Inicio Centro de atención cidadá Convocatorias Aberto ata o 20 de xuño o prazo para...

Aberto ata o 20 de xuño o prazo para participar no Concurso de Cachelas de San Xoán

Co obxecto de promover unha das manifestacións culturais máis importantes da celebración do San Xoán e recuperar unha tradición popular, a Asociación Cultural San Xoán, comisión organizadora das Festas de San Xoán 2022, organiza o XXXIII Concurso de Cachelas, no que poderán participar os concursantes que cumpran as seguintes bases: 

PRIMEIRA.- Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse na Biblioteca Rego da Balsa (981 758 580) antes do día 20 de xuño de 2022. 

SEGUNDA.- As cachelas deberán situarse no municipio de Carballo. Situaranse onde non supoñan ningún perigo para o contorno, a unha distancia prudencial, segundo o volume da cachela, de edificios, coches, tubaxes de gas, mobiliario urbano e nunca debaixo de liñas eléctricas, nin próximas a restrollos, árbores ou outras zonas inflamables. Nas proximidades deberá dispoñerse de extintores, mangueira, cubos de auga ou outros medios para o control do lume. Os integrantes do grupo son responsables do cumprimento das normas de seguridade precisas. Non poderán estar elaboradas con materiais plásticos, botes de spray, pneumáticos, goma espuma, artificios pirotécnicos e en xeral calquera produto inflamable, explosivo ou materiais onde interveña o plástico, nin tampouco se poderán utilizar árbores autóctonas, como carballo, acevo, loureiro, castiñeiro... Coa inscrición cada equipo deberá entregar unha declaración na que se fará constar que coñecen e aceptan as bases deste concurso, que cumprirán coas normas de seguridade que se establezan e que eximen de responsabilidades á organización polos accidentes ou contratempos que puideran ocasionar e os que puideran sufrir os membros do equipo. Os menores de idade entregarán tamén unha declaración asinada polo pai, nai, titor, autorizándoos a participar. Estes impresos facilitaránselle coa inscrición. 

TERCEIRA.- As 20 primeiras cachelas inscritas que participen no Concurso e non resulten premiadas correspóndelle unha gratificación de entre 20 € e 50 €, segundo determine o xurado en función da súa calidade. Se o xurado considera que a súa calidade non é suficiente poderán non ter dereito a esta gratificación. 

CUARTA.- O xurado estará composto por membros da Comisión de Festas ou persoas designadas por esta. 

QUINTA.- A valoración das cachelas realizarase, antes da súa queima, entre as 19.30 h e as 23.00 h do día 23 de xuño. Para realizar a valoración das cachelas o xurado terá en conta a orixinalidade do deseño e a súa elaboración (tamaño, materiais empregados, calidade da execución...). 

SEXTA- As cachelas gañadoras recibirán os premios que se sinalan a continuación, e poderá o xurado deixar deserto algún deles se o estima oportuno:
1º Premio: 600 € (aplicaráselle a retención fiscal correspondente) e trofeo Sargadelos patrocinado por Calvelo Platería
2º Premio: 300 €
3º Premio: 200 €
4º Premio: 150 €
Así mesmo o xurado poderá outorgar accésits por un valor de 200 € se o considerase pertinente. 

SÉTIMA.- A entrega das gratificacións pola participación nesta convocatoria realizarase durante a visita do xurado ás cachelas e os premios entregaranse despois do percorrido. 

OITAVA.- A participación nesta convocatoria supón a plena aceptación destas bases. 

Compartir: