RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Xoves 29 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro delegado de Industria, Comercio, Feiras e Mercado de abastos, Xoán Francisco Pérez Ferreiro, mantiveron unha entrevista co delegado provincial de Innovación e Industria, José Luis Barcia Picos. Durante o encontro, o rexedor solicitoulle, entre outras cuestións, o apoio da Consellaría para desenvolver un plan de aforro enerxético no concello.
CONTRATACIÓN
Mércores 28 de setembro do 2005
O Concello de Carballo anunciou a modificación das condicións para a contratación, por procemento aberto e concurso público, de dous proxectos municipais, así como a reapertura dos prazos de presentación de ofertas. As novas convocatorias están á disposición dos interesados na páxina web municipal.
TEATRO
Mércores 28 de setembro do 2005
A concellaría de Cultura organiza a representación teatral da obra de José Luis Alonso de Santos, Un home de sorte, que protagoniza o coñecido actor Juan Luis Galiardo e terá lugar o xoves 29 de setembro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo.
PLENO MUNICIPAL
Martes 27 de setembro do 2005
O novo concelleiro de Sanidade, Servizos sociais e Muller, Juan Ramón García del Río, tomou posesión durante a sesión ordinaria do pleno municipal celebrada o 26 de setembro. O edil substitúe no grupo municipal do BNG a Milagros Lantes Seara, nova delegada provincial de Cultura e Deportes.
PLENO MUNICIPAL
Martes 27 de setembro do 2005
O Pleno municipal de Carballo decidiu estimar o recurso presentado pola Federación Galega de Construción contra o prego de condicións administrativas para a concesión do novo aparcadoiro e do edificio comercial na Praza do Concello. Con esta modificación o prazo de presentación de ofertas amplíase ao tempo que se lle abre a posibilidade a máis empresas para optar ao concurso público.
VISITA INSTITUCIONAL
Luns 26 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado doutros membros da corporación municipal, recibirán o martes 27 de setembro o delegado provincial de Política territorial, Obras públicas e Transporte, Jacinto Parga Fernández, que visitará a segunda fase das obras da travesía principal de Carballo, que están a piques de rematar.
LECER
Luns 26 de setembro do 2005
O Centro de información á muller de Carballo abre o prazo de inscrición para participar no curso de risoterapia e relaxación que se celebrará entre os días 19 de outubro e 11 de novembro, no Pazo da Cultura. Os interesados pódense anotar ata o 7 de outubro nas oficinas do Concello ou no teléfono 981 700 688.
LECER
Venres 23 de setembro do 2005
A representación teatral da obra Lionel, o malestar do benestar e a celebración dunha conferencia sobre o importante papel da vila de Carballo na época romana centran a oferta lúdica do concello nesta fin de semana. O espectáculo de teatro corre a cargo da compañía coruñesa Casahamlet e celébrase o venres 23 ás 21.00 horas, mentres que o relatorio está previsto para o sábado 24 ás 12.00 horas. Ambas as dúas actividades celébranse no Pazo da Cultura.
DESENVOLVEMENTO RURAL
Venres 23 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañou o conselleiro de Medio rural, Alfredo Suárez Canal, no encontro que mantivo no Concello co sector agrogandeiro da comarca de Bergantiños para coñecer as súas carencias e demandas e para lles explicar a estratexia do novo goberno nesta materia. "Con este tipo de actos visualízase a intención da Consellaría de entrar en contacto coas inquedanzas do sector e de coñecer a súa realidade", sinalou o alcalde.
PROGRAMA AGADER
Venres 23 de setembro do 2005
O conselleiro de Medio rural, Alfredo Suárez Canal, visitou dous dos oito programas de desenvolvemento rural que a Consellaría que dirixe apoia en Carballo, e nos que se investirán un total de 3.427.994 euros. Durante a visita estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e por outros membros da corporación municipal.
VISITA INSTITUCIONAL
Xoves 22 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado doutros membros da corporación municipal recibirá a visita institucional do conselleiro de Medio rural, Alfredo Suárez Canal, o venres 23 de setembro, a partir das 10.00 horas. O conselleiro manterá un encontro aberto co sector agrogandeiro da comarca e visitará diversas obras do programa Agader.
TEATRO
Xoves 22 de setembro do 2005
A XIV edición do Festival Internacional Outono de Teatro (Fiot) de Carballo arrincará con Medea, a estranxeira, a última montaxe da compañía andaluza Atalaya. Debido á importancia que ten no espectáculo a muller e a súa integración social, no patrocinio colabora tamén o Centro de información á muller municipal (CIM).