SERVIZOS SOCIAIS
Xoves 13 de outubro do 2005
O servizo de información e asesoramento xurídico para emigrantes retornados e inmigrantes do Concello de Carballo atendeu máis de 200 persoas durante o primeiro semestre o ano. O colectivo ao que se dirixe este servizo supera os 600 habitantes no municipio aínda que tamén se poden beneficiar inmigrantes e retornados de toda a comarca.
PAGAMENTO
Xoves 13 de outubro do 2005
O Concello de Carballo anuncia que o Servizo de Estradas da Consellaría de Política territorial, Obras públicas e Transportes vai facer o pagamento dos expedientes de expropiación forzosa por mor da obra "Acondicionamento da estrada AC-414 Carballo - Malpica de Bergantiños" no treito Carballo - Buño, das fincas expropiadas no termo municipal de Carballo.
LINGUA
Martes 11 de outubro do 2005
O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de normalización lingüística, organiza dous cursos dentro da campaña Incrementa o teu interese, de promoción de uso do galego no ámbito socioeconómico. Nos cursos, que se celebrarán entre os meses de outubro e novembro, tratarase de mellorar a comunicación empresarial e a atención ao público de todos os asistentes.
ENSINO
Martes 11 de outubro do 2005
A Escola de Idiomas de Carballo rematou co período de matrícula ordinaria para os alumnos que realizaron a preinscrición. Dende o 11 de outubro abre un novo prazo de matrícula para todos os que desexen cursar estes estudos, que remata o venres 14 de outubro. As clases comezan o luns 17 de outubro.
RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Martes 11 de outubro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo unha reunión cos alcaldes de Zas e Ponteceso, e cun representante do Goberno municipal de Carnota, na que se estableceron as demandas estratéxicas que se lle presentarán á Xunta de Galicia para resolver problemas e carencias comúns de todos os concellos da Costa da Morte. "É fundamental buscar puntos de coincidencia independentemente de cales sexan as siglas políticas nas que militemos", explicou Ferrero.
CATASTRO DE BENS INMOBLES
Luns 10 de outubro do 2005
O Concello de Carballo continúa coa segunda fase dos traballos de revisión do Catastro de bens inmobles rústicos. Os veciños da parroquia de Aldemunde, de Sofán - A Praza e de Sofán - Tarambollo poderán retirar as súas cédulas de propiedade de fincas rústicas entre os días 10 e19 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os técnicos da empresa Ditecar desprazaranse a estas parroquias para lle facilitar aos interesados a retirada das cédulas.
LECER
Luns 10 de outubro do 2005
O Concello de Carballo organiza as primeiras xornadas sobre historia local, en colaboración coa Asociación sociopedagóxica galega (As-pg), que se celebrarán entre o 26 e o 29 de outubro no Pazo da Cultura. Esta actividade reflicte un dos obxectivos do Goberno municipal: conservar e dinfundir o patrimonio material, inmaterial e natural de Carballo.
OBRAS
Venres 7 de outubro do 2005
O popular reloxo da Casa do Concello volve funcionar con normalidade dende o 6 de outubro. O concelleiro delegado de Facenda, Contratación e Patrimonio, José Antonio Viña, explicou que o reloxo non vai emitir sinais acústicos, aínda que o novo mecanismo o permita, para non molestar o vecindario.
MEDIO AMBIENTE
Venres 7 de outubro do 2005
O programa do Concello de Carballo Carballo limpo conta dende o 7 de outubro cunha nova canle de información e avisos, a páxina web www.carballolimpo.com. "Trátase dun panel informativo sobre as diferentes campañas que estamos a desenvolver e que se completa cun sistema de xestión de avisos e das suxestións que fagan os veciños", explicou o concelleiro de Medio ambiente, Manuel Luis Pan.
OBRAS
Venres 7 de outubro do 2005
O Concello de Carballo ten previsto acometer un plan de renovación e dotación de marquesiñas nas vías de titularidade autonómica, provincial e municipal. No caso da Deputación da Coruña, estase a elaborar dende o Concello un dossier explicativo sobre as carencias destas estradas. En concreto, solicitaranse marquesiñas para as estradas de Santiago, a de Sísamo, a de Razo, a de Berdillo, a de Vilardefrancos, Ramil - Rus e Caión.
FORMACIÓN
Xoves 6 de outubro do 2005
O Centro de información á muller (CIM) de Carballo abre o prazo de inscrición nun curso de manexo dos programas do paquete Office, dirixido ás mulleres da comarca, que se desenvolverá entre o 13 de outubro e o 11 de novembro. Coa organización deste curso, o CIM pretende achegar e familiarizar as mulleres co uso das novas tecnoloxías.
LICENZAS
Xoves 6 de outubro do 2005
A Xunta de Goberno local aprobou a autorización de dez vados permanentes en distintas zonas do municipio de Carballo. Estas solicitudes de licenza, que se suman outras xa autorizadas en sesións anteriores, estanse a realizar a raíz da campaña de inspección dos vados irregulares nas vías urbanas de Carballo iniciada polo Concello a comezos do mes de setembro.