Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os máis pequenos de Carballo...

DEPORTES

Os máis pequenos de Carballo poderán vivir durante catro días a experiencia dos Xogos Olímpicos

Xoves 21 de agosto do 2008

A actividade foi inaugurada polos representantes dos distintos organismos que colaboran no desenvolvemento da iniciativa. Así, acudiron a Delegada Provincial da Consellería de Cultura, Milagros Lantes; o Concelleiro de Deporte de Carballo, Marcos Trigo; o director comercial de Caixanova, Manuel García Miñaca; Martín Varela Dourado, tenista en cadeira de rodas, campión da Copa de España 2007; e en representación do Grupo Gadisa, o subdirector do Haley, Alfonso Pardos.

Marcos Trigo resaltou a importancia non só das Olimpiadas, senón tamén das Paralimpiadas, e animou a todos os nenos e nenas a que practiquen deporte e participen nas actividades da carpa. Pola súa banda, Milagros Lantes subliñou que os deportes de base constitúen os alicerces que permiten forxar os deportistas de elite, por iso resaltou a intención da Consellería de Cultura de favorecer o deporte de base, "o futuro do deporte", dende os concellos, agradecendo a colaboración do Concello de Carballo na iniciativa.

Pero ademais de polas autoridades, a carpa foi inaugurada polos nenos e nenas que forman parte da asociacion deportiva Xiria, que estiveron practicando toda a mañá e que escoitaron atentamente as verbas de Martín Varela Dourado. Este tenista en cadeira de rodas quixo mencionar o labor dos deportistas paralímpicos, que acadaron 72 medallas nos pasados xogos e que fan que España estea entre as cinco mellores potencias do mundo. Rematou reivindicando que os paralímpicos "somos deportistas como os demais".

Compartir: