INDUSTRIA
Martes 30 de agosto do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentoulle ao conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, unha serie de demandas e iniciativas relacionadas coa segunda fase do polígono industrial de Bértoa e que tiveron moi boa acollida. Entre elas, atópase unha iniciativa do artista carballés Manuel Facal, que aínda está en estudo, e coa que a Consellaría xa comprometeu a súa colaboración.
INDUSTRIA
Martes 30 de agosto do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, trasladoulle ao conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, a iniciativa do Goberno municipal de construír un novo espazo comercial e un aparcadoiro na Praza do Concello. O Conselleiro amosou a súa conformidade con esta estratexia de revitalización comercial e abriu a posibilidade dunha colaboración económica no caso de ser necesario.
INDUSTRIA
Luns 29 de agosto do 2005
O rexedor carballés, Evencio Ferrero, e o concelleiro delegado de Industria, Comercio, Feiras e Mercado de abastos, Xoán Francisco Pérez Ferreiro, manteñen o martes 30 de agosto unha entrevista co conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, para tratar cuestións relacionadas coa segunda fase do polígono industrial de Bértoa, co novo mercado municipal e coa peonalización de rúas.
VERÁN CULTURAL
Venres 26 de agosto do 2005
A programación da décimo-primeira Feira do libro de Carballo continúa na fin de semana cunha homenaxe á literatura galega, co tradicional acto dedicado a Brañas, o sábado 27 de agosto, e outra á literatura universal dedicado ao Quixote, o domingo. O último concerto do Verán Cultural será o Festival folclórico, no que actuarán os grupos Nemeth e Bilitroque.
DEPORTES
Venres 26 de agosto do 2005
Carballo acolle un ano máis a celebración do Open Internacional de Billar Iberpool 2005, entre o 27 e o 28 de agosto, no Pazo da Cultura. Os organizadores agardan a asistencia de máis de 500 persoas, entre participantes e acompañantes, que poderán achegarse ao recinto do torneo de 09.00 da mañá a 01.00 da madrugada, de xeito ininterrompido. A dotación económica dos premios supera os 13.000 euros.
INSERCIÓN LABORAL
Xoves 25 de agosto do 2005
O Concello de Carballo participa en dous proxectos europeos relacionados coa inserción laboral e a igualdade de oportunidades: o Proximitas e o Equal. O Proximitas da Deputación da Coruña promove o acceso ao emprego especialmente de mulleres, a través de programas de formación. O Equal céntrase na conciliación da vida laboral e familiar destas mulleres e desenvólvese a través da asociación Coruña solidaria.
FEIRA DO LIBRO
Xoves 25 de agosto do 2005
O poeta lugués Claudio Rodríguez Fer ofreceu o pregón inaugural da Feira do libro de Carballo no que falou da concepción do mundo como un libro aberto e da liberdade de expresión e de imaxinación. "Hai que ler para vivir, se se quere vivir plenamente", indicou. No acto de apertura, estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, a concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro, e o coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira.
VERÁN CULTURAL
Mércores 24 de agosto do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro, inauguran a décimo-primeira edición da Feira do Libro, o xoves 25 de agosto no Xardín municipal a partir das 13.00 horas. O pregón inaugural correrá a cargo do poeta e ensaísta lugués Claudio Rodríguez Fer, que abrirá unha mostra na que haberá actividades lúdicas e culturais dirixidas a todas as idades.
PREVENCIÓN DE LUMES FORESTAIS
Mércores 24 de agosto do 2005
O Concello de Carballo acóllese á nova normativa de prevención de incendios da Consellaría de Medio Rural que establece unha serie de prohibicións para épocas de máximo perigo, como é o caso dos montes galegos nos últimos días. O Goberno municipal precintará as barbacoas públicas das áreas recreativas e anuncia a todas as comisións de festas que non está permitido lanzar foguetes, globos nin "calquera outro artefacto que poida producir ou conter lume", segundo a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de agosto.
ACTIVIDADES INFANTÍS
Martes 23 de agosto do 2005
A ludoteca municipal de Carballo acolle durante o verán unha media de 50 nenos ao día, de entre 3 e 14 anos de idade, que acoden ás súas instalacións para participar en diversas actividades relacionadas cos xogos e coa lectura. Dende a súa apertura, este servizo conta xa con 1.355 socios.
PAGAMENTO DE IMPOSTOS
Martes 23 de agosto do 2005
O Servizo de Xestión e Inspección tributaria do Concello de Carballo continúa coa campaña de comprobación dos contribuíntes obrigados a pagar a taxa pola recollida de lixo que non presentaron a declaración de alta no padrón correspondente a este imposto.
DOAZÓN DE SANGUE
Luns 22 de agosto do 2005
A campaña de doazón de sangue desenvolvida en Carballo foi un éxito, segundo sinalaron os responsables do Centro de Transfusión de Galicia. O número de doazóns, 126 en total, superou nun 26% a media mensual do ano pasado. Desta cifra, 15 correspóndelle a veciños que se achegaron por primeira vez á unidade móbil, o que supuxo duplicar a media habitual de novos doantes.