Inicio Carballo ao día Hemeroteca A revisión do Plan Xeral de...

URBANISMO

A revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal avanza na delimitación dos núcleos rurais do municipio

Mércores 6 de agosto do 2008

Ata o de agora os trámites centráronse nas parroquias de Aldemunde, Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Cances e Entrecruces. Despois dun período de descanso no mes de agosto, está previsto que a revisión na totalidade das parroquias do rural remate no mes de setembro. Avanza deste xeito a primeira fase da verificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que a Concellaría de Urbanismo que preside José Antonio Viña espera rematar canto antes para someter o novo documento á súa aprobación inicial antes da fin deste ano.

Así, os resultados do traballo desenvolvido pola Comisión serán remitidos ao equipo redactor para que avalíe a inclusión destas modificacións no texto que se enviará á Xunta. Unha vez que os grupos políticos rematen coa revisión da zona rural, tamén haberá que examinar as ordenacións previstas para o casco urbano e a zona costeira. Está previsto que estes últimos trámites transcorran con bastante celeridade.

Hai que lembrar que nestes momentos existe unha sentenza anulatoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) -pendente de ratificación por parte do Tribunal Supremo- contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo aprobado en 2003, polo que a Concellaría de Urbanismo e o Goberno local están traballando contra reloxo e con dilixencia para poder sacar adiante unha revisión do PXOM que permita deixar atrás esta resolución xudicial e que facilite o desenvolvemento urbanístico sostible do municipio carballés.

Compartir: