Inicio Áreas Lingua G en ti 2016 Axenda Fotocol e rock con Manuel María...

Fotocol e rock con Manuel María no Pazo da Cultura

Mércores 11 de maio do 2016 Pazo da Cultura - 11.00 h.

Fotocol e rock con Manuel María no Pazo da Cultura

A partir das 11 da mañá estará instalado no Pazo da Cultura de Carballo o fotocol de Manuel María somos nós, unha iniciativa da Deputación da Coruña, e ao longo do día haberá dous concertos de A Voz do Vento a partir de poemas do autor das Letras: ás 12.00 h para escolares de secundaria e ás 18.00 h adaptado para o público infantil.

O fotocol é unha proposta que a Deputación da Coruña está desenvolvendo por distintos puntos da provincia e na que quen queira pode fotografarse con versos do autor como “o idioma é a chave coa que abrimos o mundo”, “no fondo dos teus ollos dorme un vento con recendo a cervos e a carqueixas”, “renunciar ao idioma é ser mudo e morrer; precisamos a lingua, se queremos vencer!”, etc.

E eses mesmos versos, entre outros, serán os que soen a ritmo de rock no concerto A Voz do Vento, con Fran Amil e a tribo incompresíbel, que a partir das 12.00 h actuarán para escolares de 3.º e 4.º da ESO dos IES Alfredo Brañas e Parga Pondal.

Xa pola tarde, a mesma banda de A Voz do Vento adaptará algún dos poemas de Manuel María para os e as máis pequenos/as, ademais de interpretaren outros temas de grupos infantís dos que forman parte os seus músicos, como Chuches Amil ou A Gramola Gominola. Será a partir das 18.00 h da tarde, tamén no Pazo da Cultura e con entrada de balde.

En definitiva, un completo día para descubrir e visibilizar o “G en ti”.

Compartir: