Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Praza dos Libros aglutina en catro días...

VERÁN CULTURAL

A Praza dos Libros aglutina en catro días un completo programa para a promoción da lectura e da cultura de rúa

Sábado 16 de agosto do 2008

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, e o propietario da Librería Brañas de Carballo, Ramón Tasende, presentaron o programa da cita, na que colaboran un total de seis librarías de Carballo, A Laracha, Vimianzo ou A Coruña: ‘Brañas’, ‘Como unha novela’, ‘Couceiro’, ‘Orizales’, ‘Roget’ e ‘Trasgo’. As presentacións de libros de autores da comarca tamén terán unha presencia destacada, con escritores como Rafael Lema Mouzo, Fernando Cabeza Quiles, ou Alberto Lema. Tamén virá Camilo Nogueira a falar das súas obras ‘Galiza na Unión’ ou ‘Europa, o continente pensado’.

Pero ademais do puramente literario, as actividades paralelas serán moitas e variadas, con agasallos para os visitantes, contacontos, a presencia dun stand do 'Reizentolo', unha exposición para conmemorar o centenario do pasamento de Curros Enríquez, o autobús itinerante de promoción da lectura ‘Máis libros, máis libres’, ou unha Ciclobiblioteca. Mención especial merecen os concertos, coa presencia de Nordestin@s o venres 22, ou de Brath o domingo 24, que despois de suspender o concerto que tiñan programado por culpa da choiva, regresarán a Carballo para ofrecer o seu repertorio.

En representación dos libreiros, Ramón Tasende quixo resaltar a calidade da programación e do propio cartel promocional da Praza dos Libros. Á súa vez, Belén Lendoiro subliñou a importancia de que as actividades coincidan coa feira de Carballo tanto o xoves coma o domingo, coa intención de "vender os libros como un produto máis". Por último, o Alcalde, Evencio Ferrero, destacou a Praza dos Libros como unha "oportunidade magnífica para reencontrarse cos libros e con escritores que teñen aportado moito a este país" e como unha cita de importancia para os amantes dos libros e da lectura.

Compartir: