Mercado Municipal

Mercado Municipal

Mercado Municipal
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 700 310

Horarios: 

L-V: 8.30-14h e 17-22h
Sábados: 8.30-14h
Domingos de feira: 8.30-15h

O alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual ofreceu o último menú de mercado na praza de abastos

A xornada rematou cun xantar no que participaron os/as concesionarios/as dos postos do mercado

Xoves 14 de setembro do 2023

Canta xente vai botar en falta os menús de mercado que ofreceu o alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual na praza de abastos ao longo dos últimos seis meses. Hoxe serviron o último: unhas deliciosas croquetas de choupa en tinta, mini hamburguesas e tiramisú. E, coma sempre, a acollida foi excepcional. Ao longo da mañá pasaron polo mercado centos de persoas e servíronse máis dun milleiro de bocados.

Ademais de poñer en valor a formación que viñeron recibindo os alumnos e alumnas, estas degustacións quincenais contribuíron á promoción dos produtos de proximidade e de gran calidade que poden atoparse no mercado municipal.

Ao longo destes seis meses, o alumnado de Chisco Ramos ten sorprendido ao público con elaboracións de todo tipo: taco de tenreira, croqueta de garavanzo con mollo tártaro, espetada de tomate e mozzarella ao pesto, mini hamburguesa de polo, bonito confeitado con escuma de cenorias escabechadas, dumpling de faceiras e repolo, tosta de cacheira, espetada de salmón con allo branco, tosta de brandada de bacallau con pemento escalivado, polo en pepitoria, empanada de millo e sardiñas, salpicón de peixe sapo e lagostino, sardiñas mariñadas, paté de campaña, pastel de salmón, albóndegas de robaliza, callos con garavanzos, musaca, brocheta de polo e cogomelos... e doces como mousse de iogur e manga ou o tiramisú de hoxe. E todos e cada un dos ingredientes necesarios para elaborar estas exquisiteces poden atoparse no noso mercado municipal.

Hoxe quixeron agradecer aos praceiros e praceiras a colaboración prestada preparándolles un completo menú que tivo como prato principal unha gran paella. O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, acompañou aos concesionarios dos postos.

A formación en alternancia é un apartado clave dentro do proxecto do obradoiro dual de emprego que organiza a Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Os alumnos e alumnas de cociña, 10 en total, tamén realizaron outras accións prácticas como a elaboración de menús semanais para usuarios/as de APEM, colaboracións puntuais con entidades como Afaber e degustacións para eventos como a presentación do FIOT ou o curso de verán da Universidade da Coruña (UDC).

Pero tamén practicaron no comedor da Escola Municipal de Hostalaría, onde cada martes serviron un menú a diferentes colectivos. O último, esta mesma semana, tivo como convidadas ás entidades sociais nas que fixeron as súas prácticas os outros dez alumnos e alumnas do obradoiro de emprego Fórum Dual, que se formaron en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Compartir: