Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O programa ‘Primavera en Danza’ achegará a Carballo catro novas actuacións

CULTURA

O programa ‘Primavera en Danza’ achegará a Carballo catro novas actuacións

Luns 16 de abril do 2007

O Pazo da Cultura acolleu este luns, 16 de abril, a presentación do programa Primavera en Danza, que achegará a Carballo a actuación de catro compañías de danza os dias 27 e 28 de abril e 4 e 5 de maio. Trátase de quinta edición dun programa que ten como obxectivo achegar ao público o espectáculo da danza e que este ano ofrece novidades importantes. Así, a concellería de Cultura organiza encontros para o público cós coreógrafos das compañías e a realización dun obradoiro de danza para os bailaríns e grupos de danza de Carballo. A compañía Vacuo, ademais, realizará unha performance no mercado municipal, o xoves dia 26 de abril, para presentar a súa actuación. Ademais de Vacuo, que actuará o dia 27 de abril, completan o programa as tamén compañías galegas Ballet Studio e Inquedanza, e a madrileña 10et10 Danza.

A conselleira de Cultura e Deporte asinará o mércores o convenio para o cambio de céspede en As Eiroas

CULTURA

A conselleira de Cultura e Deporte asinará o mércores o convenio para o cambio de céspede en As Eiroas

Sábado 14 de abril do 2007

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinarán o vindeiro mércores, 18 de abril, o convenio para a substitución da herba artificial e rede de rego no campo de fútbol das Eiroas. O acto de sinatura terá lugar ás 12,30 horas na Alcaldía do Concello de Carballo, onde se lle realizará unha recepción á conselleira de Cultura e Deporte.

A Xunta de Goberno Local reúnese o vindeiro luns en sesión ordinaria

CONVOCATORIA

A Xunta de Goberno Local reúnese o vindeiro luns en sesión ordinaria

Venres 13 de abril do 2007

A Xunta de Goberno Local de Carballo obordará o vindeiro luns, 16 de abril, a partir das 13,30 horas, unha nova sesión ordinaria na que se contempla a aprobación dos expedientes de contratación das obras Depuradora en Rebordelos e Rede de saneamento e depuradora en Castrillón, parroquia de Lema. Ambas actuacións están incluidas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal e Rede Viaria Local 2007.

Carballo acolle a celebración dun curso básico de Protección Civil

CONVOCATORIA

Carballo acolle a celebración dun curso básico de Protección Civil

Venres 13 de abril do 2007

A Base de Protección Civil de Carballo acolle a celebración dun curso básico de Protección Civil, que se desenvolverá os días 14, 21 e 28 de abril. O curso está organizado pola Academia Galega de Seguridade Pública e participarán as agrupacións de Arteixo, Camariñas, Carballo, Cee, Cerceda, Fisterra, Laracha, Laxe, Málpica e Santa Comba. As xornadas nas que se desenvolve o curso contan con charlas teóricas ademáis dunha parte práctica.

Teatro e música conforman a oferta cultural da fin de semana

CULTURA

Teatro e música conforman a oferta cultural da fin de semana

Venres 13 de abril do 2007

A programación dos Venres Culturaisdo Concello de Carballo retómase esta fin de semana coa posta en escea dunha representación teatral, a cargo da compañía Lagarta Lagarta, e un concerto a cargo da Banda Municipal de Carballo. Este venres, 13 de abril, terá lugar a representación de As últimas lúas, a partir das 21,00 horas no Pazo da Cultura. O prezo da entrada ordinario é de 3,5 euros, sendo de 2,5 euros con desconto. O concerto, a celebrar tamén no Pazo da Cultura, terá lugar o sábado 14 de abril, a partir das 12,30 horas. Está recomendado para nenos a partir de 4 anos e a entrada é libre.

Continúan os traballos de acondicionamento no entorno da férveda de Rus

SERVIZOS

Continúan os traballos de acondicionamento no entorno da férveda de Rus

Xoves 12 de abril do 2007

A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo continúa estes días cos traballos de limpeza do entorno da férveda de Rus. Nesta ocasión, os operarios municipais están a facer o afirmado do camino con zahorra, logo de proceder, con anterioridade, aos traballos de mellora do acceso. A acción, realizada conxuntamente polas concellerías de Servizos e Mantemento e Medio Ambiente, pretende seguir coa posta en valor do patrimonio natural do concello.

Ábrese o período de exposición pública do plan de sectorización de dous sectores da 3ª fase do polígono industrial

INDUSTRIA

Ábrese o período de exposición pública do plan de sectorización de dous sectores da 3ª fase do polígono industrial

Xoves 12 de abril do 2007

O plan de sectorización dos sectores A e B da terceira fase do polígono industrial de Bértoa permanecerá exposto ao público durante os vindeiros trinta días. As zonas afectadas contan cunha superficie de 426.300 e 114.400 metros cadrados. O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio correspondente, trala aprobación inicial da Xunta de Goberno Local a principios do pasado mes de marzo. Os titulares catastrais dos terreos afectados, un total de 179 parcelas, recibirán de forma simultánea as correspondentes notificacións.

Aprobadas as Bases da Convocatoria do Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán

CULTURA

Aprobadas as Bases da Convocatoria do Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán

Mércores 11 de abril do 2007

A Comisión de Festas de San Xoán 2007 ven de aprobar as Bases da Convocatoria do Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán, que se celebrarán entre o 21 e o 27 de Xuño. Os autores poden utilizar calquera técnica e o gañador recibirá un premio de 450 €. As obras poderán presentarse até o 7 de maio no Pazo da Cultura. Na edición anterior presentaron obras ao redor de 25 concursantes, tanto de Carballo como doutros concellos de toda Galicia.

O Concello participa na presentación do Plan de mellora de seguridade viaria á Dirección Xeral de Tráfico

SEGURIDADE

O Concello participa na presentación do Plan de mellora de seguridade viaria á Dirección Xeral de Tráfico

Mércores 11 de abril do 2007

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participará este xoves da xuntanza que, na Dirección Xeral de Tráfico, se dará a coñecer o Plan de mellora de seguridade viaria para a Costa da Morte. A asociación Íntegro, a Confederación Galega de Minusválidos e os concellos da Costa da Morte asinaran xa un convenio para desenvolver o plan, dirixido a xóvenes de entre 14 e 20 anos, previo paso á súa presentación na Dirección Xeral de Tráfico.

Presentadas as I Xornadas de Informática e Educación Física

ENSINO

Presentadas as I Xornadas de Informática e Educación Física

Mércores 11 de abril do 2007

O Pazo da Cultura acolleu este mércores a presentación das I Xornadas de Informática e Educación Física, que organiza o IES Isidro Parga Pondal e que contan, entre outros, coa colaboración do Concello de Carballo. O obxectivo das mesmas é o de relanzar estes dous ciclos formativos, que se imparten no instituto, dando a coñecer á mocidade da súa existencia en toda a comarca de Bergantiños. Na presentación das xornadas estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director do IES Isidro Parga Pondal, Carlos Fernández.

Máis de 5.000 persoas participaron de Panxea 2007 en Semana Santa

CULTURA

Máis de 5.000 persoas participaron de Panxea 2007 en Semana Santa

Martes 10 de abril do 2007

Máis de 5.000 persoas participaron durante a pasada fin de semana de Panxea 2007, un festival no que o pan, a música e, sobre todo, a solidariedade, foron os protagonistas. Nesta primeira edición da Feira solidaria, o obxectivo de colaboración estivo situado nos campamentos de refuxiados saharauis. Os fondos recadados no evento serán destinados a fariña para pan e material musical educativo para as escolas de nenos e nenas con necesidades educativas especiais da Uilaia de Smara.

O Concello asina o contrato para mellorar o alumeado público na rúa Gran Vía

SERVIZOS

O Concello asina o contrato para mellorar o alumeado público na rúa Gran Vía

Martes 10 de abril do 2007

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinará este mércores, 11 de abril, un contrato para dotar de alumeado público á rúa Gran Vía. O acto de sinatura terá lugar na Casa do Concello logo da adxudicación da actuación por importe de 105.286,04 euros. Ademais de favorecer o tránsito de peóns e facer máis vistosa a rúa, a actuación mellorará a seguridade do tráfico con máis iluminación.

Compartir: