CATASTRO DE BENS INMOBLES
Luns 22 de agosto do 2005
O Concello de Carballo continúa coa segunda fase dos traballos de revisión do Catastro de bens inmobles rústicos. Os veciños de Ardaña e Artes poderán retirar as súas cédulas de propiedade de fincas rústicas os días 29, 30 e 31 de agosto e o día 1 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
VERÁN CULTURAL
Venres 19 de agosto do 2005
O festival Rockarballo reúne esta fin de semana a sete grupos de pop e rock da zona, que estarán acompañados por dúas bandas de maior experiencia: Ruxe Ruxe, que actuará o venres 19 e Talesien, que estará o sábado 20 de agosto. Os concertos celébranse este ano na Praza do Concello, a partir das 22.30 horas.
ANIMACIÓN Á LECTURA
Venres 19 de agosto do 2005
O Concello de Carballo organiza a tradicional Feira do Libro entre os días 25 e 28 de agosto. Nesta décimo-primeira edición haberá actividades programadas para público de todas as idades, dende espectáculos de maxia ou obradoiros de monicreques para os máis pequenos, ata as últimas novidades da literatura galega e a sinatura de exemplares. Na feira participan 8 casetas, unha máis ca o ano pasado, e "agárdase que o número de asistentes supere con creces os 3.500 da edición anterior", segundo indicou a concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro.
PAGAMENTO DE IMPOSTOS
Xoves 18 de agosto do 2005
O Concello de Carballo comezará a remitirlle aos contribuíntes, a partir do luns 22 de agosto, 13.754 cartas informativas sobre a campaña de recadación dos tributos de cobro periódico e por recibo do ano 2005 correspondentes ao Imposto sobre Actividades Económicas e ao Imposto sobre bens inmobles: rústicos, urbanos e de características especiais.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Xoves 18 de agosto do 2005
O Concello de Carballo elaborará un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas para lle facilitar ás persoas con mobilidade reducida o tránsito polo o casco urbano, así como a entrada aos edificios municipais. A Xunta de Goberno local deu conta deste proxecto durante a súa reunión do 18 de agosto.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Xoves 18 de agosto do 2005
A Xunta de Goberno local de Carballo acordou, na súa reunión ordinaria do 18 de agosto, solicitarlle unha subvención á Consellaría de Xustiza, Interior e Administración local para a normalización da lingua. O Concello destinará esta axuda económica ao mantemento do Servizo de Normalización Lingüística municipal así como á organización de diversas campañas e actividades que está a realizar este departamento.
EMPREGO
Mércores 17 de agosto do 2005
O Concello de Carballo incorporará once persoas para colaborar en diferentes proxectos municipais. Os interesados deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia e no Programa Labora - Xuventude con Experiencia para poder optar ás prazas, posto que serán estes organismos os que lle remitan ao Concello a listaxe de candidatos para que faga a selección.
INCENDIOS
Mércores 17 de agosto do 2005
Os Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) póñense ao servizo da coordinadora contra incendios da Consellaría de Medio Rural, co obxectivo de contribuír a controlar os lumes de alta intensidade que se están a producir na zona de Carballo nos últimos días.
ABASTECEMENTO DE AUGA
Mércores 17 de agosto do 2005
O Concello de Carballo acometeu traballos de canalización de augas de máis de cinco quilómetros en distintos núcleos do rural que tiñan problemas de abastecemento. As actuacións que se desenvolveron nos últimos tres meses benefician a máis de 100 vivendas. O investimento municipal é de 30.000 euros.
OBRAS
Martes 16 de agosto do 2005
O Concello de Carballo vai amañar o popular reloxo da Casa Consistorial que levaba varios anos estropeado. Os traballos de reparación desenvolveránse no mes de setembro e a empresa responsable da obra é a mesma que xa instalara o mecanismo anterior hai 30 anos. O orzamento inicial destas obras é de 4.064,64 euros.
ARTE
Martes 16 de agosto do 2005
O artista carballés Manuel Facal expón os seus últimos traballos de escultura no African American Museum of Nassau County de Nova Iorque nunha mostra colectiva titulada Abstración: expresións da cultura. A exposición está aberta dende o 14 de xullo ata o 27 de agosto.
VERÁN CULTURAL
Venres 12 de agosto do 2005
Un circo no que só quedan pallasos debido ás dificultades económicas que atravesa e a orixinal proposta da banda galega Marful conforman a oferta cultural do Concello de Carballo para o venres 12 de agosto. O grupo de teatro Manicómicos actúa no Xardín municipal a partir das 20.00 horas e o concerto de Marful está previsto para as 22.30, na Praza do Concello.