CULTURA
Mércores 2 de maio do 2007
O Pazo da Cultua acolle este mércores, 2 de maio, ás 20.30 horas na sala de exposicións, a inauguración da exposición Paseo pola arquitectura de Galicia, de Pedro Castro. A mostra está composta de 22 obras que retratan distintos detalles da arquitectura galega feitas en plumillas.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 2 de maio do 2007
A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo ven de proceder á limpeza de tres novos basureiros situados en Bas, na parroquia de Sísamo, Cadaboso, na parroquia de Artes, e na pista cara Oza, no polígono de Bértoa. Ademais, os operarios municipais procederon á retirada de voluminosos deixados fóra da data establecida.
TURISMO
Mércores 2 de maio do 2007
O Salón de Actos de Caixanova en A Coruña acolle este xoves, 3 de maio, a clausura do proxecto TURMAS, do que participou, entre outros concellos de toda a Costa da Morte, o de Carballo. O proxecto TURMAS está desenvolvido pola Deputación da Coruña, en coordinación con vinte concellos das comarcas de Costa da Morte e Ría de Muros, tres do norte de Portugal e o Parque Natural do Litoral Norte, tamén de Portugal.
URBANISMO
Luns 30 de abril do 2007
O Concello de Carballo ven de obrigar, logo dunha inspección realizada a unha parcela situada no acceso á praia de Pedra do Sal, en Noicela, á demolición dunha vivenda por parte do seu propietario. Dase a circunstancia de que, no ano 2003, fixerase unha primeira inspección a esta vivenda, construída con fábrica de ladrillo e cuberta de uralita.
CULTURA
Luns 30 de abril do 2007
O mércores 2 de maio e o xoves 3 de maio continúa a programación de A Culturaeduca con Teatro Escolar. A pretensión é a de achegar o teatro ao alumnado dos colexios de Carballo e ofrecerlle aos centros educativos un recurso educativo máis. Nesta ocasión, os alumnos de 2º ciclo de Educación Infantil asistirán ás representacións da obra Apareció, da compañía madrileña TYL TYL Teatro, que terán lugar no Pazo da Cultura ás 10.00 e ás 11.30 horas.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 30 de abril do 2007
A Xunta de Goberno Local aprobou, na sesión ordinaria celebrada este luns, 30 de abril, os expedientes de contratación das obras Ampliación de paseo fluvial no parque do Anllóns e polígonos 45 e 46 e Apertura de camiños en Baldaio. Esta última actuación está incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal e Rede Viaria Local 2007. Así mesmo, procedeuse á adxudicación do expediente de contratación referente ao subministro de pintura intumescente á auga para a protección da estructura metálica da obra da Casa dos Oficios.
MEDIO AMBIENTE
Venres 27 de abril do 2007
A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo ven de proceder á retirada de dous novos focos de vertedoiros incontrolados. Un foi localizado na estrada de Xoane a Serantes, indo cara a Granxa, con restos de escombro e prásticos de embalaxe. O outro localizouse no monte da Xesta, de Pedra Furada a Sísamo, onde había unha grande cantidade de televisores. O Concello procede agora á investigación para coñecer a autoría dos mesmos e iniciar un expediente sancionador.
CULTURA
Venres 27 de abril do 2007
Este sábado, 28 de abril, remata no Pazo da Cultura a Semana do Libro e a Lectura, cun acto de clausura programado para as 12,30 horas. A través da imaxe, da palabra e da música, haberá varias propostas audiovisuais creadas a partir dos contos de OQO Editora: unha viaxe a través dos sentidos, levados da man da palabra, tomada de tradición oral chegada de distintas partes do mundo, na que os contos de medo terán un especial protagonismo. Ademais, este venres, 27 de abril, continúan as actividades da Semana do Libro e a Lectura coa visita ás exposicións permanentes dos alumnos e alumnas do IES Parga Pondal, CEIP Bergantiños, CEIP Fogar, CEIP A Cristina, CEIP San Luís Romero, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Canosa-Rus e CEIP Gándara-Sofán e Colexio Artai, e que ademais participarán nos obradoiros de ilustración de José Tomás, do contacontos con Anxo Moure, e no obradoiro de banda deseñada con Kiko da Silva.
CONVOCATORIA
Venres 27 de abril do 2007
O Concello de Carballo acolle este sábado, 28 de abril, a celebración dunha sesión plenaria extraordinaria na que se inclúe, na orde do día, a aprobación do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña. No mesmo recóllense os investimentos que o Concello ten previsto realizar no ano 2007 dentro deste plan e que son, en concreto, a primeira fase da construcción do carril bici a Razo, a segunda fase de saneamento en Queo, parroquia de Bértoa, a segunda fase de saneamento no Añón, parroquia de Berdillo, e depuradora en Añón e depuradora en Oza. De existir algunha baixa de licintación dos investimentos ou anulación, o Concello inclúe tamén a segunda fase da rede de saneamento en Paradela, parroquia de Sofán, e a segunda fase da rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances. O pleno comezará ás 11,00 horas.
HOSTALARÍA
Xoves 26 de abril do 2007
O vindeiro luns, 30 de abril de 2007, remata o prazo para solicitar a ocupación do dominio público local con terrazas de hostalaría. Os interesados en instalar unha terraza nos seus negocios deberán ter en conta as normas reguladoras da Ordenanza correspondente, podendo recoller o impreso para formular a solicitude no propio Concello.
CULTURA
Xoves 26 de abril do 2007
O programa de Primavera en Danza botou a andar este xoves coa presentación do espectáculo Vacuo, a cargo do Centro Coreográfico Galego, que realizou unha pequena performance na Feira de Carballo. Os integrantes da compañía fixeron diferentes e breves coreografías coa intención de achegar a danza a colectivos e lugares emblemáticos das cidades galegas. Vacuo será a primeira das actuacións do ciclo Primavera en Danza, a representar este venres, 27 de abril, no Pazo da Cultura.
INDUSTRIA
Xoves 26 de abril do 2007
Máis de medio centenar de persoas acudiron á presentación que o Concello de Carballo fixo do proxecto TEMUNDE no restaurante Río Sil da localidade. No acto, no que participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, estiveron presentes veciños e veciñas dos barrios da Milagrosa, Igrexario e A Casilla, ademáis de técnicos e promotores interesados no proxecto. O proxecto TEMUNDE representa a conversión dos barrios da Milagrosa, Igrexario e A Casilla nun modelo de eficiencia enerxética, promovido polo Concello de Carballo e a Deputación da Coruña coa colaboración de diversas entidades, como o INEGA e a Consellería de Vivenda e Solo.