Deporte

Deporte

SÁBADO 30 DE ABRIL A PARTIR DAS 16.30 HORAS

O Trofeo Júnior do Club Ciclista Carballo volve a invadir as estradas do Concello e contará coa presenza de dous equipos de León

Xoves 28 de abril do 2016 Carballo ao día

Rolda de prensa

Responsables do Club co Alcalde, Evencio Ferrero, e co Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo

O deporte volve a invadir as rúas de Carballo durante a fin de semana coa celebración do Torneo Júnior do Club Ciclista Carballo a un paso, unha proba de categoría nacional aprobada pola Federación Galega de Ciclismo e pola Real Federación Española de Ciclismo que ademais de contar con máis de 60 corredores ten confirmada a asistencia de dous equipos de León: o Dipuleon–Bembibre e o Arte en Transfer. O primeiro achega 4 corredores e o segundo 15, que se suman aos participantes de todos os equipos de Galicia. De feito, trátase da terceira cita en importancia do calendario, despois das de Teo e Friol. O Club Ciclista Carballo, baixo a dirección de Juan Seoane, presenta a tres participantes: Manuel Cendán, Diego Abelenda -os dous de Carballo- e Kevín Martín -de Coristanco.

Percorrido de máis de 70 quilómetros

Respecto do circuíto, a saída neutralizada e a meta estarán na Praza do Concello na zona da rúa Gran Vía, con saída real dende a rúa Fomento e cun percorrido de dúas voltas por Coristanco, Cereo e Agualada, con regreso á capital municipal pasando por Rus para completar 73,7 quilómetros. O premio da montaña, patrocinado por Perruquería Maribel será nos quilómetros 18 e 54,8; mentres que a meta volante, a cargo de Panadaría Añón, será nos quilómetros 32 e 68,7.

A proba repartirá un total de 255 euros en premios, así como trofeos para os primeiros clasificados

No que se refire aos premios, terán un importe total de 255 euros repartidos entre os dez primeiros clasificados, con 60 euros, trofeo (na imaxe sostido pola Presidenta do Club, Vanesa Loureiro) e ramo para o primeiro clasificado; 50 euros e trofeo para o segundo; e 40 euros e trofeo para o terceiro. O Club quere agradecer a colaboración das arredor de medio centenar de persoas que contribúen desinteresadamente á celebración da proba, incluído os propios representantes do Club, Protección Civil, Policía Local e doce motos da Garda Civil de Tráfico. Tamén de todas as entidades patrocinadoras e colaboradoras, incluído o Concello.

Os interesados e interesadas poden descargar toda a información da proba nun documento en pdf máis abaixo nesta mesma nova, así como o cartel anunciador da cita. Sorte a todos os participantes!

Descargas



Galería

Compartir: