Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello aposta polo comercio local coa posta...

TURISMO E PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello aposta polo comercio local coa posta en marcha dun programa para promover os feiróns

Luns 18 de agosto do 2008

"Os feiróns son unha singularidade do noso comercio -subliña García Guillín-, e convértense nun atractivo punto de encontro que fan de Carballo a gran capital comarcal pola que traballamos día a día". Nesta clave, o próximo día 31 de agosto celebrarase o Feirón de Verán, no que ademais de atoparse os mellores produtos de tempada, poderá contarse coa celebración do certame Berocasión, unha feira de vehículos de ocasión na que colabora o Concello e que promoven os industriais do ramo.

Ademais dos automóbiles, os que acudan á feira poderán participar no denominado 'Merca-do bo', unha atractiva experiencia na que se potenciará os hábitos de vida saudables. A iniciativa contará coa presenza de expertos que estarán ao dispor do público. Nesta actividade amosarase a relación do mercado tradicional e a dieta atlántica para acadar unha alimentación sa e equilibrada.

Os visitantes ao Feirón de Carballo poderán consultar cun experto dietista que estará ao seu servizo de forma gratuíta. Tamén poderán coñecer a súa condición física e recibir consellos para seguir unha alimentación equilibrada cos produtos que se poden atopar á venta no Feirón. Haberá, así mesmo, un posto de información onde se fará promoción do novo rural e as oportunidades que brinda para acadar calidade de vida dun xeito sustentable.

Compartir: