Promoción Económica

Promoción Económica

Arrancan os trámites para a creación dun polígono agroforestal entre os concellos de Coristanco e Carballo

Os alcaldes de ámbolos dous participaron nunha xuntanza veciñal con represen-tantes da Consellería do Medio Rural

Venres 25 de agosto do 2023

Cunha xuntanza informativa á que asistiron algo máis de corenta veciños e veciñas da contorna arrancaron os trámites para a creación dun polígono agrofestal entre os concellos de Coristanco e Carballo. No caso de materializarse sería o primeiro da comarca e un dos primeiros de Galicia, tal como explicaron os representantes da Consellería de Medio Rural que se desprazaron ata o centro social de Erbecedo. Nesta parroquia do veciño municipio de Coristanco concéntrase a maior parte da superficie do polígono, que tamén abrangue terreos de Rus e Ardaña.

Os alcaldes de ámbolos dous concellos, Juan García, de Coristanco, e Evencio Ferrero, de Carballo participaron na xuntanza, cuxo obxectivo central era dar a coñecer a iniciativa, resolver as posibles dúbidas e arrincar un primeiro compromiso de participación por parte da veciñanza. Tal como explicou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o polígono agroforestal “vaise facer se os propietarios queren. Se queren, por parte da Xunta hai boa disposición”.

O polígono agroforestal desenvolveríase nunha superficie de 84,73 hectáreas, que están distribuídas en 407 parcelas de 261 titulares catastrais. O primeiro paso será, precisamente, a investigación da titularidade das terras. A partir de aí enviarase unha notificación individual a cada propietario/a, que debe amosar a súa conformidade. Para o desenvolvemento do proxecto é preciso o acordo das persoas titulares do 70% da superficie.

Os representantes da Xunta explicaron que o polígono agroforestal é similar á concentración parcelaria, aínda que vai un paso máis alá. Esta figura obriga á propiedade a escoller entre “poñer a producir a parcelar, vender ou arrendar”. No caso de que opte pola venda, a Xunta de Galicia convocaría un concurso público, e no caso do arrendamento, as parcelas pasarían a formar parte do Banco de Terras.

O obxectivo deste instrumento, previsto na Lei de recuperación da terra agraria, é, precisamente, evitar o abandono dos terreos cultivables, que neste caso son, ademais, especialmente fértiles. Neste sentido, os representantes da Xunta incidiron na obriga dos propietarios, formen parte ou non dun polígono agroforestal, de manter os seus terreos agrarios produtivos, tal como esixe a lexislación vixente.

Compartir: