Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo reunirá a grandes mestres internacionais

Entre os participantes estará o mozo hindú Gukesh D, campión do mundo sub14 e terceiro Gran Mestre máis novo da historia

Xoves 19 de agosto do 2021

Do 1 ao 8 de setembro disputarase o IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO internacional e nacional. Por primeira vez utilizarase o formato suízo a 9 roldas (unha diaria), un sistema ata o de agora inédito en Carballo, reservado a torneos en cidades coma Pontevedra, Ourense e Ferrol e a localidades con gran tradición en torneos de xadrez coma Mondariz, Sanxenxo ou Cambados. Estes, entre outros datos de interese, ofrecéronos os organizadores na presentación oficial, celebrada hoxe, coa participación de Javier Teixeira, presidente de O Toque Xiria, e os seus compañeiros Óscar de Prado e Laureano Falla; os concelleiros de Deporte, Marcos Trigo, e Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Neste ano de circunstancias especiais agárdase a participación duns 60-70 xogadores, algúns deles fortes Grandes Mestres e Mestres Internacionais, como o mozo indio Gukesh D, campión mundial sub14 e terceiro GM máis novo da historia con 12 anos, 7 meses e 17 días, e que ademais ofrecerá unha exhibición de partidas simultáneas fronte a 20 opoñentes o sábado día 4 na Praza do Concello. Deste xeito, ademais de promocionar a competición en si, pretendemos trasladar o xadrez á rúa e popularizalo, como xa está a suceder nos últimos tempos.

Tamén participarán xogadores doutros países e doutras comunidades autónomas, así coma algúns dos mellores xogadores galegos, que se enfrontarán aos locais do club xadrez O Toque Xiria. O local de xogo será a planta alta do Mercado de Abastos, que xa foi sede no pasado de torneos de xadrez. Con este torneo, o club O Toque Xiria Carballo aspira a consolidarse como un referente do xadrez galego tanto en organización de eventos coma dende o punto de vista deportivo, celebrando o ascenso do club á máxima división galega de xadrez en 2020 e na que competirá en 2021 e 2022.

A información ao detalle sobre o torneo, nesta ligazón.

Compartir: