron sorpresas na reelección de Evencio Ferrero como alcalde do Concello de Carballo. Tal e como anunciara a última hora do venres, o PSOE non presentou finalmente candidato e, pese a non ter pechado polo momento ningún acordo de goberno co BNG, optou por apoiar a investidura de Ferrero, que acadou deste xeito un total de 12 votos.