Inicio Carballo ao día Axenda Exposición de fotografías de Ruth...

Exposición de fotografías de Ruth Matilda Anderson

Do xoves 28 de novembro ata o martes 31 de decembro do 2019 17.00 - 21.00 horas - 3º andar Pazo da Cultura Cultura

Do 28 de novembro ao 31 de decembro o Pazo da Cultura de Carballo acollerá a exposición “Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Carballo, Abanca e Afundación, enmarcado no proxecto “Corrente cultural”. 

Trátase dunha impresionante selección de imaxes que forman parte do conxunto de instantáneas que a pioneira das fotógrafas da Hispanic Society of America realizou en Galicia entre os anos 1924 e 1926, acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson. A prestixiosa institución posúe no seu arquivo neoiorquino a maior colección de arte hispana fóra de España, con máis de 18.000 pezas, e foi galardoada co Premio Princesa de Asturias no ano 2017.

Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia dúas extensas campañas fotográficas, de 1924 a 1926, que definiron a metodoloxía fotográfica da Hispanic Society. O traballo da moza Anderson converteuse na procura e recompilación de evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material de Galicia foran obxecto de principal atención para a fotografía. O resultado do seu traballo acabou sendo un verdadeiro estudo antropolóxico. 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de decembro e poderán visitarse no 3º andar do Pazo da Cultura de Carballo, de 17.00 a 21.00 horas. 

Gozádea!!

Público: Todos os públicos
Entrada: Libre e de balde ata completar aforo
Organizan: Concello de Carballo, Abanca e Afundación

Compartir:


- 2019 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D