CALIDADE DOS AREAIS
Mércores 14 de setembro do 2005
As zonas de baño de Carballo contan coas condicións óptimas segundo se desprende dos resultados das mostraxes realizadas nos meses de xullo e agosto polos técnicos da Dirección Xeral da Saúde Pública. Na última análise, remitida ao Concello o 29 de agosto, as catro zonas obxecto de estudo - a ría de Baldaio e as praias de Razo, Baldaio e Pedra do Sal - non presentaban ningún tipo de deterioro.
CONTRATACIÓN
Mércores 14 de setembro do 2005
O Concello de Carballo anuncia os concursos públicos, por procedemento aberto, de cinco contratos relacionados con proxectos municipais. As convocatorias están á disposición dos interesados na páxina web municipal e estarán abertas ata o luns 26 de setembro.
VISITA INSTITUCIONAL
Martes 13 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu o delegado provincial de Educación e Ordenación universitaria, Pedro Armas Diéguez, que se achegou a Carballo para coñecer de primeira man as necesidades educativas dos centros do municipio. O Goberno municipal trasmitiulle diversas demandas de formación, entre as que se atopa a implantación do bacharelato de artes, que non existe na zona de Bergantiños - Costa da Morte.
LIMPEZA VIARIA
Martes 13 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os concelleiros delegados de Medio ambiente, Turismo e Xuventude, Manuel Luis Pan, e de Servizos e Mantemento, Luis Lamas, presentaron a Brigada de Medio ambiente, que se encargará de coordinar as actuacións municipais relacionadas coa limpeza viaria, a recollida de lixo ou a limpeza de solares.
CAMPAÑAS DE DOAZÓN
Luns 12 de setembro do 2005
Responsables do Centro de Trasnfusión de Galicia impartiron dúas charlas informativas no Centro municipal de formación e na Escola obradoiro de Carballo para solicitar a súa colaboración na campaña Comparte saúde. Doa sangue, que desenvolven este verán. "En Galicia necesítanse cada día 400 doazóns de sangue", explicaron durante o encontro.
CATASTRO DE BENS INMOBLES
Luns 12 de setembro do 2005
O Concello de Carballo continúa coa segunda fase dos traballos de revisión do Catastro de bens inmobles rústicos. Os vecinos da parroquia de Rus poderán retirar as súas cédulas de propiedade de fincas rústicas durante entre os días 12 e 19 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os técnicos da empresa Ditecar desprazaranse a esta parroquia para lle facilitar aos interesados a retirada das cédulas.
DEPORTES
Venres 9 de setembro do 2005
O Campionato galego de billar por equipos celébrase entre os días 10 e 11 de setembro, no Pazo da Cultura de Carballo, entre as 10.00 horas do sábado e as 16.00 horas do domingo, aproximadamente. No campionato participan 40 equipos, divididos en tres categorías diferentes. Os organizadores do certame sinalaron que a contía total dos premios supera os 6.000 euros.
AXUDAS PÚBLICAS
Venres 9 de setembro do 2005
O Goberno muncipal de Carballo solicitou dúas axudas de promoción económica e catro destinadas a infraestruturas e equipamentos culturais e deportivos, convocadas pola Deputación da Coruña. Entre as peticións do Concello atópase o remate das obras de acondicionamento do centro sociocultural de Sofán. A contía das axudas que se lle concedan cubrirá ata o 90% do orzamento total de cada proxecto.
MELLORAS NAS COMUNICACIÓNS
Venres 9 de setembro do 2005
A empresa Telefónica decidiu instalar novas emisoras para a cobertura de telefonía móbil en todo o termo municipal de Carballo. A compañía tomou a decisión tralas xestións que tanto o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o concelleiro delegado de Servizos e Mantemento, Luis Lamas, estiveron a realizar durante os últimos meses. O edil sinalou que con estas instalacións "quedará cuberto o conxunto do municipio de Carballo".
FOTOGRAFÍA
Xoves 8 de setembro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, inaugura a exposición Luis Ksado VI Premio de Creación fotográfica o venres 9 de setembro, que estará aberta ao público no Museo de Bergantiños ata o 20 de setembro. A mostra recolle os traballos premiados no que se considera un dos certames fotográficos de referencia en Galicia, e que organiza a Deputación da Coruña.
CAMPAÑAS DE DOAZÓN
Mércores 7 de setembro do 2005
Os alumnos do Centro municipal de formación ocupacional e da Escola obradoiro de Carballo recibirán o venres 9 de setembro, unha charla informativa sobre a campaña de doazón de sangue que está a desenvolver o Centro de Transfusión de Galicia este verán. Despois das conferencias, os alumnos poderán acudir á Unidade móbil para doar sangue.
PLENO MUNICIPAL
Martes 6 de setembro do 2005
O Pleno municipal de Carballo, durante a súa sesión extraordinaria do 5 de setembro, acordou resolver os contratos de concesión dos postos fixos do mercado comarcal de gando. Ademais, o Concello decidiu adoptar o ditame do Consello Consultivo de Galicia no tocante ao realoxo dos dous postos fixos que estaban aínda pendentes de resolución.