Presentación do libro Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas
Luns 9 de maio do 2016 Biblioteca Rego da Balsa - 20.00h
A Biblioteca Rego da Balsa acolle a presentación do libro de Mercedes Queixas dedicado a Manuel María, autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas 2016. Titúlase Labrego con algo de poeta, e nel Mercedes Queixas segue o roteiro vital do poeta entrefebrando vida e obra, feitos e ideas, letras e sentires. Cun relato directo, sintético e ao tempo rigoroso, a autora achéganos ao itinerario vital de Manuel María.
Itinerario que, coma un río sempre fértil e vizoso, nace coas raíces na Terra Chá, medra na prolongada formación académica e autodidacta de carácter enciclopédico e multiplica o seu curso nunha escrita extensa e de temática ricaz. O idioma, a fala, o oficio de poeta e a tradición literaria marcan a vida de quen se entregou na defensa da súa xente e da súa cultura. A poesía é o sinal dese compromiso, a biografía é o testemuño que corrobora o anceio constante de liberdade.
A cita, de balde, está dirixida a todos os públicos. A partir das 20.00 horas.