Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo colabora coa protección das...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Carballo colabora coa protección das mascotas a través do desenvolvemento dunha campaña de sensibilización

Martes 19 de agosto do 2008

Segundo o texto do convenio, a ‘Asociación amigos de los perros de Carballo’ comprométese a colaborar de xeito voluntario nas tarefas de promoción, divulgación e información que se levarán a cabo, mentres que o Concello de Carballo financiará a totalidade dos custos derivados da campaña de sensibilización. Así mesmo, a iniciativa recolle o desenvolvemento de acordos con outras entidades da zona ou a colocación de puntos de información sobre a protección e coidado de mascotas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local impulsou, dentro do programa ‘Carballo Saudable’, o desenvolvemento dun programa de ‘Saúde para Mulleres’ e de ‘Pasiño a pasiño’, ámbalas dúas iniciativas destinadas a impulsar estilos de vidas saudables, con actividades específicas para mulleres e a creación de rutas de sendeirismo. Por último, en materia de convenios, os concelleiros deron o visto bo a un acordo para a realización dun proxecto no marco da iniciativa Concerto da Unión Europea que promove o uso das enerxías renovables.

Entre outros asuntos da orde do día, tamén hai que destacar a ratificación da inclusión da Escola Infantil As Landras’ na rede de Galescolas do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar por un prazo de dez anos; a aprobación do programa de actividades da Praza dos Libros; ou a solicitude dunha subvención para o programa de apertura dos centros educativos fóra do horario lectivo, que ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades extra escolares.

Compartir: