Inicio Carballo ao día Hemeroteca O debate sobre o solo industrial pecha o foro...

OBSERVATORIO LOCAL

O debate sobre o solo industrial pecha o foro socioeconómico en Carballo

Mércores 13 de xullo do 2005

As principais liñas estratéxicas de actuación que se van tratar na reunión son incrementar a oferta de solo industrial, mellorar as dotacións en infraestruturas dos parques empresariais -incluíndo unha mellora nas conexións viarias entre os principais puntos da comarca e deles co exterior- e promover o asentamento de empresas no solo industrial que xa existe. Este último punto incluiría unha serie de medidas para fomentar a cultura empresarial e para facilitar a reciclaxe tanto de traballadores coma de empresarios.

A orde do día da reunión comeza coa exposición do documento Desenvolvemento de solo industrial na Costa da Morte: liñas estratéxicas de actuación, que será unha ferramenta de debate para o grupo de traballo. Continúa cun relatorio a cargo do concelleiro delegado de Urbanismo, Obras e Desenvolvemento rural de Carballo, Manuel Andrade Cristóbal; e rematará co debate e a tirada das conclusións para priorizar as liñas estratéxicas que foron definidas.

A mesa de traballo sobre o solo industrial pecha a segunda rolda de sesións sobre o desenvolvemento socieconómico da zona da Costa da Morte, no que interviron expertos e profesionais de cada un dos tres sectores tratados, dende o luns 11 de xullo. O obxectivo destas reunións - promovidas pola Cámara de Comercio da Coruña, a través da súa Antena Local - é o de definir e priorizar as liñas estratéxicas de actuación para o desenvolvemento destas áreas.

Compartir: