Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O “MERCADO DA MOCIDADE” ENCHERÁ DE ADOLESCENTES A PRAZA DE ABASTOS

Este Nadal convidamos a xogar á rapazada de 6 a 16 anos nos catro campamentos que levaremos a cabo

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade desenvolverá na ludoteca municipal unha actividade para nenos/as de primaria centrada na cociña

Venres 1 de decembro do 2023 Benestar

O xogo é fundamental para o desenvolvemento intelectual, emocional e social dos nenos e nenas. Este Nadal queremos darlle á rapazada de Carballo todas as facilidades para que xogue, e para iso temos organizados catro campamentos, dous deles dirixidos a escolares de primaria (de 6 a 11 anos) e outros dous para adolescentes (de 12 a 16 anos).

O campamento infantil, organizado pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, estará baseado na historia de Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, que será a base para crear unha ambientación divertida e elaborar as gorentosas e larpeiras receitas que aparecen no libro, utilizando a cociña coma fío transversal para traballar o concepto de igualdade.

As actividades desenvolveranse de 10.00 a 14.00 horas na ludoteca municipal, que reabre as súas portas para esta actividade. A primeira parte da mañá consistirá na realización dunha actividade deportivo-cooperativa, como xogos populares, deportivos, musicais, xigantes... E na segunda parte realizarase un obradoiro de cociña no que cada día se elaborarán dúas receitas do libro: madalenas, galletas, brownies, flan... Todas elas dirixidas por persoal cualificado.

Haberá unha primeira quenda do 26 ao 29 de decembro e unha segunda do 2 ao 5 de xaneiro. En cada unha delas haberá 18 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. As solicitudes poden realizarse a partir das 09.00 horas do luns 5 de decembro cubrindo o impreso correspondente, que atoparás máis abaixo, e enviándoo a info@totemgestion.com. Na segunda quenda terán preferencia os/as nenos/as que non participasen na primeira.

Pola súa banda, a Concellaría de Mocidade e Feiras e Mercados, coa colaboración de Combina Social, a empresa de economía social encargada da xestión dos mercados e das feiras, mestura ámbalas dúas áreas nunha iniciativa que denominamos O mercado da mocidade, que trata de activar e atraer nova clientela á praza de abastos ao tempo que contribúe a dinamizar as vacacións de Nadal con actividades lúdicas, educativas e cooperativas.

Deste xeito, cada día levaranse a cabo propostas de temática variada, desde xogos deportivos e cooperativos ata obradoiros de adornos de Nadal con material de refugallo, customización de prendas, xincanas, cociña ou cosmética natural, entre outras. E para rematar está prevista unha festa con moita animación.

Haberá unha primeira quenda do 26 ao 29 de decembro e unha segunda do 2 ao 5 de xaneiro. En cada unha delas haberá 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. As solicitudes poden realizarse a partir das 09.00 horas do luns 5 de decembro cubrindo o impreso correspondente, que atoparás máis abaixo, e enviándoo a info@totemgestion.com. Na segunda quenda terán preferencia os/as nenos/as que non participasen na primeira.

Descargas

Compartir: